A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
A resistencia cultural (1948-1975)

Imposibilitado pola ditadura para exercer cargos públicos, comeza a traballar no ensino privado e restablece as súas relacións cos galeguistas que ficaban en Galiza. Pero tamén escribe: en 1945 remata a obra teatral Isabel , que iniciara en 1936, e en 1948 produce tres pezas teatrais: A sombra de Orfeu , Farsa das zocas e A árbore.

Isabel foi rematada en 1945 e publicada en 1982 no Teatro completo . Trátase dunha comedia en tres actos na que a acción ven plantexar como problema os límites entre o ilusorio e o real, percorrido que na peza vai da realidade á ilusión.

A sombra de Orfeu é unha comedia psicolóxica en tres lances. Ademais da recreación do mito de Orfeu, nesta obra hai un drama de mulleres; así, os eixos nucleares da acción dramática serían o (des )amor e a arte, tratados por Carvalho dentro das normas do teatro realista, respecto das esixencias de verosimilitude e das unidades de acción e de espacio. En conxunto, sobre todo Carvalho configura un entramado simbólico claro.

Farsa das zocas está baseada nun relato popular, na realidade da vida galega rural naquela época, na época inmediatamente anterior ao momento en que foi escrita; a técnica resulta adecuada á concepción da obra; hai na peza unha estilización que a diferencia claramente do teatro rural decimonónico: a presentación das personaxes por si mesmas —tópico do teatro chinés— dá unha lixeireza, unha ironía, unha falsa inxenuidade á obra, que non deixa a menor dúbida de que non intenta reproducir de maneira realista anécdotas da vida rural, senón que as estiliza, procurando un efecto artístico que, por esa mesma razón, achega a peza ao teatro primitivo de todas as literaturas; se ben agora se trata dunha inxenuidade procurada, consciente, e non da inxenuidade inxenua propia do auténtico teatro primitivo. Ao final, o apuntador sae da súa cuncha e anuncia ao público o remate da farsa. A linguaxe das personaxes, estruturada en frases breves e con expresións populares, está moi lograda.

O profesor Carvalho Calero, rodeado de alumnado e persoas colaboradoras, nunha imaxe dos anos sesenta.

A árbore, auto en tres escenas e un epílogo-prólogo, é un texto simbólico co que pon en cuestión, dunha maneira abstracta, próxima ao teatro do absurdo, o sentido do Paraíso. O tema principal é o amor tratado como ironía e, ao mesmo tempo, como drama; as dúas personaxes son simbólicas: o home e a muller; a decoración redúcese a unha árbore. Na escena final (que ten o carácter de epílogo-prólogo), retomando a historia bíblica da árbore da ciencia do ben e do mal, a peza representa de novo a expulsión do Paraíso: o amor, símbolo de felicidade para o home, é a causa da súa desgracia.

Polo que respecta aos textos narrativos, Carvalho escribe a novela A xente da Barreira ,libro con que comeza en Galiza o rexurdimento da narrativa na posguerra; nacen as novelas "Os señores da Pena" e "O lar de Clara", publicadas na súa edición definitiva da narrativa, Narrativa completa (1984).

A xente da Barreira é a primeira obra narrativa de Carvalho Calero. Unha das causas que o levaron a abordar o traballo narrativo foi o coñecemento do mundo rural e as súas formas de vida, que non tiña experimentado directamente. O mundo rural coa relación complicada, intensa e pintoresca entre os diversos estamentos da decadente aristocracia que vive no pazo e a paisanaxe que rodea o pazo. Non menos determinante era a consciencia da necesidade de impulsar a prosa por parte dos galeguistas decididos na reconstrución da cultura galega. Do conxunto destes factores aparece a novela A xente da Barreira. Da preferencia, por parte do autor, polo conxunto de cadros, relacionados pero independentes e redondeados en si mesmos, ao estilo de Os dous de sempre ,de Castelao, a narración é un conxunto de 19 capítulos, ligados polo tema común de fondo. A novela recrea as vicisitudes alternantes e a decadencia final dos Frade de Eirís ao longo do século XIX. Escrita con estilo realista, esta novela entronca coa tradición da novela oteriana que se constituíra no modelo de novela galega anterior á guerra, e por extensión á "narrativa Nós". A casa grande da Barreira, os seus moradores, as sucesivas xeracións a maneira de saga, que se suceden vertixinosamente nun tempo narrativo moi rápido, lembran o Otero nos seus Os camiños da vida. Só que Carvalho concentra o seu esf orzo en artellar unha narrativa sobria cunha técnica próxima á de Castelao. De feito, xa sinalamos as narrativas independentes unidas entre si por dous elementos: un humano (a saga da xente da Barreira) e outro físico (a casa grande dos señores).

