A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
A Poesía Contemporánea post-76

A poesía dos anos cincuenta, superando a persistencia de certas tendencias anteriores á guerra civil ( neotrobadorismo , imaxinismo, certo ruralismo e unha visión do paisaxismo herdeira do século XIX) tense definido polo seu ton confesional, testemuñal, que mostraba o poeta en conflito, enfrentado a unha realidade afastada de calquer esperanza. A da " Escola da Tebra " foi unha poesía aceda e pesimista, irmá no desencanto da Nova Narrativa , poboada esta por personaxes sen outra saída que a tolemia, o fracaso e a morte. O discurso da poesía da "Tebra" prolóngase en poetas posteriores como Antón Tovar , ou mesmo Xosé Alexandre Cribeiro e Xosé María Díaz Castro .

Esa conflitividade irá logo derivando cara á tensión entre o individual e o colectivo, cara ao berro inconformista e o compromiso político. O confesionalismo vaise prolongar, pois, nun discurso poético centrado nunha profunda e exclusiva preocupación social, que vai ocupar o espazo central da poesía galega ata os anos setenta. Este tránsito cara ao social, cara á expresión da conciencia crítica, aparece no interior en libros como Voce na néboa (1957) de Méndez Ferrín , Poema do home que quixo vivir (1958) de Bernardino Graña , Advento (1954) de Manuel María , ou O soño sulagado (1955) de Celso Emilio Ferreiro . Os poetas dos cincuenta marcarán unha ruptura profunda e as súas obras van influír na poesía posterior a eles a través de tres camirios: a "Poesía da Tebra", o compromiso social e o intimismo e culturalismo, que os conectarán cos poetas de fins dos setenta.

A carón deles aparecen poetas da xeración do 36 (Eduardo Moreiras, Miguel González Garcés, Xosé María Díaz Castro ), outros que publicaran na preguerra ( Aquilino Iglesia Alvariño , Cunqueiro , Carvalho Calero ), e con eles Luz Pozo Garza ou Avilés de Taramancos . Poetas "a contrafío", como os definiu o mesmo Avilés, que cultivaron a elexía, a temática amorosa, a reflexión sobre a palabra poética, mesmo un renovador tratamento da paisaxe, nun tempo de urxente discurso social. Estas liñas serán frecuentadas posteriormente de xeito case exclusivo. Neste sentido, a publicación dun libro como Herba aquí e acolá ,publicado en 1980 pero escrito ao longo das décadas 60 e 70, será significativa pola súa influencia nas novas promocións literarias, como o conxunto da obra do mindoniense, polo seu maxisterio estético, a reformulación de mitos, o evidente culturalismo universalista, a ironía, a utilización poética da linguaxe e o seu rico léxico.

O poeta Antón Avilés Vinagre, máis coñecido como  Avilés de Taramancos.

Desde fins dos setenta, e de forma especial na década seguinte, dominará un marcado esteticismo que xa nos anos 90 parece ir progresando cara á reflexión existencial e mesmo social, retomando en certo modo actitudes de décadas anteriores, e máis chegadas a unha poesía da experiencia. Das tendencias seguidas pola poesía destes últimos vinte anos, subliñamos as seguintes: apertura a novos camiños e profundización nalgúns xa existentes; subxectivismo, culturalismo; admisión de toda posibilidade de influencia; dispersión de individualidades, só ocasionalmente agrupadas en tendencias espaciais; concepto de libro como integración de poemas individuais, non como fondo de textos afíns, resultado do fragmentarismo como forma de percibir a realidade existencial; legado do culturalismo, nostalxia dun tempo ido, do pretérito, certo desencanto; carácter urbano; progresiva atención ao cotián e ao vivencial desde comezos dos noventa, con tendencia a unha linguaxe máis comunicativa.

Na mellor poesía destas dúas décadas aparece tamén a superación do concepto de vangardismo como actitude rupturista coa tradición e procúrase o equilibrio entre tradición e novidade, ou a comprobación de que, como di Borges, "cada linguaxe é unha tradición; cada palabra, un símbolo compartido".

IMAXES