A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa de Eduardo Blanco Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo
A Obra narrativa de Blanco Amor

A faceta máis importante de Blanco Amor é a da súa obra narrativa. Catro novelas e un libro de contos constitúen a súa extraordinaria aportación á literatura galega e española. E aínda que cada un destes cinco libros posúe a súa propia individualidade, en todos aparecen uns rasgos comúns que configuran o microcosmos do seu autor. Antes de máis, cómpre sinalar que toda a obra narrativa de Blanco Amor se desenvolve no mesmo lugar: Auria, trasunto do Ourense natal do escritor. Mais este Ourense que vemos nas páxinas destes libros é, si, o Ourense real coas súas rúas, prazas, arrabaldos, igrexas, fontes e comercios, mais é tamén un Ourense enfeitado, mitificado que evita certas realidades desagradábeis, pouco poéticas, tristes, vulgares. Auria é, pois, Ourense, mais tocado por unha maxia e unha poesía que se deben exclusivamente ao autor.

Agás A esmorga ,na que a chuvia e a friaxe son case protagonistas, e algún dos contos de Os biosbardos , a Auria de Blanco Amor dista de se corresponder co duro clima de Ourense, clima continental e rigoroso, de fríos e húmidos invernos e veráns moi calorosos. Esta Auria supón, ou cando menos iso procura o novelista, unha especie de "mise en scène" do paraíso infantil, do adolescente que Blanco Amor recrea, imaxina, inventa na súa dupla condición de adulto e emigrante que, na distancia atlántica, evoca, aformoseándoa, unha realidade acontecida moitos anos atrás. Porque esa nenez do escritor foi triste e conflitiva. El propio nolo di:

Víctor Freixanes.

[A miña nenez foi] triste, moi triste. Era un neno triste nun pobo triste: Ourense. Era un neno sempre doente, con trastornos dixestivos, con quenturas e dores, cicáis un pouco asulagado tamén no amor da miña nai que vía en min un rapaz fráxil e fuxidío e enchíame de atencións e agasallos por enriba dos demáis nenos e dos meus irmáns. Sempre había mulleres por aquela casa e eu andaba tristeiro e como amolado no meio de todos. Esa é a lembranza que teño daqueles anos.

(Declaracións de Blanco Amor a Víctor F. Freixanes e recollidas en Unha ducia de galegos ,1976)

Nestas palabras encontramos tamén outros temas recorrentes en Blanco Amor: o mundo da infancia-adolescencia, a importancia da nai, cun singular complexo de Edipo, e o mundo feminino que rodeou os primeiros anos da súa vida. Isto tradúcese no ámbito no que se desenvolven as súas novelas. Un medio familiar no que as mulleres desempeñan un papel protagonista face a un transfondo colectivo que representa o resto do mundo, e o mundo é unha pequena cidade de provincias dominada polo símbolo da catedral, con todo o que iso representa de poboación levítica, de presencia constante do poder eclesiástico e da vinculación deste co poder civil.

Outra característica común dos libros de Blanco Amor é que todos están escritos en primeira persoa; as historias son contadas con distancia de adulto que recrea a súa nenez, un mundo esvaecido para sempre, o que lles outorga un intimismo e unha nostalxia evocadora moi acentuados. Tamén é significativo o carácter coral destas novelas, nas que aparecen infinidade de personaxes, moitas veces comúns a dous ou máis libros, e que outorga á propia cidade de Auria un papel protagonista: operarios, cregos, nenos, vendedores, artesáns, pequenos burgueses, comerciantes, mestres, pequenos aristócratas, beatas, gaceteiros, indianos, e unha ampla galería de putas —moi queridas, literariamente, polo escritor— van configurando o incesante ir e vir, a ebulición que caracteriza as vivas e palpitantes páxinas destas obras.

