A Etapa Contemporánea (S. XX)
Teóricos da arte
Castelao: pintar en galego

A obra artística de Castelao hai que entendela como unha parte máis da súa impresionante biografía. Castelao non foi un artista segundo costume, foi moito máis. A arte de Castelao foi como unha aguilloada na adormecida conciencia colectiva dos galegos, foi un camiño máis que utilizou para que os galegos tomasen conciencia da súa situación como individuos inmersos nunha realidade social, para denunciar esa situación e tratar de contribuír coa modernización e liberación do país. Por iso, a súa obra artística e os seus escritos sobre arte non se poden separar do resto das actividades que desenvolveu ao longo da súa vida, como a de escritor ou político. A arte en Castelao, como as demais facetas da súa vida, ten un clarísimo valor social, e, a pesar do que se diga, hai que falar no mundo da arte (e non só na arte) dun antes e dun despois de Castelao e, queiran ou non algúns, foi dos poucos artistas galegos das primeiras décadas deste século, por non dicir case o único, que logrou saltar os lindeiros da Galiza. Mais tamén podemos dicir que desde un punto de vista europeo ou occidental Castelao non é un artista que marque un fito importante na evolución xeral das artes plásticas. Con todo, non se pode desdeñar a obra pictórica deste prolífico personaxe que chantou un marco trascendental para nós, os galegos; e por iso, xa a debemos ter moi en conta e considerala como peza chave no desenvolvemento histórico da Galiza.

Castelao.

Podemos dicir que a actividade artística de Castelao comeza nos seus anos de estudiante en Santiago e coas colaboracións que fai para as revistas Vida Gallega , Galicia Moza ou El Barbero Municipal . Nesta etapa, dominada por temas de carácter lúdico e carentes de crítica e de temas polémicos, chega mesmo a obter certo recoñecemento e certo éxito, como o demostran a medalla de ouro recibida na Exposición Regional de Compostela (1909) ou a que recibiu na Exposición de Bellas Artes de Madrid (1915), mostras individuais en Ourense e Madrid, mandados de particulares, etc. Pero el mesmo racha con todo este labor da súa mocidade, propia da Casa da Troia ,e renuncia conscientemente a unha certa fama que xa tiña asegurada. Gracias a este definitivo e consciente rachar cos seus primeiros anos de artista troiano ,o seu traballo como creador plástico nace realmente polo 1916 cos debuxos que logo engrosarían o álbum Nós. É cando esperta nel a preocupación por acadar unha linguaxe que diferencie a arte galega, preocupación que o levará non só ao puro labor creativo, senón tamén a achegarse á reflexión teórica. Cando puido dedicar máis tempo ás artes, como creador e como teórico, foi no período que vai desde o inicio da súa militancia nas Irmandades ata a chegada da II República, é dicir, desde a súa toma de conciencia e durante a etapa máis cultural do galeguismo , cando era chamado o noso xenial artista . Cando, coa II República, a actividade política volve a acadar protagonismo, Castelao vai ser un líder político con menos tempo e menos necesidade para dedicarse á arte nas súas dúas facetas, coa clara excepción dos anos da Guerra, en que volverá a recorrer ao debuxo como unha necesidade imperiosa de denunciar a barbarie.

Fotografados en Santiago de Compostela, Castelao, Seoane, o escultor Eiroa e Arturo Cuadrado.

Todo isto lévanos a facer dúas aclaracións ou matizacións: primeiro, que o compromiso político non foi en Castelao ningún atranco para a creación artística, máis ben parece que todo o contrario, e ese compromiso político axudoulle a crear unha obra fundamental para os galegos; e, en segundo lugar, que a intensa actividade política que desenvolveu desde os anos da II República ata o final da súa vida non lle permitiu reflexionar outra vez con detemento sobre a arte como fixera ao comenzo. De o ter feito, seguro que algunhas das afirmacións espalladas nos anos vite serían matizadas, ou pode que ata rebatidas. Sabemos que nos anos da República, vendo que había un grupo de mozos, unha nova xeración formada por pintores como Souto, Maside, Colmeiro, Torres e Seoane, que agromaba con forza e por un camiño que el encetara había tempo e nun ambiente pouco propicio, pensou que había que deixalos andar e que tiña que afastarse, deixar o protagonismo; cunha visión optimista cría que estes podían andar o camiño en compañía e non en solitario como tivera que facelo el case sempre.

