A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía de posguerra
Aquilino Iglesia Alvariño

Aquilino , nado en Seivane, Lugo, en 1909, publicara con anterioridade Señardá ,1930, o seu primeiro libro, e Corazón ao vento de 1933, dentro dunha liña que encontraría os seus inmediatos antecedentes en Noriega Varela e que habería de ser continuada por Xosé Crecente Vega e Xosé María Díaz Castro .

Aquilino Iglesia Alvariño de mozo.

Sen menoscabo da súa obra anterior, podemos afirmar que en Cómaros verdes chega Aquilino á súa madurez como poeta, impregnando a súa poética de novas técnicas e temas. O abandono da rima, co emprego preferente do hendecasílabo branco, e o ton bucolizante, que se percibía lixeiramente nos seus libros anteriores, chegan neste caso a un alto grao de perfección, salientando a precisión descritiva, a calidade rítmica e sonora do verso, así como a inclusión dun léxico que pretende estar a ton co medio natural que se describe, resultado dunha investigación e estudio exhaustivos da lingua de que se serve como ferramenta.

Con posterioridade publicará De díá a día ,1960, volume en que recollerá poemas escritos entre 1933 e 1960. O libro salienta, sobre todo, por ser unha especie de diario poético no que, acorde cos tempos, vai predominando cada vez máis o influxo dun certo existencialismo, chegando a predominar o ton trascendente e reflexivo sobre a cadencia paisaxística que abrollara sobre todo no xa citado Cómaros Verdes.

En 1961, ano da súa morte, publica Lanza de Soledá , un conxunto de corenta e tres sonetos nos que a través da oposición lumínica constante (día e noite, luz e sombra) pretende trasladar ao lector a contraposición entre a vida e a morte. Libro de plenitude, é, tamén, unha especie de acto de contrición e exame de conciencia dun poeta que ve chegar o remate da súa vida. Así, a caducidade do tempo, a brevidade da vida, a indagación nese campo do imaxinario que é a escuridade, como forma de representación da extinción, da morte, son neste caso unha especie de pasaporte a través do cal o poeta pretende non só asegurarse a culminación definitiva da súa arquitectura poética, senón tamén colocar a pedra de cimo da súa sensibilidade como home.

Nese mesmo ano aparece Nenias ,título que era inicialmente unha sección de Cómaros verdes e que agora agranda coa inclusión de novas composicións. Trátase dunha serie de poemas elexíacos e reivindicativos nos que podemos encontrar a galería de autores imprescindíbeis na súa vida de lector e poeta, combinando autores galegos e estranxeiros, antigos e modernos, a xeito de álbum persoal, catálogo dos libros máis queridos. Neste caso predomina a metapoética, isto é, un discurso que, ao tempo que se codifica para ser poema, pretende descodificar a mensaxe global dos autores admirados, nun xeito de reflexión creativa que, ás veces, sorprende polos seus achados. Rosalía , Pondal , Curros , Maside, García Lorca, Catulo, Tibulo, Hölderlin, Petöfi, Antonio Machado, Carles Riba, Luís Amado Carballo , son algunhas das figuras homenaxeadas.

Tres anos despois da súa morte, en 1954, apareceu Leva o seu cantare ,conxunto de poemas inéditos deixados polo autor.

IMAXES