A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
Análise Temática e Estilo

A complexidade temática e estilística da poesía contemporánea compréndese tendo en conta que estamos ante un amplo período que iniciamos cos máis novos autores da Colección Val de Lemos (1968-1975) (Vergara Vilariño, Darío Xohán Cabana ou Margarita Ledo Andión ). Desde os epígonos do social realismo, coa preocupación política, pegadas do existencialismo dos cincuenta e o tratamento realista da paisaxe, ata a poesía última, que ademais de continuar cultivando temas dos oitenta, aportan outros estreitamente relacionados coa "realidade circundante, dolorosa na súa indefinición" (L. Rodríguez e T. Seara, 1997), a poesía contemporánea presenta desde diferentes estéticas unha notábel amplitude temática, tendo no amor e o erotismo, a relación destes coa morte e o paso do tempo, o elexíaco, a poesía como reflexión e a invocación da terra, os seus temas máis recorrentes.

Ana Romaní.

Son varios os tratamentos da terra, pois este tema por razóns que neste punto xa se nos fan evidentes, goza dun amplo tratamento desde o século XIX: a paisaxe humanizada, a visión cósmica, a terra como espazo mítico e onírico. A perpectiva mítica aparece xa nos primeiros poetas do Rexurdimento , tendo por caso un fragmento do poema "A Galicia" de Francisco Añón , e máis tarde Eduardo Pondal e Cabanillas, xa no século XX. Ao longo deste século, é frecuente a achega ao paisaxismo pictórico e ao descritivismo. Deste xeito, os poetas contemporáneos herdan unha tradición que contempla a terra desde o estético e o ideolóxico.

Bernardino Graña desde o seu libro Profecía do mar presenta unha visión do mar e do mundo relacionado con el, que estudiosos como César Antonio Molina destaca, con grande dinamismo verbal e unha actitude lúdica e inconformista, visionaria e mesmo apocalíptica pola consciencia ecolóxica que aporta unha saudábel orixinalidade, onde os elementos da natureza na propia voz do poeta expresan o dominio da vida e o amor contra a morte.

Xohana Torres, especialmente en Estacións ao mar , presenta un diálogo permanente coa Terra, mostrando unha severa firmeza no canto á historia da Terra, ou á presenza física da paisaxe, desde a perspectiva do tempo e a mudanza.

A visión de Galiza cobra especial dimensión na obra de García Bodaño ( Tempo de Compostela ) . A cidade nun plano simbólico é a propia Galiza, como espazo do drama e da esperanza. Hai unha Galiza histórica e colectiva e outra, vivencial e íntima, como expresión da experiencia persoal. O marco da paisaxe urbana de Compostela como espazo simbólico envolve o significado histórico do poeta como individuo.

Na década dos oitenta poderíamos destacar tras interpretacións esenciais na ollada plural, seguidoras desa vasta tradición a que temos aludido, en ocasións estilizándoas: unha visión paradisíaca, como celebración gozosa e canto; certa revitalización do mito atlantista (como na pintura, poderíamos falar dun certo neoatlantismo); e unha visión apocalíptica. Cabería aínda outra visión, a invocación da terra desde a distancia no tempo e no espacio, certamente idealizadora, como acontece no libro de Pilar Cibreiro O vasalo da armadura de prata.

En Mar do fin da terra ,de Cesáreo Sánchez Iglesias, son evocados os dous elementos do mesmo título desde unha viaxe interior. Símbolos do universo, dialogan co home desde a consciencia do tempo e a memoria, a palabra poética.

Existe tamén un panteísmo que leva a unha fusión vital da natureza e o ser humano. Con efecto, hai unha elevación con alentos de emoción nese canto a unha terra posuída desde un ton épico e histórico achegado á memoria colectiva. Aparece entón o nome propio, Galiza. Esta visión da terra está tratada cunha nova linguaxe poética, desde un plano estético máis elevado, como deixou sinalado o profesor Carvalho Calero, que tende á mitificación da Terra, xa desde o século XIX. Pondal ten unha visión mítica recollida nun lugar íntimo, relacionado biograficamente co mesmo poeta.

