A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Camilo González Suárez-Llanos

Naceu en Sarria en 1931. Fixo o Bacharelato en Vigo. Estudiou en Madrid onde se licencia en Filosofía e Letras e Dereito. Nesta cidade asistía a tertulias literarias, entre elas unha presidida en ocasións por Cabanillas . Sen embargo non participou en grupos literarios e tampouco na vida política activa. Viviu durante un tempo en Londres, en 1956, e no curso 1960-61 foi profesor na Universidade de Syracuse (USA). Logo, a partir de 1964, exercerá a docencia en centros de ensino en Lugo, Barcelona, Pola de Siero e Vigo. A súa primeira aportación á literatura galega constitúea o libro de relatos Lonxe de nós e dentro publicado na colección "lIlla Nova" en 1961. A súa segunda aportación, tamén no ámbito da "Nova Narrativa", é a novela Como calquer outro día. Pasarán case vinte anos para que, xa co pseudónimo de Camilo Gonsar, en 1980 publique outra novela, Cara a Times Square . Logo publicaría Desfeita , en 1983, onde conta a historia dun home que desexa investigar sobre o que acontecera na súa vila durante a Guerra Civil. Encontramos relatos curtos da súa autoría e diversas antoloxías. Así, "A gata sobre o tellado de uralita" (evidentemente paródiase a obra de Tennessee Williams) recóllese en Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega (1991) e en Sede Central. Relatos 3 (1991); ou "O venezolano", recollido en A trabe de ouro , 10 (1992) e Cemento e outras escenas (1994).

Camilo González Suárez-Llanos.

A súa aportación á "Nova Narrativa" está constituída polos libros Lonxe de nós e dentro e Como calquer outro día.

Lonxe de nós e dentro foi publicado contendo un total de cinco relatos, que serían modificados nunha posterior edición de 1986 baixo o título de Lonxe de nós e dentro e outras páxinas . Neste último suprímese o conto "Negra sombra", porque, como di o propio autor, "non me parece digna de ser publicada de novo". No seu lugar engade "Echeverría", que fora publicado na primeira edición do seu segundo libro Como calquer outro día , e ademais un apartado que baixo o título de "Outras páxinas posteriores" inclúe unha serie de textos xa publicados en xornais, de moi variado tipo, pero que baixo ningún concepto se poden encadrar dentro da "Nova Narrativa".

As características dos relatos de Suárez-Llanos afástano lixeiramente da maioría dos autores da xeración. O ser humano, que aparece inserido nunhas determinadas circunstancias que o arrastran, segue a ser o protagonista. Os temas principais xiran en torno á morte, á reflexión sobre o comportamento do individuo, tinxidos dunha certa dose de violencia. A orixinalidade do autor reside nas estruturas narrativas utilizadas. Por veces aproxímase ao relato clásico, con certas semellanzas cos contos tradicionais, aínda cun tratamento do tempo máis condensado e co recurso frecuente ao obxectivismo. Fálase dos seus relatos como itinerantes, outorgándolles así aos textos unha densidade de espacios inusitada, e mesmo os acontecementos que se suceden están en función desa busca, dese dinamismo dos personaxes. Tamén incorpora con asiduidade o diálogo, a través do que os personaxes reflicten aquilo máis cotián e vulgar, chegando mesmo ao absurdo nalgún caso. Todo isto focalizado nunha terceira persoa que mestura descricións obxectivas con reflexións e dados sobre o mundo interior dos personaxes.

O relato "O pequeno e as vacas" abre o libro e recolle unha vez máis na nosa literatura un ambiente rural. Aquí non hai acontecementos, só a reflexión sobre a relación que un neno establece cunha vaca cando ten que axudar nos labores domésticos.

"Viaxe a través da noite" é un dos exemplos de relato itinerante. Un emigrante galego percorre a pé o traxecto dunha vila ata o centro de Londres. O camiño é anguriante e monótono, por veces absurdo, quizais simbolizando a fuxida da existencia do ser humano. O final é de novo sorprendente pois o home non pode entrar na súa propia casa. Neste texto o narrador é, como nos demais, unha terceira persoa que parece coñecer o mundo interior dos personaxes; sen embargo, utilizase tamén o recurso do cronista que se toma a licencia de opinar.

En "A volta" dous personaxes, Amadeo de Quiroga e Benigno da Costa, falan e andan. Ese é o acontecemento principal. Tropezan con Ramiro e seguen a andar e a falar, sen sentido, cara adiante ou cara atrás. O diálogo que se establece chega ao máis absurdo imaxinábel. Tan absurdo como real. O papel do narrador neste texto é o de mero indicador dos movementos e das posicións que adoptan os personaxes, estando así máis próximo ao discurso dramático que ao narrativo.

De novo nun marco xeral rural desenvólvese "O cego e as coplas". Un cego que vende coplas fala con dous viaxeiros. Non hai maior complexidade. A situación pode ser perfectamente familiar para o lector. A reflexión sobre a existencia humana aparece, máis unha vez, como motivo principal.

"Echeverría" é un logrado exemplo de relato itinerante. Aquí, a bebida condiciona seriamente o deambular de Anselmo e Echeverría, despois de iren ver a Ruibal ao hospital. Echeverría, personaxe desequilibrado e alcólico, convértese no protagonista do texto arrastrando consigo todos os personaxes que se lle achegan. A "viaxe" non ten destino ningún, o obxectivo é a esmorga en si. Ao final van durmir a borracheira á residencia onde están a facer o servizo militar.

Como calquer outro día públicase en 1962 pola editorial Galaxia. O seu carácter de novela é mesmo cuestionado polo propio autor na segunda edición da obra. Trátase dunha serie de relatos unidos polo fío condutor de Anselmo, que vive en Madrid e que recorda diferentes aspectos do seu pasado. Será a figura de Anselmo a que nos transporte, acadando con iso, como sucedía no texto "Echeverría", un carácter de novela itinerante. Os mitos sexuais, a falta de liberdades, o cosmopolitismo e esa fuxida constante son os trazos fundamentais que caracterizan á novela.

IMAXES