Se o lugar é unha constante, tamén o é o tempo polo que se estenden estas historias: os dous primeiros decenios do século XX que coincide, case exactamente, cos anos nos que viviu en Ourense Blanco Amor. Se as datas non están expresadas en pormenor, podemos coñecelas por certos acontecementos externos: a pasaxe dun cometa, o fusilamento dun famoso pedagogo, unha guerra estranxeira ou a acta gañada polo primeiro deputado socialista. Tamén a temática presenta rasgos comúns: o descubrimento da vida na pasaxe da infancia á adolescencia, do amor á sexualidade, as relacións familiares, en especial as paterno-filiais; a educación nas escolas, a soidade, o enfrontamento político entre os reaccionarios —representados, en xeral, pola igrexa, os maragatos ou comerciantes de orixe non galega, os burgueses e as autoridades civís e militares que obedecen as ordes dos caciques— e os progresistas —os obreiros concienciados, algúns intelectuais— e outros temas moi pouco tratados na narrativa contemporánea, tal vez porque sempre supuxeron un tabú: o incesto, a homosexualidade e a masturbación, expostos aquí con sensibilidade e un bo gosto literario afastado de calquera vulgaridade ou fácil pretexto escandaloso.

La Catedral y el Niño

A primeira novela de Blanco Amor, La catedral y el niño (1948), é unha excelente mostra do antedito. O mundo de Auria, recuperado nun exercicio da memoria, móstrase a través do ollar dun neno, Luis, que contempla a desintegración da súa familia —a figura do pai é particularmente negativa, unha mescla de "señorito", lacaceiro, xogador, ignorante e estragador da súa propia fortuna e a da súa muller— e que terminará emigrando á Arxentina, como o propio autor cando ten dezanove anos. A novela, de indubitábel sabor autobiográfico ben que cun marcado transvase de clase social, analiza con lirismo, ironía e por veces con soterrada tristeza, a vida pechada dunha pequena cidade cuxa falta de perspectivas culturais e económicas empurran o protagonista a procurar novos horizontes. A débeda con Marcel Proust é sinalada polo propio Blanco Amor, e tamén co gran novelista portugués José Maria Eça de Queiroz, os xermanos Thomas Mann e Hermann Hesse, a máis de coa psicanálise de Freud, negando, en troca, a súa vinculación coa literatura realizada na España ata daquela coa excepción de Valle-Inclán.

Marcel Proust.

Sen embargo La catedral y el niño ten uns claros antecedentes na literatura española, sen que iso signifique rebaixar a fundamental orixinalidade da novela. Son, por outra parte, uns antecedentes ilustres: La Regenta de Clarín; Doña Perfecta de Pérez Galdós; e as dúas novelas de Oleza de Gabriel Miró: Nuestro Padre San Daniel e El obispo leproso. En todas elas encontramos a vida nunha cidade provinciana, interior —é dicir, sen mar e, por tanto, máis illada— e con bispado, que fai que os asuntos eclesiásticos teñan unha incidencia notábel nas vidas dos cidadáns. A crítica social dunhas estruturas inxustas, do poder e da intolerancia e a hipocrisía relixiosas é outra nota común nestas grandes novelas, nas que os personaxes máis positivos se ven frustrados nas súas aspiracións vitais pola represión dos máis fortes e dominantes. Sobre todo a última citada, cuxo protagonista, Pablo, é tamén un neno-adolescente, garda unha afinidade notoria con La catedral y el niño ,en especial polo talante estético, a sensibilidade poética da súa prosa e o ton intimista que a preside, a máis do marcado carácter edípico do protagonista e a crítica tan aguda dos internados relixiosos masculinos.

En conxunto, La catedral y el niño ,cos seus cerca de douscentos personaxes, constitúe un excelente lenzo, por veces sinxelo, por veces de indubitábel barroquismo, do Ourense de principios de século contemplado desde a perspectiva, un tanto decadente, do último membro dunha aristocrática familia en declinio. A outra cara desa moeda, a mesma cidade, a mesma época, mais vista polo fillo dun obreiro socialista, ofrecéraa Blanco Amor uns anos máis tarde na súa última e soberbia novela Xente ao Lonxe .

A Esmorga

Escrita en 1959, A esmorga é unha novela curta que se aparta un tanto da habitual estética literaria de Blanco Amor. Fronte ao mundo infantil e adolescente dos seus outros catro libros narrativos, A esmorga ten como protagonistas tres homes novos —na súa casa dos vinte anos—, aínda que a época sexa case a mesma, e o lugar, como sempre, Auria. Mais non só neste aspecto é A esmorga diferente as súas outras novelas: quizá o que resulte máis singular é a especial dureza desta obra, o desasosego, a tristeza e a dor que contén e o seu terríbel final. Blanco Amor propúxose destruír o mito de que a lingua galega servía a penas para a poesía lírica, para a nostalxia, a morriña e os cantares de carácter popular. Con ese obxecto creou unha lingua literaria nova, que recolleu das distintas formas de falar dos galegos emigrantes, sintetizándoas nunha especie de "koiné" xeral á que lle deu unha dignidade estética. Mais o importante é que o novelista atinxiu o seu propósito cun talento en verdade excepcional.

