A Etapa Contemporánea (S. XX)
Un momento crucial: Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro
Celso Emilio e a poesía socialrealista

Unha das principais correntes poéticas da posguerra é a que se coñece co nome de socialrealismo porque porá de manifesto e denunciará a grave situación que se estaba a vivir en Galiza a nivel político, económico e social. Ao mesmo tempo, establécese un claro compromiso de defensa do idioma, que é identificado coas clases sociais máis desfavorecidas e máis oprimidas; polo tanto tamén se asume un forte compromiso coa defensa das clases populares. A aparición deste tipo de poesía é un pouco serodia na Galiza interior, onde xurdirá arredor dos anos sesenta, mentres que no exilio se darán as condicións propicias para continuar unha liña poética que xa existira na literatura galega e que se interrompera coa Guerra Civil, tal como se analizou no capítulo correspondente desta Historia da Literatura. A tradición literaria galega contaba cunha poesía de denuncia da marxinación do noso país, das súas xentes e do seu idioma desde a época do Rexurdimento ; lembremos as composicións da Rosalía máis contestataria e a poesía de carácter cívico cultivada por Curros Enríquez; no século XX esta tradición seguirá a través da poesía combativa de Ramón Cabanillas.

Emilio Pita.

As primeiras mostras de denuncia social na poesía, despois da ruptura de 1936, terán lugar no exilio, como xa apuntamos anteriormente; pero por desgracia as dificultosas circunstancias do momento condicionaron o número de tiraxe dos exemplares, bastante reducido, ademais dos impedimentos que existían en Galiza para a súa libre distribución. Encontraremos as primeiras referencias civís e aos galeguistas mortos na guerra no poemario Jacobusland (1942)de Emilio Pita Romero ; sen embargo non se pode afirmar que este sexa un poeta claramente encadrado dentro desta tendencia; pois a súa poesía está moito máis próxima á liña imaxinista. Xesús Lorenzo Varela Vázquez tamén participa na liña poética do compromiso, da denuncia e da solidariedade cos oprimidos en Catro poemas pra catro grabados (1944), para o álbum María Pita e tres retratos medievales de Luís Seoane , e en Lonxe (1954). Outro dos escritores que se relacionan coa poesía reivindicativa e de denuncia, aínda que está máis nidiamente adscrito a unha estética imaxinista, é Xosé Conde Fernández a través do seu libro Terra aluciada (1959), poemario certamente debedor do Fardel de eisilado de Luís Seoane.

Será Luís Seoane quen realmente se alce como o verdadeiro iniciador da poesía socialrealista no exilio, tanto pola calidade da súa obra como pola magnitude da súa denuncia. O seu compromiso con Galiza lévao a utilizar a literatura, ao mesmo tempo, como un xeito de denuncia e concienciación. Nos seus poemarios Fardel de eisilado (1952)e As cicatrices (1957) pódense ver con precisión o realismo, o seu compromiso coa nación, a denuncia dunha realidade inxusta e a reconstrución da memoria da emigración.

Debido ao enorme impacto causado coa publicación de Longa noite de pedra (1962) de Celso Emilio Ferreiro adóitase tomar este poemario como o iniciador da corrente socialrealista na Galiza da posguerra; mais non debemos esquecer que outros autores, como Ramón Cabanillas ou Manuel María, entre outros, xa cultivaran con anterioridade poesía de temática social; mesmo o propio Celso Emilio practicara este tipo de poesía antes de 1962. A saída á luz de Longa noite de pedra marcará un dos eventos máis importantes da historia da poesía galega. O éxito alcanzado por este conxunto de poemas foi tan extraordinario que a primeira edición, 750 exemplares, se esgotou ao pouco tempo da súa publicación, algo realmente inusitado dentro da poesía e, especialmente, dentro da poesía galega naquelas circunstancias históricas. Mais a súa verdadeira difusión terá lugar a partir de 1966, cando exemplares multicopiados, que substituían a carencia inxustificábel dunha reedición por parte da Editorial Galaxia, circulen entre os universitarios de Santiago de Compostela. Este momento coincide coas loitas reivindicativas en contra da construción do encoro de Castrelo de Miño e coa homenaxe que se lle tributou a Celso Emilio en Ourense con motivo da súa partida cara a Venezuela. Ao ano seguinte, en 1967, publícase en Barcelona, na colección de poesía El Bardo, unha edición bilingüe que terá que ser reeditada varias veces, conseguindo ser o libro máis vendido da editorial catalana; xa que logo moitos dos seus lectores serán foráneos e Celso Emilio pasará a ser amplamente coñecido nos ambientes progresistas e antifranquistas non galegos. Ademais, en 1968, coincidindo cunha das épocas máis importantes de protesta e loita política contra o réxime, moitos dos seus poemas serán musicados e cantados polos membros da Nova Canción Galega , concretamente por Voces Ceibes. Mais o inmenso impacto e difusión destes textos non remata aí, senón que outros artistas tamén contribuirán ao seu espallamento e coñecemento; por exemplo Fuxan os Ventos ou Amancio Prada, entre outros, tamén musicarán e interpretarán poemas recollidos neste libro, que asemade servirán de inspiración a diversos artistas plásticos e diferentes grupos teatrais.

