A Etapa Contemporánea (S. XX)
A popularización da novela curta: as coleccións Céltiga e Lar
A prensa

A situación da prensa galega aparece fortemente condicionada polo contexto político. Os derradeiros anos do fraudulento réxime da Restauración e, sobre todo, a chegada da Ditadura de Primo de Rivera, coa suspensión de garantías constitucionais e o estabelecemento da censura previa, foi especialmente negativa para as publicacións de tendencia republicana, obreira e nacionalista. Pola contra, o período republicano supón un dos momentos máis brillantes para a prensa galega.

No contexto da sociedade galega desta época, a prensa converteuse nun dos instrumentos máis eficaces de ideoloxización. O conflito de intereses entre diferentes grupos ou clases sociais e o esforzo por vertebrar o país política e lingüisticamente, está na base do estudio e da análise dos xornais desta época. Como acontece na actualidade, a prensa non foi neutral nen aséptica. A respeito da realidade galega, non todos os xornais defenderon o uso do noso idioma nen mantiveron posturas claramente favorábeis aos intereses socio-económicos galegos. Así, en diferentes ocasións, cabeceiras como La Voz de Galicia , Faro de Vigo ou El Correo Gallego atacaron abertamente o uso do noso idioma e as posicións dun nacionalismo galego cada paso máis clarificado e organizado. Unha cousa eran as reivindicacións folclóricas sen máis, a defensa dun "regionalismo sano y bien entendido", ao que se anotaron nun primeiro momento estas cabeceiras, e outra moi distinta a defensa do ideario das Irmandades da Fala. Por iso, este tipo de prensa foise enfrontando cada vez máis abertamente co nacionalismo galego, silenciando as súas actividades. Quizais as dúas experiencias máis interesantes de conformación dun xornal diario galego á altura dos tempos que corrían, sexan as de Galicia e El Pueblo Gallego . Ambos os dous aparecen na cidade de Vigo na década dos anos 20. O primeiro deles, subtitulado "Diario de Vigo", aparece o 25 de xullo de 1922, coincidindo o seu primeiro número co " Día de Galiza " ,e desaparece no ano 1926, logo de moitísimas dificultades e persecucións polo réxime primorriverista. A partir do número 20 (16/8) faise cargo da dirección Valentín Paz Andrade , daquela un dos xornalistas máis novos cos que contaba Galiza, que lle imprime ao xornal unha tendencia galeguista. A tiraxe sitúase arredor dos 12.000 exemplares, cifra moi importante para a época, só superada polo Faro de Vigo e La Voz de Galicia. Unha das características máis salientábeis deste proxecto foi a participación nel de numerosos intelectuais vinculados ao movemento nacionalista. Polas súas páxinas desfilaron, como colaboradores habituais, entre outros, Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Otero Pedrayo , Xaime Quintanilla , Rafael Dieste , Roberto Blanco Torres ou Manuel Lustre Rivas. Os dous últimos foron, ademais, os seus redactores-xefes, mentres que Rafael Dieste colaboraba co equipo de redacción. Desde o ponto de vista cultural, Galicia marca un cambio a respeito do resto da prensa diaria ao introducir certas novidades, entre as que cabería citar a crítica musical ou a caricatura (Castelao, Maside, Álvaro Cebreiro, Fernández Mazas...). Aínda que escrito maioritariamente en español, o galego estaba presente en certas seccións fixas, como a titulada "Leria" ,da autoría de Vicente Risco, ou nas colaboracións dos irmáns Vilar Ponte, Castelao, Ramón Cabanillas ... No aspecto literario habería que facer referencia ás súas " Páginas literarias de Galicia ", así como os " Dominicais "de artes e letras. Como vimos comentando, a plana maior da criación literaria do momento tivo neste xornal unha xanela aberta para a publicación de traballos, artigos de opinión, de crítica literaria e de reseña de canto se estaba a facer no momento.