Os señores da Pena e O lar de Clara son dúas pezas narrativas breves de temática, en parte, semellante a A xente da Barreira , en canto que son a crónica da decadencia de familias. Foron escritos pouco despois desta novela, a finais da década dos anos 40, pero ficaron sen concluír, non aparecendo na primeira recompilación dos seus escritos narrativos ( A gente da Barreira e outras histórias , 1982); revisados, os dous textos publicaranse pouco despois na Narrativa completa (1984). Os señores da Pena é unha novela do mesmo tipo que A xente da Barreira , máis esquemática, pero de ambiente similar: a fidalguía rural. O lar de Clara presenta un ambiente completamente distinto, o da súa infancia en Ferrol, e a diferencia das outras dúas novelas, Carvalho emprega un método autobiográfico: está narrado en primeira persoa e aproveita (o autor) as súas vivencias dos anos de infancia en Ferrol para tecer o espacio xeográfico que rodea ao narrador-personaxe.

A colaboración coa Editorial Galaxia (1950-1975)

A partir de 1949 publica no xornal compostelán La Noche co pseudónimo de Fernando Cadaval; escritos de investigación histórica, breves estudios sobre temas de literatura galega (a poética de Rosalía), sobre a poesía galega do momento, sobre a peza teatral Pilara de Comellas Coimbra.

Durante quince anos, Carvalho Calero exerceu a función de director do Colexio Fingoi, fundado por Antonio Fernández López; mais o cargo que realmente ostentaba era o de conselleiro delegado, posto que, polas razóns políticas devanditas, non podía figurar como director. Ademais de centro de formación de estudiantes, o Colexio Fingoi foi tamén centro de formación de docentes, onde realizaron as súas primeiras experiencias como ensinantes nomes tan importantes na cultura galega como Bernardino Graña, Méndez Ferrín e Arcadio López Casanova. Mesmo funcionaba un centro de investigación lingüístico-literaria galega, que apoiou con subvencións e bolsas de estudio iniciativas nese sentido. Os estudios máis importantes do "Centro de Estudos Fingoy" foron unha edición de versos non compilados de Pondal, organizada polo propio Carvalho, publicada en 1961 baixo o título Versos iñorados ou esquecidos de Eduardo Pondal ,   e a colección Contos populares da provincia de Lugo ; unha bolsa do "Centro de Estudos Fingoy" posibilitou a edición das cantigas do trobador Pero Meogo, preparada por M. Ferrín e aparecida en 1966 baixo o título O cancioneiro de Pero Meogo.

O matrimonio Carvalho- Ramos, nunha fotografía dos anos sesenta.

Carvalho Calero publica dous libros poéticos, Anxo de terra e Poemas pendurados dun cabelo ,que inclúen poemas compostos nos anos precedentes. Anxo de terra é o primeiro libro de poemas de Carvalho publicado despois da guerra; a preocupación existencial, a incógnita sobre o eu, a dúbida como única verdade accesíbel ao humano, a figura do anxo, a consciencia da condición humana e o desexo de retorno ao paraíso, forman o discurso poético do autor.

Como no poemario anterior, Poemas pendurados dun cabelo contén composicións escritas antes da guerra. Este segundo libro lugués de Carvalho está composto de tres partes; a primeira leva por título "Entre o verde e o azul", cinco poemas de carácter filosófico-moral nunha atmósfera escéptica pero non desesperada. Sete composicións contén a segunda parte titulada "Poemas pendurados dun cabelo", onde o motivo central son os anxos, ansia da plenitude que está presente en toda a obra de Carvalho.

