A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa didáctica (1916-1936)
A problemática lingüística

A importante mudanza que supón a aparición das Irmandades da Fala ten unha clara marca idiomática que se manif esta na asunción na práctica do idioma como instrumento utilizado na vida política, asunción que se plasmará no emprego do galego en conferencias e mitins galeguistas a nivel oral, e en propaganda, boletíns e xornais a nivel escrito. Xa antes do 1916 se deran algúns pasos importantes a este respecto, por exemplo a utilización do galego nun mitin en Betanzos no 1907 por parte de Lugrís, mais é agora cando ese emprego se xeneraliza, converténdose en sinal de identidade do nacionalismo. Por iso, aínda que ás veces, ao facer a crónica dun acto, mitin ou conferencia, se escriba que "se dirixiu ao numeroso público, naturalmente ,en galego", en moitas ocasións esta referencia sobra porque xa se sobreentende.

Caricatura de Ramón Vilar Ponte realizada polo seu fillo, Xosé Ramón Vilar Chao.

De todos os xeitos, esta regularización do uso oral e escrito do galego, non supuxo un total monolingüísmo. Algúns autores que escriben en A Nosa Terra publican tamén artigos noutros xornais en español, mesmo en El Pueblo Gallego ,simpatizante da causa galeguista. Non resulta difícil imaxinar, se pensamos mesmo no que sucede na actualidade, as dificultades que tería un xornalista profesional, como Antón Villar Ponte, para manter con total coherencia a súa escolla idiomática. Outras veces eran cuestións de estratexia as que indicaban a necesidade de utilización do español. Iso sucede, por exemplo coa autorización dada polo Partido Galeguista a unha intervención de Bóveda en español no Círculo Mercantil de Vigo, ante un público entre o que había un sector de orixe catalá, relato que comenta Carballo. A través dos artigos do boletín A Nosa Terra pódense ver múltiples referencias á falta de práctica en galego. Algúns destes van dirixidos ás mulleres, acusadas de seren axentes de castelanización. Outros, aos propios membros das Irmandades por non seren intransixentes e coherentes: "Falen os nosos interlocutores en castelán ou como queiran, si eisí lles peta, mais non por iso deixemos de falárelles en galego" —afirma Ramón Villar Ponte.

Unha das maiores polémicas sobre o uso da lingua sucedeu co gallo da celebración dos Xogos Florais de 1918 na vila de Betanzos. Se nun principio as Irmandades desta localidade pretendían, a través dos Xogos potenciar e promocionar o noso idioma, o control que exerce Federico Pita, un militar, mecenas da Irmandade local tras a súa volta de Cuba e Melilla, provoca que as bases dos Xogos se redacten en español e que este fose o idioma maioritario nos traballos presentados. A reacción dos membros máis concienciados das Irmandades non se fai agardar e son continuas as acusacións nas páxinas de A Nosa Terra ,rematando o proceso co abandono do Presidente da Irmandade de Betanzos.

A pesar de constituír unha das maiores preocupacións, nesta época non destacan figuran relevantes no terreo da filoloxía que lle impriman ao estudio da nosa lingua o impulso necesario para avanzar dun xeito rigoroso e científico como sucedeu noutros ámbitos. Si que foi centro de atención de artigos, debates e comentarios, mais non se produciron os resultados que serían lóxicos tendo en conta a etapa de esplendor na que nos atopamos.

As ideas máis importantes que, a respecto da lingua aparecen nos textos desta época, poderían resumirse en:

  1. Toda lingua representa unha cultura orixinal. A lingua é a expresión da alma dun pobo, e, xa que logo, a súa desaparición supón a eliminación dese pobo, que acaba convertido nunha pura mímese doutro. Hai, polo tanto, que superar o complexo de inferioridade e darse conta de que nunca existirá Galiza, como entidade diferenciada, sen a conservación do seu idioma.
     
  2. O galego é unha lingua, e non un dialecto, como queren facernos ver. É xustamente dentro desta polémica sobre se idioma ou dialecto, aínda non superada na época, onde podemos incluír a necesidade de se afastar do español, pois o galego non debe nunca concebirse como unha variante, un dialecto deste.
     
  3. O galego é un idioma válido para todas as clases sociais e para ser utilizado en todos os ámbitos. O idioma debe ser un instrumento de progreso, que contribúa ao desenvolvemento do país; ligalo unicamente aos aspectos literarios e artísticos e comezar a enterralo. Neste capítulo, incluiríanse ademais todas as críticas contra unha utilización "folclórica" do idioma, vinculándoo ás cantigas populares, aos coros "rexionais", ao seu uso espontáneo e coloquial. Fronte a isto, trabállase agora no intento de restaurar os usos cultos do galego. O que interesa é o compromiso das clases altas, das élites do país coa lingua. O que cumpre é a existencia de xornais, revistas, libros, en galego, mais tamén que este sexa o idioma empregado oralmente, na realización do seu labor profesional, por médicos, xuíces, avogados, notarios, alcaldes, políticos,...
     
  4. O galego é o idioma natural, propio da Galiza, é a lingua dos nosos devanceiros, da nosa terra. É, ademais, unha lingua falada pola inmensa maioría da poboación e entendida, practicamente, pola súa totalidade. O seu emprego está baseado no respecto ao idioma conservado polas clases populares: os labregos e mariñeiros.
     
