A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra de Xosé Luís Méndez Ferrín
A reflexión sobre a criación artística

Son moi abondosos os exemplos na narrativa de Ferrín que constitúen unha reflexión sobre o proceso criador e artístico e os seus problemas; hai un número significativo de relatos onde os protagonistas son escritores e intelectuais vinculados a un proceso artístico, de maneira que encontramos neles unha forte tendencia metaliteraria que podemos analizar desde os diferentes polos da criación artística: o escritor e o lector.

O escritor como demiurgo

O escritor é unha especie de deus na súa capacidade de criar mundos que, á súa maneira, son tan "reais" como a mesma realidade: un caso moi evidente é o de "Triafo e o vento" onde Anceps, a través do seu relato, o que fai é realmente" trasladar" e literaturizar a súa historia con Teu. Esta omnipotencia criadora é unha fonte de pracer para Anceps, e para calquera escritor, pero ten tamén os seus riscos, como se pode ver no relato "O cadro asasinado" ( O Crepúsculo ...): a parella de pintores que produce unha obra tan perigosa —un cadro que representa un adolescente con ollar de asasino— son responsábeis da aparición dun monstro cuxas accións non poderían controlar e que deciden finalmente eliminar.

Ferrín plasmado nun debuxo de Xaime Quesada en 1978.

Esa omnipotencia do criador con respecto á súa obra ponse, sen embargo,en cuestión algunhas veces: véxase por exemplo o relato "Calidade e dureza": no proceso do namoro de Els Bri, a escritora e protagonista por Seida Sokoara e o seu mundo, hai un paulatino proceso de identificación con Ela, unha criatura de ficción do mesmo Seida Sokoara, de maneira que a investigadora está —ou cre estar— no interior do texto que investiga. En "Adosinda horrorizada" ( Arraianos )asistimos a algo moi semellante: Luísa Armesto, como hipnotizada polo que le, acaba imaxinando nunha das cabezas sen rostro da besta apocalíptica o seu propio rostro, fusionándose así a lectora co texto que le.

¿E que papel xoga o lector cando aparece? Xa en Percival encontramos dous relatos que supoñen unha reflexión sobre isto: en "A cancela" vemos como un obreiro, canso da rotina de sempre, decide seguir o camiño que conduce a un bosque imaxinario pechado por unha cancela. Xúntanse a decepción da mirada inxenua do protagonista, que confunde o artificio artístico co real, coa experiencia sen embargo libertadora de quen rompe coa súa alienación. En "Philoctetes", relato do mesmo libro, veremos como o protagonista, prisioneiro político, é capaz de se introducir como personaxe nun relato do escritor Nokao para modificar o seu desenlace, aínda que acabe recoñecendo as razóns narrativas do final proposto polo escritor e cambie a súa decisión primeira de modificar o curso do narrado. Philoctetes representa así o lector activo, imaxinativo.

O mundo como texto escrito

Como nas relixións, onde Deus se concibe como omnisciente, e que mesmo ten predestinado o destino de cada unha das súas criaturas, así podemos entender tamén a literatura: Deus sería un escritor e os seres humanos seguiríamos un destino prefixado, iríamos cumprindo, sen sermos conscientes diso, un guión previo, un texto xa escrito. Xa podíamos ver esta cuestión no protagonista e narrador de "Labirinto", que encontrará o seu verdadeiro destino nun libro escrito moito tempo antes; algo así pasa en "O castelo das poulas" e cun remate sorprendente e irónico: nun fortín da raia o coronel Junquera adestra cans lobeiros coa música da "Marcha Turca" coa finalidade de que un destes mate a un dos seus subordinados a quen odia, o tenente Kleist, cando se realice a parada militar e facendo que todo pareza un puro accidente.

Homenaxe a María Mariño en Noia. De esquerda a dereita, Ana Romaní, Helena Villar, Méndez Ferrín, Carlos Oroza, Avilés de Taramancos, Uxío Novoneyra e Bernardino Graña.

O final da historia é sorprendente: un narrador en primeira persoa que é o editor de todo o anterior infórmanos de que se trata da versión galega dunha narración orixinalmente en portugués dun profesor de primaria, Joao de Sousa Mendes que no día da romaría da Nosa Señora da Peneda foi atacado e morto por un can lobeiro ao poñerse a asubiar a "Marcha Turca"; un capitán portugués chamado Costa Beirao, moi semellante ao coronal Junquera da primeira parte da narración, dá despois morte ao can. O escritor se supoñemos que ese profesor Sousa Mendes é o autor do texto que publica o editor —  escribiu un texto que facía referencia a el mesmo: el era o tenente Kleist, de igual modo que o capitán Costa Beirao se identifica co coronel Junquera. A morte que se anunciaba aconteceu, pero variando os nomes, o día da festa, o lado da raia... Foi a realidade a que cumpriu un texto escrito previamente; e foi a mesma víctima, o escritor, a que sen o saber escribiu o seu destino.

