A Etapa Contemporánea (S. XX)
A recuperación da narrativa en galego: Ánxel Fole
A Vida

Ánxel Fole Sánchez naceu na cidade de Lugo o día 11 de agosto do ano 1903. O nome con que figura inscrito no Rexistro Civil é o de Ángel Alejandro. O nacemento tivo lugar nunha casa do Campo Castelo, sinalada co número 1, hoxe desaparecida, situada na esquina coa rua coñocida na actualidade como de Ángel Fernández Gómez, antes Cruceiro. Foi bautizado na igrexa parroquial de Santiago da Nova, sendo os seus padriños o pai do poeta Luís Pimentel e unha irmá do propio Fole.

Seus pais chamábanse Reinaldo Fole Quiroga e súa nai Benita Sánchez Corredoira. O pai era natural de San Xulián de Eiré, concello de Ferreira de Pantón e a nai de San Martiño dos Condes no concello de Friol. O pai casou dúas veces. Do primeiro matrimonio tivo catro fillos: un varón e tres mulleres. E do segundo outros catro: tres homes —entre os que se contaba Ánxel— e unha muller. A nai, de orixe humilde, fíxose cargo dos fillos dos dous matrimonios do seu home. Morreu no ano 1927.

O pai, Reinaldo Fole Quiroga, era un home de destacada personalidade e procedía de estirpe fidalga. No entón rural barrio de Magoi, ás portas de Lugo, edificara a Casa de Orbán, aproveitando o material dunha vella torre que alí existía. A casa estaba rodeada dunha finca de 16 hectáreas pechada sobre sí e outras tantas fóra do circundo cun gran prado que chegaba ó río Miño. Referíndose a seu pai Ánxel Fole ten dito que "... foi alcalde de Lugo, despois Maxistrado da Audiencia en Palencia, presidente da de Huesca e morreu sendo fiscal outra vez en Palencia. Morreu en Alicante no ano 1921", concretamente o día 16 de febreiro, ós 59 anos de idade.

Reinaldo Fole, pai de Ánxel Fole.

Un bisavó de Ánxel Fole, D. Juan María Quiroga, señor de Orbán e Basille, de talante liberal e vida aventureira, estivo exiliado en Francia, foi deputado a Cortes por Lugo, casou tres veces e, segundo se dicía, chegou a ter cen fillos naturais. O avó paterno, que tamén se chamaba Ánxel Fole, casado con Jacoba Quiroga Sangro, era natural e veciño de San Xulián de Eiré, onde faleceu.

Con catro ou cinco anos de idade, a familia trasladouse do centro de Lugo á Casa de Orbán, onde un tío seu chamado Baldomero, que viñera de América doente, lle ensinou a ler. A familia e a servidume talaban galego. Cando Ánxel Fole tiña sete anos a familia volveu a vivir en Lugo, na rúa Aguirre. Dez anos máis tarde mudáronse a unha casa con horta que a familia do pintor Xesús Corredoira posuía no Carril dos Loureiros. O seu coñecemento de Corredoira e da súa obra pictórica comezou na adolescencia. Por estes anos Ánxel Fole xa era un gran lector e, no horto dos Corredoira —que ten evocado en varios e fermosos artigos —  comezou a ler os poetas, entre eles Espronceda, Bécquer, Rubén Darío, Rosalía de Castro e Antonio Machado, devoción que o acompañaría toda a súa vida. Velaquí o seu propio testemuño, traducido: "Descubrín ós dezaoito anos a Antonio Machado, naquela casa con xardín e horto no Carril dos Loureiros. Lendo á sombra das árbores e sentindo o campaneo da Catedral... Non remataba de acreditar que a vida fose tan fermosa". Nestes anos leu os clásicos casteláns, especialmente Góngora e Quevedo, os escritores da "Xeración do 98", do "Novecentos" e do 27, que alternaba cos prosistas e poetas europeos, entre eles os da Revolución Rusa —os Soviets como se decía entón—, Teixeira de Pascoaes e os franceses Paul Valéry e Francis Jammes, autor que lle descubriu o seu íntimo amigo Luís Pimentel.