  5. Galego e portugués son unha mesma lingua, ou Galiza e Portugal son anacos dun mesmo corpo. Se ben o galego debe procurar o enxebrismo, a súa auténtica feitura na boca do pobo, a lingua escrita, culta, literaria, non ten máis remedio que arredarse algo da falada, na procura doutros ámbitos de expresión. Neste camiño, a recuperación de cultismos e a ollada ao portugués como fonte da nosa mesma expresión é o único proceso válido fronte á españolización.

    Esta idea, unha das máis reiteradas nese período non vai ficar unicamente nunha declaración teórica, senón que será elevado ás Cortes polos nosos representantes en Madrid. Tanto Castelao, como Otero e Suárez Picallo inclúen numerosas referencias nos seus discursos parlamentarios ao problema lingüístico e cultural, insistindo en que a nosa lingua é a mesma que a do país veciño.

    ​Dentro da polémica ortográfica, que ocupará moitas páxinas coas máis variadas opinións (desde os defensores da ortografía fonética, como Ribalta a Viqueira, o máis partidario defensor do reintegracionismo) destaca, en xeral, a idea de se afastar do español, pois este constitúe un perigo para a identidade do galego. Como nos di Risco, despois de se manifestar contrario á ortografía portuguesa:

"Pro, millor quero o aportuguesamento que a castelanización. A língoa galega, coa que se ten que pór nunha forma defensiva é coa castellana que é a que máis mal lle pode faguer. Nesto estou co mestre Viqueira".

Dentro deste debate sobre o modelo lingüístico que debemos escoller (debate que abre A Nosa Terra nº 1918), non faltan voces que pidan calma e esixen que se agarde a que, co paso do tempo, se vaian fixando as que logo han ser escollidas como formas válidas. Das dificultades de conseguir unha unanimidade neste terreo dá boa mostra o Informe da Seizón de Filoloxía do Seminario ,presentado o 15 de outubro de 1933, despois de diferentes intentos de consenso. Explicase neste informe que é necesaria superar a anarquía idiomática, mais que só propoñen dar unhas orientacións, nas que se inclúe a referencia de utilización do portugués cando for preciso, mais deixando a lingua discorrer libremente por aqueles camiños que ela vaia sinalando. A continuación aparecen unha serie de

Roberto Blanco Torres visto por Castelao.

  1. Normas ortográficas sobre o uso de letras, sinais de puntuación e regras de acentuación.
  2. Normas Fonéticas onde se inclúen algunhas evolucións habituais do paso do latín ao galego.
  3. Normas Morfolóxicas , nas que se detalla a formación do plural e do feminino dos casos máis problemáticos.
     
  1. A construcción do galego culto, literario e científico, é un proceso, e, nese sentido, hai que refacelo paseniñamente. Será a propia escrita a que vaia fixando as formas que logo serán asumidas, pois, ao igual que lles sucedeu a outros países con linguas non normalizadas, non se pode pretender posuír nun curto período de tempo un modelo aceptado unanimemente.

Moitos artigos de Nós e A Nosa Terra dedícanse xustamente a insistir na idea de que o galego debe superar o seu estadio de lingua coloquial para ir subindo banzos na escada; a lingua "non pode se-la mesma pra falar de chouza, que pra falar de libro a libro" como afirmaba Portela Valladares, quen tamén insistía na necesidade de unir dous elementos, dúas fontes das que sairía a nova lingua galega:

  1. A canteira, é dicir, a fala do pobo.
  2. A lingua da literatura medieval.

Foi a procura dunha lingua culta, dun modelo diferente, necesario para falar de filosofía, prehistoria e ciencias, a que levou a estes autores a introducir numerosos cultismos tomados das linguas clásicas. O galego ten dereito a tomar préstamos para construír a súa linguaxe técnica, como afirmaba Losada. Mais, o problema foi que moitas veces as palabras cultas foron deformadas, intentando "galeguizalas" para diferencialas da forma española. O afán arredista, e, xa que logo, diferencialista a respecto do español, é, sen dúbida, unha das características da lingua desta época. Tamén hai nestes momentos unha procura do galego enxebre (conseguida polo estudio da fala labrega), popular, e unha ampliación de significados moitas veces lícita e hoxe totalmente asumida. Foi, por un lado, o abuso do diferencialismo, e por outro, a utilización dun léxico antigo, relativo a mundos hoxe case desaparecidos por estaren vinculados a determinados labores agrícolas, o motivo de estarmos ante unha prosa de difícil lectura.

Otero Pedrayo e Castelao, deputados galeguistas, nunha visita a Barcelona, no ano 1933.

Mais coa cantidade de autores que escriben nestes vinte anos, faise imposíbel unha xeneralización. De entre os máis coñecidos, foron Castelao e Cuevillas os que posúen un modelo lingüístico máis achegado á fala, que hoxe se nos fai máis moderno e actual. Fronte a isto, o galego oteriano caracterízase polo alto grao de elaboración: procura dunha grande riqueza léxica e extraordinario manexo do vocabulario. Un grande coidado formal demostrou ter tamén Viqueira, levando a coherencia como guía na súa práctica lingüística.

Como é lóxico, o importante é neste caso que, despois de transcorridos os vinte anos que separan o 1916 do 1936, o noso idioma tiña alcanzado un grao de madurez importante, consolidándose como lingua de expresión científica e literaria. Este feito constituiría o triunfo sobre os anos de silencio en galego, pois agora, a pesar do corte producido durante a dictadura, as xeracións posteriores tiveron un punto de referencia, legado que, ben desde o exilio (coas publicacións da diáspora), ben desde o traballo o no interior do país (que recollería en parte a editorial Galaxia ), nos foi transmitido polos grandes símbolos do galeguismo.

IMAXES