A Etapa Contemporánea (S. XX)
O anuncio dos novos tempos: Ramón Cabanillas
A obra literaria de Ramón Cabanillas

Encadramento estético e xeracional

O primeiro problema co que nos encontramos ao estudiar a figura literaria de Ramón Cabanillas é a súa situación xeracional. A dificultade ven motivada por dous factores:

Ramón Cabanillas nun retrato de estudio.

  1. En primeiro lugar, pola avanzada idade de Cabanillas cando comeza a publicar. Lembremos que o seu primeiro libro, No desterro , aparece en 1913, cando o autor conta xa trinta e sete anos. A súa obra é máis serodia ca a dos escritores ibéricos e europeos coetáneos, partícipes dos distintos movementos postsimbolistas.
  2. En segundo lugar, porque a profunda crise creativa que sofre a literatura galega na década dos 90 fai que non se poida falar dunha liña de evolución clara que conduza do Rexurdimento ás Irmandades, cunha xeración finisecular na que achase cabida o noso autor.

Algúns estudiosos como Méndez Ferrín (1984), sitúan a Cabanillas nunha pretendida xeración "Antre dous Séculos", da que formarían parte Noriega Varela (1869-1950); Francisca Herrera Garrido (1870-1950); Xerardo Alvarez Limeses (1871-1940); Francisco Álvarez de Novoa (1876-1936) e Gonzalo López Abente (1878-1963). Sería daquela a xeración de escritores nacidos na década dos 70, á que Cabanillas, se nos cinxirmos meramente ao feito cronolóxico, efectivamente pertence. Sen embargo, hai outros factores de importancia á hora de acoutar unha xeración que Méndez Ferrín despreza neste caso e que separan a Cabanillas dos anteriores e poñen mesmo en causa a existencia de tal grupo xeracional. Un deles é a afinidade estética e ideolóxica entre os membros; outro, certa actividade xeracional coordenada; por último, unha ruptura estética cos escritores da xeración precedente.

Atendendo a este último factor, tanto Francisca Herrera como Noriega son en múltiples sentidos epígonos do Rexurdimento, alonxados no fundamental da estética de Cabanillas; outros, como Alvarez de Novoa, son escritores episódicos en galego, sen compartiren para nada a ideoloxía do noso poeta; en xeral, salvando o caso de López Abente, en quen si é apreciábel unha notoria afinidade con Cabanillas, e moi raramente Noriega e Francisca Herrera, non colaboran xuntos en ningunha empresa cultural ou política que poidamos considerar significativa.

Ricardo Carballo Calero (1981), atendendo máis aos factores antes citados, sitúa a Cabanillas á par dos escritores nacidos na década seguinte: Antón Villar Ponte , Vicente Risco , Victoriano Taibo , Castelao , Otero Pedrayo , Xoán Vicente Viqueira , etc. É o que en uñas xerais se coñenece como "Xeración das Irmandades" ou "de 1916", concepto que, digámolo de paso, o mestre nunca chega a empregar na súa obra magna.

Efectivamente, coma eles, publicistas tamén serodios, Ramón Cabanillas inicia o seu labor literario na segunda década do século e este alcanza especial fecundidade nos anos 20; como eles participa das primeiras empresas galeguizadoras —as Irmandades, o Seminario, o Partido Galeguista ...—, colabora nas súas publicacións —A Nosa Terra, Nós, Rexurdimento...— e, o que cremos primordial, comparte con eles unha maneira común de entender o n-mndo, a función da arte, as ideas estéticas, etc.

Máis concretamente, nese espacio plural que é a xeración de 1916, Cabanillas identificase ao sector máis homoxéneo e tradicionalista, o "grupo Nós", —Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas , Losada Diéguez —, ata mostrarse profundamente influido na súa fase de madurez polo proxecto estético e cultural definido pola "alma" do grupo, Vicente Risco. Ninguén coma el, con tanta solicitude e tanto acerto, foi capaz de dar forma poética ao culturalismo risquiano, á necesidade de elaborar mitos identificadores, de pescudar na historia para extraer símbolos actuantes.

Unha segunda cuestión que levanta o estudio da obra de Cabanillas é a súa consideración dentro dun determinado movemento estético. Os seus escritos presentan tal riqueza de matices e diversidade temática que non podemos encadralo sen longas explicacións nunha corrente determinada.

Por regra xeral, fundamentándose de novo en factores cronolóxicos, adóitase situalo entre os poetas modernistas, emparentándoo coa escola introducida na Península por Rubén Darío e que, por outra banda, non deixou pegadas de importancia nas propias letras españolas. Contra esta tendencia, Carballo Calero (1981), nega a existencia dun modernismo galego imitante ao español. Para Carballo, un movemento así era inimaxinábel na Galicia de comezos de século, primeiramente por carecermos dunha forte tradición literaria; en segundo lugar, polo estado case dialectal da lingua, que non permitía os excesos verbais da escola modernista, tan amiga do cultismo e o neoloxismo; por último, porque a literatura galega, desde a Renacencia, estivera vinculada a un compromiso ético co futuro do país, que entraba en conflito con calquera tipo de fuxida evasionista. Sen entrarmos a discutir os matices valorativos, Carballo expresa con acerto a opción persoal dos mozos que nas dúas primeiras décadas do século intentan facer carreira literaria no Madrid " rompeolas de las cuarenta y nueve provincias españolas ".

Tanto nos estudiosos que adscriben a Cabanillas ao Modernismo como nos que seguen a Carballo neste punto (X. R. Pena 1979) o problema aparece a cotío desenfocado, máis se temos en conta que nas páxinas que seguen dos traballos citados é doado achar referencias continuas aos trazos modernistas de uns autores e outros. Resituar a cuestión require previamente aceptar a especificidade da evolución da nosa literatura e fuxir entón de conceptos valorativos como "evolución normal", cando nos conducen a tomar como "normais" os patróns concretos doutras literaturas: do contrario pódese caer en tarefas vás, como a de descubrir un elo ausente que conduza de Cabanillas a Manuel Antonio, e que Carballo sitúa no Otero Pedrayo, poeta postsimbolista de Bocarribeira ¡do ano 1958!

Lonxe da imitación fiel, a apropiación das novidades estéticas nas literaturas periféricas e en culturas minorizadas en situación de conflito acostuma a producirse de modo subversivo, mediante o dialoxismo crítico, a parodia, a mestizaxe, e a miúdo cunha clara discontinuidade temporal. Se non ten sentido buscar un modernismo galego, reflexo dos salóns parisinos fin de siécle ,non é menos certo que os distintos movementos postsimbolistas e decadentistas — non só na súa formulación española—, teñen un amplo eco nas nosas letras aínda na década dos anos vinte. Entremestúranse con elementos da propia tradición cultural, con modas máis recentes e con aportacións orixinais, e dan lugar así a modos dificilmente encaixábeis no proceso das literaturas normalizadas. Cando nos referimos á extraña maridaxe de decadentismo e vangarda na obra de Vicente Risco, aos trazos simbolistas na poesía de Manuel Antonio, ao pouso modernista na obra de Otero, á influencia de W. B. Yeats sobre o teatro de Castelao e Villar Ponte, etc., non facemos máis que afirmar as profundas pegadas da reacción anti-naturalista sobre a literatura galega no tempo das Irmandades. A obra de Cabanillas é neste sentido un exemplo paradigmático.

William B. Yeats.

A etapa de formación literaria do noso poeta coincide coa eclosión do modernismo rubendariano, as súas lecturas contemporáneas tiveron de ser por forza de poetas en maior ou menor grao influídos por esta escola, e a súa estadía en Cuba entre 1910 e 1915 sen dúbida permitiulle unha aproximación máis directa a ela. Cabanillas mostra certa conciencia de ser un adiantado na introdución do modernismo nas letras galegas, e así llo declara en carta ao seu correspondente Manuel Sánchez Peña, datada en marzo de 1912. Referíndose aos poemas "Reza un merlo no souto" e "I-o naranxal está en fror" (ambos en No desterro , costítulos de "A princesa roiba" e "Mal do peito", O. C., vol. I pp. 32-33 e 35-36), di: "son unos ensayos de adaptación al gallego de la nueva escuela poética" (O. C., vol. III, p. 487). Nesta década o poeta nicaraguano é sen dúbida a influencia estética máis pronunciada no galego: así, a versatilidade métrica, co emprego de moldes moi do gusto modernista, desde o alexandrino ao soneto de arte menor; a recreación dun mundo de princesas e pierrots, como en "Da traxedia de Pierrot" ( Vento mareiro ); a apetencia polo sensual, os ambientes lánguidos, a musicalidade e o preciosismo verbal, os efectos coloristas, que pasarán a formar parte definitivamente do seu estilo.

