A Etapa Contemporánea (S. XX)
A recuperación da narrativa en galego: Ánxel Fole
A obra

A obra en galego de Ánxel Fole é a seguinte:

Fole, plasmado nunha caricatura de Maside

No ano 1981 o "Círculo de las Artes de Lugo" publicou en castelán Cartafolio de Lugo , unha serie de artigos de temas lugueses. En castelán deixou inéditos dous libros de versos: "Canciones con ton y son" e "Santo Oficio".

A súa obra xornalística é moi importante tanto cuantitativa como cualitativamente. A maior parte dela está escrita en castelán e anda espallada por moitos xornais e revistas: El Pueblo Gallego , Faro de Vigo , La Noche e, maiormente en E l Progreso . Ademais das súas colaboracións en Yunque , Horizontes , Numen , Mensajes de Poesía , Alba , Vida Gallega , Galicia Emigrante , Grial , Vieiros , Lucus , Insula , Chan , Teima , Hoja de Lunes de Lugo , A Nosa Terra , etc., etc...

Ánxel Fole, antes da guerra, comezou a colaborar esporadicamente en galego na prensa. Na posguerra era moi difícil facelo, por non dicer imposíbel, a non ser xa cando o franquismo ía en declive. Ánxel Fole, que foi un escritor profesional, viuse obrigado a escreber en castelán na prensa da época. A súa temática xornalística trata normalmente temas relacionados coa cultura galega. Ten fermosísimos artigos sobre a paisaxe. Dende o ano 1948 que comezou a colaborar en La Noche , como sinalou Claudio Rodríguez Fer:

"Fole impúxose a si mesmo a tarefa patriótica e civil de divulgar e considerar a grande literatura que frolecera no primeiro tercio do século XX —a chamada idade de prata— obrigatoriamente esquencida pola mediocridade e a decadencia posterior. (Nótese que, por aqueles tempos, poucos se atrevían a falar, poñamos por caso de Antonio Machado, a quen tantos artigos había de dedicar Fole)".

O grande estudioso e profundo coñecedor da obra de Ánxel Fole é o profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer. Entre outros moitos traballos seus sobre o tema foleano destaca A Galicia misteriosa de Ánxel Fole, de Ediciós do Castro , publicado xa no ano 1981, e recentemente Ánxel Fole. Vida e obra , publicado por Xerais en 1997. Son tamén importantes aportacións O trasmundo de Ánxel Fole , de Tareixa Castro, Caixa de Aforros de Galicia, A Coruña, 1987, Ánxel Fole. Aproximación temática á súa obra narrativa en galego , de Armando Requeixo, editado por Ediciós do Cumio, Vigo 1996, e o estudo preliminar de Luís Alonso Girgado incluído na 13ª edición de Á lus do candil . Son fundamentais os libros de conversas co escritor da autoría de Xosé de Cora, Homes de Fole , da editorial Sept, Vigo, 1983, e o de Carlos Casares, Conversas con Ánxel Fole , da editorial Galaxia de Vigo do ano 1984.

A aparición dos dous grandes libros de contos da autoría de Anxel Fole na Editorial Galaxia, Á lus do candil , no ano 1953, e Terra Brava no 1955, supuxeron unha enorme conmoción no mundo cultural galego da época, que comezaba a refugar timidamente o inferno en que o metera o réxime franquista. Foron dous libros que, coa obra narrativa de Álvaro Cunqueiro e máis tarde coa de Eduardo Blanco Amor, lle deron un grande prestixio á prosa galega, facendo que aumentase o número de lectores. As obras destes tres autores posibilitaron o afianzamento da nova narrativa da posguerra. Posibelmente Fole, máis que ningún escritor galego da posguerra, foi o que mellor e máis fondamente chegou non só ás clases cultas, senón que tamén á burguesía e á xente do común. Os seus contos están na nosa tradición literaria e mesmo na literatura popular e a súa escrita, sen mingua da súa alta calidade literaria, é unha prosa clara, diáfana, transparente, que se deixa ler prendendo e engaiolando o lector. Ó lector pouco atento e superficial, a literatura foleana podíalle semellar algo folclórico, incluso aceptado polo oficialismo da época.