El Pueblo Gallego foi fundado en 1924 e máis tarde pasaría a mans de Manuel Portela Valladares, sendo intervido e requisado polos fascistas en xullo de 1936. En moitos aspectos garda bastante semellanza co xornal de Paz Andrade. Tamen a través das súas páxinas van poder expresarse ideas claramente progresistas e autonomistas, en contraste cos posicionamentos localistas e reaccionarios da maior parte da prensa galega do momento. Como ten sinalado Xosé M. Millán deu acollida á mocidade galega de preguerra, a aqueles mozos con inquietudes estéticas e ideolóxicas sen canle de expresión. Aínda que as boas relacións entre algúns dirixentes do nacionalismo galego e o propio Portela Valladares van modificarse xa en pleno período republicano, o xornal vigués foi un órgao de información moi interesante para o nacionalismo galego no obxectivo de dar a coñecer as súas ideas, especialmente nos sectores da pequena burguesía. No aspecto cultural vai continuar, en certa medida, o labor desenvolvido por Galicia . Escritores e artistas como Camilo Díaz Baliño, Eugenio Montes, Xoán Vicente Viqueira, Filgueira Valverde , Correa Calderón, Castelao ou Blanco Amor , forman parte dunha longuísima lista de colaboradores. As diferentes noticias de carácter cultural, así como as notas bibliográficas, vanse publicando nas páxinas diarias. O venres 27 de agosto de 1926 dá comezo unha nova sección titulada " A Fala Galega ", aberta á participación de todas aquelas persoas interesadas no estudio do léxico e a gramática do noso idioma. Dise que a sección complementará o " Diccionario " que xa viña publicando. Con todo, en 1929 aparecerán os " Domingos de El Pueblo Gallego ", unha páxina adicada fundamentalmente a comentarios e artigos literarios e culturais en xeral. Por último, débese indicar a existencia dos suplementos adicados á festa do Santo Apóstolo, centrados na arte e a literatura do país.

De entre a prensa nacionalista a cabeceira máis importante era A Nosa Terra (1916), que, nesta segunda etapa, será o órgao das Irmandades da Fala, escrita xa integramente en galego. O seu director foi Antón Vilar Ponte, quen deixará o cargo coincidindo practicamente coa escisión no seo do nacionalismo galego, na Asemblea de Monforte (1922). Desde aquí até o golpe de estado fascista a persoa clave foi Victor Casas, o seu derradeiro director e destacado dirixente do Partido Galeguista , asasinado o 12 de novembro de 1936. Na opinión de Margarida Ledo Andión , pretendía dirixirse, de xeito moi especial, á pequena burguesía ilustrada, como se pode comprobar nos chamamentos feitos aos anunciantes. A temática é variada, desde a política até cuestións relacionadas coa cultura e a educación, pasando por aspectos económicos, sociais e organizativos. Con todo, coas súas páxinas submetidas á censura militar desde maio de 1924, vese obrigada a baixar a súa periodicidade e renunciar ao seu carácter político até 1930. A problemática agraria ocupa un lugar destacado na publicación: deféndese a desaparición dos foros, os consumos e as rendas. Pídese a modernización de Galiza e a consecución dos seus dereitos políticos, desde un antilocalismo manifesto, ao entender a Galiza como nación. Loxicamente, a cultura foi un capítulo importante, prestando especial atención aos temas educativos. Nas súas páxinas publícanse normas ortográficas e sínteses xeográficas, reivindícanse Facultades de Ciencias ou Filosofía, promóvense as "Escolas do Insiño Galego", escríbese sobre arte, teatro, música, poesía, e mesmo fanse traducións e adaptacións de escritores como Tagore, Gorki, Ibsen ou Eça de Queiroz.

Ademais de A Nosa Terra , existiron outros publicacións de carácter nacionalista dependentes das agrupacións locais: o Boletín da Irmandade da Fala do Ferrol (1921-22), o Boletín Oficial da Irmandade Nazonalista Galega (Ourense, 1922), Rexurdimento (Betanzos, 1922), Alborada (Pontevedra, 1922), no interior do país; na emigración americana aparecerán Nós (A Habana, 1921), Terra (Bos Aires, 1923), Céltiga (Bos Aires, 1924-32) ou A Fouce (1926, 1930-36). Todas estas revistas e boletíns tiñan, en maior ou menor medida, unhas características en común: tratábase de publicacións de poucas páxinas, de tiraxes moi limitadas, e dunha periodicidade moi espaciada e moi breve vida.

IMAXES