A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
Artes Plásticas e Arquitectura

A partir deste ano de 1980, unha serie de iniciativas estéticas van reformar profundamente o ambiente deses anos: as exposicións, en 1980, na Casa da Cultura de Baiona e no patio de Xelmírez de Compostela tres anos despois, a Bienal de Pontevedra entre 1983 e 1985, e as "Imaxes dos 80 desde Galiza" no Museo do Pobo Galego , en 1984.

A exposición "Atlántica" celebrada en Baiona, no verán de 1980, é tida pola crítica como un revulsivo para a arte galega e vai xuntar a un bon número de artistas que actúan como grupo en exposición, mergullados na corrente da transvangarda e os neoexpresionistas e con resonancias atlánticas de Risco, desde a heteroxeneidade de estilos e a actitude compartida de se situaren na liña do discurso da posmodernidade. A súa orixe parece estar nunha viaxe a Nova Iorque de Angel Huete, Guillermo Monroy, Menchu Lamas e A. Patiño. Os protagonistas de "Atlántica", cos anteriormente citados, forman un grupo numeroso de artistas (Basallo, R. Patiño, Rafael Baixeras, Correa Corredoira, Alberto Datas, Facal, Xosé Freixanes, Armando Guerra, Antón Lamazares, Lodeiro, Mantecón, Moldes, Alberte Permuy, Manuel Ruibal, Mon Vasco, Vidal Souto, entre outros) que aparece co propósito de normalizar o panorama artístico galego e de conciliar a tradición vangardista da xeración dos "Renovadores" coas máis recentes tendencias da plástica internacional, ademais de entroncar a tradición galega coas correntes da nova arte. "Atlántica" como proxecto cultural significa (e non a penas) a defensa "atlantista", un concepto presente desde o XIX con Pondal e os teóricos da Cova Céltica , e que chega con propósitos teorizadores estéticos a Risco e Luís Seoane . "Atlántica", as Bienais de Pontevedra dos oitenta, ou as exposicións da Casa da Parra, definiron o horizonte da estética galega desde a vontade de dialogar directamente con Europa e exportar unha estética galega e enraizada na súa historia máis profunda, como ten dito desde a revista Luzes de Galiza o crítico X. A. Castro. Para algúns creadores posteriores, "Atlántica" supón a aparición da verdadeira plástica galega como tal, para alén de individualidades anteriores como Seoane, Lugrís, Colmeiro ou Laxeiro.

Luís Seoane nun bosquexo de Fernández Mazas.

Logo de "Atlántica" aparecen unha serie de nomes novos que formarán as xeracións novísimas da plástica actual: Martínez de la Colina, Tono Carbajo, Carlos Crego, Berta Cáccamo, Paco Pestana, Antonio Mouzo, Pedro Muíño, entre outros. Podemos falar logo dun "posatlantismo" como adecuación dos oitenta aos noventa, levada a cabo polos artistas dese núcleo.

Martínez de la Colina propón aínda un segundo grupo, formado por Lamazares, Leiro e Pestana, de orixe rural, e un terceiro, caracterizado pola preocupación intelectual, a que pertencería Berta Cáccamo.

Os anos noventa non se esforzan por procurar síntomas de identidade, coexistindo os conceptos máis globais que definen tanto o artista galego como o internacional, o desexo de se integrar na totalidade artística.

Canto á arquitectura, as opinións pesimistas dalgúns dos arquitectos máis significados (Xoán Casabella, César Portela) abundan na idea dun panorama desolador, con minoritarias excepcións. En todo caso, e como apunta Portela, o seu desenvolvemento aparece condicionado por dous elementos: o illamento cultural de Galiza e o seu peculiar clima atlántico.

Na moderna arquitectura galega fálase de tres xeracións: a formada por pioneiros como Pepe Bar e Andrés Albalat; a segunda, a dos formados nas escolas de Madrid e Barcelona nos anos 60; e unha terceira, a da Escola de Arquitectura da Coruña .

A segunda metade dos setenta e os primeiros oitenta supoñen o debate entre as dúas formas de entender a arquitectura en Galiza: a que toma como referencia a arquitectura popular e compatibiliza a conservación do patrimonio cultural, histórico e artístico coa modernidade, entendida como a adopción de medidas que permitan a continuidade do home sobre o seu territorio a enteira satisfacción (César Portela), e a que defende a conexión coa arquitectura que se fai internacionalmente (Pepe Casabella). Outra solución sería unha síntese de ambas, valorando a arquitectura popular pero transformándoa tanto nos espacios como os materiais. O SIAC de Compostela, en 1976, supuxo o intento de asumir as correntes de vangarda. Máis tarde, as "Xornadas de Arquitectura Galega" de Cambados no ano 79, e Compostela no 81, viñeron centrar o discurso na conservación do patrimonio construído. Na "Mostra de Arquitectura Contemporánea" de 1986, un grupo de arquitectos de idades e compromisos variados propuxeron as seguintes liñas de pensamento, que resumirían as tendencias actuais:

  1. profundización crítica da conciencia atlántica, introducindo novos materiais ou reinterpretando os tradicionais.
  2. profundización da lóxica construtiva tradicional, revalorizando os oficios da construción en vías de extinción (canteiros, lousadores, etc).
  3. concesión de grande importancia ao lugar, entendido este como paisaxe cultural e física.
  4. interese polos logros do Movemento Moderno.

Recollendo algunhas das principais ideas expostas por X. González Millán na súa obra Literatura e sociedade en Galicia (1975-1990) ,a cultura galega desde o remate da ditadura e particularmente na década dos 80, caracterizouse pola procura de novas linguaxes e a capacidade para responder ás exixencias dunha crecente institucionalización, á vez que pola defensa dunha estética aberta a espacios de producción simbólica ata daquela marxinados.

IMAXES