Ánxel Fole, dende os trece anos, coñecía " Cantares Gallegos ", de Rosalía de Castro . Tamén por esta época se afeccionou á música, asistindo ás actuacións do famosísimo " Orfeón Gallego " que fundara Xoán Montes. Toda a súa vida foi un asiduo ós concertos musicais. Foi a poesía de Rosalía e a música de Montes as que provocaron nel un fondo sentimento galego.

Ánxel Fole realizou os seus primeiros estudos no Colexio dos Maristas, case retcén chegados a Lugo naqueles anos. Máis tarde ingresaría no Seminario Conciliar, onde estudou seis anos. O paso polas aulas do Seminario deulle unha boa formación en Latín, que utilizou, anos andados, nas súas pescudas filolóxicas, tema en que se ocupou en moitos artigos de xornal, maiormente na derradeira época da súa vida.

Unha vez que deixou o Seminario pasou ó Instituto de 2º ensino, onde cursou por oficial e por libre. Fíxose bacharel polo Plano de 1903. Do seu paso polo Instituto ten contado graciosas anécdotas, reflexo dun clima bastante pintoresco que abranguía tanto a alumnos como a algúns profesores. Co catedrático de Literatura D. Ángel Revilla Marcos —salmantino, discípulo de Unamuno —  aprendeu Gramática Histórica. Nestes anos coincidiu, nas aulas do Instituto, con Álvaro Cunqueiro , comenzando entón entre ambos unha longa amistade e unha mutua admiración. Nunhas declaracións de Álvaro Cunqueiro —que traducimos— feitas a un xornalista no ano 1959, manifestaba: "... eu comezo a escreber no xornal do Instituto de Lugo. Era formidable. Resulta que compuñamos a redacción de vivos Ánxel Fole e mais eu, de mortos, Platón, Dante e Cervantes".

Ó rematar o bacharelato, con vintecatro anos, cumpriu o servicio militar en Lugo, no Reximento de Zamora número 8. Ánxel Fole, tan pacifista e con nengún espírito castrense, chegou a ter a graduación de sarxento.

Unha vez rematado o servicio militar, no ano 1927, matriculouse na Universidade de Valladolid coa intención de licenciarse en Dereito para logo opositar a notarías. Unha vez na capital castelá mudou de idea e matriculouse en Filosofía e Letras.

Na capital do Pisuerga coincidiu con Antonio Rosón, que fora xa compañeiro seu no Instituto de Lugo, amistade que se afortalaría ó longo dos anos. En Valladolid asistiu a todas as representacións teatrais que podía no célebre teatro "Calderón de la Barca", así como, en xeral, a todos os actos culturais. No ano 1928, o 17 de xaneiro, estreouse como escritor coa publicación do seu primeiro artigo no diario lugués La Provincia , dirixido polo avogado Nilo Fernández Castro. Este traballo trataba do centenario de Góngora, celebrado polos máis novos poetas casteláns, no ano anterior, con gran solemnidade. O ano 1927 deulle nome a unha importantísima xeración poética.

Ánxel Fole nun retrato dos seus anos mozos.

No ano 1929 Ánxel Fole publicou o seu primeiro artigo no xornal lugués El Progreso ,ó que tan vencellado estaría anos andados, e outro no 1932, non volvendo a colaborar neste xornal ata a posguerra.

Nos cursos 1928-1929 mudouse para a Universidade de Madrid, na que foi alumno de García Morente e tivo ocasión de escoitar unha conferencia de Ortega y Gasset. En Madrid asistiu a moitos concertos musicais e outras actividades de carácter cultural e, de cando en vez, la polo "Café Pombo", sede da célebre tertulia de Ramón Gómez de la Serna, á que asistía tamén o lugués Evaristo Correa-Calderón. Fole volveu novamente a Valladolid. Por estas datas, debido quizais a apuros económicos familiares —circunstancia en que coinciden todos os seus biógrafos —  trasladouse a Santiago de Compostela, onde permaneceu ata o ano 1933, con longas estadías en Lugo e alternando os estudos por oficial e por libre. En Santiago de Compostela foi compañeiro de hospedaxe de Álvaro Cunqueiro. Xosé F. Armesto Faginas no seu libro Cunqueiro: unha biografía refírese ó encontro de ambos os escritores nesta época. Traducimos a segunda cita de Cunqueiro. Di Armesto Faginas:

Na pensión de Enseñanza, 11, atópase ó seu amigo Ánxel Fole, ó que coñecera en Lugo, cando Álvaro estivo alí, estudante de bacharelato no Instituto da cidade do Sacramento. Pagaba 4,50 ó día e iso daba dereito a sopa, dous pratos e sobremesa. De sobremesa mazá ou laranxa. Dispoñíamos de pouco diñeiro, pois tampouco precisaba máis, a cidade era gratis, os libros tamén. E tamén os soños.

