A Etapa Contemporánea (S. XX)
A popularización da novela curta: as coleccións Céltiga e Lar
As coleccións Céltiga e Lar

Baixo este epígrafe agrupamos aquelas coleccións de novela curta que tiveron unha maior importancia no desenvolvemento da literatura galega na década dos anos 20. Para explicarmos o que foron estas coleccións, ou sabermos o porqué da súa existencia, é necesario recordar o labor cultural levado a cabo polas Irmandades da Fala. Como xa se ten dito, estas institucións tiñan como obxectivo prioritario a defensa e fomento do idioma galego en todos os ámbitos. Ou o que é o mesmo, contribuír á plena normalización social do idioma, de xeito progresivo. Neste contexto, xa desde cedo, entenderon que a literatura, e dentro dela algúns xéneros en concreto —o teatro e o relato breve— podían e debían xogar un importantísimo papel. A empresa non se presentaba fácil. Estamos a falar dunha época en que o galego era un idioma infravalorado socialmente, totalmente afastado do ensino e da vida oficial e, por se isto fose pouco, nunha sociedade cunha preocupante porcentaxe de analfabetismo. Apostar, xa que logo, polo noso idioma como vehículo de expresión desa literatura conlevaba necesariamente abrir canles de expresión propias. A Irmandade da Fala da Coruña, xa desde o comezo das súas actividades, con Antón Vilar Ponte e Xoán Vicente Viqueira, consideraba imprescindíbel contar cunha editorial de seu que permitise a publicación de obras de criación. É dentro deste programa patriótico-cultural no que hai que eneadrar o nacemento das editoriais Céltiga e Lar. A primeira delas deu comezo, en marzo de 1922, a edición da "Novela mensual ilustrada" Céltiga ,da que sairían tan só trece títulos. Ao igual que acontecerá coa colección Lar ,debemos entender aquí o termo novela no seu sentido italiano de " novella ", isto é, novidade ou relato breve. A pretensión de facilitar a un amplo público obras de literatura escolleita debeu ter certo éxito. Nunha nota da redacción titulada " Aos nosos leutores ",aparecida no número 3 da colección, dise:

"Céltiga está sendo o máis grande éisito literario de Galicia. Abonda con decire que o número primeiro esgotouse compretamentes e que, aínda dupricando a tirada, vai pol-o mesmo camiño o número dous".

O certo é que, fose como for, a partir do número 4 perde a periodicidade mensual e en setembro anunciábase o número 14, A trabe d'ouro e a trabe d'alquitrán de Vicente Risco, con ilustracións de Castelao, que xa non vería a luz.

A colección abrírase con Saudade de Xaime Quintanilla, e a esta seguiríanlle outros títulos de variados xéneros e de diferente valor, entre os quecabería destacar Un ollo de vidro. Memorias d'un esquelete de Castelao, no número 7, que aparece aquí por primeira vez en libro, se ben xa fora publicado, en 1920, por A Nosa Terra. Por último, salientar dous feitos especialmente importantes: dunha parte a colaboración artística dos máis destacados debuxantes e pintores do momento para a realización das portadas. Trátase dun grupo de persoas que viñan participando en todas aquelas iniciativas postas en marcha polo nacionalismo galego: Castelao, Fernández Mazas, Imeldo Corral, Camilo Díaz Baliño, Farruco Lamas, etc. Doutra parte, todos os autores que colaboraron na colección Céltiga xa tiñan obra anterior publicada e algúns deles eran e seguen sendo figuras de obrigada referencia na nosa historia literaria (Castelao, López Abente ou Antón Vilar Ponte).

Parece fóra de toda discusión que o mellor momento da novela curta galega coincide coa aparición da colección Lar, no mes de novembro de 1924. Desde outra cidade do norte (A Coruña) foi desenvolviéndose a colección que tivo unha maior duración —desaparece no 1928—, chegando aos 40 títulos. Desde as páxinas de A Nosa Terra (1/7/1924) anunciábase a saída inmediata do primeiro número:

"Neste mes sairá o primeiro número de Lar, que pubricará unha novela inédita do grande humorista Wenceslao Fernández Flórez. Seguirán quincenalmente orixinales de...",

dando o nome de diferentes escritores que coinciden bastante cos que logo farían realidade o proxecto. O retraso xustifícase pola necesidade de comezar con bo pé e, sobre todo, pola teima dos propios editores en contar cunha obra do novelista coruñés, sen publicar aínda en español. Non esquezamos que Fernández Flórez era daquela un escritor de prestixio na literatura española e a súa contribución á escrita literaria en galego supoñía un importante respaldo ao labor cultural das Irmandades.

Os cinco primeiros números tiveron, máis ou menos, a anunciada periodicidade quincenal, pero o número 6, Martes d'Antroido de Francisca Herrera Garrido, como consecuencia da montaxe da imprensa, retrasouse tres meses. A colección sofre diferentes atrancos, que levan aos seus promotores a facer continuas e repetidas chamadas cara aos diferentes sectores da cultura: aos escritores para que manden orixinais inéditos e que non pensen que os promotores están só a gañar cartos; aos leitores para que espallen as publicacións entre as súas amizades; recordar, por último, que a empresa resposta a un labor eminentemente patriótico. Así, no número 12 da colección figura un chamamento, " Rogamos a vostede nos axude ",en que se di

"se os nosos letores quixeran axudarnos na nosa labor recomendando a pubricación Lar entre as suas amistades, ademais de nos favorecer contribuindo a afianzar esta nosa querida novela, farían unha obra de cultura, de patriotismo, e asegurarían a vida da pubricación que precisa de todos para se soster e mellorar".

