A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa didáctica (1916-1936)
A participación das mulleres

A presencia abrumadora de homes nos colaboradores das Irmandades, de Nós ,do Seminario ,do Partido Galeguista demóstranos o escaso papel que cumprían as mulleres na esfera do público a estas alturas. Mesmo vai ser só ao final deste período cando se aprobe o dereito ao voto feminino (no 1931), feito que dará lugar a unha maior preocupación pola problemática das mulleres, aínda que moitas veces dun xeito claramente electoralista: arrecadar o seu voto ata aquela inexistente.

Imaxe de Luisa Cuesta Gutiérrez accede, por oposición, no ano 1921 ao Corpo de Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos e acada o seu primeiro destino na Universidade de Santiago de Compostela. Colaborou co Seminario de Estudos Galegos en temas de catalogación e estudos diversos, referidos, fundamentalmente á emigración.

O acceso a estudios superiores e a presencia feminina no mundo universitario era, a comezos do século XX, insignificante. Aínda que a partir de 1910 as mulleres poden acceder a todos os graos do ensino, incluido o universitario, a súa incorporación é moi lenta, producíndose de xeito paulatino a partir dos anos 20. Así, algunhas comezaron a cursar, polo menos, carreiras consideradas "femininas" como Maxisterio, converténdose logo en mestras, unha das profesións de entre as que temos que buscar as nosas colaboradoras. Difícil será, sen embargo, atopar mulleres noutras carreiras, ou mesmo na propia Universidade. No período analizado por Isaura Varela no estudio xa citado (36 anos) só unha muller chegou a desempeñar un cargo universitario en Santiago, en concreto, Luisa Cuesta, que elabora para o Seminario de Estudos Galegos o ensaio " La emigración gallega a América ",e que era significativamente coñecida co alcume de " literata ".

 

A pesar da ausencia dunha lista copiosa de autoras da época, o movemento galeguista reivindicou sempre a igualdade de dereitos (tanto no aspecto político como a nivel xurídico) e pro curou atraer ás mulleres ás súas organizacións. Concretamente, na Asemblea de Lugo (novembro de 1918) pedíase a igualdade de dereitos para a muller. Hai, sen embargo que matizar o apoio e relevancia dados ás mulleres polos grupos galeguistas, pois o papel que este movemento outorgaba ás mulleres en pouco se diferenciaba do papel tradicional: como nais e esposas debían conseguir que nos seus fillos espertase o amor á patria, debían protexelos do drama da emigración, debían apoiar aos seus homes nas súas tarefas de rexeneración do país. Así, no artigo titulado " Non debemos esquencer á muller ",publicado no número 4 da revista Rexurdimento ,evidentemente escrito por un home, dise: "A voz da muller terá de ser a primeira que inculque ó meniño a adoración pol-a Terra e o orgullo supremo de levar o nome de GALEGO iGALEGO!". En definitiva, asistimos a un discurso paternalista ("Homes que queredes â vosa Terra, ceibe e felís, lembrádevos da muller. Educádea no ambente de patriotismo e orgullo da Raza,...") que comezará a romperse no momento en que aparecen mulleres na escena política, mulleres que mesmo reflexionan sobre o seu papel na vida pública e o xeito de se facer un oco nese mundo.

En canto á participación feminina nas Irmandades ,temos noticias da existencia da Irmandade Feminina da Coruña que contaba con ao redor de duascentas socias e a comezos do 1919 existe intención de organizar as seccións femininas en Betanzos e na Estrada. Se ben é certo que a da Coruña desenvolveu unha ampla serie de actividades, o seu cometido era moi diferente ao das Irmandades masculinas :recollida de datos sobre os traballos e salarios das mulleres, adhesión por medio de telegramas ás asembleas nacionalistas, apertura de subscripcións para doar bandeiras, etc. Ben significativas son as palabras de Freire Lestón:

"Como conclusión, diremos que as Irmandades Femininas, formadas basicamente por mulleres emparentadas familiarmente cos homes das masculinas, representan o primeiro intento, que nós saibamos, dun partido por organizar as mulleres en seccións propias, a pesar da rigorosa división do traballo que se observa e da diferencia de actividade entre os dous sexos".

En canto á Irmandade Feminina de Betanzos, esta nunca existiu segundo afirma Xesús Torres Regueiro, senón que as mulleres formaban parte do Coro e do Cadro de Declamación da Irmandade. O texto dirixido " As mulleres brigantinas " que, con ese mesmo título foi publicado nunha folla impresa en marzo de 1919, "debeuno escribir Antón Villar Ponte polo que se desprende das actas da Irmandade, que recollen o acordo adoptado na xunta celebrada o 10 de Febreiro dese ano de solicitarlle a Villar Ponte un escrito " pra imprentarmos eiquí dirixido as donas betanceiras co ouxeto da formación da Irmandade feminina ".

Presenza feminina entre o alumnado da Escola de Artes e Oficios de Santiago en 1930

Coa chegada da II República intensifícanse os chamamentos ás mulleres para que participen no Partido Galeguista. Comeza así, no boletín A Nosa Terra ,a publicarse un espacio que co título O recanto da muller se manterá con diversas colaboracións pedindo a participación das mulleres e o compromiso coa loita galeguista. Mª Luz Morales, Xosefa Iglesias Vilarelle, Carme Lobeiras, María Santos, Pura Lorenzana, Elvira Bao, Xesús Otero son algunhas das que participan dun xeito máis activo na política da época, facendo continuas chamadas ás mulleres para conseguir o seu agrupamento. Aparece aquí xa unha intención de rachar co sistema tradicional e de procurar unha incorporación das mulleres ao mundo político a través da toma de conciencia feminina. De grande interese son a este respecto as palabras de Carme Lobeiras Pantín na sección citada do xornal A Nosa Terra ,onde se denuncia a falta de modelos femininos, de imaxes que poidan servir de espello para nós mesmas:

"As mulleres estivemos sempre lonxe de toda aituación política e social. Unha concepción simplista e depauperada da vida tennos anquilosadas onde ao fogar. Isto depende, como é natural, dunha falla de concencia femenina de xustas ampritudes. Non hai aínda formada unha personalidade feminina, tipo na que poidamos moldear personalidades individuaes, desfiguradas, borrosas e mesquiñas..."