Sen embargo, como xa indicamos, esta apropiación do modernismo non é en ningún momento servil: o mesmo texto antes citado, "Da traxedia de Pierrot", pode ser un bo exemplo da subversión paródica dos tópicos modernistas extraídos do seu contexto burgués-cosmopolita e enxertados nunha cultura popular. Esta dita unha preferencia evidente polos metros curtos, as rimas asoantes, o léxico rural, a anécdota, etc., que acaba por esluír as esquisiteces modernistas. A maiores, a Cabanillas afástao do modernismo o claro ideal ético que inspira os seus versos, postos a cotío ao servizo da concienciación política e que en moitas ocasións, especialmente na etapa agraria, se manifesta de modo exaltado e directo. O que de elitista, inadaptado e decorativo hai na poética do modernismo hispano é radicalmente transformado na poesia de Cabanillas mercede ao vitalismo e a unha fe rotunda na función social da literatura que o alonxan de calquera tentación de art pour l'art.

Pero as influencias estéticas que experimenta Cabanillas non se limitan ao Modernismo hispano. Na década dos 20 o poeta entra en contacto co Saudosismo portugués, movemento do que eran naquela altura figuras representativas o poeta Teixeira de Pascoaes e o filósofo Leonardo Coimbra, ambos fraternalmente unidos aos homes das Irmandades. O Saudosismo é unha orientación estética e filosófica que xorde na segunda década deste século arredor do movemento da "Renascença portuguesa" e ten como portavoz a revista A Águia (1912-1932). No programa dos saudosistas destacaba a intención de provocar unha renovación profunda da cultura portuguesa fundamentada na recuperación das raíces nacionais que coidaban ameazadas. En palabras do propio Teixeira de Pascoaes:

Fazer reviver ao povo português a alma portuguesa é o que nós mais sonhamos, porque tal cousa é imprescindível para que Portugal viva, entre os outros países, uma vida própria e bela, independente, portanto. Mas não imagine que renascimento significa apenas regresso ao passado. Renascer, já o escrevi algures, é tirar das fontes originárias da vida uma nova vida.

O concepto que para Teixeira conxugaba esta volta ao pasado coa renacencia futura era saudade ,que entendía como a lembranza do pasado convertida en forza xeradora dunha esperanza no porvir. Vicente Risco entra en contacto con Teixeira de Pascoaes e Leonardo Coimbra a comezos da década dos 20 e capta rapidamente as múltiplas semellanzas entre o rexeneracionismo portugués e o proxecto abandeirado en Galiza polas Irmandades: ambos procuran rescatar a memoria colectiva como forza capaz de mobilizar os dous pobos na procura dun futuro mellor. A partir de aquí a "saudade" e o que esta encerra convértense en clave e resume do pensamento do grupo "Nós" e, por engadido, de Cabanillas. O interese polos temas históricos, a comprensión do valor do mito, certo misticismo entre panteísta e cristián, serán elementos comúns na súa obra posterior.

Debuxo de Teixeira de Pascoaes, por António Carneiro.

Reforzando esta orientación pasatista que proclama o saudosismo, cumpriria aínda subliñar nestes anos a influencia de escritores como irlandés William B. Yeats —ideais próximos aos dos saudosistas constituían o pensamento da Irish Literary Society desde de 1891—, ou a de Alfred Tennyson, o poeta vitoriano que resucitara a temática artúrica en Idylls of the King e Morte d'Arthur. Todos eles sobrepóñense a un pano de fondo en que destacan as lecturas greco-latinas, constante punto de referencia ao que regresa na súa vellez como tradutor, e os simbolistas franceses. A mellor exposición de todas estas fontes subterráneas que emerxen en distintos momentos é sen dúbida a escolma Versos de alleas terras e tempos idos (1955), versións máis ou menos fieis daqueles poetas e textos que máis o tiñan impresionado e que, significativamente, conclúe cunha "Vida, pasión e groria do trigo", "axeitada arredor da versión da señora Carmela a dos Trapos, vendedora de castañas da ola, na vila cambadesa": en resume, a persistencia do popular que para Cabanillas contén a cerna de calquera posíbel poesía galega.

Por canto levamos dito, é doado apreciar a enorme importancia que ten a obra de Cabanillas na posta ao día das letras galegas nos comezos do século XX. Como ben entenderon os lectores contemporáneos, só a partir del podemos considerar totalmente superados os modelos literarios que impuxera o Rexurdimento. Sen esquecer a tradición folklórica, que como atrás sinalamos coñecía e veneraba; sen despreciar a tradición culta, é quen sen embargo de elaborar unha linguaxe poética persoal caracterizada por un sincretismo que conxuga os anteriores elementos coas principais tendencias da lírica europea do cambio de século. A obra de Cabanillas desborda amplamente o horizonte temático en que ata entón se desenvolvía a nosa lírica.

Se ben non podemos falar dunha "escola cabanilleana" —se facemos excepción de poetas como López Abente ou Victoriano Taibo, Cabanillas tivo máis admiradores que imitadores—, e aínda que a partir de 1927 chegou mesmo a ser atacado polos novos poetas vangardistas que o consideraban execesivamente conservador en forma e contidos, el é a auténtica ponte que nos permite transitar desde o Rexurdimento ás vangardas.

Evolución literaria

Sendo poeta serodio, a vida longa e fecunda de Cabanillas permítelle experimentar unha forte evolución literaria, que se deixa sentir tanto no formal como nas preferencias temáticas. Esta evolución aparece en ocasións obscurecida se observarmos simplemente as edicións definitivas dos seus libros, dado o continuo labor de escolma, reelaboración e acrecentamento a que o escritor os sometía, interpolando poemas de épocas distintas. Valla como exemplo a inclusión na segunda edición de No desterro (1926) de todo un feixe de poemas, os "Cheirumes da Corte", escritos na súa estadía en Madrid entre 1921 e 1922, e que distorsionan a consideración do texto de 1913, ou a complexa peripecia editorial de Da terra asoballada ,á que máis adiante nos referiremos. Cabanillas sentía a súa como unha obra en contínuo proceso de elaboración, dotada dunha unidade á marxe dos momentos biográficos: cando nos anos cincuenta prepara con Fernández del Riego e Carballo Calero a edición da Obra Completa ,suxire unha distribución temática e non cronolóxica que despois pasaría as antoloxías. Sen embargo, pescudando as datas de primeira publicación dos poemas, podemos distinguir catro fases de fronteiras disfusas, pero que coinciden con momentos de inflexión vital e ideolóxica do poeta:

Ramón Cabanillas nos anos vinte.

  1. 1910-1915: Etapa de formación (pregaleguista)

    Aínda que nos poemas escritos entre estas datas e publicados nas primeiras edicións de No desterro . Visións gallegas (La Habana, Imprenta "La Universal", 1913) e Vento mareiro (La Habana, 1915), mostran un poeta tecnicamente xa maduro, podemos denominar de formación esta etapa desde o momento en que se reflicte a busca dun camiño e dunha temática propios, así como a experimentación cunha serie de moldes formais que despois sinalaremos. Algúns autores califican este período como agrarista, dado que nel se aprecia a influencia ideolóxica de Basilio Alvarez e de Acción Gallega e nestes anos están escritos os poemas de maior fobia antiseñorial. Sen embargo, destacar unicamente este aspecto dos dous primeiros libros de Cabanillas supón amputar a complexidade temática que encerran. Porque tanto No desterro como Vento mareiro son fundamentalmente dous libros evocativos e descritivos, en que un emigrado lembra con nostalxia o mundo que perdeu alén-mar. En No desterro só media ducia de poemas responden á voz dun poeta anticaciquil; en Vento mareiro toda unha sección, "Da terra asoballada", recolle composicións de ton cívico e antiseñorial, pero o seu número, no conxunto do libro, é nidiamente minoritario.