Con Fole discutirá días e noites por Santiago de Compostela. E unha vez recollidos no piso de Enseñanza, 11, seguirá a conversa, na que nunca fallaba a oportuna ocorrencia de Arturo Souto. Lembrando a Fole, ó Ánxel Fole estudante en Santiago, precisa Álvaro:

"Ambos os dous saudábamos a nova poesía —Alberti e Guillén, Lorca e Salinas— e non deixábamos día sen lermos unha páxina de don Ramón del Valle-Inclán".

Como nos informa o mesmo Armesto Faginas:

"Foi Ánxel Fole o introductor de Cunqueiro en moi variados círculos. En "Yunque", a revista luguesa de Fole, Álvaro é un dos mais distinguidos colaboradores. E é o escritor lugués quen o acompaña a outras publicacións para exercer influencia ou apadriñamento ó seu favor".

En Compostela Ánxel Fole, como todos os estudantes da súa época, fixo moita vida de café: o "Español", o "Derby" e o "Suizo". Precisamente no "Suizo", con outros universitarios, reuníase o "Clan dos Nerunderem". O nome débese a Domingo García Sabell e estaba inspirado nunha película entón moi de moda, titulada "Tabú". Por esta tertulia pasaron moitos estudantes e personaxes de relevo que viaxaban a Santiago de Compostela. Como explicou Carlos Casares:

"O Clan dos Nerunderem non tiña ningún propósito especial, somentes xuntarse para falar de literatura e das cousas que lles gustaban ós seus membros, incluso facer bromas, das que non se libraba ninguén, nin sequer os curas".

Nestes anos composteláns Fole alternaba cos universitarios máis inquedos e con moitos artistas novos: o escultor Eiroa, os pintores Carlos Maside e Luís Seoane —os seus grandes amigos—, Arturo Souto, Manuel Colmeiro... E con persoas que terían unha importante proxección cultural ou social: Domingo García Sabell, Suárez Picallo, Arturo Cuadrado, Rafael Dieste , Luís Manteiga, Santiso Girón, Carlos Martinez Barbeito...

No ano 1929 fundouse a ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma), teoricamente republicana e galeguista, que, ademais de loitar polo advento da república, defendía para Galiza un Estatuto de Autonomía. Ánxel Fole, como outros galeguistas, entre eles, Antón Vilar Ponte , afiliouse a este partido político, liderado polo coruñés Santiago Casares Quiroga.

Por esta época Ánxel Fole tomou parte destacada na FUE (Federación Universitaria Española), un activo sindicato estudantil que loitaba contra a ditadura do xeneral Primo de Rivera e tiña unhas clarísimas tendencias republicanas. Foi o pintor e escritor Luís Seoane quen o convenceu para que ingresase na FUE. Na FUE, presidida por Domingo García Sabell, actuaba un importantísimo grupo galeguista, entre o que se contaba o propio Luís Seoane , López Durá, Ánxel Fole, Luís Tobío e Ricardo Carballo Calero , que foi o historiador deste movemento sindical estudantil.

Estatua de Ánxel Fole en Lugo, a súa cidade natal.