Xoán Ledo ornamentou en 1968 a segunda edición de  A lús do candil.

Ramón Piñeiro, responsábel de Galaxia dende a súa fundación, que marcou as pautas polas que tiña de ir a política editorial, no ano 1956, no limiar do primeiro libro de Daniel Cortezón, As covas do rei Cintolo , escrebía o seguinte, que, ademais de ser unha defensa da prosa de Fole e de Cunqueiro, era un ataque encuberto á nova narrativa que, por aqueles anos, estaba xurdindo, como por exemplo Memorias de Tains , de Gonzalo R. Mourullo. Velaí as súas palabras:

"... No intre aitual aparecen dous nomes plenamente consagrados que representan, pouco mais ou menos, a contemporaneidade protagonística cos grandes problemas do presente histórico: Ánxel Fole e Álvaro Cunqueiro. Referímonos, craro está, ó campo da prosa narrativa. Fole toma os seus elementos preferentemente da realidade; Cunqueiro, escrusivamente da pantasía. Os dous conocen ben a literatura da época i os dous están embebidos no mundo galego. Nin un nin outro sentíronse atraguidos por esa zona sub-individual do absurdo, da falta de sentido da existencia, do home deshumanizado. O infruxo da atmósfera espiritual do país foi niles mais decisivo que o infruxo literario da época. Pra miña maneira de ver, isto quer decir que a crisis íntima de libertade, o crebamento do equilibrio en que a existencia humá afinca, o desaparecemento do home individual imbado polo home socializado non ten eiquí, polo de agora, caraiter de realidade. Entre a realidade espritoal de Galicia i a realidade espritoal da época, non sirve en cambio, pra caracterizar a nosa terra; eiquí os homes son aínda realidás de tipo individual; entre nós índa alenta a libertade basada no equilibrio individuo-comunidade".

Estas palabras poñen de manifesto cál era a liña cultural e política seguida por Galaxia para as súas publicacións, practicamente a única editora con capacidade para dar a luz a literatura producida en Galiza, despois, claro está, de sortear a censura franquista. A obra narrativa de Fole, malia todo, supuxo, en certo xeito, a desaparición do home individual para facerse colectividade, xa que os seus contos dan a impresión de pertenceren ó acervo común. Malia a enorme bagaxe cultural de Fole, esta non se traduce explicitamente na súa literatura, aínda que estea latente nela. Os seus contos —como o mesmo Fole ten afirmado ata a saciedade— están concibidos para seren contados, para facérense patrimonio comunal, como as lendas tradicionais e os contos de tradición oral. Os contos de Fole, na súa maior parte, semellan recollidos dos beizos do pobo e trasladados ó papel por un narrador que se limita a transcreber o que escoita.

No espacio que Pilar Vázquez Cuesta lle adica á narrativa foleana, na súa coñecida "Literatura Gallega", abonda no carácter popular e tradicional destes relatos. Traducimos, para máis exactitude, as palabras da profesora Vázquez Cuesta:

"Os contos de Ánxel Fole semellan transcricións de relatos orais, historias escoitadas "a carón do lume" —como reza o subtítulo do seu primeiro libro— que o autor se limitou a poñer por escrito. O seu dominio da técnica do conto tradicioal —tan vivo aínda en Galiza —  pode cualificarse de perfecto. Tamén o é a do enxebre galego da montaña de Lugo en que falan os seus personaxes. E da "leria", a charla longa e demorada "con vontade de estilo" típica das tertulias aldeás, unha especie de oratoria popular que se acomoda a normas fixas, e na que a elipse desempeña un papel esencial.

En canto ó contido mistúranse neles a partes iguais humor e misterio. Hai sempre unha penetración do trasmundo espectral no cotián, que fixo definir a Fole como un Poe galego. Fantasmas e aparecidos, meigas, trasgos, estraños feitos para os que non se atopa unha explicación natural mistúranse con lobos e bandidos nuns contos que nalgúns casos se anuncian xa como "contos de medo".

