A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra literaria de Antón Avilés de Taramancos
Análise da obra poética

Antón Avilés de Taramancos figura xa na Historia da Literatura como un dos máis importantes poetas galegos da segunda metade do século XX. As súas publicacións, en entrega fragmentada por causa do discontinuo acontecer vital, van ocupando datas de catro décadas desde os primeiros 50 e con especial incidencia sobre o público lector durante a dos 80. Nos derradeiros dez anos da súa vida o traballo poético compleméntase coas colaboracións xornalísticas en diversas revistas, sobre todo en Barbanza de Noia. En Obra viva (1992), volume póstumo, recóllese unha ampla selección deses textos complementarios, moi útil para quen pretenda adentrarse no rico mundo vivencial e ideolóxico do poeta, quen ademais deu unha amostra significativa da súa capacidade como narrador coa publicación de Nova crónica das Indias (1989), un conxunto de relatos presididos pola poderosa presenza de Colombia, algúns deles de base autobiográfica.

O poeta Antón Avilés Vinagre, máis coñecido como  Avilés de Taramancos.

Complemento da voz poética foron tamén as versións ao galego que publicou en revistas, así as de Jack Hill e o fragmento da rapsodia XXI da Odisea ,ou en entregas independentes, como a Crónica de Saint John Perse e o Cemiterio mariño de Paul Valéry, de edición póstuma.

As datas biográficas de Avilés, algúns contactos cos compañeiros de idade na etapa formativa (García Bodaño, Manuel María, Uxío Novoneyra, Alexandre Cribeiro e os de Brais Pinto ), as liñas ideolóxicas do seu pensamento e a inicial aprendizaxe literaria e artística sitúan a súa obra no contexto da que desenvolverán os poetas da Xeración dos 50. Pero o afastamento da terra cando o noso autor conta 26 anos, a ruptura de contactos xeracionais —coa excepción do mantido con Bodaño— provocada pola distancia, e a eclosión da súa obra máis significativa a partir de 1984, fan que a poesía de Avilés de Taramancos estableza tamén un diálogo de patente vitalidade coa dos poetas da Xeración dos 80.

Entre os libros previos á marcha a Colombia e os que se publican logo do regreso, co importante intermedio de Os poemas da ausencia (1963-1969), hai un espazo de dilatada andaina, uns vinte anos de latente rumor, case silencio. Este proceso unido ao da experiencia vital e cultural colombiana inciden sobre a criación dunha voz moi orixinal, dificilmente catalogábel no que fai a coordenadas de escola ou tendencias.

O total da súa obra poética está constituído por un conxunto de nove títulos agrupados en seis volumes independentes, desconexión provocada pola publicación serodia de varios libros escritos desde finais da década dos 50 e ao longo da dos 60. O tempo no espello (1982) é a recompilación de toda a obra anterior ao regreso e inclúe dous títulos editados como volumes independentes e catro inéditos, un deles, Os poemas da ausencia ,parcialmente coñecido. A distancia entre escrita e publicación normalízase a partir do regreso de Colombia.

Os contidos diversificados en relación coas experiencias de cada etapa vital e os riscos de estilo que diferencian os libros dunhas e doutras xeiras no proceso global da obra son factores que aconsellan a ordenación e estudo da poesía de Antón Avilés de Taramancos en tres ciclos:

  • Ciclo coruñés (década 50).
  • Ciclo colombiano (década 60 e 70).
  • Ciclo noiés (década 80).

Entre cada un dos tres grandes ciclos da obra e da vida do autor ábrense espazos de silencio, momentos en que Avilés non escribe ou escribe moi pouco. Cando retoma o fío da voz, en 1963 para comezar Os poemas da ausencia e en 1983, data inicial da escrita de Cantos caucanos , enceta o novelo dunha nova inflexión temática e estilística.

Ciclo coruñés

A xeira coruñesa é etapa de formanción en que o poeta, en verso contido de feitura clásica ou neopopularista, explora o mundo da natureza e o universo amoroso da experiencia xuvenil. Pertencen a este momento As moradías do vento ,separata da revista AtIántida aparecida en decembro de 1955, A frauta y-o garamelo ,   publicado por Moret en 1959, Pequento canto ,   escrito en 1959 e inédito ata que se incorpora en 1982 a O tempo  no espello e Poemas soltos a Maricarmen Pereira ,de 1961 e publicado tamén por vez primeira en 1982 e no devandito volume recompilador.

Retrato de Antón Avilés Vinagre.