Nestes, anos como escrebeu Armando Requeixo:

"Paralelamente Fole concorría durante as súas estadías en Lugo ós faladoiros que alí comenzaban a agromar e asemade participaba activamente nos actos culturais que o incipiente movemento galeguista organizaba naqueles primeiros anos da República. Era doado ver nos faladoiros do Mercantil e do Círculo das Artes, do bar Nemesio e do Hielo-Bar ós Correa-Calderón, Lorenzo Varela, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, Luís Manteiga, etc., os mesmos que a través da Asociación de Estudiantes convidaran en 1932 a Otero Pedrayo a pronunciar unha conferencia ou que o 22 de marzo de 1932 facilitaran que se celebrase no Teatro Principal un mitin no que falaron Castelao, Paz Andrade e Suárez Picallo, entre outros; os mesmos que irían pouco a pouco integrando a ponla nova das Mocidades Galeguistas de Lugo, creadas naquel xaneiro de 1933; os mesmos, en fin, que a través do Comité de Cooperación Intelectual, do cal eran delegados en Lugo, invitaron a pronunciar o 22 de novembro de 1932 unha conferencia sobre "Marie Blanchard, gloria y angustia de la pintura moderna" a Federico García Lorca. Daquel acto e do faladoiro na casa do catedrático do Instituto lucense Ramón Martínez López, ó que asistira o poeta granadino xunto a aqueles mozos lucenses, deu testemuño Ánxel Fole en varias ocasións".

O galeguismo de Ánxel Fole foise afirmando e madurando cando o escritor, aínda adolescente, no ano 1918, paseando casualmente diante dun teatro en Lugo, escoitou falar galego dentro. Entrou. Atopouse co local cheo e, no estrado, uns señores moi finos —como o propio Fole ten escrito— e un deles pronunciando un discurso nun galego culto. Ó remate os asistentes puxéronse de pé e cantaron o Himno Galego. Tratábase dun mitin das Irmandades da Fala . Fole quedou moi impresionado e, dende entón, comezou a interesarse por este movemento político-cultural.

Ademais dalgunhas colaboracións en distintos xornais e revistas, Fole participou, no ano 1930, na fundación do semanario de ideoloxía republicana ¡ Ahora ! , nome que tiveron que mudar por Guión , posto que o título anterior estaba rexistrado por unha revista madrileña. En Guión colaboraron Ánxel Johán, Mercedes e Luís Pimentel , entre outros.

Ánxel Fole recibiu a chegada da II República Española con enorme e fonda ilusión. No ano 1933 entrou na redacción de El Pueblo Gallego ,de Manuel Portela Valladares, e residiu en Vigo unha tempada. Tamén o nomearon correspondente en Lugo da axencia xornalística "Febus", antecedente da "Efe". E impartía clases a mestres nun centro de ensino privado chamado "Akademos".

Atrás quedaban abandonados os estudos universitarios. Como explicou Claudio Rodríguez Fer:

"Fole foi sempre un estudante díscolo, mais preocupado pola literatura e pola vida que polos estudos académicos. Por outra banda viuse na obriga de interromper a carreira, primeiro por motivos económicos e logo polo colapso que supuxo a guerra civil. Non é de estrañar pois que abandonara definitivamente a Universidade sen licenciarse".

Nestes primeiros anos da II República, Fole desenvolveu unha intensa actividade xornalística e política. No ano 1932 militou no Partido Radical Socialista. No ano 1935 ingresou no Partido Galeguista, sendo o seu presidente Xosé Ramón e Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey), á sazón inspector de primeiro ensino na capital luguesa. A actividade do Partido Galeguista en Lugo foi moi importante e Ánxel Fole un dos seus máis activos animadores. Cando as eleccións de febreiro de 1936, os sublevados asaltaron, na rúa do Miño, a sede do Partido Galeguista en Lugo. Xa en plena guerra Fole publicou en Lugo o último número "adicado ós escritores da terra luguesa" dunhas follas —das que sairón 10 números— que se repartían gratis polas rúas, que editaba en Santiago de Compostela Arturo Cuadrado, co título de Resol . Hojilla volandera del pueblo. Esta publicación pasou desapercibida para as autoridades franquistas.

Entre os anos 1932 e 1934, Ánxel Fole dirixiu a revista Yunque , da que saíron seis números e que era unha especie de continuación de Guión. A revista tiña un formato de xornal e pódese encadrar dentro da vangarda literaria e política. Nela, no seu derradeiro número, viu a luz por primeira vez o poema en galego de Federico García Lorca "Madrigal á cibdá de Santiago". En Yunque publicouse a letra da "Internacional". Ademais de Fole, contén colaboracións de Álvaro Cunqueiro, Luís e Mercedes Pimentel, José Gayoso Veiga, Francisco Lamas, Arturo Cuadrado, Luís Manteiga, Santiago Montero Díaz, Carlos Martínez Barbeito, Santiso Girón, Ramón Martínez López... E dos debuxantes Luís Seoane, Norah Borges, Eiroa, Carlos Maside, Arcadio Romero Boelle...