Nas palabras transcritas está perfectamente definida a narrativa de Ánxel Fole. Todo o que se poida dicer é ahondar e profundar nisto mesmo. Vázquez Cuesta fala de Poe como un antecedente das narracións foleanas. Certo. E non só Poe: tamén Conan Doyle, os grandes escritores do dezanove francés, os rusos, Camilo Castelo-Branco, Miguel Torga... Os antecedentes máis directos que se lle poden sinalar na literatura galega son os de dous contistas maxistrais: Otero Pedrayo e Rafael Dieste. Aínda que a narrativa de Fole está mais perto da de Otero Pedrayo que da de Dieste.

Á lus do candil

Fole, no 1978 en Padrón, cantando o himno na entrega do Pedrón de Ouro.

consta de catorce contos máis unha introdución: "Terra do Caurel". Na introdución o narrador tonta, en primeira persoa, que traballa como administrador na casa de Abrantes —unha vella torre do século XIV— na terra do Caurel, ó servicio dos señores de Basilie. Seguidamente descrebe a terra do Caurel e cómo chegan os catro señoritos máis novos da familia coa intención de cazar, o que non poden facer debido a unha grande nevarada. Entón —señoritos e servidume— comezan a contar contos que o adeministrador lía apuntando cada día nun caderno. Trátase, como xa se ten sinalado, dun procedemento dunha longa tradición literaria que xa vén no Decamerón.

Non todos os contos deste libro de Fole se desenvolven no Caurel. A xeografía contística foleana amplíase a Rubián, parroquia do concello de Bóveda na antiga Somoza Maior de Lemos, Lugo, a vila de Quiroga, as terras de San Clodio de Ribas do Sil, o Páramo e aínda unha viliña a beira do Camiño de Santiago sobre o Val do Cabe.

A temática do libro foi estudiada por Armando Requeixo. Dos catorce relatos do volume, nove están clasificados como relatos fantásticos e pseudofantásticos, tres como humorísticos e outros tres como relatos policiais detectivescos ou de aventuras. Esta clasificación non é ríxida. Os temas interrelaciónanse entre si e en relatos clasificados como fantásticos ou humorísticos hai outros elementos argumentais. E nalgúns clasificados como fantásticos pódense rastrexar elementos bastante estraños, quizais vivencias do propio Fole das súas épocas de crise.

O humor foleano está moi sutilmente diluído en toda a súa narrativa, así como toda a súa sabedoría popular, con referencia ós seres míticos e máxicos, aspecto este estudado por Tareixa Castro. Tamén son de salientar as exactas e fermosas descricións das paisaxes en que se desenvolven os seus contos. Como xa ten observado Claudio Rodríguez Fer, na narrativa foleana a paisaxe nunca se nos presenta na súa nudez: é sempre unha paisaxe con figuras humanas.

As narracións están feitas cun procedemento que podermos chamar notarial: nada queda por inventariar. O xeito de narrar está tomado da narración oral, procedemento maxistralmente empregado por Otero Pedrayo. Ese xeito que teñen —ou que tiñan— de contar as nosas xentes do común semellase ó río Miño, o grande Pai Fluvial da Galiza que, por moitos remansos, voltas e reviravoltas que fagan as súas augas, sempre volven á súa canle principal.

A variedade temática de Á lus do candil dálle ó volume unha vivacidade especial e fai que a súa lectura endexamais resulte monótona. Despois dun conto como "¡Aleluia!" —baseado por certo nunha experiencia persoal vivida polo pintor Carlos Maside, que a contaba ós seus amigos— atopamos o delicioso e divertido conto "O documento", que equilibra, dun xeito perfecto, a tensión angustiosa creada por "¡Aleluia!".

No seu segundo volume de narrativa, Terra brava , atopamos unha estrutura moi semellante á de Á lus do candil . Comeza cunha introdución chamada "Solaina". O autor recibe unha invitación do seu tío e padriño, médico no Incio, para ir pasar con el unha temporadiña que o autor podía aproveitar para preparar, naquela terra brava, unhas oposicións. Despois de descreber a viaxe dende Lugo ás terras do Incio, ten lugar no domicilio do anfitrión "O grande parladoiro". Nel interveñen outros tres convidados polo médico rural: o Cilistro, tamén médico con clínica en Vigo, o Gumersindo, boticario en Monforte, e don Ramón, o fidalgo de Engroba que, co anfritrión, de nome Gasparo, despois de xantar falan longamente. A súa conversa xira arredor da situación social e cultural de Galiza, da que se fai unha forte denuncia. Quizais este "parladoiro" estivo suxerido pola luguesa tertulia do café Méndez Núñez. Os personaxes poden ser trasunto real de persoas moi concretas. Os seus plantexamentos coinciden plenamente cos que preocupaban ás xentes que se xuntaban diariamente no café Méndez Núñez.