Os personaxes

Nas tres primeiras obras de Ferrín encontrámonos cuns personaxes cunha tipoloxía bastante específica e en boa medida diferentes dos que aparecerán despois. Non queremos negar a existencia dunha serie de trazos comúns dos personaxes da obra ferriniana, senón marcar a diferencia entre estas dúas etapas. Ás veces a diferencia estará no sentido que teñan as súas accións: se en "Percival" e "O crepúsculo..." a morte e a violencia aparecen enfocadas desde o seu aspecto absurdo, en relatos posteriores aparecerán vistas desde o seu lado heroico, como resultado da acción revolucionaria e do compromiso persoal con esa acción.

Ferrín con Alexandre Cribeiro e a súa dona ,Susana

O mundo da alienación

Os autores da Nova Narrativa escribiron nunha época onde a influencia da corrente filosófica existencialista e doutrinas psicolóxicas como a psicanálise destruíran a confianza optimista na bondade e na racionalidade do ser humano; isto tivera tamén o seu reflexo literario, onde podemos apreciar correntes literarias como o expresionismo (Kafka), a literatura do absurdo (Beckett, Ionesco) ou a literatura existencialista (Camus, Sartre) que deseñan uns personaxes deliberadamente grises e mediocres ou de trazos antiheroicos, problemáticos, que non pretenden constituírse en referente positivo. Ás veces a psicoloxía torturada dos protagonistas conduce á escolla de figuras situadas no campo do psicopatolóxico: o suicida, o louco, personaxes cunha consciencia en proceso de disolución. Este tipo de personaxe negativo e antiheroico é bastante frecuente nestas obras; véxanse por exemplo os relatos "Diario" ou "Un chinche durme no teito": os protagonistas e narradores son incapaces de distinguir a realidade obxectiva do seu estado interior e van dando conta dunha maneira pormenorizada e cunha autoobservación morbosa do seu proceso de degradación personal e de autoaniquilación.

Imaxe de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Noutros casos encontrarémonos co personaxe gris, anodino, enfrentado á realidade dunha morte absurda, como sucede en "A cabeza fendida" ou "Ramil...". A morte non é aquí a consecuencia dunha opción vital, a morte heroica de quen decide dar a vida por algunha causa, senón un feito absurdo, un accidente, ("desas cousas que pasan", como reitera o narrador de "A cabeza fendida") ou consecuencia dun proceso de disolución persoal dirixido violentamente contra un mesmo ("Un chinche...") ou contra os demais ("Diario").

Os homes parecen insignificantes diante da morte e M. F. Saal, protagonista de "O asasino", sucumbirá de maneira maneira semellante ás moscas que el mataba. Neste universo violento tampouco parece haber compaixón: moi a miúdo a morte queda convertida nun espectáculo circense para a masa, como acontece co relato que acabamos de citar ou no conto "O verdugo".

A incomunicación caracteriza tamén a estes personaxes: Percival parece vivir isolado aristocraticamente no seu xardín, con contactos episódicos cun mundo que parece resultarlle á vez atractivo e ameazador; ás veces a incomunicación refléxase de maneira paradóxica a través da escrita dos protagonistas, de maneira que a fórmula do diario persoal serve para dar conta dese proceso de disolución da propia consciencia ("Diario" e "Un chinche...) ou para sacar á luz aspectos problemáticos dos protagonistas ("Tríafo e o vento", "Duas cartas a Lou"). Relacionado con isto está a imposibilidade do amor e da comunicación interpersoal: entre eles parece interporse un fado que impide o encontro: Percival e Brasja, como H. Eire e Violeta, por exemplo, pertencen a mundos distintos que fan o seu amor imposíbel, e algo semellante podemos ver en "Os ollos de Kelma" ou "Nhadron". As relacións amorosas e sexuais están frecuentemente vistas baixo o prisma da violencia e da crueldade, son unha loita, como sucede no relato "Mantis religiosa", onde ese ser monstruoso é un cruce de muller cun insecto que devora o macho despois do apareamento; algo semellante podemos ver en "O crime do chalet vermello", cando Ano Jhosco trate de matar do mesmo xeito ao seu visitante.

Isto non significa que non apareza ningún personaxe de características positivas: ás veces o protagonista móvese neste terreo, como sucede en parte con Percival (as preguntas que se fai cando sae ao bosco parecen ter un claro gusto existencial), personaxes que tratan de saír dunha vida cotidiana embrutecedora (o O. Phea de "A cancela"), que encontran unha liberación na imaxinación ( " Philoctetes"), que practican a xustiza ou a venganza ("O asasino") ou cren na solidariedade ("Grieih", "Os homes e a noite").

IMAXES