A Etapa Contemporánea (S. XX)
Poetas entre a tradición e a modernidade. Luís Amado Carballo e a súa escola poética
A Obra

A un escritor —e particularmente a un poeta— cómpre xulgalo polos seus acertos e, se queremos entendelo —sentilo— cómpre ter en conta o tempo e as circunstancias en que se produciu a súa obra. A obra de Amado Carballo ten grandes acertos e o seu ronsel chega ata os nosos días. Foi un poeta do seu tempo e da súa terra malia o tributo, inevitábel, que pagou ás estéticas do tempo en que lle tocou vivir. O seu breve paso pola vida quizais impediu que a súa poesía acadara máis altos cumes. Xa o profesor Carballo Calero se plantexou esta cuestión no ano 1955: "¿Que obra tería feito Amado Carballo se hoxe estivera aínda entre nós?" O mesmo crítico era consciente —e así o afirma— da inutilidade da súa pregunta.

Capa de  Proel , obra de Luís Amado Carballo, deseñada por Méndez

A poesía galega está fortemente consubstanciada coa paisaxe. O eu lírico transcende sempre o mundo que rodea o poeta para formar —mundo e poeta ou poeta e mundo— unha unidade indivisíbel. Isto acontece na lírica dos cancioneiros medievais, en Rosalía de Castro —a nosa voz máis fonda e carismática—, en Pondal , en Cabanillas , en Noriega ... Neste sentido Amado Carballo non fixo outra cousa que recoller esa voz que vén de lonxe —que nos vén de lonxe—, actualizala e modulala coa sensibilidade, as palabras e a estética do seu tempo. Dixo a canción de sempre con palabras novas, sen a penas rupturismos, nunha métrica ortodoxa, expresión de poesía popular.

Amado Carballo, como todos os escritores galegos, recibiu unha formación totalmente castelá, en que a realidade e a cultura galega se ignoraban. Foi o poeta quen descubriu a cultura e o idioma do seu pobo e se identificou con eles. Por iso os seus primeiros traballos poéticos e as colaboracións xornalísticas as escribiu en castelán. A situación era difícil: ou ceder á cultura e a lingua impostas dende fóra ou enmudecer. O señoritismo das cidades e vilas galegas intentou, dende vello, borrar os sinais de identidade da terra en que vivían. As mentes lúcidas e a sensibilidade dos poetas, dende o século XIX, contra vento e marea, redescubriron a cultura e a lingua do país e intentaron a súa normalización.

Xosé María Álvarez Blázquez sinalou que Amado Carballo, no colofón de Proel , precisou o ano en que foi escrito: 1924. E engade: "Semella que o autor quixo deixar patente non só o dato temporal en relación cos movimentos poéticos da vangarda, sinón a noticia do entorno que serviu de marco á xestación da súa obra. Un a modo de tributo inexpreso aos compañeiros que sin dúbida estimularon o seu labor. Entre estes compañeiros contábase, en primeiro lugar, Ramón Fernández Mato, director de El Pueblo Gallego, novelista e dramaturgo, mestre de periodistas". Sábese da súa relación, entre outros, con Ramón Cabanillas, Vicente Risco , Correa-Calderón e Filgueira Valverde , que deixou escrito: "A Pontevedra dos anos vinte era un fervedoiro de esperanzas e de traballos onde, coa circia guía de Losada Diéguez e de Castelao , un fato de mozos se esforzaba en servir a Galicia". Entre ese "fato de mozos" estaba o poeta Luís Amado Carballo, amigo de ambos os mestres. Neste sentido é interesante o escrito por Vidal Martínez: "Impresionárao moito a lectura de " Vento mareiro ", non só pola súa beleza e forza expresiva, senón tamén pola súa modernidade e "posta en marcha" do idioma vernáculo. Logo coñeceu persoalmente a Cabanillas, en Mondariz".

Proel consta de trinta e cinco poemas, divididos en catro apartados cun Limiar en verso, que é unha especie de prólogo ou de manifesto poético, no que Amado Carballo fixo unha declaración de intencións, á tradición por unha banda:

Verde canzón aldeán...

e, pola outra, expresou a vontade de renovación, controlada pola intelixencia:

Nun refrorecer de verbas
a breixa da emoción nova
que o inteleito peneira.

Seguidamente manifesta un fondo compromiso con Galiza, coa súa redención, que a mesma terra, humanizada, esixe:

Na farpa donda da choiva
a mansa néboa mareira
pide esmola ás nosas almas
para redimir a terra.

Nas outros dúas estrofas deste poema, nunha delas, refírese ao Camiño de Santiago "vieiro da Galassia", mostrando unha vocación europeísta de recuperación da tradición medieval:

... que preñou o fol da gaita
co vento mol da Proensa.