Mais existe tamén outra visión da terra, que sería a apocalíptica. Así en Balada nas praias do Oeste (1985), onde o destino da nación aparece incerto. O libro de Rivas presenta un mundo de derrota.

Tamén aparece a visión de Galiza como paraíso perdido, centrado nos recordos íntimos, na memoria familiar, nas paisaxes, un país recoriecido en trazos precisos e mesmo na afirmación do idioma. Así aparece en poemarios como O vasalo da armadura de prata (1987) de Pilar Cibreiro.

A renovación da expresión lírica amorosa ou erótica parece ser unha das fundamentais características da nova poesía. A expresión erótica como amor concreto e tamén como permanencia frente ao tempo e á morte, a relación gozosa e libre, a plenitude na ausencia e a súa relación co tempo e a morte e a sensualidade do corpo desexado. Tamén o descubrimento do amor soñado, idealizado, ou como experiencia gozosa e lúdica. Ou ben como unha coidadísima forma de sensualidade, seguindo unha rica tradición que se remonta á lírica medieval. A este respecto, tense mesmo falado dunha sensualidade galega. E esta particular forma de expresar a sensualidade aparece manifesta en poetas como Miguel Anxo Fernán-Vello, Xavier Seoane ou Claudio Rodríguez Fer .

Aínda que a poesía do século XIX non foi dada a cantar a experiencia amorosa, xa no XX aparece nas primeiras obras de Alvaro Cunqueiro, baixo influencias diversas, tanto na liña vangardista como na recuperación da estética trobadoresca. No seu libro Herba aquí e acolá  (1980) o escritor mindoniense. Ou Ricardo Carvalho Calero, que en poemas do seu libro O siléncio ajoelhado (1934) recrea a nostalxia do amor que foi e que en libros posteriores encontrará unha dimensión máis intelectual, en que a relación amorosa está máis na consciencia da morte que no pracer, subliñando esa especial relación do amor e a morte da poesía contemporánea.

O poeta e crítico Claudio R. Fer ten sinalado que a poesía amorosa actual tería o seu inicio en Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín, e a relación do amor coa morte terá continuidade nalgúns dos poemarios máis significativos da década. Agora ben, neste libro de Méndez Ferrín conflúen todos os temas importantes na poesía posterior: o amor, a nostalxia, o paso do tempo e a morte, para alén dun marcado alento elexíaco.

Claudio R. Fer vai publicar Poemas de amor sen morte (1979), en que a referencia directa ao corpo da amada, como fonte do pracer carnal, aparece directa, de xeito cósmico e sensual. En libros posteriores, evoca a amada a través da recreación literaria e certa complexidade simbólica: Helena, Penélope, Lesbia, Aracné, Beatriz, Margarida.

Amor como visión cósmica que une o corpo da amada aos elementos naturais, e potencia contra a morte está tamén na poesía de Xavier Seoane. Paxaros, froitos, astros, son elementos cósmicos dunha longa tradición. Así o poema "Canción da amada", en que a muller asume a voz protagonista.

A celebración do corpo aparece tamén na obra de Miguel Anxo Fernán-Vello, a través dunha rica simboloxía desde a contemplación serena e reflexiva. O corpo aparece asociado ao húmido —auga, seiva—.

O tratamento do amor presenta, pois, variadas liñas: un certo distanciamento no tratamento do amor como ideal estético e desexo de intemporalidade, o amor concebido como historia e tamén ausencia do ser amado (na obra poética de Luz Pozo Garza); outras en que prevalece a procura obsesiva, a paixón violenta, o "amor fou", e tamén que relacionan o amor coa morte e o paso do tempo, así como a ausencia. Así acontece nas obras de poetas como Pilar Pallarés ou Xulio Valcárcel , embora diferentes entre si.

