A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
Álvaro Cunqueiro

Outro dos autores fundamentais de que nos imos ocupar neste capítulo é Álvaro Cunqueiro , que xa se estreara como poeta no ano 1932 con Mar ao norde ,seguido posteriormente por Poemas do si e do non (1933) e Cantiga nova que se chama ribeira (1933). Se nestes tres primeiros poemarios Cunqueiro evidenciaba a influencia da poesía simbolista de raíz francesa, moi próxima case sempre ao hilozoísmo, seguida despois polo influxo directo do surrealismo, bebido sobre todo da obra de Paul Eluard, e o neotrobadorismo galaico autóctono en compañía de Fermín Bouza Brey , a primeira entrega do Cunqueiro de posguerra vai ser Dona do corpo delgado ,de 1950.

Retrato de Álvaro Cunqueiro.

Trátase dun libro breve pero intenso no que se manifestan varias tendencias que deben ser comprendidas á luz das circunstancias históricas, tendo en tonta que se trata da obra dun poeta que levaba dezasete anos sen poder publicar en galego. Así, o libro, publicado dentro da colección Benito Soto, evidencia dúas partes ben contrastadas. Por unha banda a continuidade da súa obra anterior, facendo especial fincapé no neotrobadorismo; por outra, o inicio dunha liña que vai culminar no seu libro derradeiro Herba aquí ou acolá de 1980, recopilación de toda a súa obra poética escrita desde 1950.

Dentro do libro cabe destacar a sección titulada "Cantigas do amor cortés" na que Cunqueiro continúa co seu modelo de neotrobadorismo iniciado anos atrás en Cantiga nova que se chama ribeira. É nesta sección onde aparecen os poemas "Rondeau das Señoras Donas pintadas no Ouso do Vilar no Século XIV cheirando unha frol" e "Rondeau da dona enterrada en San Xohán De Badón con dous anxos aos pés" nos que a estética medievalizante abandona a imitación formal dos cancioneiros (refrán, leixa-pren, paralelismo) para decantarse polo influxo da poesía medieval francesa, nomeadamente François Villon, autor ao que Cunqueiro parafraseaba xa no seu primeiro libro de prosa en castelán Balada de las damas de los tiempos de antaño.

Mais o verdadeiramente interesante destes poemas é que inician un camiño que o autor continuará posteriormente en Herba aquí ou acolá ,publicado en 1980 pero que recolle a poesía escrita por Cunqueiro ao longo das décadas dos anos cincuenta, sesenta e setenta, rexida por un forte afán culturalista e no que as referencias literarias e os ecos non só das obras doutros autores senón das súas propias obras en prosa operan como un marco de intertextualidade que dota os poemas dunha polivalencia semántica e intrepretativa verdadeiramente maxestuosa. Estamos, sen dúbida, perante un dos libros de poesía máis importantes deste século. Valoración que, igualmente, se ve refrendada non só pola importancia cada vez maior de Cunqueiro como escritor, en xeral, e como poeta, en particular, recoñecida pola crítica, senón, sobre todo, polo mellor dos galardóns que pode esperar un poeta: a imitación.

Poemas escritos desde 1950, xusto na etapa en que Cunqueiro leva a cabo a creación do mellor da súa produción narrativa, podemos ver neles a incorporación dos universos temáticos que rexen nos libros de prosa do Cunqueiro maduro: o mundo galego ( Merlín e familia ),o mundo bretón ( Crónicas do sochantre ),o mundo oriental ( Se o vello Sinbad volvese ás illas ),o clásico grecolatino ( Un hombre que se parecía a Orestes ),o mundo nórdico( O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca ) e o renacentista italiano( Las aventuras de Fanto Fantini ).Son estas seis direccións de indagación mítica, máis unha sétima, a semítica, produto da súa viaxe ao Sahara así como da lectura da Biblia, as que dan forma a este derradeiro poemario cunqueiriano, estandarte de toda a renovación poética que se vai producir posteriormente en Galicia a principios dos anos oitenta.

Este xogo de intertextualidades, que permite concibir o conxunto da obra Cunqueiriana como unha arquitectura homoxénea, con escasas fisuras, fai da lectura destes poemas un método moi apropiado para introducirse no conxunto da obra do autor, encontrándonos mesmo con fragmentos poéticos que son ecos ou glosas doutros fragmentos narrativos.