María Santos Freire, na mesma sección, incide na necesidade de falar non só para as mulleres, senón tamén para os homes, ocupando polo tanto os espacios que eles monopolizan neses momentos. Arremete, pois, contra a timidez e a preguiza, dúas cousas que as mulleres deben eliminar.

No artigo " Un chamamento ás mulleres galegas ",publicado no 1934, Celia Bouzas e Mercedes do Campo diríxense, cun discurso tremendamente radical, ao resto das mulleres do país para que sigan o exemplo do Grupo Femenino de Ourense :

"Sabemos que son moitas as donas galegas que teñen falado da nosa decisión ao orgaizare en Ourense un Grupo Femenino Galeguista e algunhas teñen loubado a nosa boa idea. ¿Por que non vos xuntades, como nós o temos feito, se levades dentro ise anceio que sentimos as donas galegas de poder vivir nunha Terra ceibe, que hoxe está enlixada pola ambición de xentes que non sinten coma nós, nin falan como nós, nin nela disfroitan como nós, porque a descoñecen e nos caloñan e persiguen sen nos escoitare? ¿Cecais teñen medo de que as convenzamos? Pode ser. Certamentes, son un impedimento pra as nosas arelas que son ben fidalgas e desintresadas.
Por iso, ousamos dar iste paso coa seguranza de que non vos demoraredes en seguire o noso eixempro, formando un Grupo Femenino, e, podendo, con meirande número de afiliadas que eiquí. Somos arredor de medio cento na cibdade e sabemos que se están orgaizando outros Grupos nos pobos da comarca. ¡Adiante, mulleres patriotas da nosa Terra. Todo por Galiza, sen importarvos que comentarán os vosos aitos e que poidan censurarvos. Como se trata de traballar pola nosa Patria, podedes levar a frente ergueita e por elo sentirédesvos orgulosas ao igoal das vosas irmáns de Ourense. Adiante ¡TERRA A NOSA!"

A pesar dun manifesto tan optimista,a militancia feminina no Partido Galeguista foi moi escasa, situándose ao redor do 5%. Ao mesmo tempo, como ten sinalado Xavier Castro, as mulleres tiveron moi pouca importancia neste proxecto político. Dentro deste grupo de militantes predominan as labregas e as mestras.

Se nos referimos xa en particular ás colaboración femininas de relativa importancia na cultura da época, a través neste caso das súas publicacións en Nós, A Nosa Terra ou das súas colaboracións co Seminario ,temos que destacar a Corona González, Xosefa Iglesias e Pura Lorenzana.

Corona González, nun artigo titulado "Pra os pais que tein fillas" chama a atención sobre a necesidade de que a muller reciba unha educación e pide o compromiso dos pais con esa demanda. Aínda que utiliza tamén o criterio de ter que educar os fillos para insistir na idea de que a muller debe recibir unha instrución adecuada, pon o dedo na chaga ao desenvolver a idea da falta de espacio para expresar as súas ideas, e, mesmo, aproveita para falar das diferentes alternativas que pode ter unha muller ademais do casamento (que non debe sentirse como obrigatorio) e de meterse monxa. Reivindica, en definitiva, a necesaria independencia económica, que só poderá conseguirse por medio do traballo e que posibilitará a liberdade de opción matrimonial, sen se veren as mulleres sometidas ao casamento por atopar quen as manteña.

María Pura Lorenzana Prado, doutora en Filosofía e Letras e licenciada en Dereito no primeiro terzo do século XX, movíase arredor do círculo do Seminario de Estudos Galegos.

Xosefa Iglesias é a autora do primeiro Método de lectura feito en galego por unha muller xustamente por encargo do Seminario de Estudos Galegos , valorado por Carme Blanco como "unha importante aportación histórica no campo da pedagoxía, do galeguismo e da incorporación das mulleres á actividade política e intelectual".

Pura Lorenzana participou en diversos traballos do Seminario ,colaborando con Florentino López Cuevillas, Antonio Fraguas e Sebastián González. Publícase nos Suplementos de Nós a transcripción dunha conferencia que pronunciou en 1931 dirixida á Xuventude Católica Feminina de Santiago. Neste texto faise un repaso das conquistas conseguidas polo nacionalismo deses anos, con citas de Cabanillas, Lugrís, Noriega, Risco, Castelao, Filomena Dato , Lago González, entre outros, para expoñer con claridade os obxectivos do nacionalismo galego ("O nazonalismo galego proponse a reconstituzón espritoal, política i económica de Galiza"), a definición de nación ("Si ser patria, si ser nazón é ter unha lingua, unhas costumes, un senso da arte, un esprito, caraiter, pensamento nazonaes, a escelenza na nazón galega ou da patrea galega é un feito natural.") e a distinción entre nación e estado ("...o Estado español é un que se compón de distintas nazóns; Cataluña, Vasconia, Andalucia, Galiza, etc."). O texto remata cun chamamento ás mulleres presentes na conferencia para que, como galegas, amen a Galiza axudando á súa rexeneración, tras o que exclama o habitual "¡Terra a Nosa!" dos mitins da época.

IMAXES