    O predominante na poesía deste período é a presencia dun "eu" nostálxico e angustiado que en ocasións alcanza acentos rosalianos para evocar os lugares nativos, as paisaxes familiares, os amores de neno, a nai, a esposa; que recrea, ás veces de maneira provocadoramente obscena, as lendas populares; que gusta de soñar unha vida tranquila e repousada á par dos seus, exerce unha particular filosofía do "home bo" e se solaza no cultivo da aurea mediocritas. Nin sequera ao se referir á emigración predomina a denuncia retórica tan a cotío ensaidada durante o Rexurdimento, por moito que en poemas como "Camiño adiante", que abre No desterro e despois tamén a primeira edición de Da terra asoballada, poidamos ler versos dunha inusitada violencia.

    Non cabe dúbida que nestes anos Cabanillas sofre intimamente a contradición, definitoria por outra parte da súa actitude vital noutros moitos momentos biográficos, entre o desexo de paz interior que expresan poemas coma "Sono dourado", de Vento mareiro, e a integridade ética que o leva a chamar á rebelión, incluso sanguinaria, contra a inxustiza.

    Atendendo á estética predominante e reincidindo en observacións xa feitas, podemos dicir que Cabanillas emprende unha galeguización do modernismo e toma del o máis superficial —Pierrots, raíñas, fadas, princesas roibas, paxes, xardíns, castelos...— para vertelo en moldes populares, como son as numerosas estrofas romanceadas de arte menor —versos oitosílabos, hexasílabos, etc.— e rima asoante. Non despreza tampouco o uso de estrofas clásicas —son numerosos os sonetos que aparecen nestes dous libros— e inclusive estrofas mixtas con versos de once e sete sílabas, de sete e cinco, etc. Tanto nas composicións civís coma nas narrativas ou intimistas Cabanillas procura sempre a claridade expositiva, lonxe de requintamentos expresivos, pero sen renunciar á música do verso nin aos efectos plásticos das imaxes evocadas.
     

    Capa de  No Desterro,  de Ramón Cabanillas, co deseño e ornamentación de Castelao.

  2. 1915-1920: Etapa decisiva 

    O paso do agrarismo de Acción Gallega ás Irmandades vai acompañado dunha evolución que sen afectar ao estilo, si revoluciona a súa temática. Cabanillas asume decididamente o rol de poeta cívico e pon a pluma ao servizo das ideas, sen a penas concesións á poesía de tipo intimista ou evasivo que podiamos encontrar nos dous primeiros libros. Pertencen a este período as obras Da terra asoballada (1917 e, sobre todo, 1926) onde escolma boa parte dos textos de combate da anterior etapa con outros novos de temática patriótica; algúns dos poemas engadidos á segunda edición de Vento mareiro (1921), e outros espallados por xornais e revistas. Aínda invalidando en parte a fronteira cronolóxica que trazamos, podemos relacionar coa poesía deste período as composicións escritas en Madrid entre 1921 e 1923 co título equívoco de "Cheirumes da Corte" e que pasaron a engrosar a segunda edición de No desterro (1926).

    Se comparamos o ton destes poemas patrióticos cos anteriores da etapa agrarista, podemos apreciar unha maior contención nas ideas: fronte aos chamamentos enraibecidos aos labregos para queimaren pazos ou triparen por riba da tumba dos caciques, agora Cabanillas adopta unha actitude educadora, de concienciación paulatina do pobo para aproximalo ao nacionalismo. Moitos dos poemas destes anos están pensados como louvanza aos persoeiros do galeguismo histórico (Rosalía, Pondal, Murguía, Brañas...) ou contemporáneo (Lois Porteiro); outros coma "¡En pé!", son un chamado aos galegos para recuperaren o seu orgullo nacional.

    Algúns estudiosos da etapa agrarista de Cabanillas como J. A. Durán (1981) enxuízan esta actitude como un retroceso e unha claudicación: "Y el poeta antiseñorial fue templando sus versos, expurgando sus primeros libros, ajustándose as las nuevas exigencias. Enmarcó su vieja poética en los nuevos contextos nacionalistas. "A vista de "Sobredo", escrito en 1922 e introducido na segunda edición de Da terra asoballada, ou "O galo negro", incluído en Vento mareiro (1921), á vista da integridade persoal que sempre preservou, estas observacións son como mínimo inxustas. A evolución da súa mensaxe poética cómpre ollala —así a ollou el— como unha maneira de pór os pés na terra: as revoltas anteriores a 1915, por enriba de todo radicalismo verbal que acaba en fracaso e disolución, mostran ás Irmandades a realidade dun país aínda desarticulado, sen conciencia de si, inmaduro para unha revolta aberta. É así que se define unha táctica concienciadora que Cabanillas expresa de modo nidio no poema "Meu carriño" (Da terra asoballada):

Canta, meu carriño, canta,
a redención esquecida,
o dor da Terra ferida
de traidores e ladróns.
¡A alma galega dorme,
a santa Ideia está morta
e tes de ir porta por porta
encendendo os corazóns.
 

  1. A primeira edición de Da terra asoballada (1917), por canto recolle fielmente as composicións da etapa agrarista á par doutras aquecidas ao abeiro do galeguismo, é terreo idoneo para estudiar a evolución que o conduce a un novo concepto de Galiza, das circunstancias do seu espolio e das relacións de clase —reais ou idealizadas— que se dan no país. Podemos dicir que nos poemas da fase agrarista Galiza é un referente constante, pero indefinido como suxeito colectivo: o poema "Galicia" é un panexírico á moda decimonónica que entrecruza elementos históricos, paisaxísticos, amor filial e un vago sentimento de aldraxe e revolta sen obxecto claro:

    Deseño de Castelao para a difusión da obra de Cabanillas.

  2. A facenda, o creto, a vida,

 

o fogar... ¡todo por ela!
Con Castela, ben querida;
aldraxada... ¡sin Castela!
¡Irmáns! Rubamos ó cume
desatrancando o camiño,
e botemos man do lume
onde non chegue o fouciño.


Eses irmáns son pouco máis ou menos os mesmos que os do himno de "Acción Gallega"; o léxico do chamado é idéntico. Esta ambigüidade contrasta coa rotunda definición do conflito entre labrego e fidalgo, labrego e cacique, "aldea que traballa"/ "vila podre", etc., tal como aparecen no himno, en "Lume no pazo", en "A un cacique", en "A Basilio Alvarez", etc. Na fase agrarista o suxeito colectivo privilexiado é o labrego e o seu inimigo o fidalgo; as causas da situación de inxustiza e miseria, endóxenas ao país, hanse enmendar cunha subversión das relacións de clase que só se conseguirá coa eliminación física do inimigo. Nos textos posteriores á adhesión ás Irmandades o suxeito colectivo pasa a ser Galiza, entendida como un conxunto de grupos sociais heteroxéneos pero igualmente asobaliados, unha Galiza adornada dos valores e cultura da súa base campesiña, mentres que no lugar da "vila podre" como antagonista aparece Castela/España. Esta translación faise evidente en dous poemas estruturalmente homólogos, "Acción gallega", de 1915, e "¡En pé!", de 1917:
 

   Que vexa a Vila podre,
    coveira da canalla,
    á Aldea que traballa
    disposta pra loitar.
    Antes de ser escravos,
    ¡irmáns, irmáns gallegos!
    que corra a sangre a regos
    dende a montana ó mar.
    ¡Ergámonos sin medo!
    ¡Que o lume da toxeira
    envolva na fogueira
    o pazo siñorial!

    ("Acción Gallega")
 

    Validos de treidores
    a noite da Frouseira
    á patria escravizaron
    uns reises de Castela.
    Comestas polo tempo
    xa afloxan as cadeas...
    ¡irmáns asoballados
    de xentes estranxeiras,
ergámol-a bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
    cantémol-o dereito
    a libertar a Terra!

    ("¡En pé!")