As colaboracións de Fole, nas publicacións luguesas desta época, algunhas delas en verso, son unha boa mostra do seu esquerdismo radical. Como escrebeu Claudio Rodríguez Fer:

Claudio Rodríguez Fer.

"En canto ás revistas puramente políticas e polémicas destacou a luguesa Horizontes ,onde baixo o seudónimo de Bacurín, alporizou Fole en numerosas ocasións a dereita provinciana e clerical de Lugo".

Nos derradeiros anos da II República, ademais da súa actividade política e xornalística, foi preparando o seu primeiro libro de relatos. Como o propio Fole lle manifestou a Carlos Casares :

"... titulábase Auga lizgaira e eran contos. Dous estaban xa publicados na revista Nós :"Eu e o meu corazón" e "Idilio na insua". Os outros estaban inéditos. Cando empezou a guerra estaban xa compostos na imprenta "Nós" de Santiago. Perdeuse todo".

En Lugo, ó terse noticias da sublevación militar, formouse un comité de partidos políticos fieis á República. O gobernador militar non era partidario de sumarse ós sublevados pero viuse obrigado a facelo coaccionado polos oficiais ó seu mando. O comité político formado polos partidos estaba permanentemente no goberno civil. O gobernador militar déralle palabra ó civil de avisalo se se vía obrigado a sumarse ós sublevados. Polo Partido Galeguista formaron parte deste comité Ramón Piñeiro , que permanecía no goberno civil polo día e Ánxel Fole pola noite. Cando o gobernador militar estaba avisando telefonicamente ó civil de que el se sumara á rebelión, un oficial da garda civil, pistola en man, detivo, no seu despacho, ó gobernador civil.

Ánxel Fole permaneceu no seu domicilio da Ronda de Castilla sen apenas saír da casa. Algunhas veces ía dormir ó faiado da casa do poeta Luís Pimentel: deitábase vestido e cos zapatos postor, co medo a que viñesen por el; con todo foi detido e encarcerado certo tempo. Máis tarde iría a vivir á rúa de San Roque na casa dunha familia de obreiros. Pasou temporadas en Rábade e en Pacios, concello de Castro de Rei, na Terra Cha. Como explicou Claudio Rodríguez Fer:

"A partir de entón e na inmediata posguerra deu clases particulares de Filosofía, Lingua Española, Literatura, Francés e outras materias afíns que ían xurdindo. Tamén traballou na academia privada "Balmes" e escribiu uns apuntes de Literatura para os estudantes que tiñan que preparar o Examen de Estado, que circularon polos anos 1940-41. O seu título é: "Lecciones de Historia de la Literatura. Especiales para el Examen de Estado".

A guerra deixouno moi traumatizado. Ademais de perder a súa colaboración xornalística remunerada e o seu emprego de axudante de bibliotecario da Deputación, afectouno moito o encadeamento e o asasinato de tantos amigos, entre eles o médico Vega Barrera e a impresión fortísima que lle produciu ver un paseado na Tolda, case un arrabaldo de Lugo, cando un amigo fotógrafo lle pediu que o acompañase para tirarlle unhas fotografías ó cadáver.

Coa moral desfeita e sufrindo pesadelos e crises, que co tempo foron sendo menos frecuentes, foi vivir a Quiroga, cuns parentes, a familia Quiroga —moi coñocida e estimada en toda a provincia de Lugo— ó pazo da Veiguiña, na parroquia de Campos de Vila. Era o remate do ano 1941. Pouco a pouco foise recuperando. Pasou temporadas no Incio no pazo, tamén propiedade da familia Quiroga, na parroquia de Santa Cruz do Incio. De cando en vez facía algunha curta viaxe a Lugo. No ano 1945, nunha escapada a Vigo, en Coruxo, asistiu a unha xuntanza en que se acordou fundar unha revista e estudar a creación dunha editorial galeguista que anos máis tarde sería " Galaxia ".

