A Etapa Contemporánea (S. XX)
Literatura do exilio (II). O activismo cultural na diáspora bonaerense
Achegas á situación literaria destes autores

Luís Seoane López (nado o 1 de xuño de 1910 en Buenos Aires, morto o 5 de abril de 1979 na Coruña) é o home clave da cultura galega neste século vinte. A pesar de ser un avogado, pouco tempo se dedicará ás leis; a súa paixón creativa levouno lonxe dos códigos e dereitos. Desde estudiante en Santiago, a súa vocación real foi a pintura, a ilustración de libros, a literatura e a loita progresista. Foi un home consciente que turrou, coas armas que manexaba, por mudar a consciencia, os homes e a realidade galega. Chegou a militar no PG e na Unión Socialista Galega que lideraba Xohán Xesús González ; estamos perante un home, de formación marxista, comprometido co galeguismo. A xenreira, a violencia e o fanatismo dos falanxistas que ventan os aires do levantamento militar avisan a Seoane en vésperas do 18 de xullo do 36 cando foi cuspido e aldraxado por catro da falanxe á saída da Audiencia da Coruña. O vinte de xullo xa era buscado polos raposos do sangue; só cabía un camiño, fuxir. En Buenos Aires desprega toda a enerxía e poder creativo para informar do martirio que acontece na Galiza, colabora en El Diario da capital arxentina, funda con Núñez Búa Galicia libre , ilustra libros para a Editorial Losada e no 39, a proposta de Rodolfo Prada, comeza a dirixir a revista Galicia do Centro Gallego, traballo que exercerá ata 1957. Seoane decatouse da importancia de editar libros galegos no exilio nesa penosa década dos anos corenta, en que no interior era imposíbel escribir ou publicar e a lingua galega perdía a dimensión escrita, culta. Alonso Montero (1994) expresouno con claridade:

Luís Seoane

Así pois, nestes cinco ou seis anos, os que van do final da Guerra Civil a 1944, a única persoa que ten un plano editorial, un programa e publicacións (que era, en certo modo, un programa político) é Luís Seoane. El, á súa maneira, salva o noso discurso literario: atenta, desde fóra, contra o hiato e o silencio que as circunstancias impoñen na Galicia dentro.

Na década dos cincuenta segue publicando libros no desterro, mais coa Editorial Galaxia na Galiza tal misión non se fai tan urxente. Nesa altura Seoane, que xa é un pintor recoñecido, destaca como escritor en galego; en 1952 crea un selo editorial; trátase dunha homenaxe a Ánxel Casal. Ediciós Ánxel Casal publica Fardel de eisilado , un libro moi querido polo autor, co que procura renovar a literatura galega, dotándoa dunha dimensión ética ao tempo que reivindica a humanización da literatura, centrándoa no home galego. Desde xuño do 54 a maio do 59 saen 37 números da revista Galicia Emigrante, que baixo a dirección de Seoane encarna todo un fito no artellamento dun discurso progresista para a nosa cultura e o galeguismo. No 56 publica Na brétema, Sant-lago , un libro épico, romántico e existencial; escrito tal como pinta, con lóxica e paixón, segundo o define Basilio Losada. Nese mesmo ano escribe en galego a obra teatral A soldadeira , que sairá publicada ao ano seguinte en castelán. En 1959 aparece As cicatrices , onde unha primeira parte que retoma o pasado, o mundo mítico dos celtas, o histórico e lendario, dá paso á denuncia social. No 69 publica un libro que escribira pouco despois da morte do guieiro de Rianxo, Castelao artista . O libro formaba parte dunha homenaxe colectiva de varios autores, proposta polo Consello de Galiza. Seoane, home constante, cumpriu o encargo de inmediato e cando xa levaba case vinte anos sen publicar, aceptou que a Editorial Alborada da Federación o publicara; con todo á Galiza case non chegou ningún exemplar. Ficou así recollido un diálogo excepcional entre os dous artistas máis importantes na comunicación, renovación e transmisión da arte galega. En 1972 publica na derradeira aventura editorial -que lembra a polémica Seoane/Irmandade (Bieito Cupeiro/Moisés da Presa) de 1970-, Ediciós Cuco-Rei , A maior abondamento . Vólvese á temática da emigración, agora orientada cara a países europeos; sen esquecer a denuncia da corrupción de certos emigrantes bonaerenses e recuperando o estilo da crónica realista, para enfatizar a traxedia.