  1. Representativa tamén desta fase é a peza teatral A man da Santiña (Farsada en dous pasos) ,que co patrocinio da Irmandade da Fala da Coruña sobe ao escenario nesta cidade o 22 de abril de 1919. Con ela iniciaba o seu labor o Conservatorio Nazonal de Arte Galego , a institución a quen cumpría pór en práctica os propósitos do nacionalismo canto á revitalización do teatro galego e á súa posta ao servicio da misión concienciadora. Como farsada, o argumento da peza carece de orixinalidade e incluso de interese. De por eles ser, A man da Santiña a penas se merecería comentario nunha historia concisa do teatro galego, e sen embargo foi recibida como innovadora e significativa. Carballo Calero primeiro (1981) e máis tarde Henrique Rabunhal (1994) resaltan o que de exercicio lingüístico hai na obra. En palabras de Carballo: "Historicamente, os retorneados parlamentos, en fina prosa galega de fremosa cadencia e poético enlevo, cumprían a función de dignificar a nosa fala perante os ouvidos dos espeitadores, que era o que se pretendía". A peza, dentro do espírito teatral das Irmandades, tiña como fin primordial ofrecer unha nova imaxe do idioma, susceptíbel de ser empregado en ámbitos elevados, por personaxes fidalgos, garboso incluso en boca de señoritas refinadas. Desde este punto de vista, a obra presenta unha situación idealizada, un "deber ser" fronte ao uso da época, e como tal debeu resultar chocante ao público vilego que acudiu ao espectáculo afeito a que o galego fose a língua de entremeses cómicos e "parrafeos" chocalleiros.
     

    O semanario agrarista editado en Marín,  La voz del Campo,  inseríu nas súas portadas os poemas máis combativos de Cabanillas.

  2. Inusitada é tamén canto ao tipo de fidalgo que protagoniza a obra. Desde fins do XIX a literatura filoagrarista tiña deseñado un ser sanguinario, depravado e egoísta, compracido na inxustiza. Tales son os personaxes do teatro de Manuel Lugrís Freire, da propia poesía agraria de Cabanillas, ou doutra importante peza teatral aparecida só un ano antes, O fidalgo ,de Xesús San Luís Romero . Sen embargo, don Salvador de Arenteiro e Riosagro simboliza todas as cualidades que Cabanillas considera propias do bon galego: a honestidade, a incorruptibilidade ante o poder, o amor á Terra, a defensa da verdade e dos necesitados, o apego intransixente á lingua. Con el estamos ante o modelo de fidalgo galeguista, precursor dos que andando os anos asomarán á narrativa de Otero Pedrayo.
     
  1. 1920-1931: Etapa mítico-saudosista

    Ao entrar en contacto cos membros do grupo Nós e co Saudosismo portugués as ideas estéticas de Cabanillas experimentan unha nova e decisiva evolución. Se ata o momento o labor concienciador consistira en ensalzar os símbolos contemporáneos do galeguismo como espello en que debía ollarse todo o pobo, a partir de 1920 o escritor empéñase nun labor de reconstrución do noso pasado, desde as máis remotas orixes ata a Idade Media, alí onde el situaba as esencias de Galiza e as claves para entender o seu devir histórico. Esta recreación non pretende en ningún momento o grao de obxectividade dun traballo científico: como podemos ler no "Prólogo" a O Mariscal , do que é co-autor Antón Villar Ponte, Cabanillas afirma a existencia dunha verdade superior á verdade histórica:

Acouguen os homes graves de sangue espiritoal frío que andan ó estudo da Hestoria pola Hestoria, e termen de se non encabuxaren coa leitura desta obra. Para eles O Mariscal pode ser cousa sen valimento que fique ó marxe da sua seriedade. Para nós ten a forza xermoladora do mítico que leva feito máis polo progreso dos pobos que tódolos datos hestóricos perfeitamente constrastados. O mito, como elemento auxiliar da pedagoxía, ten unha fonda estimanza.

(O. C., vol. III, p. 246)

  1. O obxectivo é ante todo recrear unha historia mítica, e daquela idealizada, da nación, que mostre ao pobo as grandes leccións do pasado como única maneira de se facer dono do seu futuro.
     
  2. As obras que seguen esta orientación estética son a peza dramática en verso xa citada, O Mariscal , que comeza a escribir en 1920 pero que non se publica ata 1926; as tres "sagas" recollidas en 1926 no volume Na noite estrelecida ,e un bo monllo de poemas que foron aparecendo ao longo dos anos vinte en xornais e revistas para seren agrupados xa na posguerra no libro Camiños no tempo (1949).
     
  3. Basicamente, céntrase en catro momentos decisivos na historia mítica do noso país: o tempo dos celtas, en cuxo tratamento recupera temas, actitudes e personaxes marcadamente pondalianos; a Alta Idade Media, mitificada a través da materia artúrica e extrapolada a Galiza ata unha plena asimilación; e a Baixa Idade Media, con dous momentos fundamentais: o século XII, coas bitas internas da era xelmiriana, que conclúen coa perda do reino, e o século XV, coa traición ao Mariscal Pero Pardo de Cela , o que para Cabanillas representa o fracaso das aspiracións nacionais da Galiza medieval.
     
  4. Nesta recreación mítica o poeta actuará movido polo sentimento de saudade, un concepto amplamente exemplificado nas "sagas" e que, nunha exposición didáctica aparecida no nº1 de As Roladas ,revista infantil que publica en Madrid en 1922, define como segue:

A saudade é un camiño de perfección ao través da alma galega: ese camino escomenzou co primeiro galego que conquireu a plenitude do sentimento racial e morrerá co derradeiro galego que alente sobre a Terra. A Saudade é a lembranza do Pasado amostrándonos o que levamos dentro de nós por herdo dos nosos pais, dos nosos abós e da terra de que somos feitos e, ao tempo, é a Espranza no porvir que nos pendura dunha arela docísima, dun deseio nunca satisfeito de conquerimento do alén, de acercamento á Divinidade.

(O. C., vol. III, p. 463)

  1.  
  2. Lembranza, Esperanza, desexo de perfección, ansia de unión con Deus, todo iso é a Saudade e todo iso está presente nas "sagas". Os tres longos poemas narrativos que compoñen Na noite estrelecida ,"A espada Escalibor", "O cabaleiro do Sant-Grial" e "O sono do rei Artur", son sen dúbida o máis ambicioso proxecto literario do Cabanillas de preguerra.
     
  3. Tomando como argumento tres motivos clave da lenda artúrica, a proba da espada e a coroación de Artur, a demanda do Graal e a súa visión por Galahaz, e a morte do rei, a través dunha complexa linguaxe simbólica Cabanillas compón un texto de múltiplos níveis significativos entre os que destacan a posíbel lectura místico-relixiosa e a galeguista. A primeira, presente xa nas versións cristianizadas da lenda, aparece a mantenta reforzada desde o momento en que para o poeta a redención da patria, a "Santa Causa", está inevitabelmente ligada ao triunfo da fe, compoñente esencial do ser galego.
     
  4. A segunda é o gran achado estético-ideolóxico de Cabanillas, ao ser quen de entroncar as antigas lendas do celtismo insular coa tradición mítica de Galiza e, nunha grande parábola temporal, converter a mensaxe mesiánica de Artur en modelo para o galeguismo actuante dos anos 20. A galeguización externa do mito, como teñen sinalado numerosos críticos ("Os tres poemas artúricos de Na noite estrelecida ", de Camilo D. Flores Varela, in VV. AA. 1977) conséguese ao trasladar a unha paisaxe eminentemente galega os personaxes míticos: a catedral de Caerleon da primeira "saga" non é senón un trasunto literario da de Compostela; a espada é gardada na irla de Sálvora; Galahaz vén achar o Graal ao cume do Cebreiro, despois de percorrer nas probas previas todo o noso país; galega é tamén a xeografía que rodea a morte de Artur...
     

    A singular estética de Castelao ten presenza na edición do poemario  Na noite estrelecida.

  5. Pero máis significativa aínda é a galeguización ideolóxica. O primeiro dos tres poemas en ser escrito e publicado, "O Cabaleiro do Sant-Grial" —aparecido en A Nosa Terra, nº 145, 1-8-1921— pode ser lido como unha especie de "espello do galeguista": a viaxe que Galahaz emprende representaría o camiño de perfeccionamento interior que o apóstolo do galeguismo debía de percorrer antes de ver cumprido o seu Santo Ideal; a ascese sería recompensada coa visión do Cáliz, símbolo da unión mística coa Terra. Esta mensaxe compleméntase nos outros dous poemas: de modo máis confuso no primeiro, onde predomina a significación relixiosa, dado que Escalibor, como atributo do poder de Artur, simboliza a fe cristiá levada de Galiza ás terras celtas, nela reside a forza futura das nacións atlánticas e tamén a súa misión histórica, difundir a fe por todos os recantos do mundo rompendo as sombras da noite pagá; máis claramente en "O sono do rei Artur", concibido como un canto mesiánico en que se asocia a recuperación do antigo esplendor de Galiza e os restantes pobos celtas á fidelidade que manteñan ao seu pasado. Se isto sucede, o rei Artur voltará do seu descanso para unificar o reino e devolver a paz e a alegría ao seu pobo. No profundo da derrota do rei hai unha mensaxe clara de confianza no Ideal que Cabanillas quere transmitir aos seus compañeiros de afáns:
     
  6. ¡Sempre detrás da victoria
  7. a Morte irá coroada
  8. coas rosas máis recendentes,
  9. máis bebidas e louzanas,
  10. até que os séculos finen
  11. co trunfo da Santa Causa!
  12. (O. C., vol. I, p. 395)
     
  13. Coa súa morte, Artur conclúe a iniciación para o máis alá, que é a vida; coas sucesivas derrotas, a Santa Causa, se o pobo mantén a fe, vai perfeccionándose para lograr o triunfo final.
     