Non debemos deixar de advertir que toda esta insólita repercusión da poesía combativa e belixerante do celanovés foi en grande medida analizada a partir dunhas razóns non estritamente literarias ou poéticas, pois entendíase que era o resultado da necesidade de contestación e enfrontamento contra o réxime político que imperaba en España naquela altura. A saída á luz destas composicións nos anos sesenta coincide cun dos momentos en que se empeza a organizar, desde diversos movementos políticos e culturais, unha importante batalla contra o franquismo; de aí que sexan maioritariamente asumidos como un símbolo de loita pola liberdade. Sen embargo, convén recordar que, de acordo co pensamento de Celso Emilio, este desmesurado éxito resulta un tanto inexplicábel se non se consideran tamén outros motivos plenamente literarios:

Fuxan os ventos  foi un grupo musical xurdido en Lugo en 1972, vinculado á reivindicación política de Galiza e das súas necesidades sociais, económicas e culturais

Que iste ésito esteña ou non xustificado é cousa que non me compete a mm n averigualo. Algunhas persoas, que ó parecer averiguárono, teñen dito que a insólita acollida que recibíu o libro por parte da xente débese a razós estra-poéticas. Dito doutro xeito: débese a que se trata de unha obra que non contén poesía, sinón outra cousa. Pro esta opinión non convence a ninguén que teña unha migalla de sustancia gris nos miolos. En primeiro termo porque non define qué cousa é esa outra cousa , nin por qué razón esa outra cousa tivo ésito. En segundo lugar porque revela un concepto resésigo, decimonónico, do fenómeno lírico (C.E. Ferreiro, 1975).

En Longa noite de pedra predomina un ton belixerante de crítica e denuncia inseridas nunha ideoloxía socialista de marcado carácter antifranquista e antiburgués; iso explica que fosen os sectores máis novos da poboación, desexosos de liberdades, os que máis se identificasen con este tipo de actitudes, converténdose o celanovés no seu referente e no poeta social por excelencia. Isto non quere dicir, de ningunha maneira, que Celso Emilio non cultivase outros tipos de poesía, por exemplo a intimista, pero si que estes quedaron bastante esquecidos e relegados a un segundo plano debido á enorme repercusión das súas composicións reivindicativas. Por outra parte, o tipo de crítica realizada polo noso poeta era ben distinto ao que se viñera desenvolvendo na nosa literatura porque se inscribía plenamente nunhas coordenadas marxistas nun plano universal, como moi ben explica Xosé Luís Méndez Ferrín :

O escritor defróntase co sistema político español de maneira máis ou menos clara ou elíptica mediante a práctica constante da dicotomía opresión-libertade expresada de diversas maneiras retóricas. Pero este defrontamento militante non se detén na circunstancial forma política de España, senón que se sitúa nun plano xeral ou universal de definición socialista.

(...) Pero FERREIRO non denuncia unha opresión xeral en nome dunha libertade abstracta. Sitúase nunha posición antiburguesa e marxista. Así, o primeiro poema social obreiro da literatura galega -non agrarista ou nacionalista- é o Monólogo do vello traballador (...),que supón unha atinada definición poética da teoría da plusvalía.