A esmorga é unha novela de marxinación e de marxinados, na que tres tipos da máis baixa clase social se ven envoltos nunha especie de fatalismo, de traxedia grega que os enaltece nunha catarse purificadora final. En un só día, estes tres homes —o Bocas, o Milhomes, o Castizo— viven cunha intensidade case insoportábel. É un día de frío e de chuvia incesante e deciden andar unha esmorga, unha farra na que a alucinación, o sexo, acaso o amor tamén, e, finalmente, a morte, combinan cun rigor implacábel. As relacións de interdependencia entre o efeminado Milhomes e o machista Bocas —o seu xogo sadomasoquista— e a debilidade de carácter do Castizo, un epiléptico que vive cunha prostituta, dan lugar a un complexo xogo de actitudes que oscila entre a humillación e a agresividade, a camaradaría e a vinganza. Nunha atmosfera que vai tupíndose máis cada vez, ata se facer case insoportábel, nunha liña que beirea a loucura e o crime, os personaxes de A esmorga viven, sofren, soñan e gozan cunha densidade e unha angustia lindante co patolóxico.

Fotografía publicada no xornal dixital Sermos Galiza , con ocasión da exhibición do filme  A Esmorga , baseado na obra de Blanco Amor e dirixido por Ignacio Vilar. Na imaxe, xunto co director, os actores principais, Miguel de Lira, Antonio Durán "Morris" e Karra Elejalde. É de salientar a gravación íntegra da película en galego, idioma orixinal da novela homónima.

Os comportamentos dos tres personaxes responden a unha ben calculada diferenciación psicolóxica. Falouse xa do influxo de Freud en Blanco Amor. Aquí os escuros ligames entre o maricallas e o peitodemacho supoñen unha clara mostra da atracción-rechazo entre dous caracteres contrapostos. O Bocas dillo claramente ao Castizo: "... a ideia de que este merdán me teña sobranceada a vountade, vólveme tolo". E un pouco antes: "¡Pois eso é o fodido! Sin il non me adivirto ... E si ando co il, chega un intre en que nos temos que bater, é decir, en que teño que bater nil, veña ou non a conto... Pro sin il non me adivirto, veleí tés o caso..." Nestas frases encóntrase a idea chave da novela contemplada desde unha perspectiva de traxedia persoal. Todas as secuencias, tan múltiplas e variadas, desas vintecatro horas de chuvia e alcol, están ordenadas para chegar á fin como unha consecuencia lóxica e inevitábel desta relación. Un estudio psicanalítico de A esmorga deitaría, sen dúbida, resultados extraordinariamente interesantes.

Ricardo Carbalho Calero ve nesta obra algún vínculo con La chute ,de Camus, pola súa técnica narrativa, un certo ton sartriano, ambas as aseveracións moi discutíbeis. Estaría máis perto da estética neorrealista italiana peneirada polo lóxico influxo de Valle-Inclán. En calquera caso, unha obra absolutamente persoal.

Mais esta novela non é só un relato de tres personaxes. Máis de medio cento buligan nestas vintecatro horas de pándega: os gardas civís, as prostitutas, os confrades da Adoración Nocturna... Varios destes personaxes aparecen noutras obras de Blanco Amor: a Zorrita, a Xenerosa, Narizán, o Sardiña... porén, máis que unha obra coral é unha traxedia individual ou, en calquera caso, unha traxedia da marxinación.

Blanco Amor non é bondadoso con estes marxinados: tortúraos real psiquicamente ata extremos atroces, mais esta actitude literaria e humana tórnase, afinal, en contra das clases dominantes, da xustiza, das leis, é dicir, do poder. O estremecente final da novela, coa súa implícita acusación á Garda Civil, era, en 1959, dunha audacia sorprendente. Ben é certo que o autor pagou por tal ousadía coa negativa da censura á súa publicación e a obra tivo de ser editada na Arxentina. Blanco Amor enviara o orixinal da novela á editorial Galaxia de Vigo que o presentou á censura co texto xa composto e paxinado. Deberían pasar once anos para que a censura dese a súa aprobación.

