A Etapa Contemporánea (S. XX)
A popularización da novela curta: as coleccións Céltiga e Lar
As coleccións de novela curta na Galiza

Na opinión de César Antonio Molina, a aparición da novela curta no noso país está en relación co inicio, en febreiro de 1919, na cidade da Coruña, da coñecida como " Terra a Nosa ".Co subtítulo de " Bibrioteca Popular Galega " saía como suplemento do xornal coruñés El Noroeste . Nesta primeira colección atopamos xa varios dos requisitos enunciados por Eduardo Zamacois para este tipo de publicacións: formatos pequenos (aproximadamente 14'5 x 10 cm.), cunha periodicidade de tres veces ao mes e cun custo económico moi accesíbel (10 céntimos). A tiraxe situábase en torno a uns 5.000 exemplares, cifra nada desprecíbel de termos en conta a época de que estamos a falar e, sobre todo, o contexto cultural onde a lingua galega se atopaba moi infravalorada e marxinada. Nesta publicación periódica vaise editar fundamentalmente narrativa, mais tamén teatro e poesía, xéneros estes últimos tamén presentes nas coleccións Céltiga e Lar, como veremos máis adiante. O éxito da proposta, canto á acollida polo público e a prensa, foi moi satisfactorio, como proba a reedición do primeiro número, novamente esgotado, ou o que se di no editorial do número dous:

"I esto é o que máis nos conforta i énchenos de ledicia. E com'ô fin que cobizamos é a propagación do noso idioma, dámonos por satisfeitos e sentímonos orgulosos d'habere dado â pubricidade TERRA A NOSA, qu'ha de sere, e n-elo poñemos cantas forzas e méios teñamosâ man, o mântial da nova e puxante literatura galega".

Isto viña demostrar que o galego como idioma literario tiña público e escritoras e escritores capaces de interesalo. Non menos importancia supoñía o feito de que con " Terra a Nosa" comezaba un intento por frear a enorme influencia que tiñan, no público galego, as diferentes coleccións de novela curta en español, moi de moda nestes momentos. De entre os volumes publicados na colección coruñesa, podemos citar, entre outros, Do caso que ll'aconteceu ao Dr. Alveiros de Vicente Risco, Contos da forxa de Uxío Carré Aldao, O tesouro acobillado de Ricardo Carballo Calero ou Frores do noso paxareco de Francisca Herrera Garrido.

Na cidade de Pontevedra aparecerá a colección " Alborada ".O primeiro volume sae no mes de maio de 1922, onde tamén se indica que a publicación ha ter carácter mensual. Entre as persoas relacionadas con este novo proxecto están Xan Vidal Martínez, o poeta Modesto Bará Álvarez e o tamén escritor Luís Amado Carballo. A lista de colaboradores é moi ampla na súa parte literaria: Francisca Herrera Garrido, Herminia Fariña, Ramón Cabanillas, Xaime Quintanilla, Antón Vilar Ponte, Gonzalo López Abente e un longo etc. Sinalar tamén, como acontecerá con Céltiga e Lar, que existe unha importante colaboración de artistas gráficos, destacando os nomes de Castelao, Álvaro Cebreiro ou Manuel Méndez. Aínda que aparecerán textos doutros xéneros, na colección Alborada predominará tamén o relato breve.

Por último, nesta breve panorámica, cabería citar a colección Libredón . En xeral, mantén as características das xa comentadas, se ben presenta algunha que outra particularidade. A colección non estaba aberta só a escritores galegos, senón tamén a escritores portugueses, e un dos seus fins era espallar os seus exemplares fóra de Galiza, fundamentalmente na colonia galega de América. Entre as obras aquí publicadas podemos citar a Conceición singela d'o ceo de Evaristo Correa Calderón, Segredo d'amare de Antón Vilar Ponte ou Mariña Andrade de X. de Pardo.