Na terceira parte, "A soleira de ouro", destacan dous temas moitas veces tratados polo autor: o feminino en canto símbolo da beleza absoluta e as diversas dimensións do amor. A muller como tema aparece mesmo entrelazado co motivo dos anxos; e a carón do tema amoroso aparece a temática da muller como obxecto da Natureza, dotado dun poder simbólico para aludir á Natureza mesma, á vida mesma.

"E a beleza plástica da feminidade, asi como os matices espirituais que lle son aderentes -o que se chamava na retórica clásica a descriptio puellae-, aparecen muitas veces na miña poesia. (...) E creio que o mais orixinal, nesta temática feminina, é en mim esta apresentazón da beleza feminina, na sua dinámica e no seu estatismo, como un gozo poético observado a certa distáncia, non penetrado polo sentimento amoroso. (...) considero que, en xeral, son mais artísticos estes poemas en que está observada a muller con simpatia, con fervor, pero con obxectividade na sua capacidade de deleite óptico e de símbolo vital"

(Fernán-Vello/Pillado, 1986:133).

En 1954 presenta a súa tese de doutoramento en Madrid, publicada ao ano seguinte co título Aportaciones a la literatura gallega contemporánea . No mesmo ano aparece o seu traballo Sete poetas galegos: Rosalía, Pondal, Curros, Noriega, Cabanillas, Amado Carballo, Manuel Antonio . Integrado no grupo da Editorial Galaxia, en Fingoi comezou Carvalho o traballo que levaría á publicación da súa obra máis importante: Historia da literatura galega contemporánea (1963). O seu labor intelectual é recoñecido: Otero Pedrayo, Ferro Couselo e Cuevillas propoñen a Carvalho como numerario para a Academia, ingresando o 17 de maio de 1958 na Real Academia Galega co discurso logo publicado baixo o título Contribución ao estudio das fontes literarias de Rosalía (1959).

A estadía de Carvalho ficou perpetuada no título dun dos seus mellores libros poéticos, Salterio de Fingoy (1961), recollido en 1980 en Pretérito imperfecto (1927-1961) , que contén os seus cinco libros poéticos anteriores en galego, reeditados na norma reintegracionista utilizada polo propio autor.

Saltério de Fingoi consta de catro partes: "Saltério de Fingoi", "Aneis de água", "Novelos de fantasmas" e "Oratório. Desde unha perspectiva estrictamente literaria, este poemario non só significa a consecución dun momento de madurez estética altamente elaborada, xa que tamén indica unha certa inflexión no seu discurso poético (Salinas Portugal, 1991:24). Libro en que a métrica da preceptiva clásica convive cos metros da poesía contemporánea, a imaxe e a metáfora están moderadas polo conceptualismo de base existencial, conxuga connotación e denotación, o xogo do banal e do transcendente, da excelencia e da vulgaridade, do escuro e do transparente. É esa tensión de contrarios un elemento de contemporaneidade e específico da poesía de Carvalho dentro do panorama poético galego. En Saltério de Fingoi predomina o sentido transcendental da existencia, onde a poesía é catarse, unha maneira de expresar esa transcendencia, de purgar as preocupacións do home. Desexo sempre insatisfeito por explorar os misterios do ser humano, do Eu e a súa relación do Outro.

Home culto que asimila ou rexeita posíbeis formas de expresión, que experimenta desde o coñecemento do artista, cara á súa obra —non doadamente clasificábel— van concorrer boa parte dos poetas dos anos oitenta. Carvalho Calero, nestes quince anos, acumula unha importante actividade na política cultural, tanto no terreo da creación como no da crítica. Así, os devanditos estudios literarios sitúan a Carvalho como o creador definitivo da crítica e da historia da nosa literatura.

