A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
Cara unha nova estética

O intimismo e o esteticismo son palabras que definen ou expresan moi ben a poesía contemporánea. A preocupación formal será, pois, esencial. Un intenso formalismo que os afastará da poesía social e que dará como resultado a consideración da poesía como creación artística, que vai ter como extremo a creación dunha linguaxe en ocasións hermética e certamente experimental. Poesía de certo desencanto, os poetas non serán alleos á consideración da poesía como elemento residual que condiciona a estética e como resposta desde o ghettho da soidade creativa.

Luisa Villalta Gómez.

A súa formación literaria será rica e variada, de carácter cosmopolita e, ao tempo, afirmada na propia historia literaria galega. Os novos poetas serán uns consumados lectores: Kavafis, Rilke, Neruda, os poetas do 27 español, sobre todo Lorca e Cernuda, Pessoa e Eugenio de Andrade, Octavio Paz, Eliot, Montale, os románticos. A influencia da propia historia literaria preséntase desde a estética das antigas cantigas medievais, das que os novos poetas recrearán a sensualidade amorosa, así como a admiración por poetas como Pondal, Manuel Antonio ou Álvaro Cunqueiro, e outros máis achegados cronoloxicamente, mais que serán tidos como mestres, tal o caso de Méndez Ferrín ou Avilés de Taramancos.

Mais tamén a influencia dos mitos do mundo moderno, do cinema e da música.

O culturalismo será outra das constantes, entendido desde o esteticismo, o desprazamento do "eu" poético para personaxes míticos ou históricos ou a ostentación cultural como evocación dun ideal perdido. Os elementos máis recorrentes son as alusións a poetas doutras épocas (Pondal, Rosalía , Villón, Cavafis), referencias á música (Brassens, Bach, Leonard Cohen, o blues e o jazz), a recreación de mitos celtas, xermánicos, gregos, tamén na poesía erótica e amatoria, a reivindicación de mitos revolucionarios (Ulrike Meinhoff, X. R. Reboiras) e a constante tradición de nomes estraños, que desde Pondal foi seguida por escritores como Méndez Ferrín, V. Vaqueiro ou M. Vilanova.

O símbolo será outra das características de estilo. A poesía amorosa é riquísima en referencias simbólicas, preferentemente os elementos do mundo natural asociados ao corpo da muller, que nalgunhas obras está dotada de certa visión paradisíaca. Aparecen tamén os símbolos asociados ao mundo da desintegración e da morte (cinza, enxofre, ortigas e sal), as "materias cariadas" de Álvarez Cáccamo, e outros relacionadas coa morte e a culpa que nos remiten a un mundo de ascendencia lautreamontiana.

Nos últimos anos, e non só nos poetas das novas xeracións, semella que hai un certo abandono do culturalismo, ou polo menos do xeito que o entendían os poetas dos oitenta, en beneficio dunha achega consciente ao poema máis implicado co vivencial, cunha linguaxe máis directa e con maior narratividade no discurso, tomando mesmo certa actitude de compromiso, que autores como Luciano Rodríguez e Teresa Seara achegan á poesía da experiencia.

A tendencia a conectar coa tradición no cultivo de estruturas estróficas clásicas como o soneto vai ter cultivadores mesmo nos máis novos (Miro Villar), en convivencia con formas herdeiras das vangardas históricas e outras que tenden ao versolibrismo, a formas prosísticas ou ao emprego do versículo e do verso de longo alento.

Xosé María Álvarez Cáccamo.

Outras experiencias serían as influídas por formas parateatrais ou a disposición da obra poética como estrutura musical. Tamén é significativo o cultivo do poema en prosa, de especial relevancia en poetas como Miguel Anxo Fernán-Vello ou Xosé María Álvarez Cáccamo. Como di Arturo Casas , no limiar de Calendario perpetuo ,o último poemario de Álvarez Cáccamo (Espiral Maior, 1997), "no ámbito da poesía galega non se rexistra unha gran riqueza respecto desta modalidade. Hai, si, un lento percorrido dialéctico —paralelo ao francés ou ao alemán, aínda que diferido no tempo— entre a prosa poética e o poema en prosa, con probabilidade todavía insuficientemente meditado e resolto por un sector dos creadores".

O poema en prosa, cultivado por algúns poetas desde os setenta, non será esquecido polos máis novos. Porén, nos poetas aparecidos na última década parece existir unha menor preocupación pola estrutura estrófica, se cadra na procura dunha maior sinxeleza e facilidade de comunicación.

IMAXES