As moradías do vento está constituído por un conxunto de sete poemas descritivos, coa exaltación luminosa da natureza como motor da escrita. O autor dá amostra xa aquí da endencia, que será unha constante apenas desobedecida, á criación de volumes unitarios tanto no que fai á temática como ao pulo emocional. O fío unificador é nesta ocasión o protagonismo do vento como personaxe central de cada poema, presenza humanizada que por momentos lembra a mecánica imaxinativa de Amado Carballo , aínda que con resultados dunha expresividade que anuncia a potencia discursiva, o longo alento do Avilés maduro. O recurso ao estilo nominal e á organización enumerativa combínanse cun manexo áxil de ritmos e rimas. A facilidade musical e o labor de fonduras imaxinativas, dúas das claves de estilo que caracterizarán o mellor da obra de Avilés, revélanse xa nesta súa primeira entrega, obra dos vinte anos.

Por suscrición popular entre os amigos de tertulia e asiduos de tascas e cafés coruñeses, sae dos obradoiros da imprensa Moret no ano 1959 A frauta y-o garamelo. Conforman o libro un total de once poemas breves ilustrados por Alejandro González Pascual. Os paxaros —xerín, roerlo, pomba, paspallás, garamelo...— son, como antes o vento, os protagonistas dun animado xardín de leves connotacións. Como na anterior entrega, o autor procura a coherencia do conxunto. A unidade de ton vén dada pola actitude emocional, a exaltación e homenaxe á natureza, no fondo, próximo, a experiencia e a ciencia da nenez en Taramancos. O estilo nominal continúa a presidir as liñas fundamentais da escrita, pero o poeta tensa máis que en As moradías do vento as cordas do instrumento imaxinativo, provoca certas rupturas sintácticas e dilata en ocasións a feitura do verso, onde non se usa xa rima aínda que predomina a tendencia da súa escrita inicial ao emprego de metros tradicionais, sobre todo o hendecasílabo.

Hendecasílabo branco de segura e fluída construción é o metro en que se escribiron os 19 poemas adicados á primeira noiva, Fina Barrios, e que constituíron o conxunto titulado Pequeno canto ,datado en 1959. No ano 1960, morta a protagonista, o autor engade un soneto en alexandrinos cuxo título declara as claves biográficas do asunto: PRIMEIRO AMOR, PRIMEIRA MORTE.

Aquilino Iglesia Alvariño valoraba este libro, que coñeceu manuscrito, no conxunto da poesía do momento pola sensualidade da súa expresión. A forza dun erotismo apaixonado que no futuro constituirá outra das claves significativas da obra de Avilés maniféstase aquí a través dunha escolla léxica de intensos ecos: labarada, gallope, feramente, estourear...

Aparece tamén por vez primeira a semántica da navegación e do mar utilizada para construír símbolos e alegorías da propia existencia. O poeta: navegante; o amor: "navío de altas sedas". Afortala ademais en Pequeno canto o seu autor o alto oficio rítmico que o vai caracterizar e abre as portas para a declaración da emotividade persoal, co eu lírico como suxeito que no decorrer da obra completa falará acarón da voz coral do compromiso solidario.

Os dez poemas que compoñen o conxunto titulado Poemas soltos a Maricarmen Pereira levan, agás o primeiro, titulado PÓRTICO, referencia ás datas de composición. Son todos de agosto de 1961 e constitúen unha variada arrostra de solucións versificatorias: hendecasílabo branco, verso libre de imaxes, poemas de metro breve con rima e ritmo de xinea popular e, como colofón, un soneto. As imaxes de liña vangardista, certo exotismo delicado e algunhas incursións en materias de contido culturalista serven para modular un novo rexistro da voz do poeta, o virtuoso que, de cando en vez, xoga cos poderes do seu, xa en 1961, sabio instrumento poetizador.

Avilés rodeado de amigos de Noia nunha visita a Santiago nos anos cincuenta.

O ciclo coruñés é, xa que logo, traballo maduro e limiar preparatorio do extraordinario concerto que desde os anos colombianos vai ofrecer Antón Avilés de Taramancos. Tempera o poeta as cordas da súa voz en metros clásicos ou coas músicas da tradición neopopularista, enuncia o código das materias naturais e eróticas; que desenvolverá a obra posterior e vai anunciando xa os recursos do seu poderoso acento hímnico e imaxinativo.

