A Etapa Contemporánea (S. XX)
O teatro das Irmandades da Fala
A recuperación funcional do idioma

A fundación na Coruña das Irmandades da Fala en 1916 marcou un fito decisivo na historia contemporánea de Galiza. Amén de significar o nacemento do nacionalismo galego ("Manifesto de Lugo", 1918), supuxo, no terreo cultural-idiomático, a existencia dunha organización que soubo lograr dous obxéctivos fundamentais: o primeiro, orientar e agrupar ao seu redor ao máis granado da intelectualidade galega de entón; o segundo, servir de revulsivo no panorama cultural da época, levando a cabo todo tipo de iniciativas orientadas á expansión e dignificación da nosa lingua e da nosa cultura, en todas as súas manifestacións.

Propaganda dun festival con presenza de teatro galego, insertada en  O Tío Marcos d´a Portela, no ano 1919

A impulsos das Irmandades nacerán varios Coros Populares, o Conservatorio Nacional da Arte Galega ,as editoriais Lar (Coruña, 1924), Céltiga (Ferrol, 1922), Alborada (Pontevedra, 1922) ou Nós (Santiago, 1927), o Seminario de Estudos Galegos (fundado en 1923), revistas, boletíns e xornais como A Nosa Terra , O Tío Marcos da Portela (3ª época), Rexurdimento , Nós, etc. Antes da súa aparición, di Villar Ponte, " o sentimento da galeguidade ficaba cáse que totalmente esmorecido na nosa terra " . Os galegos " tiñan a Madrí pol-o seu meridiano intelectual, moral e artístico "e ollaban con " indeferencia cando non con desprezo " as manifestacións artístico-culturais do seu propio país. As Irmandades, ao dictado dos seus Estatutos ( " propagar a nosa fala por todol-os medios ")   e vencendo numerosos atrancos, van facer que o galego comece a usarse en ámbitos nos que ata entón estivera prohibido ou marxinado: o eclesiástico (revista Logos de pensamento católico); a prensa (colaboracións nos xornais galegos, edición de xornais monolingües); a propaganda política (campañas e mitins do Partido Galeguista ); a propaganda comercial (anuncios en galego na revista Nós ) ; e, mesmo, a radio (anos 30).

Ao mesmo tempo, o galego faise vehículo de expresión científica, polo labor multidisciplinar do Seminario de Estudos. Aparecen traballos en galego na revista Nós ou nos Arquivos do Seminario. Versan sobre ciencias históricas, sociais e naturais. Por vez primeira en moitos casos, déitase atención á realidade galega como obxecto merecente de estudio. Corresponden tamén ás Irmandades a recuperación da toponimia galega (estragada por imposición das instancias oficiais) e os primeiros intentos serios de estandarización do idioma. Os membros das Irmandades posicionáronse maioritariamente a favor dun modelo de escrita máis etimolóxico e achegado ao portugués, isto é, polo reencontro progresivo das normas galega e portuguesa. Na práctica, porén, atoparon enormes dificultades para efectivizar ese "desideratum" e tiveron que actuar dentro das marxes do posibilismo. Entre as iniciativas neste campo cómpre sinalar a gramática de Lugrís Freire e as "Normas" do Seminario (1933).

Outra das preocupacións das Irmandades con respecto á lingua foi a obtención do seu recoñecemento oficial, apostando pola co-oficialidade transitoria de galego e castelán. Tamén se demandou o dereito ao uso e ensino do galego na escola. Con ese fin, amén das propostas pedagóxicas de Risco ou Viqueira , naceron as Escolas do Insiño Galego na Coruña (1923), auspiciadas por Ánxel Casal. Na mesma liña hai que entender a edición da primeira revista infantil en galego, As Roladas (1920), ou o Método de lectura (1932) de Xosefina Iglesias.

O que significaron as Irmandades resúmeo Ramón Villar Ponte no seu discurso de ingreso na Academia Galega (1951): " un cultivo sistemático, premeditado, abarcando todol-os campos d'eispresión individual e colectiva (...) se non realizara nunca tan compreta e totalmente até o intre en que as Irmandades aparescen (...) o galego abrangue un espallamento falado y-escrito como non tivera en ningures ".

IMAXES