A Etapa Contemporánea (S. XX)
Manuel María e o seu tempo
A Poesía de Manuel María

Medio século case de entrega á creación poética ten que ter momentos diferentes, tanto no plano da intensidade creadora como nos da temática e a estética. Mais, aos factores persoais, hai que unir moitos outros que interaccionan e deixan sentir o seu peso máis ou menos decisorio e decisivo: a fortuna editorial, a acollida do lector, as circunstancias sociopolíticas e culturais, os condicionantes individuais e/ou colectivos, etc. Considerando uns e outros factores, delimitamos unhas etapas que, sendo clarificadoras da súa evolución poética, son ao tempo significativas do que foi e é a poesía galega da segunda metade do século XX: 1949-1952, 1953-1963; 1964-1977; 1978-1980 e 1981-1995.

Manuel María

De 1949 a 1952: do Existencialismo á Rebeldía

Ten só dezanove anos e está a facer sétimo de bacharelato no Instituto de Lugo cando acomete, na primavera de 1949, a complexa tarefa de crear, con Manuel Antonio Sopena, unha revista literaria. Luís Pimentel apúntalles o nome: Xistral . Conseguen colaboracións e sacan dous números. Pero fallan as contas: as imprentas reclaman 1.000 ptas. O seu tío e a nai de Manuel Antonio interveñen; pagan a medias as débedas e, ademais da rifa familiar, esíxenlles o compromiso de que non se meterán en máis aventuras editoriais. O proxecto morre. Mais queda unha realidade inamovíbel: no nº 2 de Xistral aparece publicado o seu primeiro poema galego: "Cantiga derradeira".

Manuel María na compaña de Rodrigues Lapa en Anadia

En agosto, mentres pastorea a facenda familiar á beira do Miño, no campo de Santa Isabel, escribe os catorce poemas de Muiñeiro de brétemas . O marco ou espazo poético en que residencia as visións e emocións poéticas son as súas paisaxes outeirianas, habitadas polas brétemas miñotas de agosto; a palabra debuxa unha escenografía surrealista, onírica, imaxinista, que traduce o seu mundo íntimo cargado de interrogacións, dúbidas, agoiros e transrealidades existenciais.

Coñece a filosofía existencialista. O tío crego ten unha boa biblioteca teolóxica e filosófica. De existencialismo e saudosismo tamén se fala decote na tertulia; e sobre todo, fálase de poesía, dos versos doridos e sentidos —aínda inéditos— de Pimentel, dos libros de versos de Cunqueiro recreador de mundos medievais na liña da poesía neotrobadoresca , dos poemas que Aquilino Iglesia Alvariño recolle na recente publicación de Cómaros verdes (1947).

En setembro volve para Lugo e na tertulia le os poemas. Ánxel Xohán prológaos de inmediato. E Aquilino Iglesia Alvariño xestiona diante dos responsábeis da colección " Benito Soto " que acaba de nacer en Pontevedra, a súa publicación.

Os exames de primeiro curso de Filosofía e Letras que fai,en xuño de 1950 como alumno libre son unha desfeita. ¡Até suspende a Literatura! Comprende que por libre non pode seguir, pero o tío crego mantense: ou estudia Dereito ou non estudia nada. A nai está co que dispoña o seu cuñado. Só lle queda renunciar. E nunha noite de xuño, amargado, frustrado, libera a súa carraxe de león furioso na palabra agresiva e violentada duns versos que son sinceras testemuñas do seu ir Morrendo a cada intre ,do seu "consumirse nunha ciudá tranquila onde os veciños teñen polo menos 23 séculos cheos de vacios".

Saen do prelo, xuntos, Triscos ,de Luís Pimentel, e o seu Muiñeiro de brétemas ,facendo os números IX e X da colección "Benito Soto". O Muiñeiro de brétemas éo seu primeiro libro de versos e tamén o primeiro libro de versos dun poeta novo desde 1936, ano en que a guerra civil fendeu o normal desenvolvemento da literatura, a cultura e todas as formas de vida e expresión galeguista... Tiveron que pasar case 15 anos para que o normal proceso de renovación, garantía de vida, comezase de novo. O seu libro é o elo que une e solda a arteria poética garantindo o fluxo da vida poética galega.

Traballa no inverno nun novo libro de versos, que levará o título de Advento . En febreiro de 1951 manda o orixinal á editorial Galaxia . De momento, non ten cabida nos planos editoriais. Ramón Piñeiro comunicalle por carta de 18 de abril que recolleu o orixinal e que llo entregará cando se achegue por Lugo. Nestas, está na casa natal. Desde que morreu o seu irmán pequeno, Xesús María, atropelado por un coche o 23 de marzo, a nai necesita o seu consolo e amparo; e el necesita tamén o consolo e amparo da nai. A crise que no seu corazón abriu a perda do irmán ten de novo expresión poética nuns versos irados, en que pregunta, inquire, suplica, esixe... Deus é o interlocutor silencioso. Así nace o seu cuarto poemario: Libro de pregos .

As inquietudes non acougan. Colabora con Ánxel Xohán no proxecto dunha colección de poesía, semellante á "Benito Soto", de Pontevedra, que levará o nome de " Xistra l". En Vigo, A Coruña, Santiago, Ourense... conseguen colocar uns cantos exemplares fixos de cada entrega; co que se recada da venda de cada título financian a edición do seguinte. Pero é necesario ter cartos para pagar o primeiro. Na tertulia do "Méndez Núñez" fan colecta: 150 ptas. Está en marcha a segunda fase de "Xistral", agora como colección. Ánxel Xohán é o responsábel. Manuel María colabora: demanda orixinais, fala coas imprentas, escolle papel, etc.

Entre 1952 e 1955 sacarán 5 libros de versos galegos: Poemas pendurados dun cabelo (1952), de Ricardo Carballo Calero ; O paxaro na boca (1952), de Luz Pozo Garza ; Íntimas (1952), de Pura Vázquez ; Da miña zanfona (1954), de Ramón Cabanillas , e Orballo íspido (1955), de Manuel Casado Nieto.

Ao pouco de chegar a Santiago, a mediados de 1952, por mor do servizo militar, escrebe o quinto poemario desta etapa, Poemas a Compostela . Aínda pervive nos doce poemas que escrebe entre xuño e xullo, o trazo existencial, evidenciado na visión alucinada e tenebrosa da paisaxe urbana e cultural compostelá. A noite e a morte son referentes na súa inmersión nas rúas, na historia e na monumentalidade urbanas.