Parece que foron dificultades económicas as que fixeron alterar a periodicidade da colección, pois a partir do número 13, Ana María de Xoán Xesús González , pasou a ser mensual. As relacións cos autores, na exixencia da súa implicación e colaboración, non se mantiveron tampouco dentro da máis absoluta normalidade, a xulgar pola queixa do editorial "Aos nosos letores", que aparece no número antes citado:

"unha das dificultades con que tropezamos é a falta de orixinaes. A prosa galega está nos comezos, e os nosos escritores, por outra parte, coidando sen dúvida, que estamos "fartándonos de gañar diñeiro a costa das obras aneas", salvo honrosísimas esceiciós, non se interesan en nos axudar cos seus traballos...".

Algo máis dun ano despois, no número 28,  O xardín do castelo de Vidre de Álvaro Mª de las Casas , as palabras son, se cabe, máis significativas:

"Din que Lar ten algúns enemigos, mais o non acreditamos. A labor de Lar, que tende a crear prosa galega; que intenta tamén facer letores de libros galegos, non coidamos que poida dar nascimento a xenreiras ou enemistades".

A pesar de todos estes obstáculos, a colección sae de xeito máis ou menos regular até agosto do 1927, mes en que se dá un pequeno retraso, motivado polo cese de Ánxel Casal como administrador da editorial e ao traslado dos talleres e administración. Leandro Carré continuou, en solitario, algún tempo máis, até completar o número 40, Alevamento de Luís G. Vicencio, desaparecendo a colección sen que mesmo a prensa nacionalista oferecese noticias ao respeito.

Canto aos colaboradores, convén indicar que a característica máis salientábel foi a participación de "vellos" e "novos", tanto en idade como en importancia no contexto da literatura galega do momento. Desde Ramón Otero Pedrayo, que se deu a coñecer como narrador galego nesta colección —o seu Pantelas, home libre foi premiado na "Festa da Lingua Galega" celebrada pola "Liga de Amigos" de Compostela o 25 de xullo de 1924— até o mesmo Xosé Lesta Meis, que con anterioridade tiña obra literaria coñecida, mais non deste xénero, completando a amplísima lista nomes como os de Aurelio Ribalta, Leandro Pita Romero, Xulián M. Magariños, Luís Amado Carballo, Armando Cotarelo Valledor, Xosé Filgueira Valverde, etc. Como portadista e ilustrador de toda a colección figura Camilo Díaz Baliño que, como xa vimos, prestou tamén a súa colaboración noutras coleccións.

Na opinión de Blanca-Ana Roig as obras de Lar axudaron a inaugurar, con bases sólidas, a inexistente novela galega. Leandro Carré e Ánxel Casal fixeron posíbel a popularización da novela curta gracias, entre outros factores, ás condicións que reunían estes produtos literarios:

  1. desde o ponto de vista económico eran obras de fácil adquisición, cun prezo de 30 céntimos.
  2. a media do número de páxinas situábase entre as 25 e 30.
  3. trátase de textos cuns plantexamentos nada complicados e de doada leitura.
  4. preferentemente de ambiente urbano ou semi-urbano.
  5. nelas aparece, en maior ou menor medida, " o sentimento da terra ".

Para Anxo Tarrío , a experiencia de Lar constituíu un intento de conquistar un leitorado urbano, oferecendo para iso uns produtos literarios que competisen con aqueles que o cidadán medio consumía, pero en español, a través das coleccións de novela curta que proliferaron no primeiro terzo deste século, desde que Eduardo Zamacois dera comezo, en 1907, á serie " El Cuento Semanal ".

Da análise do corpus xeral da colección, seguindo de novo a Blanca-Ana Roig, poderiamos tirar a conclusión de que estamos diante de obras moi heteroxéneas, quer desde o ponto de vista da súa calidade literaria, quer da súa fidelidade á filosofía xeral da colección. Así, atopamos obras que non responden ao que comunmente se entende por "xénero narrativo" — Almas Mortas e O xardín do castelo de Vidre de Antón Vilar Ponte e Álvaro Mª de las Casas, respectivamente— ao estaren máis próximas ao xénero dramático. Noutras trátase de recolleitas de materiais folclóricos, de diferente natureza, como en Contos de Nadal de Armando Cotarelo Valledor. Nalgúns casos, o ambiente urbano ou semi-urbano en que se enmarca a acción dános a coñecer o mundo das clases medias, ás veces con certo toque humorístico — A miña muller de Wenceslao Fernández Flórez— ou presentando os esquemas clásicos dun conflito amoroso, como acontece con Martes d'Antroido de Francisca Herrera Garrido. Dentro das que se desenvolven en ambientes non urbanos, algunhas destacan polo plantexamento de conflitos amorosos, pola denuncia do caciquismo ou da emigración, entre outros temas. Poderiamos citar aquí as obras de Ánxel Romero Cerdeiriña, O Karma de Farruco Filgueira , A Terra chama de Uxío Carré Aldao ou Fuxidos de Gonzalo López Abente.

Como conclusión, a colección supuxo un enorme esforzo de promoción dun xénero literario, o narrativo, conscientes os seus promotores e colaboradores da necesidade de contar con pezas literarias dignas frente aos detractores deste tipo de literatura.

IMAXES