Terra brava como Á lus do candil , consta de catorce contos. Os espacios xeográficos en que se desenvolven son os do Incio: Dompiñor, Pacios de Veiga en terras do Brollón, o pazo de Lucencia á beira do Cabe, o Val de Viduedo, Sober, Rubián de Cima. Sete dos contos tratan temas fantásticos, catro desenvolven sucesos humorísticos —un máis que en Á lus do candil — e os tres restantes son relatos detectivescos.

Terra brava era , entre os seus, o libro que prefería Ánxel Fole. Quizais neste volume aparecen máis intensamente experiencias parasicolóxicas e misteriosas. Claudio Rodríguez Fer sinalou que:

"As experiencias metapsíquicas ou parasicolóxicas que relata teñen unha dobre ascendencia real: unhas proceden da realidade vivida ou contadas directamente polos protagonistas; outras son adaptacións de experiencias lidas, fundamentalmente en libros de ciencias ocultas e de espiritismo, dos que Fole foi un gran lector (refírome a autores como Edison, Rosso de Luna, Pompeyo Gener, Richie, Lombroso, Madame Blavatsky, etc.). Mesmo hai casos nos que a procedencia poidera ser dobre, como ocorre coa anécdota do frade negro premonizador da morte que aparece en Terra brava e que, ao mesmo tempo, foi vivido persoalmente por un parente do autor e logo lido por este nun conto de Chejov. Por outra banda o grande pintor Carlos Maside era un incansable relatador deste tipo de historias.

As experiencias para-normais que relata o noso autor son case sempre premonitorias, é dicir, adiviñatorias do porvir e, máis concretamente, da morte. Moitas das veces son tamén oníricas, ou sexa, sucedidas durante o sono. Nunhas ocasións son puramente telepáticas, producíndose unha percepción ou unha transmisión entre dúas persoas á marxe dos cinco sentidos corporais".

No transcrito están explicadas as fontes cultas do que podemos chamar os relatos fantásticos de Ánxel Fole. Cómpre non esquecer que na cultura popular galega abundan os relatos de avisos de morte feitos por seres misteriosos ou pola mesma morte, premonicións, adiviñacións, soños, visións, alucinacións... O tema da morte está moi presente en toda a obra foleana. Pódese dicer que é un tema obsesivo: unha teima case.

Mural de Xosé Vizoso, instalado no Instituto de Bacharelato "Ánxel Fole" de Lugo.

Os contos fantásticos que tamén poden ser clasificados como de misterio de Terra brava son máis longos que os do resto da narrativa foleana. O desenvolvemento e o desenlace demóranse máis. Semellan pezas máis traballadas. Non deixan, no seu argumento, ningún fío solto e as situacións máis raras e inverosímiles están resoltas cunha lóxica aplastante. Teñen un mecanismo perfecto de reloxaría na súa construción só acadado polos grandes contistas da literatura universal e, entre nós, por Otero Pedrayo. Xunto a estes contos, preciosistas e complicados, aparecen outros mais sinxelos, de feitío popular, fortemente enraizados na tradición galega, como son as tres narracións recollidas baixo o título xenérico de "As trastadas do Toño". Hai testemuño escrito de que o Toño foi un personaxe con existencia real. En todo o volume dá a impresión de ser verdade todo o que nel se conta. Mesmo algúns anacos de diálogos en castelán cando falan persoas —maiormente mulleres— pertencentes a clases altas, reflecten axeitadamente o conflito lingüistico de Galiza, recurso que lle dá unha maior verosimilitude ó relato.