Ciclo colombiano

A estadía colombiana conforma un novo ciclo, de evidente entidade desde o ponto de vista da experiencia vital, marcadamente diferenciado no que fai á produción lírica.  Os poemas da ausencia o título caracterizador desta etapa, pois grande parte dos textos pertencentes a Nova crónica de Ulises ,que, por outra banda, engaden pouco ao conxunto, foron escritos no ano do regreso a Galiza, 1980, e representan unha sorte de ponte de enlace entre a xeira de Colombia e os anos de Noia.

Avilés, á dereita, cando exercía de mordomo na embaixada do Brasil en Colombia

A escrita de Os poemas da ausencia obedeceu ao estouro de dúas labaradas criativas: a primeira en 1963 e a segunda durante os meses de abril e maio de 1969. Malia a distancia entre ambas fases, o libro no seu conxunto amostra a unidade de intención, contido e estilo que caracteriza todos os títulos do autor, coa incorporación de algún novo rexistro na segunda que non afecta o devandito valor unitario.

Inicia e desenvolve agora Avilés esa súa singular cosmovisión material e terrestre en que os labores da labranza, evocados con nostalxia desde Bogotá, atinxen un valor trascendente, un alto significado case relixioso. Traballar a terra é algo máis que ocupación de subsistencia. O home fúndese erótica e filialmente coa natureza a través dos aparellos de labor. O poeta soña vivir "enraigado no colo da terra". A labranza é, asemade, combate, conquista, arquitectura e liberdade da patria, sinónimo de xénese e criación. Desde esta perspectiva, que Avilés continuará a adoptar nos libros posteriores, conxuga o autor a evocación saudosa (saudade que non se manifesta como sentimento choromiqueiro senón como incitación afirmativa) da terra lonxincua co entusiasmo solidario e o soño dunha Galiza liberada, a óptica lírica e confidencial cos acentos épicos e reivindicativos. Opta, pois, o poeta por unha expresión do compromiso que enraíza na vivencia persoal e desde unha liña de estilo que se afasta dos presupostos do socialrealismo.

O alexandrino e o hendecasílabo branco, o discurso imaxinativo de potente luminosidade e ritmo sinfónico, a coidadosa selección léxica, a impronta das poéticas americanas (Neruda, si, pero tamén o río modernista e o curso contemporáneo da poesía brasileira), certa tendencia ao manexo controlado da enumeración caótica (herdo de Whitman, Saint John Perse, do surrealismo) son algúns dos procedimentos que singularizan desde a etapa colombiana a escrita de Avilés.

Na serie de poemas escritos en abril e maio de 1969 incorpóranse algúns elementos coloquiais da estética do prosaísmo crítico e o alegato contra a guerra atómica e contra o colonialismo gringo.

Especial relevancia alcanzan nesta segunda parte dous poemas de decisivo significado vital e soberba feitura: o CÁNTICO DE ANGURIA E DE ESPERANZA PRA ARROLALO MEU NENO, co soño do regreso da estirpe familiar á casa paterna, e o PRANTO POR URBANO LUGRÍS, escrito en 1974, cinco anos despois de concluída a redacción do libro que nos ocupa, grave e emocionante elexía polo amigo morto en 1973, referencia fundamental para a memoria de Galiza en Avilés.

Nova crónica de Ulises , que aparece datado en 1978 para a edición de O tempo no espello , é en realidade un feixe de nove poemas escritos na súa maior parte cos pés do poeta asentados de volta na terra natal durante o ano 1980. Se en Os poemas da ausencia Galiza ocupa o centro da saudade, o Ulises que regresa comeza agora a intuír a nostalxia da Colombia recentemente deixada, "saudade/do futuro que hei de andar/lonxe da miña cidade". Estes versos, pertencentes ao poema titulado CALI, anticipan o que será un dos motores do terceiro ciclo de Ulises Avilés: a evocación de América desde Galiza.

Ciclo noiés

Terceiro ciclo, o de Ulises Fingal regresado á Itaca de Taramancos, que representa a normalización do diálogo co lector e onde se pode comprobar a existencia dun proxecto global de escrita presidido pola publicación de toda a obra anterior a 1980. Logo da aparición de O tempo no espello en Ediciós do Castro no ano 82, con prólogo de Salvador García Bodaño que fixa con claridade as coordenadas biográficas e literarias de Antón Avilés, o poeta, que a partir deste momento xa non vai ser un descoñecido, comeza a publicar con regularidade os seus novos libros, proceso só interrompido pola violencia dunha morte prematura.