En contacto directo coas xentes e as paisaxes de Quiroga, o Incio e o Caurel, Ánxel Fole foise animando cada vez máis. Era amigo de dar longas paseatas e falar con cantos atopaba, así como de frecuentar tabernas e cafés da vila quiroguesa. Isto deulle un grande e fondo coñecemento da psicoloxía da nosa xente, da cultura popular e do idioma falado, polo que sempre mostrou un enorme interese e para o que tivo unha finísima sensibilidade. No ano 1943, en El Progreso, de Lugo, firmou unha colaboración co pseudónimo de "Neumandro" —que significa home espiritual— e que utilizaría no sucesivo para asinar moitos artigos. No ano 1948 comezaron as súas colaboracións no xornal compostelán La Noche e no 1949 as de Faro de Vigo ,todas en castelán, o único idioma permitido polo réxime franquista.

Pouco a pouco foi, no seu retiro quirogués, escrebendo os contos do seu primeiro libro Á lus do candil que, no ano 1952, gañou o premio de narrativa do Concurso Literario do Centro Gallego de Buenos Aires. Sería publicado ó ano seguinte, o 1953, pola editorial Galaxia. O libro produciu unha forte e fonda impresión nos meios culturais de Galiza e consagrou a Fole como un gran prosista.

No ano 1952, en terras do Incio, Ánxel Fole comezou a escreber o seu segundo libro de relatos —o seu preferido—, que xa rematará en Lugo no ano 1953. Titularase Terra brava e publicouno, como o anterior, a editorial Galaxia no ano 1955.

No ano 1953 Ánxel Fole regresou a Lugo definitivamente. Asistiu á famosa peña do café Méndez Núñez, que xiraba fundamentalmente arredor do poeta Luís Pimentel, na que se reunían escritores, pintores e xente interesada pola cultura; e non só os lugueses, senón os que pasaban por Lugo. Fole tamén frecuentaba os cafés "Madrid", "Monterrey", "Regio" e a rebotica da "Farmacia da Cruz" do médico-boticario Antón Figueroa Mosteiro, así como o cine "España", do que era xerente seu irmán Salvador. O seu café fixo foi o "Lugo-Bar" na Porta de San Pedro. Por alí pasaban moitos dos seus amigos, non só os da capital senón tamén os da provincia ou personaxes do mundo da cultura que viñan de Lugo. De cando en vez facía viaxes no auto dalgún amigo pola provincia ou mesmo fóra dela. Tiñan certa frecuencia as súas estadías en Santiago de Compostela, na casa de Domingo García Sabell ou ben na de Ramón Piñeiro.

Luís Pimentel nos anos trinta.

En 1957 Puro Cora Sabater, director de El Progreso ,asignoulle unha cantidade fixa mensual e Fole comezou a colaborar regularmente no xornal, firmando os artigos co seu propio nome ou con pseudónirnos: Neumandro, Xelos de Orbán, Lexandre de Arcos, Lucencio, Don Fabulón, Mister Gaudiosus e un longo etcétera. En 1961, a través de El Progreso ,organizou e realizou o "Parlamento das Letras Galegas", un inquérito sobre a situación cultural do noso país, respostado polos máis importantes intelectuais galegos da época. Neste ano tamén comezou unha colaboración semanal na Hoja del Lunes de Lugo.

No ano 1963, concretamente o cinco de octubro, día de San Froilán, padroeiro de Lugo e da súa diócese, Ánxel Fole pronunciou, na Coruña, o seu discurso de ingreso como académico numerario da Real Academia Galega , cubrindo a vacante de D. Manuel Casás Fernández. O seu discurso, respostado polo entón presidente da entidade, Sebastián Martínez-Risco , versou sobre "Castelao e a tradición galeguista".

No ano 1964 o grupo Galaxia rendeulle unha homenaxe íntima en Vigo.

En 1970 creou e dirixiu en El Progreso as páxinas literarias dominicais de "Táboa Redonda" para divulgar preferentemente temas relacionados coa cultura galega.

En 1975 nomeárono Membro de Honra da Asociación da Prensa de Lugo. En 1976 a corporación municipal luguesa concedeulle o título de Fillo Predilecto da Cidade. En 1977 a Fundación Barrié de la Maza outorgoulle unha das súas pensións vitalicias. No 1978 foi distinguido co Pedrón de Ouro. No 1979 elixírono Lucense do Ano e o concello deulle o nome de Ánxel Fole a unha rúa céntrica da capital.