O poema péchase cuns versos que fan referencia á Natureza "deixando mel no esprito" para o que desexa unha "expresión certeira".

Os outros apartados do libro están numerados con caracteres arábigos. O primeiro componse de cinco poemas: un deles referido á bandeira e ó escudo de Galiza. Para Amado Carballo, como para Cabanillas, no escudo o cáliz representa o Grial. Este apartado contén os poemas máis íntimos, ateigados de suxestións: os seus versos de amor, adicados a Marucha, que sería a súa compañeira. A amada semella un anaco de natureza: lúa, fonte, abren te, nardos, salgueiros. O desexo amoroso está inequivocamente expresado:

Aos teus beizos frorecidos,
pombal de verbas amantes
fan romaxe os meus amores
silandeiros e arelantes.

Reparemos na expresión "...os meus amores/silandeiros e arelantes", ben lírica e significativa. E non só iso:

A túa voz ateigada
de dourados agarimos
pendura nas miñas mágoas
un resprandor cristaíño.

Dito noutras palabras: a voz da amada abóndalle ao poeta para clarificar —darlle luminosidade— as súas propias dores. En "Na outa noite", o agarimo da cabeleira da amada —á que identifica como unha alga, ser vivo da natureza— convértese ou trasmútase nun orballo —a auga é purificadora— que vivifica o anoitecido corazón do poeta. En "Os versos do meu silenzo" a lembranza da amada non pode ser máis total, pois mesmo fai rir a dor:

Xesús Bal e Gay nunha fotografía tirada no 1933.

Estou a pensar en ti
e nas miñas mans saudosas
ate o mesmo dolor ri.

Do mesmo xeito que a amada ten unha fonda proxeción no ser do poeta, este desexa ser unha luz que alume a vida dela:

Tan outo cal un luceiro
porei o meu corazón
pra que alume o teu vieiro.

Un dos poemas máis fondos e fermosos de toda a obra de Amado Carballo é o titulado "Saudade", ese sentimento tan peculiar de galegos e portugueses —malia o tópico—, tan presente na poesía de ambos os países e que tanta tinta fixo correr. Sen dúbida estes son uns versos de amor: o poeta pídelle axuda á súa amada para defenderse de algo que o magoa e que el descoñece. Trátase duns versos de fondo sentido existencial que lembran a mellor Rosalía. O poema comeza e péchase con estes catro versos:

Meniña, pecha a fiestra,
non deixes á noite entrar;
para tebras ben abondan
estas que comigo van.

Esa meniña, ¿pode ser outra distinta de Marucha? As tres estrofas que seguen son do máis fondo e conmovedor da poesía galega. Unicamente un grandísimo poeta pode escribir estes versos:

Que arelas tan fondas sinto
de deixa-la alma vagar,
de perde-lo corazón
como unha dorna no mar.
Este fondo mal que eu teño
ninguén mo pode sandar;
a miña alma no ensono
por vieiro iñorado vai.
É o herdo da nosa raza
esta mágoa de ideal;
sentir remotos degoiros,
chorar sin saber o mal.

O segundo apartado do libro inclúe catorce poemas. A súa temática está referida ao mundo exterior, expresado en imaxes: o solpor, o abrente, a noite mariñeira. Temas tradicionais: o faro, a romaxe, o gaiteiro, o cego, o cruceiro... Segue a humanización da paisaxe e latexa, nalgúns versos, unha relixiosidade popular que atopamos espallada por toda a obra de Amado Carballo. Non só peregrina a xente, tamén o fai o camiño:

Romeiro pra Compostela
pasa o vieiro pelengrino,
montado ó lombo da ponte
sin se mollar no camiño.

A luz do faro:

Que como Cristo vas encol das ágoas
estendendo os teus brazos,
mirando pola vida dos que dormen
na cruz da escuridá dependurado.

E no cruceiro:

E o sol agoniante
vén a encravarse na cruz,
abrindo os marelos brazos
como o salvador Xesús.

No poema "Foguete" atopamos unha personificación sorprendente:

Beira do río, os tellados
empúrranse a coller canas
e con medo de rapaces
engorripan as espaldas.

Gravado de Méndez que ilustra o conto  Maliaxe  de Amado Carballo, publicado por  Alborada.

No terceiro apartado, constituído por quince composicións, aparecen temas urbanos referidos a Pontevedra. "A mañán de Corpus", onde hai unha referencia á vella danza das espadas de longa tradición entre xente do mar, e no "Nocturno de Burgo Baixo". No breve poema "Taberna" atopamos un cosmopolitismo pouco adoitado en Amado Carballo:

Mariñeiros de Amberes,
de Cork e Rotterdam...
O acordeón borracho
fala inglés, alemán...

