A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa de Eduardo Blanco Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo
Actividades Culturais Diversas

A guerra civil española interrompeu durante moitos anos o contacto directo de Blanco Amor co seu país natal, mais non lle impediu unha encoraxada intervención en prol dos exiliados que chegaban á Arxentina procedentes do bando republicano. Como a inmensa maioría dos intelectuais e artistas do seu tempo, o escritor galego foi tamén defensor da República e inimigo do franquismo. A súa apoloxía da liberdade maniféstase claramente nos artigos, conferencias e actos culturais nos que tomou parte neses anos.

Durante o tempo que Blanco Amor permaneceu na América desenvolveu unha inmensa actividade. Non só publicou varios libros —dos que logo falaremos—, senón que fundou o Teatro Español de Cámara con actores da compañía da famosa actriz Margarita Xirgu, e despois o Teatro Popular Galego ; foi profesor en universidades do Uruguai, Arxentina e Chile, conselleiro do presidente do Centro Galego de Buenos Aires, presentador de televisión, crítico literario...

En abril de 1941 tirouse do prelo En soledad amena —título tomado de Garcilaso de la Vega—, un conxunto de 32 poemas, amorosos en boa parte, 20 deles con inspiración musical —"Doce valses románticos", os tres últimos dedicados como homenaxe a Chopin, Tchaikovsky e Johan Strauss, "Cuatro danzas folklóricas", "Cuatro canciones populares"—. O feito de algúns destes poemas estaren dedicados a membros do 27 —Lorca, Cernuda, Alberti— non é casual, pois Blanco Amor sentíase daquela moi afín ao espírito desa xerazón española. En soledad amena é un libro heteroxéneo e un tanto irregular, aínda que ten momentos de auténtico interese e beleza poética. A adscrición a unha certa vangarda dá lugar á introdución de elementos surrealistas e dun léxico rebuscado, tal é o caso deste "Vals" dedicado a Tchaikovsky:

¿Quién de hojarascas lúgubre los cobres?
¿Qué desatadas, sin final, promesas?
¿Qué espirales mentidas y sofocos
y empolvados sufrires y estoraques
y mohos cotidianos y adulterios
con rosicleres y barbados lances,
claves de sol en miles de cigarras,
con la creosota por los abanicos,
los inmensos coloquios de las sillas,
musitadas razones cinegéticas,
estos llantos de primos y de primas
y pasiones de innocuos coroneles?

Imaxe de Blanco Amor nos anos trinta.

En 1948 apareceu a primeira das súas novelas, La catedral y el niño ,cuxas dúas primeiras edicións —a 2ª en 1956— se publicaron na Arxentina e a terceira e definitiva, con revisións de certo relevo, en España en 1976. Na actualidade, e de maneira de máis vergoñosa, non existe ningunha edición desta extraordinaria novela sobre a que un crítico dixo que abondaba "para situar a Blanco Amor en la categoría aparte y excepcional de los clásicos de la novela española contemporánea". E tamén a seguinte información:

"Dentro de la especie conocida por Bildungsroman ,no conocemos ninguna otra novela española que se le pueda parangonar, y bien pocas europeas".

(Ignacio Soldevila: La novela desde 1936, Madrid, 1980, p. 60).

Chile a la vista , libro no que Blanco Amor conta o abraio que lle produciu este país, apareceu en 1951 e un ano despois tirouse unha 2ª edición "corregida y disminuida" a pesar do cal o libro supera as 300 páxinas. Unha 3ª edición apareceu en 1957. As impresións de Blanco Amor refírense tanto á natureza como ás persoas, aos ambientes, costumes, historia ou gastronomía, todo pasado por unha peneira de fina e penetrante sensibilidade.

Tamén no ano 1956 regresou ao terreo poético con Cancioneiro ,posibelmente a máis importante das súas obras en verso, e na que torna os seus ollos de poeta do século XX aos grandes cancioneiros medievais galego-portugueses da Idade Media cun lirismo amoroso, melancólico e doentío que aparece tamén trenzado de resonancias renacentistas castelás, en especial de San Juan de la Cruz. Tamén a sombra de Rosalía ten a súa presenza. A pesar da data de publicación, bastantes dos poemas foron escritos durante os anos 30 e 40. O mundo da noite, tan querido polo autor, poetízase no conxunto de catro "Nocturnos" que comezan así:

Era un sombrizo alento solagado,
rama e seivas das veas, na espesura
do teu contiguo sangue adeviñado.

Lume e friax dos beizos na lentura
dos meus, vivendo da sua mel ferida,
endegoirada e sin final fartura.

Era un ouvear da carne amudecida
chamado dende ti, da tua quedude,
até a raiz de mim mais afundida.

¡Qué lonxe tua leixada pratitude,
teu vivir sen teu ser, de ausenza e sono!
(I eu a carón, na rexa certude
de só cando non eras ser teu dono.)

En 1959 publicou A esmorga ,novela senlleira da literatura galega, que supuxo unha especie de revolución, e da que máis tarde, en 1962, realizaría o propio autor unha versión en español: La Parranda. A obra levaríaa ao cinema Gonzalo Suárez en 1976 nunha adaptación estimábel mais lonxe da categoría do orixinal literario.

En 1961 voltou á narrativa cunha nova e excelente novela: Los miedos ,que foi inxustamente relegada a mera finalista do premio Nadal —a gañadora foi El curso de Juan Antonio Pahino— sendo publicada dous anos máis tarde.

En 1962 deu a coñecer  Os Biosbardos , outro título maxistral, que é un fermoso conxunto de oito relatos e cuxa versión en español, debida tamén ao autor, se publicaría en Barcelona co título de Las musarañas.

A máis da poesía, a narrativa e o ensaio, Blanco Amor cultivou tamén o teatro, do que logo falaremos en capítulo á parte.

IMAXES