A Etapa Contemporánea (S. XX)
A recuperación da narrativa en galego: Ánxel Fole
Ánxel Fole na súa época

Hai escritores ós que os sucesos do tempo en que lles tocou viver marcáronos dun xeito especialísimo. Tal é o caso de Ánxel Fole . Ánxel Fole tomou parte activa na política dos anos da II República Española, desempeñando o cargo de Secretario Local do Partido Galeguista en Lugo. A sublevación militar do 1936, co triunfo do franquismo, supúxolle ó noso escritor un enorme trauma: el caeu da banda dos vencidos. Trauma que determinou a súa vida persoal e literaria. Pódese falar dun Ánxel Fole de antes do franquismo e de outro Ánxel do franquismo e do posfranquismo. O impacto que lle causou a guerra civil levouno a unha fixación de rechazo do nacismo, do fascismo e do falanxismo. Tanta era a súa teima que leu todo canto puido sobre o nacismo alemán, do que chegou a ser un experto coñecedor.

Imaxe de Ánxel Fole.

Ánxel Fole foi educado por súa nai, unha muller extremadamente piadosa. A formación que lle inculcou estaba dentro das normas máis tradicionais. Fixo que o neno e adolescente Ánxel Fole estudara no colexio dos Maristas e no Seminario Conciliar. Dende a súa época da Universidade o escritor, ademais da súa grande paixón literaria, estivo atento e participou nos movementos sociais e políticos nas correntes progresistas e galeguistas. O sentimento galeguista agromou moi cedo nel, a través da música e da lectura dos nosos grandes poetas do século XIX. Era admirador da Revolución Rusa, recibiu con entusiasmo o advento da II República Española, escrebeu artigos e romances anticaciquís —Lugo e a súa provincia dende comezos do século XX ata o 1936 estivo dominada por un gran cacique: José Benito Pardo Rodríguez, coñecido sinxelamente como Pepe Benito— e a sublevación militar de 1936 tróuxolle grandes custos en todos os terreos. Antifranquista radical e interesado vivamente nos movementos político-sociais da súa época —dos que estaba moi ben informado—, non formou parte, despois do triunfo do franquismo nen na transición á democracia, en ningunha organización política.

Ánxel Fole sentía unha enorme curiosidade intelectual, dende a Literatura á Medicina, pasando pola Parasicoloxía e a Historia. Foi un apaixonado da música, do cine e da pintura. Ata os derradeiros anos da súa vida era un atento lector de revistas francesas. Ademais da literatura francesa, rusa, norteamericana —Poe e Witman— e da alemana —foi un devoto de Rilke—, era tamén un grande lector dos escritores da Xeración do 98 castelán: Unamuno, Pío Baroja, Valle-Inclán e Antonio Machado, polo que sentía unha especialísima preferencia. Como contou o propio Fole —e traducímolo : "Relería a Antonio Machado por anos e anos. E cando a súa morte chorei unha noite enteira...". Da xeración do 27 tiña en moita estima a Jorge Guillén —do que sabía moitos poemas de memoria—, Federico García Lorca, Rafael Alberti... O pensamento da Xeración do 98 e do novecentos influíron e determinaron a súa ideoloxía progresista e republicana. O seu forte galeguismo estivo conformado pola doutrina de Castelao e Otero Pedrayo . O seu discurso de ingreso como numerario na Real Academia Galega versou sobre algúns aspectos da obra de Castelao.

Fole, nos seus anos de mocidade, tivo unha enorme simpatía polo esquerdismo radical e mesmo polas ideas libertarias. Algunhas das súas colaboracións na prensa firmounas co seudónimo de Bacurín. Este nome ten evidentes semellanzas fonéticas co de Bakunin. Bacurín é unha aldea do concello de Lugo, á beira do río Mera, cunha igrexa románica e rodeada de sete castros. Neste sentido resulta clarificador o poema en castelán publicado na revista luguesa "Guión", no ano 1931, para conmemorar o primeiro de maio. O poema foi recuperado por Claudio Rodríguez Fer no seu lúcido estudo A Galicia misteriosa de Ánxel Fole e titúlase "Banderas rojas". Trátase dun romance totalmente obreirista, de nítida reivindicación de clase. Chama a atención que fale de "falanxe de obreiros", ceibando ó vento as súas "rosas de rebeldía". A palabra "falanxe" está moi matizada. Non se trata dunha "falanxe de militares atuendos", senón de novos "espartacos" que, a golpes de fouce de martelo, andan a forxar o futuro da comunidade. Os martelos petando nas éngoas crean unha oda triunfal cantada polos operarios, mentres as bandeiras vermellas abren o seu voo cálido. Na poesía de Pimentel hai tamén bandeiras, ben distintas destas de Ánxel Fole. Os versos, de inequívoca filiación lorquiana, demostran perfectamente a ideoloxía de Fole naqueles anos. A súa aposta total polo proletariado non ofrece nengunha dúbida. Estes entusiasmos quedaron reprimidos e frustrados coa sublevación militar de 1936 e, posteriormente, nos tétricos anos do franquismo.

