A Etapa Contemporánea (S. XX)
A nova narrativa
Carlos Casares

Naceu en Ourense en 1941, pero pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. Isto supúxolle unha fonda relación coa natureza, co mundo da aldea, e sobre todo un encontro definitivo: o idioma. A súa formación escolar será en Ourense, no Seminario Conciliar, onde ingresa en 1952, probabelmente influído polo ambiente clerical da familia materna. Alí conxugará diferentes experiencias, desde os conflitos e os castigos recibidos a causa do réxime disciplinar da Institución, ata as prirneiras aprendizaxes e probas literarias estimuladas por algún dos seus profesores, chegando mesmo a escribir algúns poemas en galego a partir do coñecemento da obra de Rosalía . En 1957 abandona o seminario e continúa os seus estudios no Instituto de Ourense. En 1959 acada o seu primeiro premio literario no Concurso Provincial de Cuentos de Navidad. Gracias a isto coñece a Vicente Risco , que era presidente do xurado, e asistirá á tertulia deste no café Parque, en compañía doutros mozos como Acisclo Manzano, Xaime Quesada, etc. Casares sempre declarará unha grande admiración intelectual e humana por Risco, aínda que con fondas diferencias políticas. Descobre a literatura galega moderna, entre a cal aprecia especialmente a obra de Castelao . En 1961 trasladouse a Santiago de Compostela para cursar Filosofía e Letras, obtendo a licenciatura en 1967. Nesta época contacta, a través de Arcadio López Casanova , con núcleos galeguistas e en especial con Ramón Piñeiro , co cal trabará unha relación intelectual e de amizade que marcaría decisivamente a súa vida e pensamento. Participa activamente en iniciativas á marxe do réxime ditatorial e mesmo na acción política a traves do Consello da Mocidade, a Asociación Democrática de Estudiantes e na rama galega da Frente de Liberación Popular en 1970, onde tomou o sobrenome de "Felipe". Chegou a ser detido pola organización dunha conferencia de José Luis Aranguren. A partir de aquí, e seguindo as teses de Ramón Piñeiro, deixará a militancia política.

Carñps Casares.

Ao mesmo tempo comeza a publicar os seus primeiros traballos literarios na revista Grial ,e en 1967 aparece a súa primeira aportación á "Nova Narrativa", a coleción de relatos Vento Ferido . En 1969 sae a novela Cambio en tres , de carácter tamén renovador. No ano anterior escribe o conto A galiña azul ,que constituirá a súa primeira incursión na literatura infantil. A súa etapa profesional como docente está chea de conflitos derivados do seu talante ideolóxico, que choca coa falta de liberdades. Foi expulsado dalgunhas institucións educativas ata que en 1974 obtén a súa praza de profesor de Ensino Medio en Cangas do Morrazo. Foille aberto un expediente polo Ministerio de Educación, que afectará outros escritores como Alonso Montero , Méndez Ferrín ou Francisco Rodríguez. En 1973 recibe o Premio de Teatro Infantil pola coñecida obra As laranxas máis laranxas de todas as laranxas . En 1975 publica Xoguetes pra un tempo prohibido ,coa que obterá o premio da Asociación Nacional de Críticos en 1976. En 1977 é elixido académico de número da Real Academia Galega, en substitución de Ferro Couselo . En 1979 publica o libro de relatos Os escuros soños de Clío ,obra traducida a varios idiomas. En 1980 aparece Ilustrísima ,en que recrea un mundo clerical ben coñecido polo autor, a partir da aparición do cimematógrafo en Ourense.

Nestes anos abandona en parte o seu labor literario, e decide en unión a outros galeguistas históricos participar na vida política a través da súa inclusión nas listas electorais do Partido Socialista Obrero Español (PSOE), polo que obtén a súa acta de deputado no primeiro Parlamento galego en 1982. Esta decisión respondería, sen dúbida, a unha nova estratexia do "piñeirismo", coa suposta intención de obrigar os partidos non galegos a asumiren o ideario galeguista. No Parlamento participou activavente na elaboración da Lei de Normalización Lingüística (1985). En 1983, e de novo no ámbito da literatura infantil, publica O Can Rin e o Lobo Crispín . En 1987 recibiu o premio Losada Diéguez pola novela Os mortos daquel verán . En 1979 foille concedido o Premio da Xunta de Galicia á creación cultural polo conxunto da súa obra. O ano 1996 publicou o que ata agora é a súa última novela, Deus sentado nun sillón azul ,extenso relato onde recrea a vida dun personaxe que podería ter a Risco como trasunto. Nese mesmo ano foi escollido como presidente do Consello da Cultura Galega .

Non convén esquecer o seu labor como ensaísta e estudioso da literatura, sobre a obra da Xeración Nós, Curros Enríquez, Ánxel Fole, etc., así como a súa faceta de tradutor, onde destaca o exitoso O Principiño de Saint-Exupéry (1972). Hoxe en día Casares é un dos personaxes máis relevantes da cultura galega, participando en diversas fundacións, ademais do seu labor docente, xornalístico, e de dirección da Editorial Galaxia.