O libro inicial, publicado en 1980, contiña unicamente trinta poemas, que o autor fora ciscando por xornais e revistas ao longo dos últimos trinta anos da súa vida, recolleitos pola man amiga do poeta coruñés Miguel González Garcés. Esta construción case involuntaria do libro, na que o propio autor a penas incidiu máis que para sinalar a conveniencia de suprimir este ou aquel poema ou facer algunha que outra corrección, fixo que o libro fose dalgún xeito, na súa primeira edición, unha escolma do que anos despois verá a luz da man de Henrique Costas González (1991) e onde o número inicial de trinta poemas cunqueirianos foi aumentado ata o número de cen. O autor da edición, así como do prólogo, sinala a procedencia dos textos, moitos deles publicados con anterioridade nos xornais El Pueblo Gallego , El Correo Gallego , El Progreso , Faro de Vigo ,nas revistas Nós , Mensajes de Poesía , Alborada , Nordés ,outros inéditos ou tirados da Antoloxía de Poesia Galega de Fernández del Riego ou da Antoloxía do autor de César Antonio Molina. Trátase, por tanto, dun novo volume que, alén de recoller unha época da súa produción lírica, a que vai desde 1932 a 1980, mantén un certo criterio de obxectividade ao tornar maior un esquema compositivo que fora dado polo seu autor por medio dos dous capítulos, 'Os Cantos e as Historias' e 'Vellas Sombras e Novos Cantos'. As engádegas, sen embargo, e mal que nos pese, son subxectivas, por máis que a súa disposición estea plenamente razoada, e fan do libro máis unha especie de antoloxía seguindo un esquema predeterminado que o resultado dun traballo de recuperación dun volume perdido. Unha antoloxía da poesía de Cunqueiro ao longo de catro décadas e na que é posíbel encontrar sinais de toda a súa evolución.

Estatua de Álvaro Cunqueiro en Bouzas (Vigo)

Cunqueiro plantéxase a escrita como o resultado dunha indagación cultural que lle mestura a expresión dun estado de ánimo. Dese xeito moitas das páxinas de Herba aquí ou acolá abrollan dunha vontade claramente culturalista e son reflexións en clave lírica sobre lecturas, viaxes, experiencias. Poderíamos dicir que, en xeral, e con independencia dalgúns textos concretos que poderían tirar por terra a nosa afirmación, o Cunqueiro surrealista da primeira época, ou o neotrobadoresco da segunda, ceden aquí o paso a un Cunqueiro evocador, empeñado nunha persoal e intransferíbel exéxese dos mitos. Para o autor o mito é o resto intacto dun estado de alma primixenio. Ó poeta, pois, ao indagar na natureza dos mitos confírelles novo discurso e, en vez de proceder a unha interpretación, a unha explicación, súmaos ao seu propio discurso interior para, así, reelaboralos, mantelos vivos. Deste xeito, o procedemento de Cunqueiro é un procedemento de altos voos, como se coa súa soa vontade quixese achegar a nosa vella cultura rural, posuída pola importancia decisiva do elemento popular, a unha mesa na que tamén estivesen convidadas as grandes culturas do mundo.

Outro bo consello para o lector é non perder nunca de vista a ironía. Cunqueiro adéntrase polos grandes temas. Todo é posíbel na súa voz lírica. Nin o drama ou a traxedia son capaces de arredalo, de tornalo temeroso ante a palabra. Pero cando a grandilocuencia das escenas descritas se torna excesiva, entón, como un milagre súbito e inesperado, asoma unha ironía chea de tenrura, unha ironía en moitos casos non alegre e máis próxima da tristura que da ledicia.

Tamén é fundamental o carácter dramático da obra poética de Cunqueiro. Moitos dos textos delimitan perfectamente o seu espacio e o seu tempo internos, como se o autor (ás veces simplemente coa mención do título) nos fixese entrega das coordenadas en que despois se vai producir o monólogo, ou tamén o diálogo, lírico. Non é, sen embargo, o Cunqueiro de Herba aquí ou acolá un autor que se esconda por debaixo de ocultacións e distanciamentos. A súa voz, sempre un tanto arcaica, unhas veces grega, outras veces oriental, fala desde si e sobre si mesma, sen temor á confesión e facendo dese procedemento elemental das líricas do mundo un espello da súa autenticidade.

Hai, tamén, culturalismo exquisito e emocionado que ilumina, como un enorme sol creador, o culturalismo da poesía dos oitenta, nos seus máis diversos rexistros e manifestacións. Estamos, pois, perante o libro que exemplificou un paradigma, unha maneira de entender a literatura, o libro vencedor, durante unha década, de toda a estética anterior. O libro modelo para toda unha xeración de poetas. E é que, en grande medida, Herba aquí ou acolá é unha resposta a Longa noite de pedra. Unha resposta sutil e moi curiosa. Con todo, a actitude literaria de Cunqueiro, entendida como evasiva e estetizante, unha fuxida frente á realidade política e social circundante, vai ser posta cada vez máis en entredito segundo nos acheguemos á década dos sesenta, etapa en que o modelo de realismo comprometido imposto pola Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro se torna o paradigma estético dominante.

IMAXES