Nestes catro anos escrebe cinco libros de versos (inédito segue Acento sobre o silencio ,de 1950, o sexto da etapa) que, se ben teñen lazos comúns exclusividade do verso libre, linguaxe surrealista, intensa presencia da natureza como referente simbólico dos estados anímicos) conforman tres grupos diferenciados:

  1. Muiñeiro de brétemas (Pontevedra, 1950) e Advento (Boa Aires, 1954) —Premio Castelao de Poesía 1951, do Centro Galego de Bos Aires— respostan aos cánones poéticos, tanto temático-conceptuais como estéticos, prevalecentes no momento: intimismo vivencial, arela de comunicación, angustia existencial —ausente de matices saudosistas—, presencia dunha natureza agresiva e violenta, procura constante de Deus nun frustrado e frustrante intento de diálogo, recursividade expresiva ora imaxinista, ora surrealista, pero sempre barroca, con alucinados claroscuros en que a noite se impón á luz. Son os trazos xenéricos da poética do Existencialismo ou " Escola da Tebra ", que o seu primeiro poemario inicia e asentan Advento e mais Fabulario novo (1952), de Manuel Cuña Novás.
  2. Morrendo a cada intre (Lugo, 1952) e Libro de pregos (Lugo, 1962) —Premio Pondal de Poesía 1954, do Centro Galego de Bos Aires—, son revelacións íntimas e doridas das crises persoais en que o seu espírito anda asolagado por mor das renuncias, negacións e perdas que os poemas traducen. ¿Procede, nestes casos, falarmos de poesía vinculada á estética existencial? É evidente que todo conflito persoal, e moito máis as crises íntimas e vivenciais, ten un innegábel compoñente existencial, pero unha lectura atenta destes poemas descobre unha caótica e rebelde intimidade afogada nunha forte crise espiritual que ten na expresión poética, violentada en todos os seus planos, un fin liberador, catártico. Son poemas de diálogo interior, berros ora irados, ora vencidos, ora acedamente retranqueiros e violentos, non dirixidos a un interlocutor exterior, senón a si mesmo e a esa idea dun Deus implacábel, fero, terrorífico, que a Igrexa difundiu interesadamente. Manuel María, sobriño de crego, lector habitual da Biblia ,non escapara de tal adoutrinamento.
  3. Poemas a Compostela (Santiago, 1993) é o primeiro dos seus poemarios dedicados a cidades, ora descritivo, ora elexíaco, ora censitario. As rúas, a historia, o pasado espiritual e cultural, a linguaxe da pedra que os seus monumentos revelan, ofrécense desde unha óptica existencialista na que aínda atopamos testemuños da linguaxe surrealista dos libros anteriores.

Nos cinco libros, agás Libro de pregos —a versión que aparece publicada en 1962, segundo o propio autor, é unha reescritura da versión orixinal, máis crítica e irada—, Manuel María combina versos libres longos e breves, creando ritmos quebrados, suxeridores do conflito ou angustia revelados, e a linguaxe surrealista, dominante nestes anos, en parte polo deslumbramento que as lecturas dos vangardistas españois e galegos deixan nel e, en parte, porque o discurso surrealista e a súa subvertidora recursividade se axeitaba perfectamente á expresión do caos interior que o existencialismo impoñía.

1953: Terra Cha: tempo de rupturas

Na primavera de 1953 ten xa rematado o Poema ó Miño ,canto paisaxístico e vitalista ao seu río principal nunha linguaxe poética núa, ausente do barroquismo culturalista e da imaxinaría surrealista anteriores. Como o anterior, aparecerá pasadas catro décadas, en 1996, moi refundido.

O pequeno e humilde regato do Cepelo, que nace e morre na miña própria tribo ...

No verán de 1953 traballa no Terra Cha ,canto ás esencias da súa Chaira labrega, rural: o home, os traballos do home, as festas, os costumes e ritos populares, a natureza, os animais, as plantas, as cousas... son a materia da súa nova poesía, o que significa unha recuperación ou retorno ás orixes, ás esencialidades líricas do metro popular: a copla, a triada, o serventesio... A palabra poética abandona a estética culturalista e instálase definitivamente no popular, na palabra patrimonial, nos recursos máis populares e enraizados na nosa tradición (paralelismos, repeticións, enumeracións, etc.). Canta a Chaira como a Chaira canta. A ruptura é xa unha realidade: un ano separa Poemas a Compostela de Terra Cha ,pero semella toda unha vida. Entre ambos os poemarios está o tempo de Compostela, é dicir, a volta á sinxeleza, á raíz popular, á viveza e frescura telúrica, á luz, á vea lírica de identificación co mundo labrego e coa Galiza esencial que conforma a súa humanidade.

En abril de 1954 sae en Lugo o Terra Cha ,nesta primeira redacción con 55 poemas. A excelente acollida que o libro ten e a propia demanda popular, leva a Manuel María a volver unha e outra vez a el, engadíndolle poemas: en 1967 sae a 2ª redacción, con 91 poemas; en 1972, a 3ª, con 100 poemas; en 1980, a 4ª con 105 poemas; e en 1989, a 5ª e definitiva, con 110 poemas. Os grandes cambios prodúcense entre as redaccións de 1954 e 1967: ademais de modificar as partes do libro (crea unha nova, co que pasan a ser dez) e de incorporar novos poemas, introduce cambios nos poemas iniciais: só seis pasan á 2ª redacción coa versión orixinal. Nas seguintes, foi medrando sen perder as esencias iniciais: verso breve ou de arte menor, rimado e medido, artificiosidade popular.

Terra Cha é unha ruptura anunciada. Na entrevista aparecida en La Voz de Galicia o 15 de agosto de 1952 (tempo de Poemas a Compostela ) ao valorar a situación poética española, dicía: " Hai unha situación de desconcerto evidente, debido a que todos os poetas se parecen demasiado uns a outros "; a valoración é tan aplicábel á poesía galega como á española; e propoñía: " Imponse unha volta ás raíces máis sinxelas e elementais pra que volva a ser auténtica poesía ". Un ano despois, noutra entrevista, publicada en La Región , de Ourense, o 31 de outubro (tempo de Terra Cha ), di: " Hai que facer unha poesía completamente nova, pero nova no sentido de distinta á que se vén facendo por algúns... Hai que volver á sinxeleza da forma co fin de que a poesía mesma volva ser popular ". E seguidamente, anuncia que nesta liña xa ten escrito un novo poemario, Terra Cha : " Con il inicio un camiño de sinxeleza na poesía ".

A ruptura non é só formal, senón tamén temático-conceptual e intelectual. Afástase da poética da angustia, do pesimismo radical e da negación humana; abandona o verso culterano, inzado de imaxes surrealistas, barroco e culturalista, puro xogo verbal; rexeita a poética de moda na Europa da posguerra mundial, asentada no pensamento existencialista europeo co engadido da saudade para a nosa cultura.

Achégase ao home, ás súas xentes, aos veciños e veciñas que con el crean, dan vida e comparten día a día a Chaira, Outeiro ou Lugo; preocúpase polos seus problemas; comprométese cos homes e mulleres de Galiza e denuncia as eivas que tollen e desfán as súas vidas; retorna á palabra viva, núa, directa, que revela a intimidade dorida do home-poeta solidario.

Os tempos de Lugo e Compostela son transcendentais na maduración e definición social e política de Manuel María. As tertulias diarias no "Méndez", de Lugo, ou no "Español", de Santiago; as longas conversas, ora pola Muralla de Lugo na compaña de Luís Pimentel ou Ánxel Xohán, ora pola Ferradura de Santiago, na compaña de Carlos Maside; as lecturas que un e outros lle achegan abren o seu corazón e o seu raciocinio á realidade e problemas de Galiza desde a óptica do galeguismo nacionalista.

Terra Cha é, pois, algo máis que un poemario paisaxista ou un retorno á sinxeleza expresiva. É o seu primeiro poemario en que a Galiza real, as xentes, os animais, as cousas, son esencia, fin, meta e totalidade poética. De aí que, máis que de paisaxismo, debemos falar de humanismo, dun humanismo paisaxístico.