Non se pode afirmar de maneira categórica que a actividade política o afastara de cheo do traballo puramente artístico, pero si que non lle dedicou o mesmo tempo que antes. Máis ben debemos entender esta nova etapa como a culminación dunha fase en que entendía que a súa presencia xa non era imprescindíbel, mais era vital para o país a súa incorporación á actividade política; por iso, esta ocupa agora un papel moito máis destacado na súa vida. Tendo isto presente debemos entender algúns dos seus escritos, sobre todo o seu Diario ,como notas de traballo, como simples apuntamentos do autor, e nunca como textos definitivos ou opinións xa plenamente elaboradas e pechadas, como así o queren entender aqueles que utilizan as opinións que o rianxeiro escribiu cando, como bolseiro da Reputación de Pontevedra, estivo por Francia, Bélxica e Alemaña no ano 1921. Deberíase ter máis coidado cando fedellamos nun texto que o autor elaborou como instrumento persoal e non para ser publicado. E para dicilo todo, no citado Diario non só se tiran pestes contra o cubismo, Picasso e outros artistas e movementos, senón que tamén se di que eu teño un grande respeto polas cousas que non comprendo , é dicir, que deixaba aberta unha porta a todo aquelo que non chegou a comprender na súa plenitude. Castelao non tiña a porta pechada a todo aquilo que era innovación ou novidade, o que pasou foi que só prestou interese por aqueles aspectos que fixesen máis eficaz a divulgación do que o artista tivese que comunicar socialmente.

Estampa de Castelao presente no seu  Diario  da viaxe europea de 1921.

Nos seus primeiros debuxos Castelao xa profunda nos temas e nos males tópicos da Galiza e sinala cal vai ser o marco da súa actuación artística. Xa o explica claramente no prólogo ao álbum Nós:

"eu non quixen cantal-a ledicia das nosas festas, nin a fartura dos casamentos, sinon as tremendas angurias do decotío labrego e mariñeiro".

Todo isto faino cando "Galiza se esperguiza dun longo sono". Os temas como o caciquismo e os foros, é dicir, os expoñentes dunha realidade agraria que identificaba cunha Galiza pobre e explotada, xa quedan moi claramente especificados nestes primeiros anos. El tan só vai converterse no intérprete que capta con sinxeleza esa realidade asoballante e a expresa relacionando harmonicamente debuxo e texto. Aí fica unha boa parte do seu éxito: os temas das viñetas eran realidades históricas directamente percibidas pola sociedade rural do seu tempo, eran temas vivos. Os textos que Castelao incorporaba a esas viñetas reflectían o seu pensamento social e político, pensamento que se identificaba e se confundía plenamente co do público a que ían dirixidos eses debuxos, e que expresaban un amplo clamor que saía do pobo; polo que a obra individual dun artista acabou sendo a expresión colectiva dun pobo. Fanse así realidade as palabras que escribira como prólogo a un libro de poemas do seu amigo Xerardo Alvarez Limeses, no que dicía que o artista verdadeiro non é o creador das súas obras boas, postulado que coincide co doutros teóricos da arte deste século.

Nestas primeiras manifestacións dos seus debuxos Castelao xa nos mostra decididamente que a súa arte ten unha moi clara intención de compromiso social. Non se trata de facer viñetas para provocar o riso no lector ou no espectador, non lle interesa ridiculizar as parvadas que ceiba o marqués de Alhucemas ou facer bulra rengueira do conde de Romanones. A súa pretensión é pillar as verbas e os xestos dun labrego da miña terra para tratar de facer reflexionar o público sobre a realidade social do país, sobre os problemas que afectaban profundamente á sociedade e incitalo a buscar unha posíbel vía de solución. O seu humorismo, como ben di, é un medio para expresar ideas, ideas que furen os nosos sentidos. Con el a caricatura convértese nunha cousa seria, nunha arte que atende á realidade e non foxe dela. Castelao revoluciona o mundo da caricatura, racha coa idea clásica de que a caricatura é deformación e esaxeración e reivindica as súas posibilidades reflexivas. El vai a usar a caricatura como un camio axeitado na búsqueda da verdade, desa verdade que revela as contradicións sociais. Con Castelao a caricatura convértese nunha arte cunhas grandes posibilidades comunicativas, pois, lese dunha ollada. E neste senso debemos entender a súa renuncia á cor como unha imperiosa necesidade comunicativa e a súa opción determinante en favor da caricatura e do debuxo, sempre en detrimento da pintura. A súa arte, o seu humorismo, están pola verdade, que vén dos mariñeiros e dos labregos, e na verdade está a beleza. A caricatura e o humorismo foron en Castelao camiños para despertar a conciencia colectiva dos galegos, veículos para chamar á movilización.