De volta na terra e antes de máis nada o poeta quere render homenaxe á memoria da outra patria ("¡miña outra patria sempre violada!") a través de Cantos caucanos (1985), procura logo a recuperación das tamén lonxincuas lembranzas da nenez e da adolescencia en As torres no ar (1989) e afronta a ameaza do derradeiro e obrigado periplo, a morte, coa escrita dos poemas que, en publicación póstuma, conformarán Ultima fuxida a Harar (1992).

En 1984 publica en edición de autor un volume de tiraxe limitada que leva por título Cantos caucanos. Os poemas foran escritos entre novembro de 1983 e xaneiro do 84. Con outros textos engadidos, o libro sae publicado por Sotelo Blanco en 1985 e obtén o Premio da Asociación de Críticos de España.

Cantos caucanos é crónica da saudade americana, co río Cauca como protagonista simbólico e a exhibición fluvial, desbordante, de léxico e materias indíxenas. A música abandona as canles do ritmo tradicional para fluír polo curso, gobernado en pautas de certeira dicción, do verso libre, que por momentos alcanza as dimensións do versículo. Como acontecía con Os poemas da ausencia , a nostalxia non actúa como sentimento paralizante, motivo para o laio, senón pola contra a xeito de incitación celebrativa. A nostalxia de Colombia convoca os anos da xuventude, a paixón erótica, o gozo da natureza, os ámbitos felices de Cali.

Avilés trascende da experiencia persoal para construír un soberbo himno épico, coas crónicas de Indias como referente histórico, en que o entusiasmo colectivo e o deseño de grandes masas humanas conducen á exaltación da solidariedade no labor e na loita comunal, significado este último de constante presenza na súa obra.

Avilés intervindo nun acto do Bloque Nacionalista Galego.

As materias culturais, na liña dun culturalismo non exhibicionista senón resultante da interacción vida-cultura como pulo experencial inevitábel, espontáneo, incorpóranse agora con máis forza que na obra anterior. Así se manifesta, por exemplo, no poema MARIA, que evoca e achega ao mundo da experiencia propia a novela do mesmo título, obra de Jorge Isaacs.

O poeta reservou para o final da confidencia elexíaca de todas as súas nostalxias. A CRÓNICA FERIDA é o derradeiro texto do libro, un dos mellores poemas da súa autoría, o poema lírico onde, en contraste co discurso épico dominante en Cantos caucanos , Avilés sintetiza as claves biográficas das súas saudades: "amar tan longamente o ben perdido,/ter para sempre/o folgo eivado de amar o que se perde/". Convocado o amor de Colombia neste libro, os derradeiros versos da CRÓNICA FERIDA anuncian a nova entrega amorosa: a recuperación da memoria remota da propia vida, a convocatoria do sangue e dos átomos que deran vida ao neno Antón Avilés Vinagre sempre a facer torres no ar: "E dese amor que vivo; e mais do amor que agora no lar recuperado/erguen vellas columnas, antigas mans que me aman,/a emanación dos átomos de meus avós no vento,/a terra prometida".

As torres no ar (Sotelo Blanco, 1989) nace, efectivamente, da necesidade do reencontro do poeta coa propia imaxe de neno, unha vez que o home adulto regresa á terra dos seus, ao ámbito onde esa imaxe permite ser máis doadamente recuperada. O símbolo que preside o libro, as torres no ar, era frase utilizada pola nai, Lela da Pastora, e empregada agora por Antón para encabezar o seu libro: "Ai meu fillo: Ti sempre a facer torres no ar".

De todos os libros de Avilés esta é o que, con arquitectura de sólida fábrica, alta torre lírica, está máis solidamente construído, simbolicamente erixido como estrutura vertical que se vai estilizando en varios niveis, correspondentes aos catro apartados en que se divide: 1.- PÓRTICO, 2.- CÁNTICOS A CARÓN DA TERRA, 3.- O CÁNTICO DAS NAVES e 4.- A TORRE SECRETA.

Entramos a través do PÓRTICO presidido pola figura da nai, limiar escuro e sólido, ancorado no claustro das orixes. Labrado coa materia solemne do versículo en esquemas de fórmula reiterativa ao xeito de ladaíña, o primeiro poema, que ocupa todo este apartado, canta a relixión maternal do poeta coa terra a través do amor á nai. Sobre os alicerces fundacionais da primeira memoria elevase o segundo nivel da torre, o espazo adicado ás materias terrestres, CÁNTICOS A CARÓN DA TERRA. Neste segundo apartado pronúnciase o entusiasmo de Ulises que regresa e convoca os nomes dos ríos, das árbores, a eira antiga, o monte bravo... No terceiro, O CÁNTICO DAS NAVES, asistimos a un proceso de alixeiramento do verso no que fai ás fórmulas construtivas e mesmo, en algún momento, ás dimensións do poema. Pero a fondura simbólica característica da poética de Avilés alcanza agora o seu máximo poder coa elaboración de conxuntos alegóricos que representan a construción do propio suxeito cando neno, como podemos ler nalgúns dos mellores poemas do libro, os que comezan cos versos "Na outra banda do mar..." e "Os que amades o mar..."