Mais o que se trata na obra non son uns feitos illados e atípicos. Na súa novela, Blanco Amor está a denunciar unha situación habitual na Galicia daquela que condenaba inexorabelmente unha parte da súa poboación ao analfabetismo, á miseria e á brutalidade. A diferencia das súas outras novelas, nas que abundan os rasgos autobiográficos, A esmorga non constitúe unha experiencia vivida polo autor; porén, a idea veulle dun recordo infantil: a visión dun home a desangrarse por un navallazo que contemplou mentres estaba na praza Maior de Ourense vendo unha procesión coa súa nai. Blanco Amor relátao deste xeito:

Sendo eu un rapaz de cinco anos, estaba coa miña nai presenciando e "Encuentro" da procesión de Viernes Santo, nun balcón da plaza Maior de Ourense. O "Encuentro" era esactamente un auto sacramental mudo. Estóu vendo a un crego, ao que lle pagaban catro onzas por predicar toda a semá e que facía de coro de traxedia grega, estimulando e guiando as imáxenes. O ar cheiraba a perrita e sentíase un ruído de zocos pola plaza adiante. De repente, fíxose un claro de riña debaixo de nós. A miña nai colleume deseguida e xa non vin máis. Ao "Bocas" abríranlle o bandullo, e foise correndo, emparando as tripas que lle saían, hastra o hospital da plaza das Mercedes. De aquela navallada saíu A esmorga.

(Declaracións realizadas a Carlos Casares e publicadas no nº 41 de Grial en 1973).

Cunha linguaxe dunha extraordinaria forza expresiva inzada de vulgarismos e frases feitas, mais empregados, e moi ben, cunha intencionalidade literaria —que salienta na secuencia do pazo e a boneca—, dunha dureza pouco común mais tamén dun soterrado lirismo que denota a calidade de poeta de Blanco Amor, A esmorga é unha obra impar no panorama literario da segunda metade do século XX.

Do punto de vista estrutural, a novela está dividida en cinco capítulos, á parte unha especie de breve prólogo denominado "Documentación". Neste prólogo o autor fálanos dun misterioso e tráxico suceso ocorrido moitos anos atrás e que se contaba polas xentes de Auria de moi diverso modo. Coa axuda dun tío seu, antigo alguacil do xulgado, os xornais da época, o fillo dunha testemuña que coñeceu a algún dos tres protagonistas do caso e o seu sentido da dedución, chegou a reunir datos e establecer circunstancias que son as que darán lugar á novela propiamente dita. Como sempre en Blanco Amor, os sucesos cóntanse en primeira persoa —neste caso polo personaxe do Castizo— que desenvolverá a historia ao longo dos cinco capítulos. O narrador conta o acontecido na tráxica historia da esmorga a un xuíz que lle fai perguntas cuxo contido non se dá a coñecer na novela, mais que o lector deduce das explicacións que ofrece o encausado. Esta técnica tal vez a puxo en práctica o autor para evitar facer unha novela bilingüe, pois, se pretendía facer crónica "veraz", o lóxico tería sido pór en castelán as intervencións do xuíz, xa que unha persoa de autoridade xamais usaría o galego nunha causa ou intervención pública.

Blanco Amor en Baiona, con mariñeiros do "Norita", en 1929.

De facermos caso das palabras do prólogo —a historia está escrita case noventa anos despois de ocorrido o suceso— A esmorga sucede en torno a 1870 (no capítulo III fálase dos discursos dos republicanos e a efémera primeira república estableceuse o 11 de febreiro de 1873 para ser esmagada por un golpe militar o 3 de xaneiro de 1874). O novelista fixa no amañecer dun frío luns de inverno —cinco meses desde o verán— o comezo da historia da esmorga que dura, aproximadamente, vintecatro horas xa que finaliza no abrente do día seguinte. As cinco secuencias ou capítulos nos que se divide a novela teñen a seguinte división temporal: o capítulo primeiro esténdese desde, máis ou menos, as seis da mañá —o narrador vai andando ata as obras nas que traballa como canteiro e ten que estar alí as sete— ata o mediodía visto que case ao principio do capítulo segundo os tres esmorgantes prenden lume para comer e o Castizo refírese á súa muller que a esas horas xa tería levado o xantar ás obras. Esta segunda secuencia ocupa toda a tarde ata acabar o día pois que no comezo do seguinte capítulo dísenos que era noite pecha; a terceira secuencia desenvólvese ata as tres da mañá, pois ao comezar o capítulo cuarto os compadres pasan pola praza Maior cando son as tres pasadas no reloxo do concello. A cuarta secuencia é moi breve, a penas dúas horas, xa que finaliza coa chegada dos amigos á estación para apañar o tren das cinco da mañá para Monforte. O capítulo final, tamén breve, esténdese ata o alborexar do novo día no que ocorre o tráxico desenlace.