A súa proposta rupturista ten pouco eco. Só Celso Emilio Ferreiro comparte tal necesidade. No volume IV da Escolma de poesía galega (1955),de Francisco Fernández del Riego , Celso Emilio afirma que a fidelidade á Terra só pode expresarse na identificación coas xentes e cos seus problemas reais, e non na fuxida polos camiños de calquera esteticismo ou lirismo. Pero si terá consecuencias noutros planos: as portas comenzan a pecharse para a súa obra.

De 1954 a 1963: de afirmación nacionalista

Durante esta década saen 3 poemarios seus da etapa anterior: Terra Cha e Advento ,en 1954, e Libro de pregos , en 1962. Dos libros de versos escritos entre 1954 e 1963 só saen dous: Documentos personaes (Lugo, 1958), escrito en 1957, e Mar maior (Vigo, 1963). O apartado de inéditos seguirá a medrar: Poemas da cinza que foi anceio (de 1954-1958), Entre a arxila e a luz (de 1956-77), Camiños de luz e sombra (de 1959-60) e Elexías (de 1962).

A súa poesía é xa unha constante aproximación á multiplicidade de formas e expresións da realidade galega e unha afirmación reiterada da identificación con Galiza, esencialidade do seu mundo poético. Testemuñal é "Poema a Galicia", do inédito Poemas da cinza que foi anceio :

A Galicia labrega é a miña patria.
Non teño mais bandeira
nin outra libertade.
Galicia é miña patria...

En 1958, nos Documentos personaes reitera a mensaxe rupturista:

Sin metafísica poética digo o meu mensaxe:
vivide.
Sin berros que cheguen as entranas:
vivide. Vivir sempre...

As condicións políticas non permiten máis precisións. A palabra poética ten que sortear os controis da censura, polo que demanda unha lectura que, ademais de ser entendida, quere ser compartida. Os dous poemarios publicados teñen unha historia moi diferente: mentres Documentos personaes sae de inmediato na Celta de Lugo, meses despois da súa escritura —escrébeo mentres agarda por Saleta, a moza, na cafetería "España", en xuño de 1957—, Mar Maior viaxa de editorial en editorial sen atopar salda; en 1958 está en lista de espera para aparecer na colección Rodríguez de Padrón que Camilo José Cela ten en mentes sacar ao abeiro da revista Papeles de Son Armadans ; pero o proxecto frústrase, por razóns económicas; aparecerá en 1963 na colección " Salnés ", con notábeis engadidos e perdas.

Retrato de Manuel María en 1962

Documentos personaes son 15 poemas en verso libre na liña da poesía civil galega da preguerra, coas limitacións impostas polas condicións sociopolíticas da ditadura. Consciente e libremente mantén neles a sinxeleza expresiva proclamada, pero envolve/protexe a palabra poética no manto distanciador da retranca popular, aceda ou brincadeira, e dá entrada a fórmulas e formas da linguaxe xurídica con que está en contacto desde que, en 1954, decide iniciar a súa preparación práctica de Procurador dos Tribunais. Sinxeleza expresiva, ironía e incorporación das fórmulas propias da linguaxe xurídica son os trazos expresivos definidores deste poemario, xunto coa protesta social, que fai del o primeiro libro de versos da corrente socialrealista ou de compromiso e denuncia na poesía galega da segunda metade do século —nos anos cuarenta e cincuenta a poesía comprometida e de denuncia tivo un axeitado cultivo nos poetas exiliados en Bos Aires, preferentemente—.

Mar maior , na súa redacción final, é unha escolma da obra escrita entre 1954 e 1962. Isto explica a súa estruturación en partes ben diferentes tematicamente: amorosa, intimista, relixiosa, civil ou de denuncia solidaria; e tamén, a incorporación de poemas pertencentes a outros libros, como Entre a arxila e a luz. Dos 49 poemas que o forman, xa 11 foran publicados en diversas revistas e xornais da Galiza territorial e máis da Galiza exiliada en América.

Unha primeira conclusión temos que tirar xa: o que escrebe, publicado ou non, é alleo ás modas e correntes poéticas da época, é dicir, ao existencialismo e á "Escola da Tebra"; pero non é alleo ás querencias, soños, privacións, opresións que ten, sente e sofre o pobo galego. E desde dentro, inmerso e identificado coas xentes, escrebe e crea, deseñando esquemas poéticos propios, circunstanciados e contextualizados nun tempo, nun espazo e nunhas condicións sociopolíticas contra as que os seus versos loitan. Como poeta, como poeta galego, sente e asume a responsabilidade de transformar o mundo inmediato e poñerse solidariamente ao lado dos que sofren. Pero como home, como home e poeta, sente e asume a necesidade de afondar no seu mundo interior e dar testemuño de si, das súas vivencias, sentimentos e querencias. O social e o íntimo, en maior ou menor medida, sempre irán da man na súa poesía.

De 1964 a 1977: a nobre tarefa de construír unha Patria

A etapa que abrimos é, coa final, a máis dilatada temporalmente e tamén unha das de maior intensidade creativa de Manuel María. Pero, fronte ao que se di habitualmente, non é nin temática, nin estilisticamente unitaria e reducida ao cultivo do que se nomeou como corrente "socialrealista". A carón dos poemas de denuncia e compromiso social e político, encontramos poemas intimistas, cantos elexíacos, laios solidarios, poesía para nenos, etc. A súa poesía, como a vida mesma, é unha realidade plural e múltiple en todos os seus planos: temático, expresivo, actitudinal.

As propostas rupturistas daquel 1953 compostelán e lugués comezan a tomar corpo na poesía galega. A publicación en 1962 de Longa noite de pedra ,de Celso Emilio Ferreiro, produciu un grande impacto social e asentou os trazos básicos do que se ía chamar anos despois., e pexorativamente, corrente socialrealista e que nós nomearemos como poesía comprometida coa realidade galega. A poesía, desde 1963, maioritaria pero non exclusivamente, transita xa polos camiños da denuncia social e o compromiso.

As dificultades de publicación seguen. Ante a falla doutras iniciativas, Manuel María decídese a poñer en marcha un proxecto editorial deseñado a comezos dos sesenta, mais paralizado por razóns económicas. En 1967 o proxecto vai adiante e a colección " Val de Lemos " comeza a súa andadura con Canciós pra un agromar blanco i azul , de Lois Diéguez , en 1968, e repite entrega con Proba documental ,do propio Manuel María. Nos anos seguintes, aparecerán poemarios de Celso Emilio Ferreiro e Xosé Neira Vilas , Darío Xohán Cabana , Margarita Ledo Andión , Fiz Vergara Vilariño, Lois Álvarez Pousa e Xosé Lois García. A colección pecha en 1975 coa entrega nº 12, correspondente a Non vexo Vigo nin Cangas , de Bernardino Graña . As dificultades de publicación, que non só soportaba Manuel María —tamén Celso Emilio Ferreiro, daquela no autoexilio en Caracas, e sobre todo, os novos— quedaron parcialmente solucionadas, pero medraron as dificultades da censura do réxime franquista.

En Bretaña, co poeta Paul Keinning.

Entre 1964 e 1970 Manuel María escribe oito poemarios. Dos oito, dous seguen inéditos: Acusación privada (de 1964-65) e Palabras pra lle decir á propia terra (de 1970). Consegue publicar seis entre 1968 e 1970, dous por ano: Proba documental e Os soños na gaiola ,en 1968; Versos pra un país de minifundios e Versos pra cantar en feiras e romaxes , en 1969; e Canciós do lusco ó fusco e Remol ,en 1970.