Outras experiencias poéticas están nos seus temas achegadas á expresión da morte, e a súa relación co paso do tempo e o elexíaco e a convocatoria dos espazos do pasado, desde a nostalxia e a percepción da imposibilidade de recuperalos.

A meditación sobre a morte, desde un certo autobiografismo en ocasións, está presente na maior parte da nosa poesía contemporánea.

Xoana Torres en Estacións ao mar ,que no seu tema central expón as liñas características: a tentativa de recuperar o tempo e apreixar a súa fugacidade. A poeta olla a infancia, desde o símbolo recorrente do paraíso perdido, o mundo familiar e a Terra como patrimonio común. A sabedoría da potencia absoluta do Tempo.

Tamén no libro de Pilar Pallarés, Sétima Soidade ,hai un sentimento agónico que expresa a certeza da propia destrución. A morte é ollada como entrega á fatalidade desde unha resignada melancolía. Na obra de Lorenzo Baleirón , con grande relevancia do autobiográfico, presenta un maior dramatismo e forza expresiva. Hai un constante anuncio da morte expresada a través do eixo temático do tempo, nunha actitude pesimista e resignada.

Outra liña de rico tratamento é a elexíaca. Na obra de García Bodaño, Tempo en Compostela ,o acento elexíaco móstrase nas elexías aos artistas e escritores —Seoane, Pimentel , Castelao — formando parte dunha visión metaforizada de Galiza, nun diálogo entre a historia e o tempo presente.

A morte do pai provoca algúns poemarios cun decidido alento elexíaco, como disposición a resgatar a memoria frente á presenza da morte. Nas "Cinco elexías" de poemario de Román Raña, Da muda primavera (1987), o recordo do pai morto motiva a meditación sobre os anos da infancia, un sentimento de ausencia e a seguridade de non sermos outra cousa que medo ao efémero, ese naufraxio que nos posúe. En Luminoso lugar de abatimento (1987) de X. Mª Álvarez Cáccamo , un dos libros que acaso desenvolvan con maior fortuna os temas sinalados, o laio pola morte do pai, os mitos da inocencia e a consciencia do paso do tempo, o ton elexíaco subliña o alento dramático dunha obra arquitectonicamente pensada como movemento musical, con "preludio" e "adagio". O sentimento da morte excede o plano persoal, puramente biográfico, e proxéctase ao cósmico, do que o pai é símbolo.

A morte do pai, contemplada desde o mito edípico, aparece tamén en Os habitantes da culpa (1988) de F. Salinas Portugal , libro que se ocupa cunha rica simboloxía dos mitos da Culpa e do Descenso, como viaxe que fai imposíbel o retorno a lugares dun pasado luminoso.

A convocatoria dos espazos do pasado será insistente na poesía contemporánea. A tentativa de recuperar o tempo, a recreación nostálxica e unha permanente disposición ao elexíaco son as formas recorrentes.

Miguel Anxo Fernán -Vello.

A procura destes camiños ten un valor iniciático. A nostalxia é a beleza da perfección, mais tamén a beleza da dor, pois van sempre unidas. A única esperanza é facer prevalecer a palabra sobre a morte. O poeta procura a palabra para se salvar da devastación. A memoria iluminada, para restituír aquilo que a fugacidade lle substrae.

Isto provoca unha poesía fundamentalmente pesimista. Este pesimismo nace da soidade do poeta, ser extraviado ante o mundo moderno, do que se sente rexeitado, perdido o lazo de unión coa natureza e o cosmos, como os románticos e decadentistas. Mesmo vai ser utilizada a iconografía simbólica que recrearan os románticos na poesía e na pintura: barco perdido e o mariño náufrago, como símbolos daquela escisión e desta.

O poeta, como no século XIX, é un ser estraño ante o mundo, consciente do seu destino individual e colectivo, acaso tamén consciente do carácter residual da súa obra.

IMAXES