Como xa anunciamos anteriormente, aínda que se adoita tomar Longa noite de pedra como o emblemático punto de partida do socialrealismo, Celso Emilio xa se iniciara na práctica desta liria poética en libros anteriores, por exemplo en O soño sulagado (1954) e no seu poemario en español Voz y voto (1955). De feito, tamén antes de 1962, o celanovés tiña reflexionado sobre o papel debería desempeñar o poeta dentro da sociedade no tempo que lle tocou vivir e sobre o estatuto da propia poesía. Celso Emilio expresou durante toda a súa vida, máis que ningún outro poeta, unha preocupación continua e constante sobre este tema. A súa poética podería resumirse do seguinte modo: a poesía debe ser a manifestación do compromiso coa realidade social do seu tempo. O poeta debía seguir un camino inconformista coa realidade circundante, denunciando todo tipo de inxustiza e opresión. Sen embargo, Celso Emilio non consideraba que a través da palabra poética se puidese alcanzar a destrución dunha sociedade baseada na inxustiza e na falta de liberdades. Só recoñecía que a través desta vía se podería abrir un camiño de concienciación do home, que o levaría a modificar e corrixir, na medida do posíbel, ese mundo mesquiño que lle tocou vivir. Polo tanto, desde esta perspectiva marxista do celanovés, o poeta non pode nunca pechar os ollos ante a terríbel realidade que o rodea e deberá valerse da palabra para utilizala como a súa arma máis prezada.

Desde unha época moi temperá Celso Emilio manifestará a súa vontade de adscrición a unha poesía de carácter cívico ou belixerante, por utilizar o termo que el considera máis apropiado, e permanecerá fiel a estes postulados. Isto non é óbice para que tamén se poida desenvolver no campo da creación poética a través doutros presupostos estéticos, que en ningún momento se chegarían a enfrontar senón que discorrerían como camiños paralelos. En verdade, unha parte importante do seu quefacer poético segue os presupostos dunha tendencia lírica intimista e reflexiva, onde o nós do poeta social e solidario se converterá nun eu lírico amoroso e apaixonado.

As súas primeiras reflexións sobre o papel do poeta e da poesía na sociedade aparecen no ano 1955 e están fortemente influenciadas polos seus principios ideolóxicos. Presenciamos, así, o seu rexeitamento por un tipo de arte que se recree na artificiosidade e signifique un mero gozo estético para o lector; isto levarao a inducir e animar os novos poetas a romper coas tendencias e estéticas dominantes no pasado, se non se axustan aos obxectivos que el considera primordiais, e aludirá, explicitamente, á necesidade de desterrar da poesía galega o ruralismo e o neotrobadorismo :

Polo que se refire ós poetas galegos, si queren ser fideles a si mesmos e á terra, teñen que fuxir da arqueoloxía estéril e do ruralismo pedáneo. Teñen que retorcerlle o pescozo ó reiseñol do lirismo lacrimóxeno, saudosento, vello estilo. En troques, teñen que mergullarse con desesperado esforzo no mundo social da nosa terra; nos problemas vivos do noso tempo; nas angurias das nosas xentes. Pero con ollos recén abertos, con palabras de hoxe, con fórmulas novas ó enfoque cordial e á perspectiva psicolóxica (Fernández del Riego, F).

Como podemos observar, deste xeito o celanovés pretendía unha renovación no campo da poesía inscribíndose nunha tendencia de características rupturistas e innovadoras ao atacar feramente aquela poesía dos tempos pasados que non se inserise rixidamente no compromiso co país. Sobre todo, estimaba fundamental que os poetas galegos da súa época mantivesen un firme compromiso consigo mesmos e coa súa nación; de aí que non debesen deixarse absorber por unhas maneiras poéticas bastante obsoletas. O seu deber como poetas estaba en mergullárense profundamente no momento en que lles tocara vivir, isto é, debían ser homes do seu tempo que plasmasen nas súas creacións poéticas o mundo en que vivían tal e como era, con todos os seus problemas e inxustizas. Ademais, cumpría que se mostrasen totalmente innovadores canto ás técnicas empregadas, tanto no plano da forma como no do contido. Mais neste sentido, como moi atinadamente sinala Román Raña, non se pode considerar a actitude de Celso Emilio como innovadora; el mesmo como poeta non consegue abrir novos camiños e, por outra parte, o modelo que propoñía resultaba demasiado limitado e estreito como para dar paso a outras posibilidades creadoras.