Lorenzo Varela, que tiña por nome completo Xesús Manuel Lorenzo Varela Vázquez, naceu a poucas millas do porto da Habana (10-8-1916), cando a nai viaxaba nun barco cara á illa de Cuba. O que sería un excelso poeta era filo de emigrantes nativos de Monterroso; pasa a infancia en Buenos Aires, pero a adolescencia e primeira mocidade vívea en Lugo, onde o galeguismo xiraba ao redor do catedrático Martínez López. É amigo íntimo de Ramón Piñeiro, con quen milita nas Mocidades Galeguistas; ao tempo mantén militancia no trotskismo; posto no dilema elixe este último. En 1934 vai para Madrid, onde comeza Filosofía e Letras, vive a fervenza republicana, convive cos homes da Xeración do 27 e do 36 española, asiste á tertulia La Granja del Henar onde fai amizade con Manuel Azaña, Francisco Ayala, Antonio Sánchez Barbudo, Carlos Gurméndez, Eduardo e Rafael Dieste, Otero Espasandín, Colmeiro, Maside ou Laxeiro. Coñece a Lorca e Pablo Neruda, colabora activamente nas Misións Pedagóxicas , participa no Segundo Congreso Internacional de Intelectuais Antifascistas, loita ora na serra coas tropas republicanas, ora coa pluma nas publicacións antifascistas. Despois virá o campo de concentración de Argelés, a travesía no barco Sinaia cara a México; xa en terra mexicana trabaila con Octavio Paz na revista Taller e crea xunto con Sánchez Barbudo a revista Romance. O propio Barbudo concedeulle ao poeta galego tanto o nome como a paternidade da publicación, sendo ademais un dos redactores máis activo. A crise desta emblemática revista, que a partir do número 16 (15-9-1940) expulsa os catro redactores anteriores, será unha das causas que leve a Lorenzo Varela a Buenos Aires.

Lorenzo Varela

Na capital arxentina súmase ao grupo do café Tortoni, estabelecendo especial amizade con Dieste, Seoane e Cuadrado, que intentaron publicar en Emecé Editores o libro de Varela Torres de amor (1942). O libro foi rexeitado pola ideoloxía comunista do autor, cousa que provocou a marcha dos anteriores da citada editorial; posteriormente publicarían o libro na Editorial Nova , creada por eles. Por outra parte, a estreita relación con este grupo de exiliados porteños foi decisiva para que Lorenzo Varela recuperara a lingua galega para a súa poética. Coincidindo coa publicación deste libro sae o primeiro número da revista codirixida polo poeta, De Mar a Mar . Nela escribe poemas, reseñas, traducións ou comentarios sobre acontecementos políticos e culturais do momento; esta revista mensual é unha peza cultural, de calidade literaria, pero que ten unha innegábel intencionalidade política. O 15 de novembro do 43 aparece outra revista, Correo Literario , codirixida por Lorenzo Varela, que durará ata 1945. En 1944 o poeta escribe Catro poemas para catro gravados , que complementaría o álbum María Pita e tres retratos medievais de Luís Seoane, quen turraba arreo por Lorenzo Varela, Dieste e outros para que escribiran. En 1954 sae do prelo de Ediciones Botella al Mar Lonxe , un libro sublime desde a portada ao verso final. Neste libro colaboran tres grandes artistas do desterro: os versos de Varela, os gravados de Seoane e a presentación, nunha incendiada prosa poética, de Arturo Cuadrado.

Os textos que escribiu ao longo dos últimos anos apareceron debido a unha circunstancia puntual; foron recompilados por Seoane baixo o título de Homaxes e publicados en 1979 por Ediciós do Castro . Regresa do exilio en 1976; dous anos máis tarde, no ano da súa morte (25-11-1978), aínda compuxo o "Homenaxe cativo a Valentín Paz-Andrade", feito para o poemario de Valentín Paz-Andrade Cen chaves de sombra . Percíbese nel a derrota, o desconcerto, o sufrimento, a morte e a franca fidelidade co País e cos amigos.