Os dous derradeiros libros de Ánxel Fole, Contos da néboa e Historias que ninguén cre , dos anos 1973 e 1981, baixan cualitativamente con referencia ós dous anteriores. Así está recoñecido unanimemente pola crítica. Referíndose a Contos da néboa , Luís Alonso Girgado ten escrito:

"Pola nosa conta estimamos que xa nesta terceira comparecencia do Fole narrador hai un certo retroceso por comparación cos dous libros anteriores... Agás a novidade da primacía dos espacios urbanos e da intensificación de referencias autobiográficas puntuais (en "A fotografía" por exemplo) certas claves do Fole narrador están reiteradas".

Contos da néboa son dezaoito narracións. Comeza cunha "Soleira" en que o escritor trata varias cuestións: o idioma, a narrativa curta, a técnica literaria, o escritor galego, a paisaxe, a solidariedade galega, o home galego e finalmente unha "arenga pola nosa música". É interesante e clarificadora a idea que Ánxel Fole tiña do idioma: "Sempre teimei de escribire un galego que fose galego falado. E conserva-la súa fonética, non alterala na escritura". Importantes son as súas palabras verbo do escritor e, concretamente, do escritor galego: "Algúns escritores galegos afirmaron que a literatura galega estaba ateigada de "xenios locales". De xenios descoñecidos mais alá de Toral de los Vados.

Isa preocupación po-la sona da propia obra é unha preocupación moi propia de escritores paletos, señoriteiros de vila e filisteos. O escritor cabal, responsábel, pensa máis no tempo que no espacio. Non lle vai nin lle vén o feito que os seus leutores señan ou non moitedume. Ó escritor "decoroso" preocúpalle moito máis a súa actitude moral, o respeto a sí mesmo, a súa consecuencia persoal. Decir cousas diñas pra todos e ser diño do que se di. Ser consecuente, responder dil mesmo.

A fazaña meirande dos nosos escritores galegos sería cambear o noso clima moral. O clima moral, que deixa tanto que desexar en algures e tamén na nosa Galiza".

A "Soleira" remata con estas palabras ben significativas aplicábeis tamén o idioma: "Cando Galicia deixe de cantar en galego, Galicia sería nada mais que a suma de catro provincias de España".

A xeografía destes relatos é a de Lugo, Monforte, Quiroga, Becerreá, a Pastoriza luguesa, Chantada... Hai nos relatos personaxes reais como Benedicto, o zapateiro de Reigosa na Pastoriza, ou nomes de establecementos como o do café "Centro" de Lugo ou o bar "Birrio" de Monforte de Lemos, entre outros que se poden sinalar.

O libro contén seis relatos fantásticos, catro humorísticos, catro policíacos ou de aventuras e cinco que Armando Requeixo cualifica de "suceso anecdótico".

Os contos lense con moito agrado e interese e, en xeral, o autor acada manter o "suspense" en todos os relatos.

Este libro, como o seguinte, foi revisado lingüisticamente polos editores. O idioma difire notabilisimamente dos dous anteriores. O feito está explicado por Armando Requeixo:

"O terceiro libro de relatos de Ánxel Fole publicaríase en 1973 na editorial Castrelos de Vigo baixo o título de "Contos da néboa". Orabén, tal título é responsabilidade do editor Xosé María Álvarez Blázquez, quen non se contentou con substituí-lo orixinal dado ó volume por Fole, "O galo" —título, ademais, do primeiro dos relatos que recollía o volume— senón que modificou tamén a grafía orixinal dos textos...".

Fose como fose Contos da néboa é, sen dúbida, o título mais axeitado. Lémbrese que na moderna literatura galega hai un libro de poemas famosísimo, titulado O galo , da autoría de Luís Amado Carballo.

Historias que ninguén cre segue a mesma tónica do libro anterior. Non leva introdución de ningunha clase. O volume comeza cun relato, sen máis. Son en total vinte narracións breves. Quizais que, nesta obra, cumpra salientar unha maior presencia da xeografía urbana; seguen os temas fantásticos doutros libros, os parasicolóxicos e os elementos autobiográficos.

Con referencia a este volume convén ter en conta o dito por Armando Requeixo:

"... hai que sinalar que, se ben esta obra de Fole non experimentou nin alteracións textuais nin modificacións paratextuais nas sucesivas edicións imprentadas, sen embargo si foi obxeto dunha moi evidente revisión lingüística antes da súa publicación, pois se se compara a lingua orixinaria empregada por Fole nas versións dos relatos aparecidos en prensa, compróbase facilmente a manifesta normativización dos textos foleanos, que chegaron á súa publicación en libro decolorados lingüisticamente".