  14. Paralelamente a esta poesía mítica e saudosa, Cabanillas escribe na década dos 20 outra de temática relixiosa e milagreira, nova mostra esta vez en clave popular da importancia da fe cristiá na súa conformación ideolóxica. Tal é o caso da lenda en verso O bendito San Amaro (1925), pero tamén os varios textos que teñen como motivo central a figura do apóstolo Santiago, símbolo que nestes anos o galeguismo tenta rehabilitar contra a imaxe chauvinista creada pola apropiación española, ou outros en que se glosan tradicións folclóricas, como "Na coroación da Nosa Señora do Monte Carmelo, na vila de Cambados" (1924) ou "Romaxe de Nosa Señora da Franqueira" (1926).
     
  15. Mención á parte neste período merece o libro A rosa de cen follas. Breviario dun amor ,aparecido en 1927. Baixo a invocación do verso rosaliano, Cabanillas poetiza neste libriño os distintos chanzos dun amor xuvenil, reconstruído a través do veo da Saudade. A obra levanta problemas de datación non resoltos, dado que no limiar á primeira edición o autor declara que "naceron nos días lumiosos en que a vida é unha cantiga nos beizos e un feixe de rosas na man", mentres que, moitos anos despois, nunha carta de 1954 a Ricardo Carballo Calero en que lle subministra diversos datos biográficos, afirma, ambiguamente, seren escritos pouco antes de se daren á luz. Como obra de mocidade, manifestarían a influencia directa de certa Rosalía intimista, de Becquer ou dunha fonte común aos dous, os hieder de Heine, amais dos ecos da poesía amatoria do folclore tradicional. É dificil non percibir as similitudes estilísticas e temáticas con múltiples poemas da súa primeira etapa e máis en concreto coas seccións "Rimas" de No desterro e "Pombas feridas" de Vento mareiro . Sexa como for, temos neles unha proba da diversidade de rexistros que caracteriza a Cabanillas, pois á par da ampulosidade e grandilocuencia das "sagas" é quen de desenvolver unha liña poética de ton menor, marcada pola emotividade e a sinxeleza expresiva, que aínda recuperará en parte da obra de posguerra.

    A Contundente estética de Castelao ten presenza nas edicións de diversos poemarios de Cabanillas. Velaí outra mostra,  Na rosa de cen follas.

  16.  
  17.  
  1. 1939-1959: Segunda madurez

    Por volta de 1931 Cabanillas parece un poeta xa esgotado. O cambio radical das condicións históricas en que se move o nacionalismo, a aparición dunha nova xeración literaria, certo acomodamento do poeta-académico, provocan que nos anos 30 a penas teriamos máis que contados poemas circunstanciais. O silencio faise aínda máis acusado durante a guerra e a inmediata posguerra, pero mediados os 40 o escritor entra nunha segunda madurez cargada de proxectos que sen dúbida non é auca á situación de penuria e persecución que sofre a cultura galega e á necesidade de estandartes que se sentía no interior. Os dous Ramóns, Otero Pedrayo e Cabanillas, cumprirán ese papel nos primeiros anos da recuperación.

    Deixando á marxe obras como Camiños no tempo (1949), que non é máis ca unha compilación da produción mítica dos anos 20, e os Versos de alleas terras e tempos idos (1955), por canto abalan entre a creación e a tradución, as dúas obras orixinais deste período son Da miña zanfona (1954) e Samos (1958). Como cabería esperar, ambas reflicten un radical cambio de rumbo na poética ao se alonxaren de calquera compromiso cívico ou ideolóxico explícito para elaborar unha poesía máis persoal e autorreflexiva, mesmo de pretensións pseudo-filosóficas. Unha poesía, polo demais, en liria co pesimismo existencial que impregna a literatura galega nestes anos da ditadura.

    Da miña zanfona , que o propio escritor ten considerado unha obra menor, consta na primeira edición de dez poemas, ampliados a vintetrés Obra Completa de 1959. Conforman un todo heteroxéneo, feito sobre retallos, en que predomina a nostalxia do eu poético, o "home bo" que extende a súa ollada sobre o mundo para se referir, con voz amarga e moralizante, á mocidade ida, ao declinar dos tempos, á tristeza, á vida ida e á morte que se presenta. Non é difícil percibir nalguns versos a fonte histórica desta amargura, unha guerra que deu cabo aos sorios doutro tempo e ameazou á terra de perpetua esterilidade: 

A Peste, a Fame, a Guerra
fixeron trato coa Morte
para valeirar a terra;
mais a Vida foi máis forte.
A intrusa douse tal xeito
e tal presa no segar,
que un río de sangue, a eito,
embermellou terra e mar.

(O. C., vol. II, p. 115)
 

  1. Oraben, "a Vida foi máis forte", e desde o presente lastimoso o poeta levanta de novo a promesa do Graal, como sucede no poema "Pax", en que a morte da "Besta que o mundo encheu de solimán" será o preludio dun renacer cristián de felicidade e fartura. Baixo a mensaxe explicitamente relixiosa do texto, quen estea afeito á linguaxe do Cabanillas de preguerra doadamente poderá descifrar a mensaxe implícita. Máis claro aínda, o poema "Toimil", adubado de motivos pondalianos, conclúe cun inequívoco chamamento á loita... a toda a loita que permitían albiscar os tempos:
     

Toimil que dormes no escuro 
vello pinal de Froxán,
na carreira o máis lixeiro,
o máis rexo no loitar,
esperta! Ó pé das sobreiras
as fontes sagras do val,
gardando o teu mandato
erguen o antergo cantar!
A lanza de Celtarela
brandeos da túa man!

(O. C., vol. II, p. 123)
 

  1. Samos , pola súa banda, escrito arredor de 1950 durante varias estancias do poeta no mosteiro do mesmo nome, recolle poemas de tipo descritivo en que Cabanillas fai patente o seu desexo de paz e comuñón coa natureza nun "locus amoenus" que restableza o seu equilibrio interior. Aínda que o motivo central do libro puidera facer pensar nunha prolongación da poesía místico-relixiosa tan cara ao autor, en Samos asistimos a unha celebración continua da materia. Cabanillas canta o mosteiro pedra a pedra, sombra a sombra, torrente a torrente, nos distintos momentos da vida monástica e na paisaxe que rodea o lugar. Os versos adquiren resonancias panteístas nun desexo de gozo sensual e admiración de quen percibe o rito cotián da eternidade nos últimos instantes dunha vida que se apaga. Neste libro, que nada ten que envexar á altura poética alcanzada en etapas precedentes, o verso faise clásico, entre o alexandrino dos poemas de maior folgo narrativo e o soneto do que se serve para os momentos de recollemento lírico; a súa sabia combinación coa silva e as tiradas de hendecasílabos brancos ou rimados son unha nova proba da mestría versificadora do escritor. O ton poético adoita unha adusta gravidade contemplativa que só consegue romper a admiración que nun espírito atormentado causa a sagrada quietude do mosteiro:

    Cabanillas nun boceto de Carlos Maside.

É a man da paz a santa man que enxoita
bágoas do dor en sangue da ferida,
reconforto da alma esmorecida
polos estragos da mundana loita.
É a man da paz a santa man recoita
que acolle a ovella no breñal perdida
e pondo os lobos irtos en fuxida
verte a mel do consolo encol da coita.