Emilio Pita naceu na Coruña en 1909 e morreu en Buenos Aires o 7 de decembro de 1981. Neira Vilas supón que debeu nacer no seo dunha familia de clase media con certa ilustración e emigrar en compañía dos seus pais á Arxentina pois tan só contaba con doce anos. Segundo autodescrición, foi "un neno tristeiro que choraba sempre", cunha certa infelicidade que perduraría toda a vida. Desde cativo, agás breves estancias en Galiza e Montevideo debido ao seu traballo nunha importante empresa exportadora de cereais, reside en Buenos Aires, onde estudia economía, técnicas comerciais, música e cultiva a poesía, dándolle un compromiso galeguista. Viviu desde a complicidade da emigración porteña a creación das Irmandades da Fala, apoiou as causas republicanas e a Sociedade Nazonalista Pondal con varios artigos en A Fouce ;coopera coa FSGAyC, a ORGA, coas Mocidades Galeguistas de Buenos Aires e foi redactor do xornal Galicia da Federación. Sen ser un grande activista, colabora cos galeguistas das dúas bandas do Prata, cos de Buenos Aires e Montevideo; sen procurar protagonismo ningún, escribiu poesía, artigos, organiza exposicións, actos literarios ou festivais artísticos e musicais. Fundou e dirixiu o Coro de Lembranzas de Ultreya (1932), un dos menores coros galegos. Este en 1936, tras desavinzas e reencontros, pasa a denominarse Agrupación Artística e Cultural Ultreya ,con dirección artística de Emilio Pita, que celebrou un ciclo de concertos a beneficio do Seminario de Estudos Galegos e da Residencia de Estudiantes de Santiago de Compostela.

Emilio Pita.

Destacaremos o seu apoio e protagonismo na emisión radial Sempre en Galiza ,que tivo como máximo animador e artífice a Alfredo Somoza e foi emitida por Radio Carve de Montevideo desde 1950 ata hoxe cunha edición íntegra en galego. Entre os fundadores estaban Xesús Canabal, Manuel Meilán, Pedro Couceiro, Antón Crestar, Manuel Leiras , Luís Tobío e Emilio Pita, que era o máis creativo.

O poeta colaborou nas revistas do interior, quer Yunque de Lugo, quer na emblemática Nós de Risco, redactou o texto adicado á música e danza na Historia de Galiza de Otero Pedrayo e foi memoro da Real Academia Galega . En 1942 publicou Jacobusland ,o primeiro libro do autor e un dos dous primoxénitos, de nova creación, publicados en galego despois da guerra e mais o único que conta con ilustracións de Castelao en América. A este texto, xunto co libro de Antón Alonso Ríos Co pensamento na patria galega ,que tamén leva prólogo de Castelao, tocoulle historicamente o papel clave na continuidade cultural ao seren os primeiros da literatura transterrada que inauguran a literatura do exilio. No 44 publica Cantigas de nenos , un   libro precursor da poesía galega destinada aos nenos; Pita sabe da importacia de agarimar a infancia dos nenos galegos, porque neles está o porvir da Galiza; así o deixou escrito no nº 139 da revista Céltiga. Na Editorial Citania de Seoane publicou en 1959 Os relembros-As cantigas , co que consegue a plenitude poética. En 1964 publica na Editorial Galaxia O ronsel verdegal , libro de romances, panxoliñas, cantigas e lelías en que se suceden imaxes sinxelas procurando sensacións inconcretas pero melancólicas que denotan nostalxias e ausencias. Por último, no 74 volve a editar en Galaxia a derradeira entrega poética, Serán , en que se mestura o canto a Buenos Aires, aos barrios, ás cantigas populares arxentinas, e asemade temos a desmitificación da emigración, a nostalxia da Terra e a arela do regreso.

Ramón Suárez Picallo nace en Veloi (Sada) o 4 do novembro de 1894 no seo dunha familia humilde, emigrando para Arxentina aos dezaoito anos. En Buenos Aires traballa en diferentes oficios; é un traballador concienciado que comeza practicando un xornalismo militante; participa na vida sindical e política arxentina afiliándose ao Partido Socialista. Colabora nos xornais obreiros como Adelante ou Libertad , escribe en periódicos de masas como La Argentina (1918-1922) e chegou a ser secretario de redacción, por dous anos, do xornal galego-arxentino Correo de Galicia , no que dispón ademais ao seu antollo da derradeira páxina (1927). Despois da revolución de 1917 en Rusia, milita no comunismo; de contado entraría en polémica cos comunistas, mais segue colaborando na loita sindical. Foi un representante obreiro arxentino do sector marítimo, en calidade de asesor técnico sindical, na X Conferencia Internacional do Traballo de Xenebra (1926). Á volta de Suíza pronuncia unha conferencia no Círculo de Artesanos na Coruña co tema "Galicia en América" (21-8-1926) e ao día seguinte outra en Sada sobre os dereitos da muller traballadora. Neses días, as Irmandades da Fala da Coruña fanlle como homenaxe unha comida en San Pedro de Nós na véspora da partida para América (29-8-1926). Elixio Villaverde García apunta que Picallo, iniciado no galeguismo a carón dos "céltigos", aumenta este ideario a través do contacto con Vilar Ponte, Ánxel Casal, Víctor Casas e outros.