Do primeiro libro en galego escrito por Ánxel Fole, titulado Auga lizgaira , que se perdeu na imprensa cando a sublevación militar de 1936, consérvanse dúas narracións, publicadas pola revista Nós no ano 1935: "Eu i-o meu corazón. Elexía ao xeito romántego" e "Idilio na Insua". A primeira delas é unha prosa lírica e, a segunda, un relato cunha feble trama argumental, desenvolvida nunha das insuas do río Miño, ó seu paso pola Tolda de Castela, nos arrabaldos de Lugo. Este último é un relato erótico, tema insólito —ou case— na obra de Ánxel Fole.

Aínda hai algúns relatos máis da autoría de Fole non recollidos en volume, esparexidos por distintas publicacións.

Pauto do demo é a única obra teatral foleana, publicada pola "Editorial Citania" de Buenos Aires no ano 1958. Claudio Rodríguez Fer fixo referencia a outros proxectos teatrais de Ánxel Fole que non chegaron a ramo. Esta resulta ser, polo tanto, a súa única incursión na literatura teatral. O mesmo autor advertiu na "Soleira" que escrebeu especialmente para a segunda edición de 1970:

"¿Como se poría a escribir unha obra de teatro quen tan pouco teatro viu? Pouco, inanque cecáis bon. Viu moito mais cine. E cecais esta obriña teña certa semellanza cun filme folklórico e humorístico".

A obra pódese clasificar como unha comedia. Está baseada na famosa Meiga de Torbeo. Torbeo é unha parroquia do concello de Ribas do Sil, na provincia de Lugo. O argumento non ten grandes complicacións: a Meiga de Torgán, como se denomina na obra, está a morrer e mediante o pago dunha certa cantidade de diñeiro, ante escribán e testemuñas, intenta traspasarlle o seu espírito, e con el os seus poderes e saberes, a unha rapaciña nova. O tolo Ramiliño, namorado da rapaza, impide que tal venda e traspaso se leven a cabo.

Trátase dunha obra graciosa, enxeñosa e divertida. Un dos personaxes, un indiano chamado Don Pancho, fala un castrapo moi pintoresco e di unhas cousas moi chocantes que os paisanos escoitan con sorna.

Pauto do demo  foi posta en escena polo Teatro Galileo.

Finalmente, Claudio Rodríguez Fer recolleu, ordenou e prologou nun volume a obra xornalística en galego de Ánxel Fole co título de Cartafolio Galego . Son artigos de xornal e de revista e algúns prólogos. Varios destes artigos foron escritos e publicados denantes da guerra civil. Tamén recolle o texto do discurso de ingreso do escritor como membro numerario da Real Academia Galega e o que pronunciou cando recibiu o Pedrón de Ouro. Todos os artigos —ou case todos— incluídos neste libro tratan temas galegos, dende escritores como Pondal e Rosalía a autores amigos: Castelao , Otero Pedrayo , Pimente l ou pintores como Xesús Corredoira ou Carlos Maside. O apartado máis numeroso é o adicado á paisaxe. Péchase cunhas estampas do Lugo vello.

Os artigos en galego de Ánxel Fole son un exemplo de xornalismo cultural. Todos eles resultan ser pequenas pezas mestras, deliciosas e fermosísimas, modelo de bo escreber. Os primeiros libros de narrativa de Ánxel Fole, Á lus do candil e Terra brava foron extraordinariamente ben recibidos no seu tempo e tiveron un importante eco na prensa daqueles anos. Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Celestino Fernández de la Vega , Domingo García Sabell —que puxo un longo e atinado prólogo a Terra brava — Álvaro Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego —prologuista de Á lus do candil —, Bernaldo Souto, Xosé Luís Franco Grande , Gonzalo R. Mourullo, Basilio Losada Castro e Xosé María Álvarez Blázquez , entre outros moitos, publicaron, en diversos medios de comunicación, reseñas moi favorábeis e entusiásticas. Por exemplo Fernández del Riego escribiu:

"Fole foi, sen dúbida, un dos mais notables narradores galegos do noso tempo..."