(O. C., vol. II, p. 283)

A recepción da obra de Ramón Cabanillas

Por canto se refire á fortuna crítica que mereceu, Cabanillas é un caso atípico na nosa historia literaria. Afeitos como estamos á figura do poeta marxinal que padece a distancia entre o logro artístico e a súa aceptación social nunha cultura minorizada, o éxito que acompañou ao cambadés pode provocar aínda hoxe certa perplexidade. Entendámonos, un éxito que nunca foi abondo para evitarlle privacións económicas e a necesidade de oficios máis prosaicos. A inclusión temperá da súa obra no canon literario galego, as louvanzas nos círculos intelectuais, o rápido recoñecemento académico, as múltiplas homenaxes populares en que foi protagonista... son fenómenos que ilustran ata que punto Cabanillas encarnou o poeta galego por excelencia na primeira metade deste século. O contraste con Rosalía, Pondal, Manuel Antonio, etc., non pode ser máis rechamante.

Cabanillas nunha caricatura de Lourido.

Para alén dos méritos intrínsecos da obra, hai de certo unha forte componente sociolóxica detrás deste éxito. Apropiándonos para outros fins da feliz expresión de Ramiro Fonte (VV. AA, 1988), Cabanillas foi en todo momento o "poeta necesario", á altura das necesidades históricas da nosa evolución cultural, cousa que ten levado tamén, a cuestionar a orixinalidade e sinceridade de canto o poeta asinou. Unha obra de tal envergadura e diversidade temática, os trazos conservadores e ao tempo nacionalistas da súa ideoloxía, a capacidade para trascender do anecdótico e persoal ao colectivo, a permanente tensión entre un eu actuante e outro contemplativo, permitiron que entón coma hoxe cada lector encontrase nel aquilo que andaba a buscar. Podemos dicir neste sentido que Cabanillas deixouse ler.

Xa desde a "Introducción" a No desterro ,asinada por Basilio Álvarez, podemos apreciar esta procura do "poeta necesario". Basilio Álvarez, que por razón de tempo malamente puidera ler con atención o libro e mostraba certa prevención platónica contra a poesía, exclama: "Ya hemos encontrado al gran poeta que nos llevaron el día que enterraron a Curros". Cando o define como lira fustigadora que "no baila la muiñeira alrededor de las lágrimas", le aquilo que quere ler: a retranca representativa da raza, a observación aguda e corrosiva, o que "pide a grito herido la resquebrajadura del pazo, la abolición del foro, la estirpación del cacique". Na década que segue, ninguén lle vai sacar o sambenito de herdeiro de Curros. Cabanillas aportou o seu para alentar a fama, pero seguramente alguén se tería decatado de en No desterro había un poema a Curros, e que na lectura sui generis que aí se fai da súa obra destaca sobre todo... a vertente piedosa exemplificada en "A Virxe do Cristal", que Cabanillas sempre considerou "a xoia obriza máis finamente broslada da oruribería poética galega".

De modo menos intereseiro analiza Manuel Murguía este primeiro libro, nun artigo sintomaticamente titulado "Renovación de nuestra poesía" e publicado en La Temporada de Mondariz (4 de agosto, 1913). Murguía resalta o carácter descritivo destes poemas, o seu achegamento á vida cotiá de campesiños e mariñeiros, o punto de vista do emigrado, a delicadeza de sentimentos na poesía amatoria e a "paixón pasiva" que dominaría a escrita do noso poeta tamén nas obras vindeiras.

Sabemos pola correspondencia privada como enorgulleceron ao autor estas valoracións ben intencionadas do Patriarca e canto significaron para a súa instalación definitiva no idioma galego, pero habería que esperar á publicación de Vento mareiro para que a súa aportación literaria fose cabalmente definida. Realiza esta tarefa Eugenio López Aydillo, que nunha apaixonada reseña ("El gran poeta Cabanillas", O. C., vol. III, pp. 607-610), defíneo coma o poeta —outra vez necesario— capaz de revitalizar a "raquítica y envejecida lírica gallega" por camiños "de novedad, de cultura y de extranjería exquisitas". López Aydillo sinala con acerto o marasmo finisecular da nosa lírica, e con acento apunta cara á diversificación temática e o virtuosismo formal de Cabanillas... Orabén, como bo discípulo que fora de Basilio Álvarez, non deixa de observar a alongada sombra de Curros que asombra a sección "Da terra asoballada".

A decantación nacionalista de Cabanillas a partir de 1916 e a súa rápida conversión en emblema literario das Irmandades provocan que a recepción da súa poesía corra a sorte e afronte os embates do conxunto do movemento galeguista. Manuel Rei Romeu (VV. AA., 1988) analizou esta fase en profundidade, tomando como referente as curiosas críticas dun vello representante do tradicionalismo decimonónico, o catedrático de medicina e poeta mediocre Juan Barcia Caballero, que durante longos anos pontificou desde as colunas da prensa clerical compostelá. A xenreira de Barcia vén xa de 1913, con ocasión de No desterro , ao utilizar a reseña do libro para cuestionar as intencións e capacidades de cantos escribían en galego, ao tempo que avogaba por un bilingüísmo san e harmónico. O "bon médico entre os literatos e bon literato entre os médicos", como o definiu Peña Novo, censura a poesía de temática agrarista, na que observa "esa malhadada idea de venganza destemplada y salvage que para baldón y oprobio de todo sentimiento honrado y cristiano se empeñan en predicar ciertos ilusos".

Cando os raros poemas de combate do primeiro libro engrosan e se converten en toda unha sección en Vento mareiro , a censura pasa a ser brado: "Todo eso de redención, de venganza y de ¡separatismo!; de guerra al cacique y demás zarandajas de este jaez son tópicos del peor gusto, que acaso pueden servir para relleno de una proclama electoral (...) pero son indignos de servir de inspiración a un poeta". E cando en 1917 a poesía cívica é núcleo central de Da terra asoballada, a reconvección faise apolalíptica:

Pero Dios mío; ¿es que la humanidad se ha vuelto loca y no se puede pensar ni desear más que guerra y exterminio? La oleada aborrecible que está devastando a medio mundo, agrandada por las insanas ambiciones y la insaciable codicia de execrables tiranías ¿llegó tambien hasta aquí para hacer que nos lancemos los unos contra los otros presa del horrible vértigo de la matanza? ¿Es que no se puede defender a nuestra tierra y a nuestras gentes, a nuestras costumbres y a nuestros derechos sin fulminar anatemas contra todo y contra todos? ¿Es menester predicar el incendio y el asesinato? ¿Es esa doctrina de odios y rencores la de nuestra redención? ¿Es ese el regionalismo de hoy?

(cf. O. C., vol. III, p. 618)

Orabén, incluso o Barcia alucinado, coma outros menos radicais, ao tempo que critica o fundamento ideolóxico da poesía cabanilleana, a exaltación revolucionaria, o monolingüísmo e o "galleguismo separatista", coinciden en apreciar que estamos ante o máis grande dos poetas galegos vivos... ¡unha lástima que non se conformase con versos "donde anidan tantos ruiseñores y estallan como luminarias en noche de fiesta tantas armonías"! Jaime Solá, inefábel director de Vida Gallega ,a revista de moda na época, furibundo antinacionalista onde os houber, non ten reparo en adicar a Cabanillas toda unha "interviu" peregrinante a través do val da Salceda ( Vida Gallega , nº 106, 1 de maio, 1918) e tras dar a primicia, xulgar o que será A man da Santiña:

Juan Barcia Caballero.

Cabanillas escribió su comedia sin tesis regional. Hizo bien. Ya hemos abusado de las tesis. Esto estuvo en su lugar en los comienzos de la literatura galleguista. Entonces todos nos creímos obligados á plasmar en nuestros libros los anhelos que estaban en suspensión en el ambiente. Y como el ambiente había llegado á la saturación regionalista, nosotros llegamos a la saturación en galleguismo. (...) Estábamos cansados de ver á nuestros bardos tremolar la tea apocalíptica anunciando incendios cuyas llamas jamás alumbraron, hogaño, el cielo de Galicia. Esto es más práctico. Esto es edificar; como he dicho antes: obra sinceramente constructiva.

¡E isto valorando só de oídas! Cunha simpar capacidade para deslindar o escritor, a obra e as ideas, os lectores menos propicios da época seguían no empeño de salvar en Cabanillas o salvábel e utilizáreno contra as convicións do propio poeta. Non doutro modo se pode interpretar que o seu nomeamento como membro da Real Academia Gallega en 1920 coincida co de Antonio Rey Soto, sacerdote extravagante e reiseñor en español, motivo que a prensa aproveitou para reafirmar a harmonía e riqueza do bilingüismo galaico. Cabanillas, afirmado no seu monolingüísmo intransixente, deixaba o mundo andar.

