A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Caracterización Xeral

As características que nos permitirían falar dun movemento literario desde mediados dos cincuenta e nos anos sesenta, máis ou menos homoxéneo dentro da prosa galega, xirarían en torno a tres eixos paralelos: a afinidade ideolóxica dos seus ou súas compoñentes, a implicación en feitos colectivos, e a renovación formal e temática que todos e todas propoñen para a narrativa galega. En síntese:

  • No primeiro aspecto é clara a vontade colectiva de normalización do galego na escrita; tamén a difusión de pensamentos filosóficos e políticos situados arredor do existencialismo e o marxismo; do mesmo xeito que reivindican un réxime democrático e participativo frente ao totalitarismo franquista. Hai que ter en conta, ademais, que o fenómeno de expansión e consolidación do capitalismo tamén se está a dar no noso país, producíndose aquí un choque máis traumático coas estruturas socioeconómicas tradicionais. As obras literarias da "Nova Narrativa" supoñen unha resposta literaria a esta situación.
  • Aínda que non poidamos falar dun grupo como tal, a súa participación en determinados proxectos colectivos dános idea das súas afinidades. Deste xeito, implicáronse na recuperación e celebración das " Festas Minervais "; ou algúns, como o caso de Gonzalo Mourullo, colaboran nos suplementos de La Noche ,na fundación do grupo " Brais Pinto " (Ferrín), ou mesmo na aparición do nacionalismo de esquerdas (PSG, UPG) (Queizán, Ferrín, Diéguez...). Con todo, será a publicación na colección "Illa Nova" o feito que, cando menos desde o punto de vista editorial, sirva de vínculo de unión entre estes escritores e escritoras, aínda que non todos ou todas publicasen as obras nesta colección, promovida por Xaime Illa Couto e encadrada dentro do proxecto deseñado por Ramón Piñeiro para a editorial Galaxia e que se baseaba nunha estratexia exclusivamente culturalista frente ao Réxime. O primeiro libro da colección, Vieiro Choído de Xosé Luís Franco Grande , viu a luz en xullo de 1957. Para os escritores do momento o feito era ilusionador e así publicaron as súas obras Xosé Luís Méndez Ferrín, Camilo González Suárez-Llanos, María Xosé Queizán, Carlos Casares, e outros moitos que xa non estarían encadrados, estritamente, dentro da "Nova Narrativa", como Xavier Alcalá , Xavier Carro , Xoán Xulio Alfaia, Xohana Torres , ou o caso desgraciado de Xohán Casal, morto ao día seguinte de recibir a noticia da súa futura publicación na colección. Cómpre dicir, sen embargo, que non todas as obras pertencentes a este movemento literario se publican en "Illa Nova", pois as obras iniciáticas de Rodríguez Mourullo xa tiñan aparecido antes da fundación desta, nas Edicións Monterrey de Vigo. A este respecto é conveniente subliñar a polémica xurdida entre algúns escritores, como Ferrín ou Mourullo, co mentor de Galaxia, Ramón Piñeiro, por razóns sobre todo ideolóxicas, pero tamén estéticas e literarias, que os levou a un aberto enfrentamento. Piñeiro era acusado de frear a oposición política ao franquismo, por causa das súas teses culturalistas. A colección manterase, entrando nos máis diversos campos da creación, ata os primeiros anos da Transición. As palabras de Franco Grande (1985) en relación con este momento son reveladoras:

"A nosa única paga era a ilusión. E qué gratificante é a ilusión cando un se move entre xente dos mesmos ideais, entre os que viven con ilusión e non con miseria, entre os que son xenerosos e non pequeniños -pequeniños en todo, para máis...

  • De todos os xeitos, convén salientar opinións menos alentadoras como a de Xosé Manuel Beiras (1989), activo colaborador nos inicios de Galaxia:

"Pero hai un aspecto para min negativo, que é o de meter aos novos autores nunha reserva, nunha espécie de aula á parte".

Grupo de intelectuais galeguistas ligados á editorial Galaxia, reunidos en Santiago, nos anos sesenta.

  • En terceiro lugar apréciase un intenso afán de renovación dos temas e formas narrativas da nosa tradición literaria, tratando de romper vínculos neste sentido co tipo de prosa cultivado polo Grupo Nós, único punto de referencia próximo na literatura galega. Pretenden dotaren á súa mensaxe dun carácter provocativo e iconoclasta, só polo feito de estaren escritos en galego, pero, ao mesmo tempo, a súa literatura será marcadamente intelectualizada, difícil de entender para un público de masas. O seu marco de referencia declarado é a literatura europea que se está a facer na época, frente á literatura española. Vemos, por outro lado, unha aproximación a unha realidade máis urbana, que se vai converter, agás algunha excepción, no marco espacial das súas obras, pero fuxindo sempre de ambientes burgueses para se aproximaren a problemáticas sociais co afan de incidiren no mundo que os rodeaba. Utilizan técnicas narrativas de tipo obxectalista, aínda que con variantes segundo os diferentes autores e autoras, ao mesmo tempo que mostran predilección por unha multiplicidade de voces narrativas, con introdución do monólogo interior (fluír da conciencia). O intimismo e a introspección, a mirada interior, serán constantes dos seus textos. Percíbese unha recorrencia a un mundo simbólico que lles serve para se expresaren como seres perdidos na propia terra, a través de lendas, tradicións, cadros pictóricos, fabulacións, feito que non pode ser tomado como unha forma de escapismo da realidade senón como "unha maneira de vela, de sentila" (M. X. Queizán, 1979). O tratamento do tempo non segue unha orde cronolóxica, senón que está en función da realidade interior dos personaxes. Tampouco aparecen en todas as ocasións delimitados e situados nun lugar e tempo concretos. O uso da lingua que se propón ten tamén un afán distorsionador, aínda que realmente non haxa, en conxunto, grandes aportacións neste sentido. Así, o vocabulario presentase como pouco "enxebre", inzado de castelanismos e cultismos, e con pouco afán diferencialista, sen a penas hiperenxebrismos. O reflexo dun mundo urbano, "moderno", fai que aparezan abundantes vocábulos técnicos, de diferentes disciplinas, e tamén galicismos ou anglicismos, nalgunha das obras. De todos os xeitos, cómpre aclararmos que é moi complexo establecermos trazos que identifiquen con precisión a "Nova Narrativa" no seu conxunto, polo cal serán estudiados na obra correspondente a cada un dos escritores ou escritoras. Sirvan corno conclusión de novo as palabras de Queizán:

"As narracións son, así, resultados de unha crise persoal e ideolóxica e dunha toma de conciencia nacional e política".

A continuación estudiaranse as figuras deste grupo, así como as súas aportacións literarias a este movemento de renovación. Serán: Xohán Casal, O Camiño de abaixo ;María Xosé Queizán, A orella no buraco ; Gonzalo Rodríguez Mourullo, Nasce un árbore e Memorias de Tains ;Camilo González Suárez-Llanos, Lonxe de nós e dentro e Como calquer outro día ;Carlos Casares, Vento ferido e Cambio en tres ;e Lois Diéguez, A torre de Babel .

IMAXES