Cada unha destas partes ofrece un punto culminante no arco mortal que conduce á inexorábel conclusión: a aventura do pazo dos Andrada na primeira, o incendio do pazo do Castelo na segunda, a visita ao bordel da Nonó na terceira, a historia da boneca de tamaño natural na cuarta e a violación de Socorrito a tola na derradeira. Todos estes puntos de máxima tensión vense apoiados por algúns rasgos permanentes que dominan a "posta en escena" da novela: o alcol e o frío.

Os tres protagonistas beben decote para combater o frío glacial que lles cortaba os dentes e que convertera en xelo como pedra a moita auga caída durante o día. A chuvia domina os dous primeiros capítulos —máis de vinte referencias á chuvia aparecen neles— para logo dar paso ao tempo seco pero aínda roáis frío. Ambos, chuvia e frío, son o lóxico pretexto para o viño, a augardente, o licor-café, que, sen parada, beben o Bocas, o Milhomes e o Castizo. Con eles, os homes tentan afuxentar non só a friaxe que os atravesa ata a cana dos ósos senón as súas propias fantasmas que os perseguen con obsesiva teimosía: a epilepsia, a soidade, a represión, o mundo hostil que os rodea; e todo a pesar da conciencia que teñen da súa propia autodestrución:

"Nós íamolas facendo de tal xeito coma si as fixeramos sen darnos conta, ao menos polo tocantes a min, pra que logo non tivesen remedio, coma quen vai fechando portas tras de sí e guindando coas chaves, coma pra non querer voltar, tal coma si adrede caminásemos á nosa pirdición".

Esa degradación dos personaxes, ese afundamento no abismo que lles vai abrindo o camiño cara á morte, é paralelo á intensidade vital que os tres homes senten e padecen. Todo conflúe para atinxir o paroxismo final que converte estes tres desgraciados, estes tres antiheroes e perdedores en tres seres humanos aos que unicamente a morte foi quen de outorgar unha insospeitada grandeza.

Os Biosbardos

Os biosbardos , libro publicado en 1962, é unha colección de oito preciosos contos (na 1ª edición figuraban só sete; na 2ª, de 1970, engadiuse outro, que figura en primeiro lugar e se intitula igual que o libro) protagonizados sempre por un neno ou adolescente, en xeral un garoto pobre, e escritos nun estilo de extraordinaria finura e elegancia literaria, no que non faltan nin o humor nin a escondida crítica social. É unha obra tocada de maxia, de poesía e orixinalidade. Os distintos rapaces vannos desvendando un mundo infantil, sorprendente e misterioso, cheo de imaxinación e fantasía e, sen embargo, moi testemuñal da Auria de principios de século, da infancia do autor. Como este sinala na "Xustificación" que a maneira de prólogo precede á obra propiamente dita, os contos "como ambente, son todos autobiográficos; como anéidota, ningún".

Aínda que o libro está dominado polos adolescentes, algún personaxe dos adultos é particularmente interesante, como a señora Fermina, a panadeira tolleita de "O noxo", que é atea, e a pesar de ser analfabeta leva perfectamente as contas do pan e busca en Abelardo, o neno protagonista, unha "axuda" para as súas necesidades femininas.

"O encalatro" é un conto tristísimo no que dous nenos, Crisanto e Alberte, seguen o camiño de ferro, nun húmido e frío día de inverno, nunha viaxe a un pazo maravilloso que Crisanto di que posúe o seu avó, un pazo quente e ateigado de manxares. A fuxida dunha realidade de fame e miseria cara á inventada ilusión rematará co inevitábel fracaso da fantasía e a irrupción da Garda Civil. A atmosfera opresiva e case angustiosa do relato está conseguida con admirábel pulso.