A censura, convertida eufemisticamente en "consulta voluntaria" pola Lei de Prensa de 1966, impide a publicación en Galiza de varios poemarios seus e mutila Canciós do lusco ó fusco. Non obstante, por primeira vez e gracias ao esforzo editorial dos exiliados e emigrados en Bos Aires e Montevideo, hai equilibrio entre o tempo de redacción e o tempo de publicación, agás no caso dos dous inéditos.

Proba documental (Monforte, 1968) recolle 15 poemas dos escritos entre 1966 e 1967; é, por tanto, unha escolma. O verso é libre, en metro curto. Dous son os núcleos temáticos: a denuncia de aspectos negativos da vida social (televisión alienante, o desprezo da clase media pola lingua galega, a domesticación social consecuencia de tantos séculos de sometemento, os mitos e tópicos culturais) e o canto lírico-intimista (a beleza da flor ou o polimorfismo vital). A retranca reaparece nestes poemas en que a linguaxe administrativa e xurídica segue a singularizar a palabra poética.

Os soños na gaiola (Lugo, 1968) é un dos seus máis felices poemarios; inicialmente e até a edición contén 49 poemas; a 7º edición —dicimos ben: a 7ª—, de 1990, incorpora un poema de peche co que pasan a ser 50. O verso é de arte menor, medido e rimado, rico en recorrencias anafóricas, paralelísticas e variacións lexemáticas na procura da musicalidade que a canción popular tradicional soubo recrear na obra colectiva e anónima. O acerto do poeta queda acreditado no exitoso tratamento musical que este poemario tivo desde 1977 (Fuxan os Ventos, O Carro, María Manoela e Suso Vaamonde musicaron 28 dos 50 poemas). Escrebe estes poemas en novembro de 1967, consciente da necesidade de ofrecer aos nenos galegos un libro de poesía cantareiro, feliz e galego que abarque todos os campos da vida infantil: os xogos e as cousas, a xente e os traballos, os animais habituais da casa labrega, os paxaros. Na súa primeira edición, non ten distribución comercial. Cando aparece en 1972 a súa edición comercial, o éxito e demanda social obriga a editorial Celta de Lugo a sacar unha 3ª edición no mesmo ano.

Versos pra cantar en feiras e romaxes (Montevideo, 1969) é o primeiro dos seus poemarios obrigados a exiliarse para poderen cumprir o seu destino e chegaren ao lector. Na súa redacción é coetáneo de Os soños na gaiola . A pluralidade do vivir e do sentir da que falabamos liñas arriba queda evidenciada: a carón de un libro para nenos, festivo e popular, un libro de denuncia e compromiso social. Como o título indica, son versos para cantar, polo que, sendo libres, incorporan novidosamente como recurso melódico e rítmico a sonoridade da rima consoante en tiradas curtas, alternas unhas, continuas e monorrimas outras. Os 15 poemas son outras tantas aproximacións analíticas e reflexivas de comportamentos e modos de vida das clases sociais nun marco vilego: dunha banda, as clases populares (mariñeiros, labregos, obreiros) e as eivas que as nosas xentes sofren (emigración, vellez desprotexida socialmente, aldeas abandonadas); doutra, as clases medias, antigalegas (o poeta lírico, os técnicos, os nenos dos casinos, os señoritos).

Versos pra un país de minifundios (Bos Aires, 1969), é un poema en 13 cantos, escritos en xuño de 1968. O verso é libre e sen rima. A visión globalizadora da problemática galega queda testemuñada na propia ordenación dos cantos, circular e envolvente na súa temática: emigración, problemática da lingua, colonialismo económico e desfeita das estruturas económicas tradicionais agrícola e gandeira, manipulación dos medios de comunicación, etc., son arestas diversas dunha mesma realidade —a opresión que sofre a nación galega, sometida e colonizada—, realidade que hai que cambiar para conquistarmos un futuro de liberdade e soberanía nacional. Este poemario, exiliado tamén, supera o canto contestario e de denuncia e leva o compromiso poético aos cumes do compromiso nacionalista e a invocación á loita pola liberación de Galiza.

Canciós do lusco ó fusco (Monforte, 1970) alterna poemas construídos en verso medido e rimado (serventesios) e poemas en verso libre con rima consoante, recurso xa utilizado nos Versos pra cantar en feiras e romaxes. Os 25 poemas orixinais ficaron en 24 por mor da supresión pola censura da "Canción pra cantar tódolos días", poema emblemático do posicionamento innegociábel que o nacionalismo mantén sobre a cuestión lingüística. Escrebe estas cancións en setembro de 1969. Os poemas percorren distintos momentos do vivir cotián vilego, identificando cada poema con un tempo vital, en casos persoal ("Canción do intre de ollar a propia terra" ou "Canción pra lle decir a Saleta"), en casos colectivo ("Canción da hora de tronar" ou "Canción pra agardar un novo día"), en casos identificado cos quefaceres dunha clase social ("Canción da hora do vermú", a burguesía; "Canción da hora de cear", os obreiros), en casos con actitudes antigalegas... Poesía de denuncia, comprometida coa realidade galega, pero tamén poesía lírica, é dicir, laio, berro, invocación, intimidade dorida.

Ademais das dúas edicións galegas, este poemario foi traducido ao francés en 1975, ao bretón (dúas edicións: en 1974 e 1996) e ao holandés (1988). Sorprende o entusiasmo que esperta fóra, nas culturas europeas, que non europeístas, se o comparamos co silencio que sobre el pesa en Galiza.

Remol (Bos Aires, 1970) recolle 43 poemas escritos entre 1963 e 1968 cunha distribución en 5 partes: manifesto; poemas líricos e intimistas; poemas biográficos; poemas de denuncia e compromiso; poemas de homenaxe aos homes que se significaron na defensa dos dereitos dos pobos asoballados polo imperialismo. Cinco poemas deste libro foron incluídos en Manuel María. Poemas ditos coa sua voz (1968), disco de 45 rpm editado por Edigsa/Xistral tras conseguir burlar a censura franquista. Como Mar Maior , este poemario pode ser considerado unha escolma temática, testemuñal e clarificadora da diversidade de campos e temas poéticos que conforman o seu mundo poético nestes anos.

Os sete poemarios destes anos poñen de manifesto unha realidade que temos que relevar: aínda que hai unha evidente preponderancia da temática social e de denuncia, Manuel María non limita a súa creación poética a este núcleo vivencial, senón que abrangue outros, acorde coas necesidades que como home ten e sente en cada momento: poesía amorosa, íntimista, para nenos, elexíaca, solidaria e testemuñal. Os compoñentes líricos terán nos anos seguintes unha crecente relevancia, podendo falar de que os poemarios que seguen mesturan a partes iguais denuncia e lirismo, compromiso e testemuña íntima, clamor e laio.

Celso Emilio entre Luís Soto e Manuel María.

Entre 1971 e 1977, Manuel María amplía os campos de poetización sen abandonar, agás en Laio e cramor pola Bretaña ,os espazos poéticos esencializadores de toda a súa obra poética: Galiza e a súa intimidade. Escrebe nove poemarios. O último desta etapa, de 1977, segue inédito: Brétemas do muiñeiro .