Ramón Suárez Picallo.

Picallo une galeguismo e marxismo; xa cando colabora na revista Céltiga —da que é codirector— se amosa como un nacionalista convencido. Na década dos vinte e trinta escribe na revista do Centro Gallego de Montevideo, en El Despertar Gallego , Galicia da Federación, A Nosa Terra , Ser ou El Pueblo Gallego . O 18 de agosto de 1925 no Teatro Mayo estrea coa Compañía de Concepción Olona a comedia dramática Marola , con música do mestre Paz Hermo. A obra tivo as cinco primeiras sesións organizadas por Céltiga e 57 representacións consecutivas; gozou da aprobación da prensa e do público, que pediu unhas palabras do autor e da atriz principal no día da estrea, converténdose nun acto de fervoroso galeguismo. Doutra parte, colabora na organización e mais nas actividades da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, loita contra a Ditadura de Primo de Rivera e constitúe unha filial da ORGA en Buenos Aires.

A Federación acordou envialo á Terra como propagandista dos ideais da entidade; abandona o posto ben remunerado que tiña no periodismo, asumiu as incomodidades da misión e foise loitar por Galiza. Despediuse dicindo que non defraudaría a confianza posta nel, que seguiran colaborando desde Buenos Aires e así quizais veriamos nun futuro non distante unha patria libre e feliz. Ao desatracar o barco, desde a cuberta, Picallo berrou aos galegos que o despedían no peirao "¡Viva Galicia!", berro coreado con emoción pola xente que o despedía. Participa na campaña electoral demandando unha República federal, saíu deputado e sumouse ao grupo de Casares Quiroga. O abandono do federalismo pola ORGA lévao a integrarse no Partido Galeguista (1931), sendo un dos artífices do xiro á esquerda do mesmo. Ao perder o escano no 33 estudia Dereito, carreira que remata en 1935 e incorpórase ao Estudio Xurídico de Luís Seoane na Coruña. En febreiro do 36 volve a saír elixido deputado do PG, na coalición da Frente Popular. Na campaña do Plebiscito de Autonomía deu 170 mitins por toda a Galiza. Na guerra escribe na revista Nova Galiza , foi asesor xurídico do Comisariado Xeral de Guerra e formou parte das comisións parlamentarias de Defensa Nacional, Xustiza e Facenda; así mesmo, asistiu á derradeira sesión das Cortes no Castelo de Figueras. Logo vén o exilio en Francia, USA, República Dominicana, México, após Santiago de Chile, onde exerce o xornalismo; en 1956 asiste ao Primeiro Congreso da Emigración e estabelécese en Buenos Aires, colaborando máis activamente co Consello da Galiza, aínda que xa o fixera desde a súa fundación. No 59 encargouse da cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense, actuando como asesor cultural desta entidade e como secretario de redacción do seu periódico Lugo . Ramón Suárez Picallo viviu para os demais, despreocupado por el mesmo —o desaliño indumentario é reflexo desa actuación— e pola súa obra escrita. Ten dito cousas ben elocuentes ao respecto: "Eu non puden recoller en libros o que escribín, o que falei, o que fixen. Fun orador e non escritor". Este xornalista avezado foi para moitos o mellor orador político dos tempos modernos.

Soportou unha prolongada diabete; agradeceu de xeito sentido a atención sanitaria do Centro Gallego e as visitas dos últimos días, aínda que esta fose a de Xosé Villamarín, presidente do Centro. Nunha carta dille que estas visitas danlle o afecto necesario, posto que el non ten fogar ou familia propia; a súa vida desenvólvese na máis absoluta tristura e soidade. O día 14 de outubro de 1964 morreu, no exilio, ese "Bohemio caminante sin destino" que poetizou Víctor Luís Molinari. Picallo deixou expresa a vontade de que o seu corpo fose velado no Centro Coruñés. Así se fixo e unha maré de xente rendeulle o derradeiro adeus no ataúde, onde o acompañaba a bandeira galega e a republicana.