E o mesmo Francisco Fernández del Riego contrapuxo a obra de Fole e de Cunqueiro á doutros escritores coetáneos:

"No noso país vense producindo desde hai unhos anos unha gratuíta e parva reación contra o que se deu en chamar ruralismo. Quíxose facer unha literatura galega refinada, moderna e universal a base de falsedade, mimetismo e cursilería. E de repetir, entre outras cousas, que determinados temas tradicionais estaban chamados a desaparecer, porque constituían a afronta da nosa creación literaria. Pero en realidade o que está chamado a desaparecer é o aspavento dos refinados. Os contos de Fole, como varios libros de Cunqueiro, demostran cumpridamente o trabucado de tal actitude".

Non deixan de ser curiosos algúns xuízos de Ricardo Carballo Calero sobre a obra de Fole, emitidos xa no ano 1956:

"...Fole escrebe para aldeáns, según se comproba polo feito de que os aldeáns o leen, ou, cando menos, o comentan. Mais eu tamén suliñara o feito de que Fole escribía igualmente para intelectuais. O libro "Terra brava" interesa aos filólogos alemáns, representados por Piel e Zellmer..."

E engade:

"O didactismo de "Terra brava" non se pode ocultar a ninguén. Non está disimulado en modo algún. É, mesmo, probábel que para moitos leitores sexa demasiado ostensíbel..."

O mesmo Carballo Calero ponlle pexas á lingua usada por Ánxel Fole na súa escrita: os castelanismos, os enxebrismos, os superenxebrismos, os vulgarismos e a utilización do castelán nalgúns diálogos.

Ánxel Fole foi un extraordinario narrador. Á lus do candil e Terra brava son libros importantísimos —dous cumes— dentro da literatura galega. Convén facer fincapé en que o escritor lugués soubo, de xeito maxistral, combinar realidade, imaxinación e fantasía. Malia partir moitas veces do popular —non sempre—, a súa obra de creación, ateigada de elementos cultos, transcende o popular. A súa narrativa pode ter múltiples lecturas e moitas interpretacións. Superando a anécdota, coa que se pode quedar o lector superficial, hai, nas mellores narracións foleanas, un universo riquísimo, ateigado de suxerencias.

Cómpre non esquencer que Ánxel Fole lles deu, á tradición mítica e á cultura popular galegas, a maior expresión estética e literaria, sen caer endexamais no folclorismo. Partindo, en ocasións, do folclore, acadou unha creación orixinal e personalísima. Aínda que moitos dos seus contos semellan recollidos do acervo popular e logo reelaborados polo escritor, non sempre é así. O mesmo Fole ten manifestado: "... nos meus libros é case todo invención. Os meus contos mellores son os inventados. A min encantábame inventar". Hai que salientar o xeito maxistral con que tratou a paisaxe e a gastronomía, que non son opostas senón complementares. É a súa unha literatura ateigada de finísimas e sutís percepcións sensoriais, sen parella nas nosas letras, coa excepción, no que a prosa se refire, de Otero Pedrayo.

Retrato de Ánxel Fole, realizado nos anos oitenta.

En canto ó idioma, ademais de recoller moitas palabras e xiros do Caurel, Quiroga, O Incio, Lugo, a Terra Cha e outros lugares de Galiza, é un dos máis ricos galegos que se escreberon, aportando ó caudal léxico moitas novidades. Poucos escritores galegos tiveron unha sensibilidade para a fala como Ánxel Fole. Malia que algúns editores, en ocasións, lla manipulasen e uniformizasen.

Ánxel Fole cumpriu unha misión histórica importante dentro da recuperación da literatura galega na época franquista. Como escrebeu Luís Alonso Girgado: "En anos de precariedade e hostilidade, en tempos dunha censura que vixiaba os intelectuais e se compracía en poñer toda sorte de atrancos á creación en galego, a irrupción de Ánxel Fole no eido da narrativa supuxo —sinala Franco Grande— unha verdadeira novidade, "pois dende antes do ano 36 apenas se tiña aparecido entre nós libro algún de prosa galega e, dende logo, ningún de calidade".

IMAXES