Como xa acontecera en 1969 e 1970, seguen as dificultades para publicar: ata 1976, ningún poemario seu sae en Galiza; non hai desta vez dificultades editoriais, senón persecucións e prohibicións políticas: de novo será a Galiza exiliada ou a solidariedade dos irmáns portugueses quen posibilite a aparición da súa poesía. Non obstante, o teren que saír fóra condiciona e impide a súa difusión comercial aberta e converte todos estes poemarios en libros de difusión clandestina, vendidos baixo man con moitas dificultades.

Nas Odas pro un tempo de paz e de ledicia (Porto, 1972), que escribe no outono de 1971, Manuel María recupera a voz burleira da retranca popular para ofrecernos unha imaxe do revés, unha contraimaxe da realidade galega; as eivas e problemas que nos poemas anteriores denunciara, son agora cantados e loados: a colonización é boa, a lingua non está asoballada, os obreiros teñen nos patróns os mellores e máis fieis amigos e protectores, os labregos e mariñeiros son felicísimos... Presente nalgúns poemas de Morrendo a cada intre e na maioría dos de Documentos personaes ,o dicir irónico e retranqueiro ten nestas 24 contraodas unha funcionalidade esencialmente combativa, agresiva, desmitificadora. O poeta "aprópiase", pon na súa boca as palabras dos colonizadores, dos patróns, dos opresores... e o negro vólvese branco, a noite día, a mentira verdade...

Aldraxe conta á xistra (Xenebra, 1973), Informe pra axudar a alcender unha cerill a (Montevideo, 1973) e Laio e cramor pola Bretaña (Lisboa, 1973), son tres libros-poema escritos en diversos momentos de 1970 (o 2º) e 1972 (o 1º e o 3º). Teñen en común seren os tres poemas longos, como tamén o son Acusación privada (de 1964) e Palabras pra lle decir á propia terra (de 1970), inéditos, e como logo será Saturno (publicado en 1989). Experimenta neles unha discursividade épica, descritiva e ao tempo reflexiva, mesturando denuncia, solidariedade e lirismo.

Aldraxe contra á xistra ten 1105 versos, libres e breves. Todo o que viu, viviu e sentiu no seu incesante percorrer os camiños de Galiza é a materia poética que Manuel María ofrece neste poema globalizador das inxustizas, asoballamentos, renuncias, aldraxes, traicións, explotación..., das eivas todas que o pobo galego sofre día a día; mais tamén encontramos o testemuño íntimo, a frustración, o laio dorido, a crónica desacougante do home-poeta diante da pasividade e indiferencia colectivas cara aos problemas e destrución de Galiza.

Informe pro axudar a alcender unha cerilla ten 737 versos, libres e longos. O poema mantén dous planos estruturais encadeados e fundidos no seu discorrer: o testemuño persoal sobre o home, as cousas, a convivencia, os deuses, os mitos... e a noticia dos traballos, loitas e actitudes de moitas mulleres e moitos homes cos que comparte ideais, esperanzas e tarefas. De novo, denuncia e lirismo intimista comparten o marco poético dun xeito equilibrado.

Laio e cramor pola Bretaña ten 334 versos, libres e longos. É un canto solidario florecido durante a viaxe pola Bretaña en novembro de 1972. A semellanza da problemática da Bretaña coa problemática de Galiza (emigración, represión centralista, lingua perseguida, subdesenvolvemento, explotación, abandono e colonización) leva o poeta a facer súas e denunciar as eivas que sofre a nación irmá, non tanto polo pasado protohistórico común, o celtismo, senón polo presente de nación asoballada. É o seu canto solidario coa dor de tantos europeos —cataláns, bascos, occitanos, corsos e bretóns— irmáns na dor, o desamparo e a explotación polos estados centralistas.

No outono de 1973 escrebe O libro das baladas (Santiago, 1978), único poemario destes anos que aparece publicado con certo retraso, cinco anos despois. Un novo libro, un novo experimento: se nos anteriores experimenta o poema longo, agora introduce no seu corpus poético a balada, estrofa medieval que o vate francés François Villon renovou no século XV (tres corpos de versos de arte maior, con ou sen rima, rematados cun verso-refrán repetitivo, e un corpo final de tres ou catro versos a modo de epítome conceptual), liberándoa do rigor temático precedente (só amoroso e elexíaco), para converterse en voz popular plena de frescura e viveza. Seguindo o espírito libertario villoniano, mais liberando a balada da rima tradicional, Manuel María canta e denuncia nestas 20 baladas, ora con tenrura, ora con carraxe, ora con fereza burleira todo aquilo que conforma o seu contorno vital: a palabra poética, o sentido da vida, o amor, os inimigos, o egoísmo, os depredadores da natureza, os soños-poemas idos (tema do Ubi sunt? )son os obxectos poéticos cantados en clave intimista, desde a dor e o sofremento, e tamén retranqueira.

Cantos rodados pra aneados e colonizados (Pontevedra, 1976) é o primeiro poemario que pode saír en Galiza nestes anos. Escribira estes 17 poemas no outono de 1974. O verso é libre, breve e, ademais, rimado. Este recurso musical e melódico xa o experimentara nos Versos pro cantar en feiras e romaxes e nos poemas en verso libre das Canciós de lusco a fusco . Nalgúns poemas recupera a retranca, satírica e burleira, o xogo de palabras e a recursividade espacial: os versos organízanse en dobre columna, o que posibilita dúas lecturas: arriba/abaixo e esquerda/dereita. Castelao, o idioma, a poesía a liberdade son valores positivos, os cantos líricos. O poeta lírico, o castrapista e bilingüista, a Academia Galega , a colonización... son as eivas que denuncia.

Poemas pra construír unha Patria , escrito no outono de 1975 e editado clandestinamente en 1977, é un poemario innovador e experimental, non só temática, senón tamén discursivamente, na liña da renovación da linguaxe poética de finais dos setenta. É tamén unha proposta poética rupturista, desmitificadora, que sitúa a materia poética no ollo do furacán dialéctico: ¿hai temas poéticos e temas apoéticos ou antipoéticos? Manuel María resolve tan artificial e bizantino debate nestes 25 poemas que tratan as diferentes expresións do traballo político, sindical e cultural das organizacións nacionalistas, non desde unha óptica descritiva, senón desde a paixón e a emoción sentidas por quen protagoniza estas actividades (manifestacións, folgas, pegadas clandestinas, etc.). A recursividade estilística despregada neste poemario é intensa, atinxindo todos os planos da lingua (fonético, morfosintáctico, léxico —con asociacións e xogos lexemáticos—) e tamén da tipoloxía do verso libre: liñas escalonadas, diseminadas, complementarias, fragmentadas...

Poemas ó Outono (Madrid, 1978) é o último poemario desta etapa. Escrebe os 20 sonetos no outono de 1976. O verso hendecasílabo é a canle axeitada para a expresión da melancolía e lirismo que impregna todo o poemario, homenaxe ao tempo en que naceu e que ama especialmente. O amor, a nostalxia, a melancolía, as arelas dunha Galiza dona de seu, as luces ouridouradas que o outono pon na natureza, o propio outono vital do poeta teñen sentida expresión neste poemario tan sinxelo como fermoso.

