A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
A renovación poética a partir dos setenta

Desde mediados dos setenta comeza a operar unha vontade de cambio na creación poética. O panorama poético vai ser renovado coa publicación de obras que abren camiños a novas experiencias temáticas e estilísticas, superadoras da poesía social. Desde a perspectiva crítica dos nosos días aparecen dúas datas que son claves: 1976 e 1980.

Pilar Pallarés.

Segundo González-Millán o cambio no panorama poético explicaríase, por un lado, por condicionantes externos, políticos e sociais (na súa opinión, a situación sociocultural inaugurada coa experiencia política autonómica é algo semellante ou coincidente co momento das Irmandades) e por outro, por unha evolución interna do discurso literario. A defensa da publicación de obras poéticas como factores de cambio obedece ao desexo ou á necesidade de explicar o fenómeno desde unha lóxica interna ao discurso literario. No seu libro Literatura e sociedade en Galicia (1994), González-Millán decídese por 1975 como "data fronteiriza" porque nela é que se inicia unha nova época para a historia sociopolítica e cultural de Galiza.

César Antonio Molina sinala a publicación de Con pólvora e magnolias e Mesteres como libros esenciais no cambio. Dos posteriores ao 76, sinala E direi-vos eu do mister das cobras (1980) de Manuel Vilanova, e o grupo Rompente . No mesmo ano, Claudio Rodríguez Fer sinala tamén estes libros como esenciais. Posteriormente engade o Viet Nam canto ,de Uxío Novoneyra, polo seu experimentalismo gráfico e fónico e o verbalismo surrealista. Da mesma opinión é Xosé Luís Méndez Ferrín, para quen a grande renovación poética está no poema de Uxío Novoneyra e na publicación de Seraogna de A. Pexegueiro.

Camilo Gómez Torres presenta como libros esenciais da renovación (el fala do "umbral da renovación") Onde o mundo se chama Celanova (1975) de Celso Emilio Ferreiro e Con pólvora e magnolias (1976).

Frente á defensa do 76, a máis aceptada pola crítica, outros críticos como Teresa Seara e Luciano Rodríguez coinciden na data de 1980 como aquela en que comezan as publicacións de obras en que se fai patente un cambio importante nos procedementos poéticos e se manifesta un traballo na liña que abrira explicitamente Con pólvora e magnolias.

Desde logo, entre este ano e o anterior, a poesía galega vai contemplar a significativa publicación dun grupo de magníficos libros de novos poetas: A caluga do paxaro de X. Seoane, Véspera do día de Xulio Valcárcel e Poemas de amor sen morte de Rodríguez Fer, todos eles en 1979; Fentos no mar de Rodríguez Baixeras e Ferida acústica de río de Manuel Forcadela, en 1980, ademais das publicacións de poetas maiores, como Herba aquí e acolá  de Cunqueiro ou Estacións ao mar de Xohana Torres, que acarón de Se o noso amor e os peixes ,de Bernardino Graña, van ter unha indubitábel influencia nos novos poetas.

Nun momento favorecedor da cultura e da creatividade, vaise configurando un ambiente dinamizado por grupos, recitais, encontros, premios e coleccións. En 1977 aparece a revista Loia ,en Madrid, que presenta certa coexistencia estética con Rompente. O enlace entre as dúas son Antón Patiño e Menchu Lamas. Nela colaboran Manuel Rivas, Lois Pereiro, Fermín Bouza Álvarez, Reimunde Patiño.

En 1981 celébrase en Vigo un achegamento á literatura organizado pola AELG , e polos títulos das intervencións podemos ver as preocupacións do momento: "Poesía como acto de resistencia" (Ferrín); "Poesía e toma de conciencia" (X. Ramón Pena); "Poesía como voz do inconsciente colectivo" (Pexegueiro); "Poesía como vangarda constante" (Reixa).

Á dinamización poética dos oitenta contribúen tamén revistas e premios literarios, como Grial , Nordés , Coordenadas , Dorna , Luzes de Galiza ,e outras de carácter máis restrinxido, como os Papeis de Dragón. Os premios "O Facho" (1978), Premios Cidade de Ourense e Cidade de Vigo, Esquío (1980), o desaparecido Leliadoura, "González Garcés" da Deputación da Coruña e "Espiral Maior", da colección do mesmo nome, ou o "Martin Códax".

Nos últimos anos, especialmente a partir de 1986, hai un esmorecemento na publicación de libros de poemas; desaparecerán algúns premios e perderase en boa medida a iniciativa dos recitais. Entrada a década dos noventa asistimos a unha renovación do movemento poético, tanto polas novas publicacións de poetas dos oitenta, como pola aparición dun grupo de novísimos poetas, debido a factores numerosos e complexos, entre os que destacaríamos a creación de novas empresas editoriais, aparición de novas revistas e de grupos poéticos en ocasións identificados cun espazo cultural-histórico ou de resonancias míticas na nosa cultura ( Batallón da Costa da Morte ).

O poeta Ramiro Fonte chegou a falar da poesía como "xénero-guía", termo con certa resonancia ornitolóxica, mais que ten un fondo de verdade. Precisamente outro poeta, Miguel Anxo Fernán-Vello , ten falado da importancia da obra poética desde o afán de procura dun horizonte de renovación e de exploración dunha nova linguaxe literaria, na cal os poetas son vangarda.

IMAXES