Cando se mostran os debuxos do álbum Nós estamos diante de algo máis que dunha colección de estampas artísticas ou dun simple acontecemento artístico: estase a expoñer a vida de Galiza, diría Viqueira. Cando expón eses debuxos está a chantar un fito na historia da arte e do nacionalismo galego. Foi, en palabras de Paz Andrade , o redescubrimento dun pobo que leva o drama do seu vivir nas costas. Foi unha campanada, a máis forte e fonda que se deu na conciencia colectiva. Con este álbum Castelao pega un grande salto por riba dos pintores rexionalistas para apoiarse en xente coma Rosalía ou Curros e amosarnos, non en versos senón en debuxos, os problemas que secularmente viñan afectando a Galiza. Racha así coa pintura rexionalista do tipismo que exhibía unha Galiza costumista, bucólica e idealizada para evidenciarnos con crueza unha Galiza real, pero que ten ganas de seguir vivindo. Os seus debuxos son un canto â vida. Castelao conecta así a súa arte coa problemática social do país, o que requería un compromiso coa mesma e a idea de que a plástica tiña que estar ao servicio dunha causa que liberase o pobo das súas ataduras.

Debuxo de Castelao. Autocaricatura.

Esta idea non é exclusiva de Castelao, senón que está no ambiente de toda a xente da xeración Nós e ten moito que ver coa pretensión de restaurar a personalidade histórica e cultural do noso país. Pensamento que tampouco é propio destas xentes, senón que vén latexando de xeito constante en todos os movementos precursores do galeguismo e que, gracias agora ao labor de Castelao, recollerán despois os homes do Movemento renovador , chamados "os novos". Con esta filosofía de fondo, a arte vai ter dúas misións que cumprir: amosar dun xeito claro a realidade e vincularse a unha tradición que estivo rachada por mor do asoballamento político.

Como toda a xente da xeración Nós ,Castelao ve no mundo rural o lugar onde se gardan as esencias culturais propias da identidade galega, onde quedou cortada a nosa tradición, e así llo fai ver ao poeta Manuel Antonio: "a gran iñorancia do pobo foi a que salvou a nosa tradición, que durmeu algúns séculos acochada no instinto popular, e ó instinto popular temos de ir pra engader á vella tradición unha nova tradición", porque "o gusto popular é cousa eterna "xa que "o pobo é máis xenial que os artistas". En consecuencia con isto escribe que "eu son un home de barro que non pretende ser orixinal. Un home do pobo que ama o Arte sinxelo, que se regala con cántigas aldeáns, que cría o pasmo diante dos cadros que pintan os artistas que aínda non saben pintar, que adora as esculturas labradas por canteiros, que tolea cos dibuxos dos nenos; un home que agarda un retorno do Arte ó esprito do pobo, para tomar pulo e renovarse, porque certamente o instinto popular é a única reserva con que conta o Arte para non morrer de Cencia e para que volva a cumplir a súa función social". Entendía que a arte non só tiña que ser para o pobo, senón feita por todo o pobo, non só por unha clase de artistas borrachos de regalías materiais.

Este afán por achegar a arte ao pobo e por ligarse cunha tradición que cría que ficara estancada na cultura popular, no folclore, afasta a Castelao das novas ideas que naqueles momentos estaban agromando e estendéndose por Europa adiante. Isto levou a varios estudiosos do tema a dicir que "Castelao non entendiu o cubismo" ou "despreceou todo o moderno". Pero hai algo máis; Castelao non participa das ideas das novas correntes non só pola súa visión do pasado ou por afastarse dun certo realismo, senón tamén polo ar de uniformización e estandarización das formas artísticas, sobre todo se se adoptan dun xeito mimético e pouco crítico, como por norma adoita acontecer. Entendía que seguir esas correntes non era crear, senón asimilar e imitar, e el estaba por crear unha arte nova. Non é que o rianxeiro quixera arredarse do universal e enclaustrarse no particular, senón que pretendía, como os outros teóricos e creadores do grupo Nós, achegarse por medio do particular ao universal, desenvolvendo unha linguaxe propia despois de ter profundado no noso. Ademais, para a idea que tiña da arte, para a función que quería que cumprise a arte, non facía falta tanta innovación, pois desconfiaba dos sabios pechados nos laboratorios que de tanto argallar podían un día facer saltar o mundo. Estaba moi de acordo coas palabras pronunciadas por Viqueira na conferencia dada con motivo da mostra do álbum Nós:

a arte non pode pecharse na súa torre de marfin; chegará a hora en que por falla de ar morra. O arte ten que vivir ao ar libre, ao ar da vida, da vida real para ser arte.

Para Castelao unha arte nova ten que xurdir nun país cando haxa unha nova concepción da vida e, iso, non depende da vountade, nin da intelixencia duns cantos artistas avisados. Por iso estaba tan namorado da arte que se facía na Rusia revolucionaria; entendía este fenómeno como o renacemento dunha cultura propia frente ás alleas.

Pode que Castelao non chegase a entender o significado ou a mensaxe das vangardas, pero máis ben puido ser que vise que esa linguaxe de só facer ángulos opostos polo vértice podía non ser de todo comprensíbel pola xente común e que, polo tanto, as vangardas non servirían en absoluto para intentar sacar o pobo galego do seu letargo. Non é que Castelao non entendese o cubismo, máis ben estamos de acordo con Alvaro Cebreiro cando xa lle dicía a Manuel Antonio no 1922 aquilo de que "Castelao estudiou o cubismo algo apresa", pero aínda coas présas chegou a dicir que, quizais, esas tolerías sirvan para unha renovación e que esa renovación, a cubista, motivada pola incerteza, foi necesaria para a arte occidental (francesa).

Unha maneira de afondar no propio era mirar ao pasado, máxime nunha cultura como a galega na que sempre se nos negou, e por iso non podía estar tampouco de acordo coas vangardas. "Eu quero ser un home da miña terra e do meu tempo e polo mesmo intrésanme todalas cousas novas pra saber como é o Arte distes tempos; pero por desgracia o Arte novo rifa de tal xeito coa tradición —soio por rifar— que prefiro ficar á veira da maoría conservadora, anque ben sabe Deus que o meu esprito está ben aberto a todalas revoluciós", escribe no seu Diario. Esa necesidade de buscar no pasado viña tamén determinada por un desexo de acción: o pasado era algo que podía dar corpo a un ideario político e, como tal, era moi lexítimo e útil o seu uso. Aí unha das razóns do seu fascinamento pola nosa Idade Media, ese período da nosa historia en que Galiza logrou desenvolver amplamente as súas estruturas sociais e políticas.

Quizais o que se lle poida criticar a Castelao é que non soubese mirar o cadro máis alá do seu contido e non darlle importancia aos aspectos meramente estéticos. Pódeselle criticar que non fose capaz de percibir que unha nova sociedade podía ter unha nova forma de mirar e de entender a arte, feito que vai comprender Luís Seoane. Non foi capaz Castelao de ver que a revolución que no mundo da arte estaban levando a cabo algunhas desas escolas que medraban por Europa, sobre todo as que arrincaban do cubismo e do futurismo, poderían ser aproveitadas polos pintores galegos para axudárense a reafirmar nunha arte diferenciada e feita desde Galiza. Para el non tiña lexitimidade a arte pola arte e, en consecuencia, non tiñan cabida na súa mente a autonomía da forma ou a investigación formal que conducise o artista a contar, digámolo así, cunha serie de trucos que redundarían nunha mellor execución da obra. Isto era afastarse da vida social, e el estaba máis en consonancia co que dixera Proudhon sobre a arte, que tiña que pintar a verdade para excitar a sensibilidade moral, para suscitar sentimentos de dignidade, de delicadeza, para educar. E para isto o que ten que transmitir non son as impresións persoais do artista, senón restablecer a verdade histórica e social.

Ofrenda a San Ramón,  escultura de Asorey

A arte de Castelao non foi concibida para que nos deleitemos diante da súa feitura, senón para recordar a nosa memoria colectiva. Así, unha das aspiracións de Castelao na arte foi a de "faguer cousas que queden" e, sen dúbida ningunha, a súa arte quedará para sempre entre nós como un símbolo máis da nosa identidade colectiva.

IMAXES