Convocada para finais de Outubro de 1965 a continuación das oposicións que en 1936 interrompeu o inicio da guerra, Carvalho recibe do decano a proposición de facerse cargo das clases de Lingua e Literatura Galega. Carvalho informoulle ao decano da Facultade de Filosofía e Letras, Abelardo Moralejo, que aceptaba o encargo á espera do resultado das oposicións, nas que Carvalho optaba por unha vacante de profesor de Lingua Española e Literatura no Instituto "Rosalía de Castro" de Santiago. Inicia así a vinculación coa Universidade, meta profesional para Carvalho.

Pouco despois obtén praza de agregado de Lingua e Literatura Española, sendo número 1, o que posibilitou a solicitude da vacante desexada. Desde a súa creación, Carvalho ocupa a Cátedra de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago, ata que en 1972 a obtén por oposición. Nesta nova xeira establece definitivamente a súa residencia en Compostela e dedícase intensamente ao traballo derivado da Cátedra, así como ao relacionado con outras institucións a que pertence (Academia Galega, Instituto de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento", Sociedad de Literatura General y Comparada, etc.).

Carvalho Calero paseando xunto a Ramón Piñeiro.

Ditos quefaceres científicos e institucionais, xunto co seu persoal rexeitamento da moda socialrealista e da hiperpolitización do ambiente literario, provocan un silencio creativo que afecta á publicación pero tamén á mesma escrita, que nesta época se concentra nos estudios literarios e lingüísticos. Efectivamente, nestes anos aparece só un libro de creación teatral, o titulado Catro pezas (1971), que contén "A sombra de Orfeo", "Farsa das zocas", "A arbre" e "Auto do prisioneiro", publicadas todas elas con anterioridade na revista Grial , nos anos 1963,1979, 1965 e 1970, respectivamente. Estas obras, escritas en 1948 agás "Auto do prisioneiro", que data de 1969, son fundamentalmente simbólicas, coa única excepción da "Farsa das zocas", baseada nun relato popular. Das pezas escritas ata 1948 xa nos temos referido. Auto do prisioneiro é unha obra simbólica coa que o autor pretendera

"reflectir numha forma moderna, poética e incisiva, a angústia do home engaiolado na súa finitude, mas com umha fáustica sede de alem"

(Carvalho, 1984:328).

A peza xira sobre o problema da transcendencia, da soidade metafísica de inspiración un pouco á maneira de Kafka, e outro tanto á maneira do Huis clos de Sartre. O propio Carvalho consideraba o Auto do prisioneiro a peza teatral máis representativa da súa produción dramática,

"é a que indica con maior seriedade e cun esforzo de expresón cénica mais sostido e mais profundo, un problema existencial humano"

(Fernán-Vello/Pillado, 1986:111).

O traballo de Carvalho céntrase nos estudios de crítica e gramática: Gramática elemental del gallego común ; Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea ; edición de Cantares gallegos ; Sobre lingua e literatura galega ; Particularidades morfológicas del lenguaje de Rosalía de Castro ; edición de Poesías: Cantares gallegos, Follas novas, En las orillas del Sar , en colaboración con Lydia Fontoira Surís; Historia da literatura galega contemporánea  (2ª ed.); Historia de la literatura gallega contemporánea; Prosa galega I: desde os primeiros oitocentistas ao grupo NÓS ; "Literatura gallega", en Historia de las literaturas hispánicas: Unidad didáctica 1, 2. ; Prosa galega II: dos novecentistas aos nosos días ; Estudos rosalianos: aspectos da vida e da obra de Rosalía de Castro ; Libros e autores galegos I: dos trovadores a Valle-Inclán ; edición do Teatro Nós de Risco, Otero e Castelao; Prosa galega III: da época trovadoresca ao neoclasicismo . É de destacar a incidencia divulgativa da Gramática , que en 1979 edítase por sétima vez, disciplina á que desde antes da guerra lle dedicara estudio, participando na elaboración das normas ortográficas do Seminario no ano 1933, e que logo, nos anos 1970-1971, traballa, con Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro, no texto das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1ª ed., 1971, 2ª ed., 1977) aprobadas pola Academia Galega.

IMAXES