Desde o galeguismo, os dez anos que median entre a publicación de Da terra asoballada e A rosa de cen follas serán os da súa consagración definitiva. Cabanillas converte en versos gloriosos o pensamento e a estética das Irmandades de modo que a través dos seus textos podemos seguir a sinuosa evolución do movemento ata ben entrada a ditadura de Primo de Rivera. Porteiro Garea, o que estaba chamado a ser gran guía das Irmandades de non tronzalo a morte dous anos despois, dicía no acto de fundación da Irmandade da Fala de Santiago, en maio de 1916: "Nós temos tamén o noso home. Non é un sabio: é un poeta, un poeta tan grande como Curros e ca ventaxa de qu'os seus versos toman as formas que usan os grandes vates do mundo latino: Guerra Junqueiro, Rubén, D'Annunzzio". Cando en 1917 morre Pondal, Antón Villar Ponte convérteo, outra vez sen que el mostre inclinación, no "Poeta da Raza", dado que "tódalas ansias da raza, no que teñen de naturás, atoparon nos seus versos o niño cubizado, xa que estes versos eran latexos ateigados de amore e dolore, cando manseliños, cando cheos de xenreira dun corazón feito anacos" (O. C., vol. III). Retomando ideas xa antes expostas por López Aydillo, Cabanillas sería o superador dunha fase de incerteza na nosa literatura, o digno continuador das tres figuras do Rexurdimento, cunha significación aínda maior á deles: "Pondal foi o noso primeiro "raro" no senso en que empregaba iste termo Rubén Darío. Cabanillas é o primeiro poeta "nacional" de Galicia, como fórao Verdaguer de Cataluña". A louvanza extrémase na consideración de Peña Novo, que ao defendelo das críticas de Barcia sitúao incluso por riba de Rosalía: ela e os seus epígonos eran autores dunha poesía de queixas e lamentos, que expresaba a desesperación dunha época resignada; Cabanillas era o cantor dunha idade baril e indignada "e os seus cantos son cantos de redenzón qu'erguen as almas coma un himno. El é o precursor da Galicia nova e libre. E isa é precisamente a súa maior gloria" (O. C., vol. III). Ou noutras palabras, para os correlixionarios Cabanillas superara longamente os mestres.

Como podemos ver, ata estas datas o conflito que xera a poesía de Cabanillas é de tipo temático-ideolóxico, entre uns detractores que louvan a vertente folclórica, narrativa ou descritiva, e uns apaixonados defensores que xulgan, sobre calquera outra consideración, a súa utilidade para o avance do galeguismo. Na década dos 20, coa súpeta viraxe estética do poeta, tal debate perde sentido: cando en 1926 Cabanillas reedita Da terra asoballada , tras eliminar boa parte dos poemas cívicos que son o cerne do libro na primeira edición, da anterior fogosidade só queda o título.

Debuxo de Álvaro Cebreiro que ilustrou  Vento Mareiro.

O principal intérprete e inspirador desta etapa é Vicente Risco. Sen obviar a lira combativa, Risco prefire ver en Cabanillas "o noso Poeta Étnico": "é qu'eu atopaba ô Cabanillas rústico, ata anarquizante de máis, pra ser un Poeta Civil; a súa ispiración trascende ese conceito urbano, un pouco estreito, qu'o pecharía coma n-unha gayola. Cabanillas precisa cantar au grand'air; é —poeticamente falando, crar'está— máis do mato e da gándara que non da rúa" ("Da Renacencia galega. Catro poetas", in Céltiga, nº 36, xuño, 1926). Nas numerosas recensións destes anos prefire destacar a pluralidade de voces que conforman a súa obra, e sobre todo que estamos ante "o gran lírico da tenrura e da saudade, o gran lírico do sentimento da terra". Ao pór a énfase na poesía intimista, relixiosa ou épica, nos acentos místicos ou esotéricos das "sagas" e O Mariscal, ao proclamalo o gran Bardo e profeta dos novos tempos, tamén Risco estaba a ler a Cabanillas de modo intereseiro. E como non, a íntima contradición que xa sinalara Murguía en 1913, volve a ser resaltada polo ourensán: "Co ideal bárdico, loita na alma de Cabanillas —cecais coma nas de todos nós— o ideal virxiliano do acougo na aldeia".

Por volta de 1927 a estrela de Cabanillas comeza a declinar. Coincide o devalo coa súa entrada na Real Academia Española, feito que o galeguismo presentou como un triunfo propio e un avance na aceptación da cooficialidade do idioma, pero que non produciu ningún entusiasmo e causou fortes polémicas máis alá do nome dos candidatos. A partir deste momento o aplauso unánime transfórmase nunha censura constante e desde todas as frontes. A homenaxe que o Casino de Vigo lle rende no García Barbón en maio de 1927 serve de acicate para as discordias: desde A Nosa Terra critícase que se marxine do acto a Cotarelo Valledor , o outro académico por Galiza, pero sobre todo que o oferente sexa o político bugallalista Rodríguez de Viguri, ao tempo que se propón a Castelao como alternativa. Nin Castelao, nin Asorey, nin Villar Ponte, ningún galeguista estará presente. A prensa faise eco con ironía da fría oficialidade do acto, do aceno escéptico con que o homenaxeado acepta o agasallo, pero tamén de que son os mesmos que anos atrás azoutara Cabanillas nos seus versos os que agora o introducían na alta sociedade. A revista Nueva Galicia parodia o discurso de Viguri: "¡Señores; hay que ser ecuánimes. Hasta ahora, cantó para el agro, fustigó a los tiranos, escribió para el pueblo. Ahora nos toca a nosotros:a los aristócratas, a los políticos... ¡Todos tenemos derecho al poeta". Con certeza, na polémica obraban de novo consideracións totalmente á marxe da poesía: Cabanillas, amais do aceno escéptico, aporta ao acto toda unha profesión de fe galeguista onde abundan ideas que de seguro non soaron como música á concorrencia.

A oficialización do poeta, que pasa a residir en Madrid e vive pensionado polas deputacións coa única fin de escribir, coincide cunha fase de esterilidade literaria. O silencio é rechamante e provoca insidiosas reaccións que chegan incluso alén mar. El Eco de Galicia da Habana pregúntase en 1930: "¿Dónde está Cabanillas? Desde aquella época en que (en mala hora creemos nosotros) fue nombrado académico para representar a Galicia en aquel pastel de confección primorriverista, ¡adiós!, no se supo nada más de él ni se tuvo concimiento de su situación. ¿Se le ha metido tanto Castilla que ya no se acuerda de Galicia?".

Pero de maior transcendencia que estas críticas, que tocan máis o home ca o poeta, son as que se refiren á súa obra literaria. Para os máis novos, Cabanillas deixa de ser o referente incontestábel de anos atrás. Mostra talvez da veneración con que se lle lía a comezos da década, é o silencio que sobre el bota o manifesto "¡Máis alá!": Manuel Antonio , dun brochazo, deixa en sombra toda a rosa tradición literaria... pero sobre Cabanillas nada se di.

A fins da década, os mozos vangardistas marcan claramente as distancias. Así o fai Augusto María Casas, ao reseñar A rosa de cen follas (cf. X. M. Dobarro 1993), cando se atreve a chatalo como "intolerable" cheo de poesía "sensiblera, fácil, afeminada", ao tempo que o sitúa dentro da "tradición", como un poeta perfectamente antigo, tan decimonónico como Rosalía ou Curros. Johán Carballeira, outro mozo que por esas datas daba a coñecer os seus primeiros ensaios poéticos, é aínda máis rotundo cando en 1929 sitúa a Cabanillas á par de Eladio Rodríguez , G. López Abente e Noriega Varela como representantes da tradición académica, dominada pola "nostalgia, anécdota, corazón", fronte aos novecentistas ( F. Bouza Brey , Manuel Antonio, Augusto María Casas, Otero Espasandín e o propio Carballeira), caracterizados pola "plasticidad, sugerencia, cerebro". A época dourada do "poeta da Raza" xa pasara, e as novas promocións que pedían paso non o aceptaban precisamente como guieiro.

