A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
Avaliación da recepción da obra na súa época e vixencia na actualidade

A crítica valorou na nova poesía tres aspectos que a caracterizan:

María do Cebreiro.

  • o descubrimento da linguaxe e a concepción da poesía como fenómeno esencialmente verbal.
  • a apertura temática e estilística.
  • o culturalismo, que resultou, como veremos, controvertido. Para algúns críticos, o culturalismo hai que entendelo como unha tendencia a desprazar o "eu" poético a personaxes e situacións da mitoloxía, da historia, da literatura e das artes.
  • o desexo por harmonizar o afán de ruptura e a continuación dunha tradición poética.

Carvalho Calero sinala nos seus Estudos e ensaios sobre literatura galega (1989) o carácter culto, que chega nalgunhas voces mesmo á expresión hermética e elevada, e mesmo apunta cara a un certo aristocraticismo. Pergúntase se, no afán de reaccionar contra o descoido formal e o sentido utilitario, non se chegou ao exceso oposto, ao descoido da 'pura vibración humana' e da capacidade de diálogo co leitor. Como resposta, o poeta Ramiro Fonte di que a ostentación cultural, esa falsa máscara, non é a penas ornato culturalista, senón a auténtica evocación dun ideal perdido e dunha palabra poética non quebrantada.

Luciano Rodríguez ( Los caminos de la voz, 1995) comenta sobre a fortuna da poesía actual e critica a opinión de Basilio Losada sobre a expresión "un novo século de ouro" de Méndez Ferrín, anunciando "un século de dez anos". Luciano Rodríguez valora positivamente o "proceso en marcha" e logo dun período de dez anos de intensa creación e publicacións, opina que precisamente as aparicións espaciadas son debidas ao madurecemento dos poetas e sostén que agora esperamos os seus mellores froitos.

Teresa Seara valora a superación do realismo, o paso do socialrealismo á intimidade do poeta, que significa o predominio absoluto do "eu" como voz poética. A superación do socialrealismo e a procura dunha poesía con alto nivel estético non supón a inexistencia da relación e compromiso moral do poeta co seu tempo. Tamén aparece como positivo a poesía da experiencia, de carácter vivencial, e que este carácter corresponda non só ao dos poetas senón tamén ao do lector.

Outros aspectos que se valoran positivamente da poesía actual son os formais. Como di Teresa Seara: "Polo que atinxe ós aspectos formais destácase a fonda preocupación por depurar a estética e o verso, por incluír no poema a musicalidade e a riqueza verbal, chegando a ser a concepción formal insuperable e transformando o sentimentalismo en trascendencia" ( Miguel Anxo Fernán-Vello na poesía galega actual ,Universidade da Coruña, Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa, 1993).

Como aspectos negativos aparecen a crítica ao que se entende como exceso de culturalismo e a enorme profusión de citas, ademais do hermetismo e o barroquismo. Tamén se critica a mesma cantidade de obras publicadas e aquí compre comentarmos o de Poesida. Tamén que esta poesía teña un carácter fundamentalmente lírico, prestando menor atención ao épico e dramático (Xulio Valcárcel).

As diferentes antoloxías da poesía actual que foron publicadas son tamén unha boa proba do interese que aquela suscita. Xa en 1981, a revista Coordenadas presentara unha selección de poetas sen un criterio antolóxico. Non podemos considerar esta colección como antoloxía. En 1984 aparece Escolma da poesía galega 1976-1984 ,da autoría de Xosé Luís García ( Sotelo Blanco , Barcelona), con criterios definidos e unha ampla nómina de poetas.

Desde a palabra, doce voces (Luciano Rodríguez, Sotelo Blanco, 1986), presenta doce poetas que responden a un cuestionario previamente presentado polo antólogo, que responden a perguntas baseadas na formación literaria destes poetas, a opinión sobre unha nova xeración poética e a súa propia formación literaria.

Eva Veiga.

Outras antoloxías van dirixidas a un público lector non galego. Poesía gallega de hoy (Colección Visor de poesía, Madrid, 1990) de Basilio Losada, Sis poetes gallecs (Columna, 1990, Barcelona) de Alex Susanna, e Fin de un milenio, Antología de la poesía gallega última (Libertarias, Madrid, 1991) de César Antonio Molina e Francisco López-Barxas, ou Los caminos de la voz. Seis poetas gallegos de hoy (Colección Maillot Amarillo, Diputación Provincial de Granada, 1995, colección bilingüe) de Luciano Rodríguez.

A recente antoloxía de Luciano Rodríguez e Teresa Seara ( Para saír do século , Xerais , 1997) ocúpase da poesía dos noventa, presentados polos autores como unha "fronteira cronolóxica" e non xeracional.

IMAXES