Existen máis romances desta época foleana, cheos de intención política, algúns deles —como queda sinalado— rabiosamente anticaciquís, escritos nunha linguaxe que se pode cualificar de belicista. Son os tempos en que o escritor militou na ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma), partido republicano liderado polo coruñés Santiago Casares Quiroga, que tantas ilusións despertou nalgúns sectores do galeguismo, para converterse, dado o seu xiro centralista, nunha enorme desilusión, obrigando ós nacionalistas a abandonalo. Ánxel Fole, presionado por un irmán seu, afiliouse, por pouco tempo, no Partido Republicano Radical Socialista, de Álvaro de Albernoz. Máis tarde ingresou no Partido Galeguista, chegando a ser, en Lugo, Secretario Provincial, cargo que desempeñaba o 18 de xullo de 1936.

Non é tarefa nada doada encadrar a Ánxel Fole nas clasificacións que fan os profesores e historiadores da Literatura. como nos ensinou un tratadista, non é o mesmo ser "contemporáneo" que "coetáneo". Posibelmente poida incluírse nos que o profesor e crítico Carballo Calero chamou "novecentistas", entre os que se contan Luís Amado Carballo , Manuel Antonio , Augusto Casas, Evaristo Correa-Calderón, E. Montes, Xulio Sigüenza, Manuel Luís Acuña... nacidos, todos eles, arredor do ano 1900, para poñer unha data convencional. Ou tamén podería figurar na "Xeración de 1925" proposta por Xesús Bal e Xosé-Luís Méndez Ferrín , que inclúe os escritores comprendidos entre 1895, data do nacemento de Luís Pimentel, e 1909, ano en que naceu Aquilino Iglesia Alvariño , denominada tamén do " Seminario de Estudos Galegos ", e na que estarían, ademais dos antes nomeados, Luís Pimentel, Fermín Bouza-Brey , Valentín Paz Andrade , Ánxel Johán, Ánxel Fole e Aquilino Iglesia Alvariño, entre outros. Cómpre ter en conta a que Francisco Fernández del Riego denominou "Xeración Galaxia", invento que non tivo demasiada fortuna entre críticos e historiadores. A "Xeración Galaxia" estaría formada por un grupo de escritores agrupados arredor desta editorial a partir do ano 1950, persoas de moi distinta idade e de diversos credos estéticos, todos eles empeñados na restauración cultural de Galiza dende un plano esteticista —que respectaron rixidamente—, pechados ó marxismo, sen militancia política aínda que politizados. Algúns deles, no posfranquismo, desempeñaron cargos políticos de relevo en partidos estatalistas, feito que non deixa de ser curioso e sorprendente.

Fole, de pé, coa súa nai e o seu irmán, Desiderio.

A obra de Ánxel Fole, antes da sublevación militar de 1936, foi esencialmente xornalística e practicamente en castelán, aínda que publicara algunhas prosas e relatos en galego, como os dados a luz na revista Nós ,pertencentes ó seu libro Auga lizgaira que non chegou a publicarse, malia a que estaba na imprensa o 18 de xullo de 1936. Foi a partir do ano 1953, coa publicación de " Á lus do candil " cando a súa obra de creación comezou a ter importancia. Dende ese ano a súa narrativa impúxose dentro do noso panorama literario. Trátase, pois, dun escritor formado antes da guerra civil, mais que a súa obra se realizou e transcendeu despois da guerra. Este feito obxectivo plantexa problemas e dificultades. Xa o profesor Xosé Filgueira Valverde deixou sinalado que a cronoloxía de Fole é atípica. ¿Hai que situar a Ánxel Fole entre o grupo de escritores dados a coñecer antes da guerra civil baseándonos na data do seu nacemento? Esta clasificación semella non ter moito sentido xa que, nesa época, a súa obra de creación era practicamente inexistente. ¿Cómpre situalo dentro da narrativa da posguerra atendendo á data de publicación dos seus libros mais significativos? Quizais si. Neste sentido o seu caso ten certa semellanza co de Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor , mais só referido á obra de creación en prosa destes dous escritores. Como poetas, tanto Álvaro Cunqueiro como Eduardo Blanco Amor tiñan publicado, con anterioridade á guerra civil, importantes libros de versos. Caso singular dentro da chamada "Xeración de 1925" é o de Evaristo Correa-Calderón e Euxenio Montes, con interesante obra —aínda que pequena— publicada denantes de 1936 e que, despois da guerra civil, enmudeceron totalmente como escritores en galego. Podemos dicir deles que a súa obra galega quedou pechada antes do 1936.

Ánxel Fole, dadas as circunstancias históricas e persoais por el vividas, resulta ser un escritor moi difícil de clasificar dentro do panorama das nosas letras. Podémolo definir como un artista intemporal, aínda que isto sexa non dicir nada. A súa obra é unha síntese perfecta de tradición — da nosa mellor tradición– e de modernidade —do máis requintado e válido da modernidade do seu tempo— e situalo, sinxelamente, como un escritor do século XX, na súa segunda metade. Como home foi unha persoa progresista, asolagado na súa época —viviuna con coñecemento e lucidez— e un galego comprometido co seu país, cunha entrega total e sen reservas. Cómpre insistir en que os acontecementos tráxicos da sublevación militar marcárono profundamente e deixáronlle feridas que non cicatrizaron totalmente malia írense pechando. Foi unha das persoas máis afectadas —e máis fondamente— polos sucesos de 1936, que, con enormes dificultades, foi superando. A súa obra literaria é a mellor mostra. Estas circunstancias quizais non sexan doadas de comprender, na súa totalidade, por xente que só ten da guerra civil —que vai quedando lonxe —  un coñecemento historicista, mais que tiveron a enorme fortuna de non viver aqueles sucesos arrepiantes.

IMAXES