O seu segundo libro, O Galo contén dezasete poemas. Ábrese cunha composición —un canto de albada ou alba— que lle dá título ao libro, das máis coñecidas de Amado Carballo:

Ábrelle as portas ó día
coa chave do teu cantar,
que xa na fonte da Lúa
está lavada a mañán.

Este libro, como xa apuntou Xosé María Álvarez Blázquez, malia a súa gran calidade, non aportou novidades respecto a Proel. O mesmo Xosé María Álvarez Blázquez sinala "a presencia de topónimos da Terra como elementos de suxestivas connotacións líricas". Estes topónimos, urbanos e rurais, son: Mourente, Marcón, Avión, Illa de Ons —"preñada do mar"—, Paraño, Tras-Deza, Carballiño, Canedo, Soutelo, Sanguñedo, Vilariño, Millerada, Terra de Montes, Vilapouca e Pontevedra. A maior parte destes nomes pertencen á Galiza labrega.

O resto da obra poética, espallada en distintas publicacións, recollida na edición de Alonso Girgado, redúcese á tradución de tres breves poemas do francés Paul Fort, a do "Canto do irmán Sol" de San Francisco de Asís, unha pequena composición de Rilke "A unha amiga" e "¿Verdade?" de Alfonsina Storni. Os poemas orixinais son uns vinteoito, algúns moi curtos.

En conxunto a poética de Amado Carballo presenta unha unidade temática e formal. Na forma, como teñen sinalado unanimemente os críticos, caracterízase polo emprego da métrica e máis concretamente da popular. Os seus poemas son unha serie de metáforas, imaxes, prosopopeias e parestesias postas unhas detrás das outras, ligadas por un discurso lóxico moi feble —se é que o hai— ou non ligadas en absoluto. O seu imaxinismo é moi orixinal e persoal, de grande beleza, imaxinativo e dunha extraordinaria forza expresiva. Na poesía de Amado Carballo, leda, colorista, ateigada de plasticidade, o poeta a penas expresa o seu sentimento e, se o fai, recorre aos elementos da natureza que sempre se expresan como humanos. Así "a lagoa da miña alma", "o serán da túa faciana", "a fonte da túa boca" ou "o salgueiro da túa voz", só por sinalar uns poucos exemplos.

Con relación á prosa ahonde con sinalar que o conto Maliaxe (1922) está baseado na vella tradición das meigas e dos seus feitizos. Trátase dunha obra moi de mocidade, un pouco inxenua, escrita nunha lingua un tanto rebuscada.

Os probes de Deus é unha noveliña breve que conta a historia tráxica duns asilados: o labrego, o mariñeiro, a fidalga e as freiras son os protagonistas do relato que, malia o seu romanticismo tinxido de modernismo, acocha un fondo realismo e un testimuñalis mo social impresionante no Asilo de Pontevedra. Por Filgueira Valverde temos noticia de que Amado Carballo escribiu esta obriña "sabendo adentrarse piadoso, na alma dos coitados vellos de aquel Asilo que visitou de neno ca súa nai". A estas prosas téñenselle sinalado uns certos influxos de Valle-Inclán.

Linóleum de Méndez na ornamentación da primeira edición de  Maliaxe

A morfoloxía do galego de Amado Carballo é a pontevedresa. Utilizou un bo idioma con hiperenxebrismos e as vacilacións propias da súa época.

Xosé María Álvarez Blázquez sinalou resumidas as características da poesía de Amado Carballo. Aínda que a cita sexa algo longa vale a pena:

  1. Descripcións de obxetos naturais en movimento. O placer da descripción de obxetos coincide con algúns autores da xeneración castelá do 27 —sobre todo Guillén, con quen tamén coincide na visión optimista da vida—, pero diferénciase de eles pola interpretación dinámica. Obxetos en movirnento: actitude propia dos ultraístas e creacionistas. Escasas referencias ao cosmos urbán, pero a mesma actitude "Século XX" revertida na Natureza.
  2. Cada poema é unha representación de imaxes desligadas unhas das outras, aínda que nos primeiros versos se intuia unha visión unitaria. Cada obxeto descrito cobra autonomía e perde referencia ao conxunto. De todos xeitos percébese en O Galo unha meirande preocupación pola construción do poema como unidade. Cicais estes derradeiros poemas de Amado anunciasen un pequeno xiro.
  3. As poucas veces en que aparez o eu do poeta faino en religación ledizosa e positiva coa Natureza, da que o autor síntese parte. Antropomorfismo e obxetualización do mundo natural.
  4. Outra característica creacionista: imaxes naturais interferidas — campo e mar, ceo e terra, estrelas e música—: "As alboradas tempran o seu fío".
  5. Imaxes plásticas. Cromatismo de acuarela. Domina o marelo. En Amado Carballo o marelo, ou ben é referencia obxetiva a cores na natureza (sol, trigo, etc.) ou significa simbolicamente preguiza, tristura. Ás veces o optimismo dos poemas semella un xeito de fuxida de un eu desacougado.
  6. Por eso observamos que a actitude choca de cando en cando con tópicos tenebristas, si ben non semellan vivenciados polo autor. Cecais señan ecos de lecturas; ou refrexos serodios da súa obra en prosa.
  7. Referencias folklóricas (cantarelas de nenos). Relixiosidade inxel (motivos de Nadal e Reis).
  8. Cando intenta algunha expresión emocional —función emotiva da lingoaxe— pode máis a forza da imaxe autónoma, que asulaga o eu do poeta.
  9. Presencia da toponímia como elemento lírico con énfase evocador.
  10. Rebusca un tanto forzada da linguaxe. Estranxeirismos —skating, spleen, Derby, jokey, pur sang— ,que poden representar un afán de inxerir matices cosmopolitas como contraste do enxebrismo.
  11. No aspecto formal, a estrofa tímida, fleve, de cuño popular casi sempre, bate coas pretensións vangardistas. A esta contradición fai referencia Méndez Ferrín no Prólogo citado. Durezas rítmicas, aínda dentro dos esquemas estróficos sinxelos. Predominio case total da asonancia. Ausencia do verso libre, anotada por Carballo Calero.
  12. En liñas xerais, advírtese en O Galo un proceso de maduración.

No seu tempo a obra de Luís Amado Carballo foi valoradísima, dende Vicente Risco aos críticos máis mozos daqueles anos. Carballo Calero no ano 1931 escribía en Nós :

"O pontevedrés Lois Amado Carballo, morto na fror da vida, deixou un fondo ronsel de ademiración en revistas e diarios. Deseguida que se morreu foi proclamado pola nosa crítica o mellor dos nosos poetas mozos. Indudabremente o feito de morrerse afervoou as loubanzas hastra estremos escesivos. Pero o certo é que xa en vida atinguira unha sona estraordinaria".

Outros críticos como Augusto María Casas, que na revista Nós no ano 1935, afirmaba:

"Iste é o gran poeta Amado Carballo, que, cando ollemos de lonxe a súa obra, comprenderemos o seu outo valor. Nin Rosalía nin Pondal, nin Curros influíron no seu tempo como Amado Carballo no noso".

Considérao superior a Manuel Antonio:

"Fixo unha poesía cunha fonda seriedade, sen deshumanizaba, porque a poesía foi para el a gala máis bela da súa alma galega. E n'isto é superior a Manuel Antonio".

E aínda engade:

"O seu libro Proel é tan importante na historia lírica de Galiza como pode ser as Follas novas. O seu libro póstumo O Galo é a súa consagrazón, aínda que nós estimamos que iste libro non saíu depurado axeitadamente".

Un crítico tan reaccionario como A. Couceiro Freijomil recoñeceu en El idioma gallego (1935)que

"Cando en 1927 publicou Proel (Pontevedra), xa a nosa xuventude literaria tiña saudado nel o poeta novo por excelencia".

Chama a atención o pouco espacio que a revista Nós lle adicou ao pasamento do poeta. A súa reseña vén no número 45, correspondente ao 27 de setembro de 1927. A nota di:

"Luís Amado Carballo: Bon galego, poeta escelso, amante como poucos da súa Terra e da súa Arte, Luís Amado Carballo era unha luzada que se metía fondamente no porvir. A morte levouno, como levou a Porteiro Garea e a Leonardo Rodríguez, cando o froito do seu talento entraba na maturidade. É un ruín sino que nos persigue. E o pior é que as perdas da manitude da de Amado Carballo non teñen doada sustituzón. Que o seu limpo esprito nos alente e nos guíe".

Linóleum de Méndez que ilustrou  O iris dinámico , texto de Amado Carballo aparecido no volume extraordinario de  Alborada , do 25 de xullo de 1922.

O número 24 de A Nosa Terra , correspondente ao 19 de Outono de 1927, adicoulle páxina e cuarta e, en recadro, publicou unha tradución dun poemiña de Rilke feita por Amado Carballo. A revista salienta que

"Amado Carballo era algo esceicional na poesía galega, un ourentador que sin arredarse dos métodos axeitabres ao noso caráiter racial sabíalle imprimir ás súas producións un matiz moderno e renovador".

Prosegue:

"Tiña para nós ademais o chorado amigo unha condición que aumenta o noso pesar. Era galeguista dos bos, militante e entusiasta soldado do exército dos bos e xenerosos. Pensaba como nós e coa mesma nosa ideoloxía arelaba a redención galega e traballaba por ela adicándolle o seu talento do que tantas brilantes mostras nos deixou en herdo".

IMAXES