En "Primeira comunión" retrátase con fino humor todo o tecido socio-relixioso desta cerimonia, que continúa a ser tan importante na sociedade actual, sobre todo nas clases culturalmente pouco desenvolvidas.

Curiosamente, o protagonista e a súa nai teñen os mesmos nomes, Luís e Carmela, que os de La catedral y el niño e é evidente que existe unha estreita relación entre ambas as obras.

O conto máis fermoso e sorprendente da colección tal vez sexa, probabelmente, "Bartoméu i os biosbardos", un precioso relato que nos presenta a un neno que ten poder para deter o vento e a auga e atraer os paxaros, un neno feo que non se sabe de onde vén e que está sempre alegre e sorridente.

Os biosbardos era o libro predilecto do autor. En moi poucas ocasións, se é que en algunha, a maxia de Galicia, por veces con tons divertidos, por veces tristes e melancólicos, foi captada con tal penetración e ámbito poético. Unha obra verdadeiramente mestra da narrativa breve.

Los miedos

Los miedos (1963) é unha espléndida novela na que Blanco Amor torna a presentarnos as súas antigas obsesións: o mundo da infancia-adolescencia, o descubrimento da sexualidade, as relacións familiares, a fin dunha forma de vida... Situada nunha finca da contorna de Auria, conta as aventuras do protagonista, Peruco, dos seus curmáns, Diego e Rosa Andrea, e doutro neno, Roque Lois, un parente lonxano e pobre. A novela desenvólvese durante un verán que ha ser decisivo nas vidas deste rapaces, especialmente dos varóns, que se enfrontan á soidade, ao medo e ao brutal descubrimento do amor dos adultos na súa forma máis crúa, e tamén do seu propio corpo. Nun capítulo da novela, o XVII, nárrase de xeito moi claro mais tamén moi sensíbel, a masturbación doutro rapaz, Crespiño, empregado da finca. Este capítulo foi motivo de escándalo e causa dunha denuncia de inmoralidade que sufriu a novela perante as autoridades da censura, e que foi levada a cabo por José María Castroviejo.

Blanco Amor autorretratado en Buenos Aires, no 1955.

A rexa figura de dona Zoe de Razamonde, propietaria da quinta e avoa de Peruco, é unha gran creación literaria e Blanco Amor, que retrata maxistralmente a unha muller de setenta anos que, sen embargo, leva as rendas das súas amplas posesións con enerxía e personalidade, consegue plasmar un soberbio exemplo de matriarcado galego. Xunto a ela e os nenos aparecen outros moitos personaxes que compoñen o mosaico desta historia rural, na que se combinan unha riquísima gama de matices psicolóxicos e uns feitos que van do desagradábel ao terno nunha sabia mescla de ironía, elementos poéticos, seriedade, primitivismo e amorosa contemplación. En algúns aspectos, o seu autor consideraba esta novela como a mellor das súas.

Xente ao lonxe

A última novela de Blanco Amor é Xente ao lonxe (1972), obra que, como xa se indicou, supón unha evocación da Auria de comezos de século, mais dun punto de vista moito máis politizado e reivindicativo. Non é a visión dun neno-adolescente de clase acomodada e educación burguesa, como en La catedral y el niño ou Los miedos, mais a dun fillo dun tipógrafo que vai descubrindo a realidade social e a loita de clases e, paralelamente, os seus propios sentimentos, os seus conflitos familiares, o seu enfrontamento coa sexualidade e o amor. Baseada, parcialmente, en feitos históricos, como a masacre de campesinos no mosteiro de Oseira en 1909 ou as primeiras folgas coincidentes cos inicios do socialismo en Ourense, Xente ao lonxe é un amplo e poderoso friso no que a multitude de personaxes —máis de douscentos cincuenta—, algúns moi presentes ao longo de toda a novela, outros a penas albiscados, dan vida con extraordinaria intensidade a ese mundo recuperado, xa para sempre, da memoria poética dun gran novelista.