No ano 1983 a Asociación de Escritores en Lingua Galega acordou facelo o seu Presidente de Honra e presentar a súa candidatura para o Premio Nobel de Literatura. No 1985 déuselle o nome de Ánxel Fole a un dos Institutos de bacharelato da cidade, adicáronlle a V Semana Bibliográfica das Linguas Ibéricas e a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.

Nos derradeiros anos da súa vida comezou a resentirse a súa saúde e a penas saía do seu domicilio. Na noite do 9 ó 10 de maio do 1986, Ánxel Fole faleceu na súa cidade natal. A noticia ocupou toda a primeira plana de El Progreso e o seu enterro constituíu unha impresionante manifestación de dor.

Ánxel Fole foi un home dunha extraordinaria cultura, un grande conversador; e, xa en vida, formouse unha lenda sobre a súa persoa. Carlos Casares fixo unha axeitada descrición do escritor:

"Ánxel Fole era un home raro ou curioso, cun aspecto que chamaba a atención. Vestía de maneira descoidada e ía sempre a medio afeitar. Camiñaba cunha caxata na man e fumaba cigarros que lle penduraban permanentemente dos labios e que ían esparexendo a cinsa, cando non a brasa, polas lapelas da chaqueta ou polo peito, queimándolle ás veces as camisas. Polo demais, a pesar desto, era un hombre elegante, incluso de porte distinguido. Quen o vía pasar pola rúa decatábase deseguida de que se trataba dunha persoa singular".

E aínda engade:

"... Tiña uns ollos claros e limpos, no fondo dos cales se adiviñaba sempre unha bondade sen límites nin reservas, como se fose un neno. Por eso era unha persoa tan querida.

Efectivamente, Fole gozou da amizade e o agarimo de cantas persoas o trataron, que o rodearon de afecto e proteción, pois as veces podía parecer un ser un pouco desamparado ou desvalido.

Ánxel Fole chegou a ser un home moi popular, especialmente na cidade de Lugo. A súa imaxe característica, coa gorra na cabeza e o caxato colgado do brazo, formaba parte da paisaxe urbana, coma se fose un monumento. Da mesma maneira que a súa forma de falar, dicindo constantemente "si, señor", unha expresión que intercalaba cada pouco e coa que remataba xeralmente as súas frases, constituían unha especie de marca persoal, inseparable da súa figura de escritor lendario e orixinal".

No ano 1961 o poeta Uxío Novoneyra adicoulle un fermoso poema publicado nunha gran plana, que se titula "A Ánxel Fole. Homenaxe de Lemos i o Caurel a Ánxel Fole, de Lugo e de Galicia", que se imprentou en Monforte de Lemos. Máis tarde reproduciuse, con variantes, no libro colectivo Os escritores lucenses arredor de Fole, editado polo concello lugués no ano 1986. O título do poema varía do da primeira edición. Este titúlase "Ánxel Fole según Maside":

Uxío Novoneyra

Ollos de cinsa e nebra
chegados da tebra!

Ollar antigo e novo! Ollar
que pon un manto ó pousar!

Ollar que neva!
Ollar que leva

e sabe o que se sabe
e canto en nós cabe!

Ollar aberto que abre
e tenta o couto do inralvabre!

Ollar que pregunta clama dí:
Non podo non ser nin ser así!

Outros poetas adícaronlle excelentes poemas, entre os que destacan os de Xosé María Díaz Castro e este soneto de Darío Xohán Cabana , titulado "Fomos ver a don Ánxel Fole ó café que estaba apregado á muralla":

Darío Xohán Cabana.

Levantou a cabeza escalafrada
mandounos con el tomar asento
pois quería facernos o comento
dalgunha cousa nova averiguada.

Sacudiu a chaqueta emborrallada
e engulipou cumprido trago lento
da copa de coñá, e moi atento
—si señor— empezou a parrafada.

Moi axiña soubemos que Cospeito
deriva da palabra conferato
outras cousas de moito e bon proveito,
cando o sol poñerse xa quería,
colleu a pucha, requeriu caxato
díxonos abur deica outro día.

IMAXES