Eduardo Blanco Amor terá un tratamento específico, polo que unicamente nos deteremos en datos relevantes do seu activismo cultural. A primeira vinculación organizativa de Blanco Amor é coa Casa de Galicia; alí colabora na súa revista Acción Gallega (1920); ao ano seguinte comeza a colaborar no Correo de Galicia , sendo nomeado director das páxinas literarias desta publicación (1921). Con Ramiro Illa Couto e Francisco Lama funda a revista Terra (1923), voceiro da Irmandade Nazonalista Galega en Buenos Aires, que segue as directrices de Risco, a primeira publicación íntegra en galego con colaboracións da diáspora e do interior; a participación do literato ourensán nesta revista inflúe na viraxe a un galeguismo sentido. En 1924 promove e dirixe con Suárez Picallo e mais con Eliseo Pulpeiro a magnífica revista Céltiga (1924-31), dun talante moderado e posibilista, que contaba coa beizón de Risco. Rompe relacións coa Federación no V Congreso (1927) a raíz do desaloxo dos nacionalistas da dirección e da expulsión da Sociedade d'Arte Pondal; enfróntase aos socialistas, tratándoos de reaccionarios. Trátase da liorta interna da Federación que a levará á coñecida escisión; porén a posición de Blanco Amor e dos "célticos" móvese no gume, entre os ataques dos arredistas e do españolismo conservador.

Eduardo Blanco Amor

En 1926 comezou a colaborar en xornais de enorme tirada como La Nación e dous anos despois asume a corresponsalía deste periódico en España. En 1930 forma parte dos fundadores da ORGA dentro da Federación, sufrindo os ataques dos arredistas da Fouce mediante a persoa de Moisés da Presa, que o alcuma de literato. Vencellado á refundada Federación de Sociedades Gallegas, Agrarias y Culturales aparece Galicia , con dirección de Blanco Amor, quen monopoliza a redacción e orientación do xornal, agás nos anos de estadía na Galiza, en que se notan lategazos dun maior radicalismo (1933-35). Nestes anos o voceiro estivo coordenado por homes máis radicais, como Pedro Campos Couceiro, Francisco Regueira e Lino Pérez. É o momento en que Blanco Amor polemiza co PG e con Castelao. Blanco Amor semella chamar ás barricadas, inclusive defender a violencia; ataca os galeguistas por moderados, pola súa táctica política, amosando simpatías polo Partido Socialista e polos comunistas; ao tempo, comeza a ter problemas de censura na Nación .

Cando acontece o alzamento franquista comprométese de cheo coa loita das milicias antifascistas e na defensa valente da lexitimidade republicana, mesmo desvelando o papel arxentino no conflito e asume ser cónsul da República en Mendoza, pasando dese xeito de emigrante a exiliado político, como di Francisco Rodríguez . Ao perder a guerra a vida complícaselle ao noso escritor: La Nación rexéitalle colaboracións e coa chegada de Castelao agudízanse as diferencias ideolóxicas e de praxe cos galeguistas, sobre todo ao eliminar a Federación, á que tantos esforzos dedicara o de Ourense; sendo un home que cre nas masas non ve máis que elitismo e retórica no PG. Aproxímase ao grupo do Tortoni e colabora nas empresas editoriais onde están Seoane e Arturo Cuadrado; deste xeito foi asesor literario de Emecé Editores . En xaneiro de 1943 Blanco Amor volve a dirixir Galicia da Federación, exercendo unha orientación persoal por encima de grupos, partidos ou persoas. Non obstante participa na loita antifranquista e segue pensando que os movementos que máis chegaron ás masas, tamén na emigración, foron os que implicaron transformación ideolóxica, ou sexa, a ORGA e a Frente Popular. No 46 achégase ao grupo comunista do exilio e participa nos seus actos; de todas as maneiras —diferencias políticas á marxe— Blanco Amor sabe das responsabilidades dun galeguista: súmase á causa de Castelao cando se dirixe a ser ministro da República en París, participa nos actos galeguistas do seu pasamento e acepta facer o libro Castelao escritor por encargo do Consello de Galiza (1950).

No ano 1954 é cando volve á colaboración estreita co galeguismo, ocupándose da Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense; en maio do 57 colle a dirección da revista Galicia do Centro Gallego, que deixaba Seoane, e ao mes seguinte, crea e dirixe o Teatro Popular Galego. A comezos da década dos sesenta Blanco Amor é un home de peso na cúpula do Centro Gallego; volveuse dialogante, cauteloso; e matina no regreso, entregado ao labor de escritor e ao traballo galeguista. En 1965 regresa definitivamente da diáspora cangado coas feridas do exilio e doído pola falta de recoñecemento na súa patria.

IMAXES