As lecturas da obra de Cabanillas, como cabe esperar, mudan substancialmente nos anos de posguerra. A autocensura que impón o rexime, e o novo cariz que toma nestes anos a súa obra, fan caer no esquecemento os primeiros poemarios: o poeta de Da terra asoballada convértese agora no poeta de A rosa de cen follas; a dimensión ideolóxica de Camiños no tempo queda reducida a un simple verniz mítico e historicista; a relixiosidade dos últimos textos interprétase como o encontro definitivo do equilibrio e a serenidade espiritual, unha vez superado o xarampón cívico doutras idades. Nunha linguaxe críptica acorde cos tempos, F. J. Sánchez Cantón expresa así esta nova valoración: "La presencia de nuestra tierra, actuante sobre el Poeta, conservará lozanos los más de sus escritos y, en lo porvenir, serenará hasta aquellos nacidos otrora de apasionamiento circunstancial. ¿Que alcance fuera del poético, inmarcesible, pervive hoy en los apóstrofes con que fustigó Dante ao los florentinos y a los paisanos de su tiempo" ("El poeta en el monasterio", La Noche , 17-X-1950).

Ilustración  de Álvaro Cebreiro para unha das edicións de  Vento Mareiro

Os pecados de mocidade son tamén eludidos polos propios galeguistas, que nestas datas tentan recuperar a súa figura simbólica. Neste sentido, destacan sobre calquera outra dimensión a calidade formal dos seus textos, os dotes de versificador, a súa identificación coa alma de Galiza, cuxa paisaxe e tradicións soubo cantar coma ninguén. Facendo das súas anotacións prosa poética, Otero Pedrayo valora así a obra do cambadés: "Bardo, pulsó la lira de acero. Trovador, rindió crepúsculos y alboradas de indecible belleza al jardín del amor. Vate, anunció destinos y guió el himno del pueblo. Fundador y taumaturgo, levantó ermitas, cenobios y claustros en arquitectura de verso, de cantiga y de alejandrino ascedente y curvado en fachadas y cúpulas". A imaxinería usada de por si é ben expresiva.

Para as xeracións máis novas, o poeta pasa por modelo de fidelidade ao idioma. Así o subliña Alonso Montero , nunha conferencia en Padrón con motivo das homenaxes que se lle renden na Pascua de 1958, cando refire o esf orzo do poeta pola dignificación e ennobrecemento do galego. Aquilino Iglesia Alvariño , nun artigo de título elocuente, "Ramón Cabanillas, creador de una lengua" ( La Noche, 5-IV-1958), glosa as dificultades do poeta para dar cunha expresión adecuada aos temas e personaxes da etapa mítico-saudosista, unificando unha lingua dialectalizada e introducindo arcaísmos e neoloxismos antes non usados: "La gloria de Cabanillas será siempre la de haber encontrado esta lengua: una lengua de viejos reyes, milagrosa, alegre y brillante, como un arco de claustro, como un rosetón de catedral, como un "paso de honra" frente a la ría de Arosa".

Das numerosas referencias que provocan as homenaxes populares dos anos 58 e 59, unha vez que regresa definitivamente a Galiza xa para morrer, así como do aluvión de reseñas necrolóxicas con motivo do seu pasamento, pouco novidoso podemos extraer. Prodúcese unha segunda oficialización de Cabanillas, considerado todo un clásico en vida, poeta da aldea, poeta da saudade, intérprete fiel do seu propio sentimento e de Galiza, poeta seráfico de mente e de corazón, discípulo da relixiosidade humilde que pregoara Francisco de Asís. Na cerimonia de confusión das exequias participarán as principais autoridades civís e militares, Gobernador Civil de Pontevedra, presidente da Deputación Provincial, Capitán General de la Región, etc., etc., á par das principais figuras da cultura galega... e unha impresionante representación popular. As notas necrolóxicas resaltan os detalles máis nimios da súa biografía, con especial atención á súa condición de académico da Española e á amizade con Maura, Menéndez Pidal ou Azorín... pero nin unha soa liña lembra a súa militancia galeguista. Como sintomática por hipérbole da última impresión que deixa a morte do poeta, rescatamos as palabras que lle adica El Eco Franciscano en decembro de 1959:

Pero nos interesa resaltar sobre todo que Cabanillas fué un poeta cristiano. No es esta una afirmación baladí. Cuando tantos otros creen encontrar en la fe, sentida y vivida, una rémora para el libre vuelo de la inspiración, un lastre de plomo para toda espontaneidad creadora, Cabanillas probó con sus versos lo contrario. Por eso en su última hora quizá aleteasen en torno del poeta —mariposas de consuelo y esperanza— tantos poemas suyos transidos de religiosidad. Aquellos en que se hizo intérprete de la fe ingenua de los cruceros aldeanos dispersos por el país gallego; de las penitencias de San Amaro en tierra del Salnés; del viaje del Caballero Galaaz al Cebrero en busca del Santo Grial; del rumor de colmena mística, de oración salmodial, del monasterio de Samos. Y de la figura seráfica de San Francisco, peregrino a Compostela por el "camino francés".

A derradeira imaxe de Ramón Cabanillas Enríquez.

Pero a pesar da compracencia oficial, o conxunto da obra de Cabanillas segue a ollarse con desconfianza: o poeta morre sen ver cumprido o soño de ver publicada a Obra Completa que vén preparando desde comezos dos anos cincuenta. Finalmente, aparece no exilio, nese mesmo ano de 1959, promovida polo Centro Gallego de Buenos Aires e ao coidado de Luís Seoane e Eduardo Blanco Amor . Ao recolleren a noticia da morte do autor, deixan caer unha acusación explícita: "a demora desta edición, débese á intolerancia dos que impediron que houbese aparescido no decurso do pasado ano de 1958, na terra natal, como se tiña proieitado". Aínda amortallado no hábito de San Francisco, seguía a ser un poeta incómodo e subversivo.

Desde estas datas aos primeiros anos do posfranquismo a poesía de Cabanillas entra nunha fase de certo esquecemento, só aliviado pola influencia que os seus versos de loita tiveron entre os poetas social-realistas. A recuperación pública da súa figura iníciase en 1975, cando o nacionalismo Ile adica, extraofiacialmente, o Día da Letras Galegas; ao ano seguinte, a Real Academia Gallega fai o propio, e paseniño os seus textos comezan a reeditarse. Naturalmente, o Cabanillas que resucita agora, pouco ten que ver co enterrado vinte anos atrás: o interese da crítica e dos lectores centrase sobre a obra de preguerra, máis en concreto sobre Da terra asoballada e Na noite estrelecida. Asumindo definitivamente o seu galeguismo esencial, as valoracións modernas oscilan entre os pólos estéticos e ideolóxicos que marcan estes libros: nun, a poesía de combate e denuncia, sinxela na construción e inmediata na mensaxe; noutro, a obra caracterizada polo virtuosismo expresivo e a intelectualización dos contidos. Dependedo dos momentos estéticos, así se puxo o acento sobre un Cabanillas ou outro.

Pero esta mesma oscilación denota aínda unha posición inestábel no noso sistema literario: pese a ser un dos clásicos máis e mellor editados, é tamén unha figura que non suscita adhesións nin entusiasmos. A pluralidade que permitiu que noutras épocas porvocase unanimidades volveuse sorprendentemente na súa contra para impedir que hoxe en día teña lectores apaixonados. A cotío paira sobre as consideracións críticas unha acusación inxusta de inautenticidade, ideoloxismo e retoricismo vougo. Parecen aceptarse tacitamente as observacións retranqueiras con que o poeta xulgaba corrosivamente a súa obra nos últimos anos: "eu fixen poesías coma poidera ter feito canastas", "eu non nacín para poeta, senón para secretario de concello", "nunca me considerei poeta, senón un versificador con máis ou menos maña"... Ben ao contrario, raramente encontraremos na nosa literatura un escritor como Cabanillas para quen toda a biografía sexa a poesía; poucas obras que con tal riqueza de matices expresen a diversidade contraditoria da experiencia humana; moi poucos que coma el axustasen a vida ao ideal ético asinado desde as páxinas de Vento mareiro en 1916:

Ás traicións e ás inxurias xordo e cego
sobre todas as cousas deste mundo
arrolar meu amor, nobre e profundo,
á redención do escravo chan gallego.

E si un día felís contra a inxusticia
nos agros celtas o cramor se escoita,
ser dos primeiros en abrir a loita
baixo a santa bandeira de Galicia.

IMAXES