A materia de Galiza, como comprobamos, é tan variada tematicamente como variadas son as tonalidades sentimentais, como variadas son as linguaxes poéticas empregadas, como variadas son as formas estróficas ou versais utilizadas. Nos centos de poemas que nestes libros recolle, analiza e denuncia os problemas de Galiza (emigración, lingua negada e perseguida, colonización, actitudes e comportamentos dos colectivos e clases sociais, etc.), pero tamén dá testemuño lírico e íntimo de si mesmo (poemas de amor, elexías, homenaxes a persoeiros galegos, crónicas íntimas da súa dor e da frustración diante de tantas miserias e eivas colectivas, reflexións sobre a palabra poética...). E ao tempo, consciente do valor e esixencias da palabra poética, muda o discurso (ora retranqueiro, ora laio, ora berro irado, ora testemuño íntimo) en cada poemario. Non é a súa poesía monotemática, nin tampouco limitada a un tipo concreto de rexistro expresivo. Con maior ou menor acerto, sen renunciar ao compromiso coa problemática de Galiza, sen renunciar ao seu universo interior (nos poemarios escritos desde 1970, os materiais líricos e intimistas impregnan o discurso poético de principio a fin), procura renovar a súa palabra poética.

Dise que a renovación da linguaxe poética ten como punto de partida a publicación de dous poemarios, Con pólvora e magnolias ,de Xosé Luís Méndez Ferrín, e Mesteres ,de Arcadio López Casanova , en 1976. Non compartimos tal valoración. Cremos que ambos os poemarios son dúas aportacións máis a unha renovación que xa estaba en marcha desde comezos dos setenta, e na que Manuel María, como tamén Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro, Bernardino Graña e outros poetas, estaban a traballar desde 1969 ou 1970.

Arcadio López Casanova

De feito, todos os poemarios de Manuel María desta década anuncian, exemplifican e desenvolven unha constante experimentación poética froito da necesidade sentida e asumida de renovación estilística, que non esixe unha temática concreta: o mesmo se pode experimentar desde unha temática existencial, intimista ou social. É preciso insistir nisto porque se repetiu unha e outra vez que a necesaria renovación estética demandaba ou esixía o abandono da poesía social, como se o problema da poesía galega fose o cultivo dunha poética que tiña as xentes e os seus problemas como tema, e non a capacidade dos poetas para crearen ou non crearen beleza.

Entendemos que a problemática social de Galiza deixa de ser materia preferente e esencial da poesía cando o poeta, como home, dispón de plataformas axeitadas desde as que pode plantexar, defender e reivindicar os problemas que individual ou colectivamente sofre. E tal troco ou traspaso de funcións ten un tempo, 1978, ano da legalización dos partidos políticos e organizacións sindicais nacionalistas galegos, ano da aprobación da Constitución.

De 1978 a 1980: de transicións e tránsitos

Poética, cultural, social e politicamente o trienio 1978-1980 é un tempo de cambios, a etapa final dunha transición global e simultánea en todos os ámbitos e campos da vida galega. A morte do ditador en 1975 non conleva o advento da democracia, senón a pervivencia do réxime franquista sen Franco. Foi preciso conquistarmos un a un os dereitos negados e as liberdades reprimidas pola ditadura e polos continuadores da mesma. Pero esa loita colectiva fíxose xa nas rúas, esencialmente nas rúas... O poeta non perdeu protagonismo, só cedeu a palabra, entregou o sinal. Culturalmente, o fenómeno foi paralelo e semellante: as asociacións noutrora vivas, dinámicas, incansábeis, foron murchando, porque as persoas que vitalizaran a súa actividade estaban xa a traballar noutros niveis e áreas da vida sociocultural e política galega.

Foi un proceso social, un tránsito. Falar de "esgotamento do socialrealismo" é, desde a nosa visión, incorrecto. De feito, a temática do chamado "socialrealismo" está explicitamente asumida por todos os colectivos renovadores destes de 1976 e 1977 — Rompente , Alén, Cravo Fondo...— colectivos integrados por poetas da Xeración do 65, é dicir, os que publican unha primeira obra entre 1966-74 e 1975-79. Neles verifícase que renovación e problemas sociopolíticos son compatíbeis. Tamén eles, a partir de 1979 ceden o testemuño das reivindicacións e como novos que son, non só propoñen a renovación, senón que renovan.

Neste trienio Manuel María abre un tempo de reflexión interior. Os cambios sociais e políticos que nestes anos se viven, non positivos para as expectativas de desenvolvemento de Galiza, e, consecuentemente, xeradores de fondas frustracións, coinciden cun momento decisivo na súa vida: en 1979 Manuel María cumpre os 50 anos. E nesa fronteira da vida, Manuel María constata que só un soño/realidade permanece estábel, firme e seguro: o do amor.

Manuel María e Saleta.

Nos días de vagar do verán de 1979, escrebe Cecais hai unha luz ,poemario que é unha novidade sen precedentes na nosa literatura poética e non poética: estruturado en 5 partes de seis poemas, as catro primeiras teñen como núcleo temático a natureza e os seus elementos básicos (o ar, a auga, o lume e a terra), e a quinta, trata do amor. No seu corpus poético, a natureza, como espazo poético con vida propia, ten un xeneroso tratamento en case todos os libros de versos, que terían en Cecais hai unha luz o compendio poemático xusto e equilibrado; mais o libro non consegue interesar a ningún editor e aínda hoxe segue inédito.

Un ano antes ofrecía a súa persoal e lúcida lectura dos cambios e resituacións políticas que os tempos de transición e reforma política produciron, das arelas e frustracións individuais e colectivas diante do fracaso de moitas expectativas fallidas, das controversias dunha sociedade consumista que busca sen atopar o seu norte, nun poemario duro, crítico, testemuñal das contradicións e miserias humanas: Cataventos de neutrós domesticados (Lugo, 1979). A palabra poética recupera o discurso surrealista para acrecentar coas impactantes e ilóxicas asociacións verbais as contradicións internas da sociedade. O poema 25 e último, "Oda á beleza", é un aporte novidoso na nosa poética.

Coincidindo coa grande difusión que Os soños na gaiola teñen nestes anos, ora como poemario, ora como cancións musicadas e interpretadas por Fuxan os Ventos, O Carro, María Manoela e, fundamentalmente, Suso Vaamonde (o seu LP dobre Os soños na gaiola é unha revelación en 1978), Manuel María escribe de novo versos para nenos, recollendo nesta ocasión as súas vivencias urbanas de adultoneno nun libro de versos, As rúas do vento ceibe ,co que pecha o ciclo aberto con Os soños na gaiola dez anos atrás. As rúas do vento ceibe (A Coruña, 1979) ten 50 poemas en que dá satisfacción a varias demandas dos nenos, feitas nos centos de cartas que recibiu desde 1972 ao aparecer a 2ª edición de Os soños na gaiola. Como este, os versos son de arte menor, medidos e rimados.

Poemas da labarada estremecida (Santiago, 1981) é o poemario que pecha esta etapa de reflexión e tránsito íntimo. O libro foise facendo e medrando no máis íntimo de si mesmo e agromou poeticamente en xuño de 1980, vintecatro anos despois daquel día da infraoitava do Corpus en que se decidiu e falou con Saleta por primeira vez. A diferencia doutros libros de versos, que son unha incógnita sempre na súa configuración e conformación definitiva, Poemas da labarada estremecida frolece impulsivamente traducindo á forma poética case vintecinco anos de convivencia estábel e gozosa no amor. A entrega á tarefa creadora é sempre gratificante, pero máis aínda nesta ocasión polo que de felicidade hai nas vivencias, sensacións e sentimentos que vivificarán a súa palabra poética. Que a redacción e publicación se sitúen na fronteira dos vintecinco anos, concédelle a estes 24 poemas, distribuídos en tres partes de oito, o valor dun exquisito e sentido galano á amada, Saleta, a compañeira ideal, a súa princesa Aldina:

"O tema da princesa Aldina é, neste que escribe, unha vella teima. Nos días da miña apaixoada e acesa xuventude personifiquei a Aldina e situeina nas terras da Pastoriza. E aquelas ensoñaciós de mocedade siguen vivas, á miña beira, facéndome compaña noite e día. Este foi o mellor don co que me puido agasallar a vida"

(A Nosa Terra, nº 22, Vigo, 23-VI-78).