E desde aquel limiar vagaroso e sinfónico do PÓRTICO fomos aseendendo ata o último nivel, A TORRE SECRETA, onde se nos reserva a voz elegante e máis leve dos sonetos eróticos, a agulla labrada en filigrana de fórmulas clásicas e enxeño de paradoxos na mellor tradición da lírica de amor.

Saudade e gozo en contraditria síntese son os sentimentos centrais deste himno elexíaco, síntoma clave do combate emotivo que dirixe a maior parte das páxinas do poeta, entre a paixón celebrativa e a rebeldía contra o tempo fuxidío. Estes versos resumen certeiramente o sentimental paradoxo: "son o derrotado que conduce/a cuádriga implacábel da vitória".

As torres no ar representa ademais no conxunto da obra do seu autor o ponto de máxima inflexión da expresividade erótica de Avilés, manifesta neste libro non só a través dos poemas de contido especificamente amatorio senón no total das súas páxinas, dun erotismo panteísta e desbordante en que a recorrencia á simboloxía do feminino carnal desdebuxa as súas fronteiras coas do territorio do uterino materno.

Especialísimo valor pola súa orixinal concepción, a gracia da expresión e a tenrura da tonalidade, alcanza o poema "O pé do maririeiro...", homenaxe á sabedoría popular dos oficios artesáns en que brilla a subtil capacidade de observación do poeta.

O derradeiro libro de Antón Avilés de Taramancos, Última fuxida a Harar ( Espiral Maior , 1992), de publicación póstuma, composto de materiais diversos pero dirixido pola presenza dunha morte anunciada e propia, é resultado definitivo da maduración de todas as súas voces.

O bosque, a devesa, a fraga... COMO símbolos do recóndito e do erótico, a celebración do herdo familiar como linguaxe para a conversa coa terra, a visión colectiva, con Galiza como protagonista, a saudade de alcance transcendido, a evocación das moradías do vento... son algúns dos motivos temáticos que o poeta segue a tecer con esa súa habitual enxeñaría sensitiva, vixiantemente gozosa, complexa e conversacional, crítica e esperanzada malia a proximidade da besta que cómpre escorrentar. Pero o poeta conduce aqueles seus temas centrais coa tensa lucidez de quen se sabe destinado á vecirianza da morte e o que en libros anteriores foi identificación coa terra do herdo xenealóxico agora transfórmase en sorio de consubstanciación da propia materia alén da vida coas substancias terrestres. Diante da morte Antón adopta, como antes fronte á dor da distancia, unha actitude radicalmente positiva. Os EN-PSALMOS PARA ESCORRENTAR A BESTA son acesas manifestacións de esperanza no triunfo contra a doenza e, nalgúns casos, serena aceptación do destino, confianza na continuidade dos ciclos naturais, a permanencia na labranza e na sementeira da terra común: "Ali estou eu de morto dando vida aos carballos".

Ao conglomerado de temas de base biográfica ou de contido histórico-político (como nos apartados CRÓNICA DE ANTIGOS REIS e AS ARMAS E OS BARÕES ASSINALADOS) que o poeta fóra elaborando desde os comezos da súa escrita, engádese agora un novo territorio significativo, a reflexión arredor da criación poética, expresada en canles dunha dicción insólita no total da súa obra. Abordan esta experiencia, arredor da cal Avilés ten deixado páxinas reflexivas de grande valor, recollidas en Obra viva , algúns poemas entre os que constitúen a primeira parte, O CAZADOR NO ESCURO, resoltos con fórmulas dun esencialismo conceptual novidoso para o proceso da escrita anterior.

Semella como se Avilés estivese a ensaiar o concerto de novos instrumentos cando o sorprendeu aquela sombra. E diante da ameaza da inevitábel singradura, o poeta, cazador no escuro, decidiu subir a bordo o fardo completo das derradeiras pezas cobradas. Non había tempo para fechar os ciclos finais de Ulises en varias entregas de lenta andaina. Así que Antón entregou este testamento urxente, silva de varia fermosura, síntese das súas mellores voces épicas e líricas, paixón vital, orgullosa e serena rebeldía.

IMAXES