A súa primeira aportación ao movemento de renovación da narrativa é Vento Ferido ,publicado en "Illa Nova" en 1967. Ilustrado por Xulio Maside, contén un total de doce relatos, tres dos cales xa foran publicados na revista Grial en 1965 ("Cando cheguen as chuvias", "Agarda longa ó sol" e "Monólogo"). A data de publicación fai que esta obra, xunto con Cambio en tres ,sexa considerada como a culminación da "Nova Narrativa". Casares, coñecedor da obra dos seus predecesores, incorpórase a este movemento, pero dun xeito orixinal e depurando aquelas características de que non gustaba, e aportando un dominio da linguaxe, cun ton moito máis lírico, que dá á súa obra un indubidábel valor. En Vento Ferido imos encontrar historias situadas en marcos moito máis recoñecíbeis para o lector, lonxe do exotismo ou a indefinición doutros textos precedentes. Os personaxes son tamén máis familiares, extraídos da vida cotiá, con moita frecuencia mozos e mozas. A perspeciva con que o autor abordará a realidade tamén é distinta, pois o que busca é a mímese, a representación tal como a ve, sen multiplicidade posíbel de lecturas. Aparece, en cambio, a recorrencia á violencia como expresión do individuo, xerada por un medio social hostil; non se trata dunha violencia gratuíta. O recurso técnico que máis nos chama a atención refírese á combinación das voces narrativas, en que o monólogo e a terceira persoa, con diferentes matices e funcións, dominan a totalidade dos textos.

Rafael é o protagonista e narrador de "O xogo da guerra", texto paradigmático dunha conduta violenta xerada pola presión ambiental e pola estancia nun reformatorio, que leva o protagonista a disfrutar con xogos cheos de crueldade. A violencia tamén é o fío condutor de "Coma lobos", breve relato narrado a partir da segunda persoa. Ás veces esa violencia irrefreábel está orixinada pola bebida, como en "Cando cheguen as chuvias", texto de complexa disposición e con diferentes representacións tipográficas dos diálogos. En "A tronada" son os excesos da propia natureza os que proporcionan un desenlace fatal. As vellas xenreiras non curadas xeran a pelexa dos personaxes de "A capoeira", narrada a partir dunha primeira persoa, un emigrante retornado, que a causa dun burro morto por culpa dun viciño, non parará ata tomar vinganza e matalo. Mais, non sempre é a brutalidade o fío condutor dos relatos. A soidade e a separación son os detonantes dalgunhas das historias. "A rapaza do circo" é un fermoso conto de amor entre un rapaz e unha nena francesa que traballa nun circo, que actuaba na localidade; a imposibilidade do amor simbolizase na imaxe que pecha o texto: " No sitio do circo soilo quedaba un redondel " . Ou en "O outro vran", historia en que se mesturan habilmente o pasado e o presente narrativo nun mesmo marco espacial, e en que a ausencia fai imposíbel o cumprimento do desexo. A soidade do vello de "Agarda longa ó sol" só é compensada coas conversas co seu neto Milo, non sempre presente. O mesmo tema que domina en "Aparecera pola esquina", en que a procura de Clara por parte do protagonista se torna infrutuosa. O medo infantil do rapaz de "Vou quedar cego" acrecentase nun relato en primeira persoa a través do cal comprobamos a consciencia do neno do seu problema diante dos silencios e dos coidados dos seus pais. A utilización do monólogo, na súa versión máis vangardista, constitúe o trazo máis destacábel do relato "Monólogo", onde o concepto da nova novela do "fluír da conciencia" acada aquí a súa máxima expresión. A raiba contida polas frustracións dun galego que se sente desprezado rematan nun final delirante, cunha serie de xogos de palabras e asociacións fonéticas que non casan coa suposta formación cultural do protagonista, pero si coa do propio autor.

Cambio en tres publícase en "Illa Nova" en 1969. Esta novela constitúe unha das máis novidosas e orixinais aportacións á Nova Narrativa sobre todo no referido á construción e estruturación da mesma. É a historia do Cachorro, un obreiro emigrante en Francia, contada polo seu amigo Lisardo. Este narrador testemuña insírese ás veces no relato para participar directamente nel; outras, limítase a narrar a historia en terceira persoa. Destacan na obra diferentes elementos técnicos e estilísticos: a utilización profusa da descrición, unhas veces obxectualista, outras, con terminoloxia científica ou filosófica; ou ben a caracterización dos personaxes a través dos seus comportamentos ou accións; e tamén unha representación gráfica vangardista e unha puntuación heterodoxa. O propio autor recoñece ese carácter experimental da novela, que, por outro lado, non esquece a intención de facer unha denuncia social, cun carácter marcadamente realista.

IMAXES