De 1981 a 1995: das viaxes e regresos

Estes tres lustros da poesía galega son realmente xenerosos en publicacións e incorporación de novas voces. A liña ascendente de publicacións dos anos setenta mantense e vitalízase coa creación de editoriais con decidida vocación de perduración ( O Castro , Xerais , Sotelo Branco , Espiral Maior , Vía Láctea , Bahía ), coleccións de poesía — Esquío —, iniciativas editoriais complementarias que nun tempo limitado fan unha valiosa aportación editorial: Sons Galiza , Alvarellos , Rompente , Follas Novas , Akal , e patrocinios de entidades financeiras, concellos, etc. O resultado é, editorialmente, excelente. Literariamente, poeticamente, é unha etapa sen cohesión colectiva; aínda que poidamos falar de "grupos" como os da Coruña, Lugo, Vigo ou Ourense, o trazo definidor de todos e cada un dos compeñentes dos grupos citados é a individualidade da voz poética.

De termos que sinalar un trazo común, este sería o da preocupación formal que todos comparten. A intensísima e reiterada denuncia de prosaísmo e despreocupación pola linguaxe poética que nos setenta se fixo contra da poesía "socialrealista" xerou un síndrome angustioso nos novos poetas: ou se facía algo novo ou o que se facía era antipoético. A incesante procura dunha linguaxe renovadora perdeuse nos lindeiros da abstracción esteticista, o experimentalismo, a reinvención da recursividade formal... E até a esencialidade cultural, as raíces, secaron nos froitos poéticos da época. A palabra poética perdeu o referente da realidade social e, en moitas voces, o necesario alento humano, quedando residenciada nun universo cultural alleo ao universo vital do poeta.

Tres escolmas, De amor e desamor l   e II   (Sada, 1984 e 1985), Desde a palabra. Doce voces ,de Luciano Rodríguez (Barcelona, 1986), e 50 anos de poesía galega ,t. II, de Carlos L. Bernárdez, (A Coruña, 1994), ofrecen unha lectura máis atenta dos poetas máis destacados destes anos, aqueles que souberon conciliar renovación, calidade poética e voz persoal, sen se manteren asolagados nunha incesante exploración dos camiños dun esteticismo tan belido no seu formalismo como baleiro de emoción humana.

Neste panorama, Manuel María proseguiu o seu camiño, os seus camiños, nesa loita incesante por reafirmar a galeguidade, o ser, vivir, sentir e sufrir galego, renovando desde dentro a súa linguaxe poética. Non se entregou a unha estética narcisista en que a palabra se desnaturaliza de tanto retorcerse, metaforizarse ou desemantizarse. A súa palabra poética segue a ser a palabra patrimonial, enraizada e substancializada na tribo, na conciencia colectiva popular, na natureza que conforma o seu mundo interior e é desde sempre o referente dos seus símbolos e imaxes.

Nesta dilatada etapa, a súa obra literaria diversifícase considerabelmente, logrando un preciso equilibrio entre todos os xéneros: revitaliza o teatro e tamén a narrativa, ademais do ensaio e o xornalismo; e mantén, no nivel habitual, o cultivo da poesía: son dezasete os libros de versos publicados. Non obstante, 5 —destacados en negriñas— xa estaban escritos antes de 1981:

PUBLICACIÓN   REDACCIÓN

1982: Versos do lume e do vaga-lume     1981

Escolma de poetas de Outeiro de Rei     1960-77

1984: A luz ressuscitada     1983

1985: O camiño é unha nostalxia     1981

1986: Oráculos para cavalinhos-do-demo     1985

Ritual pra unha tribu capital de concello     1985

1988: As lúcidas luas do outono     1984

Sonetos ao Val de Quiroga     1987

1990: Cancioneiro de Monforte de Lemos 1960-75

1991: Compendio de orballos e incertezas     1990

1992: Panxoliñas     1954-64

1993: Poemas a Compostela     1952

A Primavera de Venus     1990

1994: Cantigas e cantos de Pantón     1991-92

Poemas para dicirlle a dúas lagoas     1993

1996: O   Miño canle de luz e néboa     1953/1995

1997: Sonetos á Casa de Hortas     1992

Os poemarios escritos e publicados —citados por orde de publicación— nestes anos son 12; hai que engadir un caderno ( Saturno ,escrito en 1988 e publicado en 1989) e unha separata ( Os lonxes do solpor, publicada en 1993), pertencente ao inédito Os lonxes do solpor (escrito en 1989).

Un primeiro grupo é o que conforman estes sete poemarios: O camiño é unha nostalxia (1985), Versos do lume e do vaga-lume (1982), A luz ressuscitada (1984), As lúcidas luas do outono ( 1988),  Oráculos para cavalinhos-do-demo (1986), Compendio de orballos e incertezas (1991) e A Primavera de Venus (1993).

Citámolos por orde de redacción, pois iso permite comprender algunhas particularidades desta etapa, menos lineal que as anteriores e máis cíclica. Así, inmediatamente despois de escreber O camiño é unha nostalxia ,a finais de maio de 1981, á volta da viaxe cultural a Venezuela, comezou e rematou Versos do lume e do vaga-lume. No primeiro recolle 27 poemas sobre os lugares e cidades que as súas viaxes polo mundo lle permitiron coñecer (Portugal, Francia, Bretaña, Suiza, Venezuela, etc.). No segundo, o corpus poético aparece distribuído en 4 partes de 12 poemas; a parte 1ª, intitulada "Peregrinaxes", contén poemas que son tamén poetizacións de lugares e cidades galegas visitadas: Santiago, Fisterra, Ribeiro de Avia..., é dicir, podemos falar dunha continuación de O camiño é unha nostalxia ;nas outras tres partes, "Espellos", "Fogueiras" e "Regresos", agrupa, ora cantos melancólicos e intimistas, ora cantos ás cousas próximas, amadas, esenciais: a casa, a brétema, a chuvia...; ora laios, reflexións, novas en que pasado e presente se funden nun reencontro cos tempos idos. A carón, pois, das viaxes físicas, as viaxes íntimas, os regresos, a análise ou retorno interior na procura das sinais de identidade que o tempo pasado foi debuxando na súa rota vital, na súa loita para vencer o non ser, a morte e o silencio.

Manuel María xunto a Ánxel Fole e Fiz Vergara Vilariño.

Nos poemarios seguintes, as viaxes poéticas continúan: na 1ª e 4ª partes de Oráculos para cavalinhos-do-demo fala e poetiza sobre os lugares que as viaxes culturais e lúdicas da Asociación de Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña puxeron diante de si: Delfos, Itaca, Epidaurus, Florencia, Roma, etc. E nos 24 poemas de A Primavera de Venus a viaxe é pola pintura de Boticelli e o tempo do pintor e a súa cidade, Florencia, unha inmersión no pasado cultural e artístico do renacemento italiano.

