A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos
A recepción da obra de Avilés

O itinerante acontecer biográfico de Antón Avilés de Taramancos condicionou de xeito especial a recepción da súa obra polo leitor, a acollida analítica por parte da crítica e a incidencia da súa escrita sobre a dos autores contemporáneos. Antes de 1971, a súa obra poética, difundida nas limitadas edicións dos dous primeiros títulos, foi comentada por un grupo reducido de escritores, entre eles Álvaro Cunqueiro, Manuel Fabeiro, Aquilino Iglesia Alvariño e Julio Sigüenza.

Salvador García Bodaño.

Foi Salvador García Bodaño quen, primeiro no número 31 da revista Grial ,correspondente a marzo de 1971, logo a través do artigo adicado a Avilés na Gran Enciclopedia Gallega ( 1975) e, xa de regreso o poeta en Galiza, coa INTRODUCCIÓN a O tempo no espello ( 1982), mantivo vivo o seu nome e facilitou a ruptura do silencio crítico. Silencio que se esvaíu definitivamente a partir da década 80 coa publicación de O tempo no espello e, sobre todo, desde a aparición dos libros pertencentes ao 3º Ciclo, que foron reseñados e comentados por escritores e críticos como Xosé Agrelo , Xosé María Álvarez Cáccamo , Manuel Álvarez Torneiro, Anxo Angueira , Vicente Araguas , Antón Capelán, Carlos Casares , Isidro Conde, Ramiro Fonte, Basilio Losada, Manuel María, Xosé Luís Méndez Ferrín , Rábade Paredes , Román Raña, Xavier Seoane , Anxo Tarrío , Mario Villar ou Miguel Sande .

Logo da súa morte, a revista Luces de Galiza adicou o número 21, correspondente a febreiro de 1993, á homenaxe e análise da obra de Avilés. Nesa entrega especial da publicación coruñesa colaboraron, ademais de algúns dos autores anteriormente citados, Xavier Castro , X. M. Dobarro, Miguel Anxo Fernán-Vello , Fernández Ferreiro , Bernardino Graña , Uxío Novoneyra , Xulio Valcárcel , Ánxeles Penas , Cesáreo Sánchez e Xavier Rodríguez Baixeras , entre outros.

Desde o día 22 de marzo de 1992 non cesaron as homenaxes, as frecuentes referencias á súa obra, as edicións póstumas, o recoñecimento do seu influxo. Entre o conxunto das celebracións cómpre sobrancear a homenaxe que a AELG lle adicou o día 26 de marzo de 1995, a que xa fixemos referencia, e a exposición de poemas de diversos autores adicados a Antón Avilés, acompañados das fotografías dos mesmos, obra de María Esteirán, que percorre as vilas e cidades de Galiza desde o ano 1996.

IMAXES