Do punto de vista da escrita, Xente ao lonxe foi un extraordinario exercicio de estilo, un esf orzo inxente por fixar literariamente a lingua galega —xamais se escribira unha novela de tal magnitude no noso idioma—, cuxo resultado foi unha obra de indiscutíbel categoría literaria. O propio Blanco Amor di sobre ela:

É unha novela de cidade, de xentes, problemas e vivenzas da cidade, como decote vén socedendo na nosa narrativa nova, no seu intento xeneracional de resgatar a "fala" do seu longo —cinco séculos— aposentamento nos beizos e nos usos dos labregos, mariñeiros e artesáns (e tamén no linguaxe "de coña" dos vilegos señoritos ou aseñoritados) e ir facendo dela un "idioma" culto e "artístico" sin que deixe de ser "natural" e sin que caía nunha sorte de koiné especiosa, artificiosa e minoritaria que era un dos camiños perigosos que chegou a ficar.

(En La Voz de Galicia, 21-6-72).

Blanco Amor creou personaxes de carne e óso, coas súas miserias, as súas vulgaridades e tamén coas súas facultades para o sacrificio, os seus socos, as súas bondades ou os seus sentimentos de nobreza. Son xentes que viven as súas propias vidas, entendido ese vivir como algo persoal, mais, a un tempo, están mergulladas no devir histórico dunha época e dun país. É evidente que o novelista ten unha visión crítica da Historia e que escribiu a súa obra desde unha perspectiva progresista. Non xorde, porén, xamais o panfleto das páxinas da novela. E isto non só pola notoria categoría literaria da novela como pola carga de humanidade e de verdade que nela latexa.

A Guarda Civil despregada nas rúas de Ourense en 1909, logo dos sucesos de Oseira.

É interesante salientar as citas que presiden as diversas partes da novela, principiando pola do "Prólogo útil", do ensaísta e pintor húngaro Laszlo Moholy-Nagy (e non Mology-Nagy como aparece na edición príncipe) a propósito do grande arquitecto Gropius: "... e reintegróu aos artistas á xeira cotián da nación", que o novelista toma para si propio, pois indican algunhas das personalidades e actitudes literarias, artísticas e intelectuais que foron importantes para Blanco Amor na época de escrita da súa novela. As citas pertencen a Thomas Carlyle ( O culto dos heroes ),Albert Camus ( O revés e o dereito ),Francçois Mauriac (non se di a procedencia mais a cita cadra a Xente ao lonxe e ao seu autor: "Ningún drama pode comenzar a esistir no meu esprito si non o situo nos logares onde vivín..."), Emanuel Kant —sobre a dignidade do home— e Marcel Proust —sobre a realidade—. Ningunha das citas nin dos autores están de maneira gratuíta ou superficial senón que constitúen, fundamentalmente, unha verdadeira declaración de intencións.

A novela, contada en primeira persoa pero por varios narradores, divídese en catro partes. As dúas primeiras foron escritas entre 1966 e 1967 e as dúas últimas entre 1968 e 1970. A primeira, con nove capítulos, é a máis ampla e tamén a máis variegada canto a personaxes e situacións. Nela destaca o mundo da infancia a través dun neno, Suso; a segunda, con seis capítulos, céntrase xa nas peripecias do personaxe protagonista na escola, nos problemas educativos, a relixión e o sexo a través do propio corpo; a terceira, de cinco capítulos, supón a toma de conciencia social do rapaz, coa impresionante secuencia da brutal represión política; finalmente a cuarta parte, a máis breve, consta soamente de tres capítulos e nela Suso, que ten xa dezasete anos, enfróntase aos problemas da vida —o traballo e as súas reivindicacións sociais no 1º de maio, o coñecemento do sexo feminino, a soidade e as súas propias aspiracións como ser humano— ficando abertos boa parte dos conflitos levantados ao longo da obra. A novela remata cunha carta, inconclusa, de Evanxelina ou Vanxe, irmá de Suso e figura moi importante da novela, a unha amiga súa na que conta a situación na que se achan algúns dos principais personaxes da narración.

Xente ao lonxe é unha novela de rexistros intimistas e, ao mesmo tempo, barrocos, unha narración lírica e épica, que fala para o corazón e para a cabeza, unha obra literaria que reflecte, con singular acerto, as vicisitudes políticas e sociais, a historia e os conflitos profundos dunha terra, Galicia, e todo cunha linguaxe de extraordinaria categoría e alento novelesco e poético.

IMAXES