Estes sete poemarios teñen en común o seren abertos e politemáticos: a individualidade de cada poemario residénciase máis na diferencial linguaxe e na tensión ou impulso poéticos que o leva a escreber, que na materia temática. De aí o seu trazo cíclico, o retorno ás vivencias de lugares, aos sentimentos máis íntimos do seu universo humano e poético.

Teñen en común, agás o 1º, unha estrutura segmentada (4, 5, 7 ou 2 partes), un tempo de redacción breve —habitualmente unha semana— e unha xénese globalizadora: todos os segmentos ou partes pertencen ao mesmo tempo de escritura. Estes trazos, evidentemente non son en si mesmos novidosos: a maioría dos seus poemarios naceron no tempo dunha semana. O novidoso é a segmentación, que non indica como nos poemarios-escolma ( Remol, Mar Maior e Escolma de poetas da Terra Cha )ou poemarios-mundo ( Terra Cha , Os sonos na gaiola , As rúas do vento ceibe e Poemas da labarada estremecida ) unha redacción alongada no tempo ou unha diversidade temática esixida pola tipoloxía conceptual da materia poética: natureza, costumes, animais, traballos, etc.

Teñen, tamén, en común a procura da esencialidade humana, expresada na poetización dos constituíntes inmateriais da espiritualidade (tenrura, envexa, mentira, angustia, verdade, fidelidade, etc.), ou ¡no seu testemuño persoal sobre a vida, o amor, os soños, as derrotas.

Nada escapa ao seu interese e á súa sensibilidade poética: unha folla, lume, as motos, a choiva, a morte, o mar, o paso do tempo, o cervo, o silencio, a lúa, a vida, as chorimas, a brétema, un recendo, nutren estes poemarios abertos á creación, abertos á vida, en loita constante co non-ser e a morte: a palabra segue a ser unha arma, non social, non política, si vital: o poema é vida, un anaco de vida que se proxectará no tempo como unha parte da súa humanidade. A misión do poeta segue a ser a proclamada nos primeiros días da súa andaina poética: descubrir e crear mundos.

Cómpre destacar que tres destes poemarios, Versos do lume e do vaga-lume , A luz ressuscitada e Oráculos para cavalinhos-do-demo, apareceron versionados en galego reintegrado, como testemuño da súa particular posición libertaria no plano normativo. Unha normativización ríxida e unilateral do idioma sen unha normalización e implantación universasl do uso dese idioma é mais negativa que positiva, polo que de coacción e limitacións conleva para a diversidade e riqueza expresivas da lingua.

Un segundo grupo de poemarios é o que conforman os que podemos denominar xenericamente "poemarios de cidades", testemuñais da súa decidida vocación de poeta local, evidente xa nos Poemas a Compostela e reafirmada e intensificada desde 1956, ano da súa primeira colaboración no Programa de Festas do San Roque de Betanzos, coa "Loa ó viño de Betanzos". Desde entón Manuel María ten escrito moitos poemas a petición de entidades e colectivos locais, editores dunha revista ou organizadores de festas patronais ou de barrio de diferentes vilas e cidades galegas. Tal demanda xerou un amplísimo corpo poético que, co tempo esixiu unha reorganización, dando lugar a varios poemarios, algún deles aínda hoxe inédito. Un dos publicados é Cancioneiro de Monforte de Lemos, aparecido en 1990. Comezou a xestarse poema a poema en 1960 e quince anos despois nacía o poemario como tal recollendo unha parte do poemas xa publicados e incorporando algún inédito.

Outros poemarios locais, Sonetos ao Val de Quiroga , Cantigueiro do Orcellón e Cantigas e cantos de Pantón tiveron unha xestación menos demorada, pero como o anterior, exemplifican a identificación e amor do poeta coas xentes de Galiza en xeral e dos ámbitos poetizados en especial: Quiroga é tamén unha parte de si; a súa avoa materna era quiroguesa e así, co alcume de "A Quiroguesa", a coñecían en Outeiro. Sonetos, coplas, triadas, cosautes... son algunhas das estrofas utilizadas nestes cancioneiros, escritos para louvar e cantar as esencias e riquezas destas terras e das súas xentes.

Nesta liña de poeta local hai que situar toda a súa obra máis sentidamente localista: o ciclo outeiriano, formado por Escolma de poetas de Outeiro de Rei , Ritual pra unha tribu capital de concello e Sonetos á Casa de Hortas. "Ninguén é profeta na súa terra". Este dito popular, se nalgunha persoa tivo e ten exemplificación é na relación de Manuel María con Outeiro de Rei. Os versos iniciais de Ritual pra unha tribu capital de concello son dramáticos:

Ti sabes, Outeiro, que eu son Hortas
e recoñécesme por teu, aínda que
non me ames e me trates como alleo...

En 1982 aparece a Escolma de poetas de Outeiro de Rei ,poemario que configura cara 1970 recollendo poemas escritos desde 1952; non obstante, a mediados dos setenta incorpora algún poema máis, polo que a súa redacción definitiva debe situarse entre 1976 e 1977. Toda unha vida para un libro, que sendo outeiriano do primeiro ao último verso, é tamén un práctico manual de retórica aplicada e unha viaxe poética pola historia da poesía galega desde os seus albores no medievo até os derradeiros anos deste século. As delicadas reconstrucións epocais confundiron máis de un lector, que buscou inutilmente os supostos poetas nas historias de literatura.

O ciclo outeiriano seguiu con Ritual pra unha tribu capital de concello ,poema organizado en 77 cantos de amor á tribo natal: as orixes, a familia, a infancia, os xogos, as persoas con que conviviu, a vida colectiva..., pasado e presente fúndense na palabra poética, ora impregnada de lirismo, ora crítica, ora descritiva, ora ensoñadora, mais sempre amante. Sonetos á Casa de Hortas ,poemario escrito en 1992 e publicado parcialmente en Portugal como separata e recentisimamente aparecido en Galiza, pecha este ciclo. O ciclo chairego, substancializado no Terra Cha ,ten complemento e alongación en Poemas a dúas lagoas ,poemario que é tamén un canto á auga, á natureza e ás xentes e á súa capacidade mítica, que soubo crear e conservar as lendas das cidades de Valverde e de Lucerna.

Como acontecera co Cancioneiro de Monforte de Lemos ,un día Manuel María dedicouse a recoller e ordenar os poemas de nadal que ano tras ano fora creando e imprimindo como tarxetas de felicitación para os seus amigos. Con parte desas sinxelas e populares composicións compuxo a mediados dos sesenta Poemas de Nadal ,que pasado o tempo sería o xermolo de Panxoliñas ,poemario publicado no nadal de 1992, cunha estrutura parateatral evidente non só na disposición cronolóxica dos poemas, senón tamén na presencia de diálogo e de indicadores da acción dramática.

Son moitos os camiños pero un só e claro camiñar. Os versos que seguen pertencen ao poema —sen título— que abre a 3ª parte, “Os mitos e as derrotas» do poemario Oráculos para cavalinhos-do-demo.

Entre a ruina dos nossos féveis,
senlheiros coraçons permaneceu
o rescaldo da fogueira que
através dos anos nos quentou.
E algúns de nós aínda agardamos
luz e salvaçom para a nossa tribo.

IMAXES