Retrato de Celso Emilio Ferreiro

A pesar do dito anteriormente, é de xustiza recoñecer que Celso Emilio si se mostraba innovador canto ao uso da linguaxe, pois isto conformaba unha das súas máximas preocupacións. O noso poeta manifestouse neste sentido en varias ocasións salientando que a súa pretensión é facer poesía para a xente, para o pobo. Esta actitude está en plena consonancia coa súa concepción da poesía como compromiso, como denuncia da inxustiza, que pode servir para que as clases populares reaccionen rebelándose. De aí que utilice unha lingua moi fiel ao galego popular porque, como el mesmo di, para que o lean ten que expresarse na lingua que entendan os seus lectores. Tanto é así que tal e como indica Xosé María Álvarez Cáccamo, Celso Emilio consegue liberar a linguaxe literaria galega ao facer uso dunha lingua coloquial na que non teñen cabida nin os arcaísmos nin o vocabulario excesivamente ruralista. Como é ben sabido, a maioría das veces a linguaxe dos poetas galegos adoecía dunha artificiosidade e falta de naturalidade que se ían transmitindo de xeración a xeración.

Como mostra da fidelidade que o poeta mantivo ao longo da súa vida á poesía cívica e de denuncia, á poesía entendida como compromiso ético, salientamos as seguintes palabras pronunciadas polo propio Celso Emilio xa cara ao final da súa vida, no ano 1976:

Mira: eu penso que a natureza da poesía somentes se deforma ca mala poesía. O fenómeno poético non ten unha natureza estática, non é igual a sí mesmo, non está ahí pra sempre senon que é algo de carácter proteico que se conforma e transforma asegún un eiquí e un agora que naturalmente o convirten en necesariamente coxuntural ou de circunstancias, como ti dis. A poesía ten que ser do seu tempo. ¿Existe acaso algo máis determinante do noso tempo que o feito sociopolítico entendido como unha loita polo ser e estar do home no mundo? Por outra banda, o problema da íntima controversia do home ca sociedade que o contén e o oprime é tan antigo como a poesía mesma. Penso asimesmo que a literatura endexamais deixóu de ser un instrumento ao servicio de algo. Incluso a literatura de entretenimento ten un papel importante que desempeñar: difundir o espirito neutralista. Esta é unha maneira de actividade política ao revés, é decir: en negativo. Axuda a que o home se despreocupe polo destino do home, o cal convén a moita xente, claro (Fernández Freixanes, Víctor, 1976: 157).

En máis dunha ocasión o noso poeta tivo que facerlle fronte a determinadas recriminacións que o acusaban de ser un mero seguidor da corrente socialrealista española. Como defensa ante estas críticas Celso Emilio utilizaba dous argumentos contundentes: en primeiro lugar, numerosos poemas que posteriormente formarían parte de Longa noite de pedra foron escritos durante a guerra e en anos posteriores, cando a poesía social aínda non era cultivada na literatura española; en segundo lugar, o celanovés recoñecíase como continuador dunha tradición existente ao longo de toda a historia da literatura galega que tería os seus inicios nunha época moi temperá. En realidade, moitos dos poetas do século anterior destacáronse precisamente polo ton belixerante e crítico das súas composicións, especialmente Rosalía e Curros Enríquez, co que Celso Emilio se sentía fondamente identificado. Xa que logo, non se pode afirmar que os poetas da uña socialrealista no século XX estean inventando ou inaugurando novos modelos ou abrindo outros camiños distintos, senón que se alzan como continuadores dunha tradición bastante enraizada na literatura galega.

A tendencia socialrealista na literatura galega tivo unha extraordinaria difusión e unha numerosa cantidade de seguidores a partir da segunda metade da década dos sesenta ata, aproximadamente, a segunda metade da década dos setenta, momento en que se comezan a explorar novas vías de expresión e de renovación na poesía galega; á parte de que moitos dos seus continuadores nunha determindada etapa seguiron a súa traxectoria poética por outros derroteiros completamente distintos. De feito, o celanovés afastarase desta corrente coa publicación, no ano 1975, do seu último poemario, Onde o mundo se chama Celanova ,que presenta o seu eixo temático estreitamente ligado a contidos lírico-amorosos. Tamén é certo que esta non era a primeira vez, como sinalamos anteriormente, que Celso Emilio cultivaba este tipo de contidos, constituíndo estes unha das materias máis queridas polo poeta.

Como xa dixemos, o grande éxito alcanzado por Celso Emilio como cultivador de poesía socialrealista traducirase nun elevado número de autores que continúen os seus pasos a través desta estética; practicamente todos os poetas da xeración que Xosé Luís Méndez Ferrín denomina das Festas Minervais introducirán nas súas composicións unha temática que mostre as súas inquedanzas a este respecto. Aínda así, cómpre subliñar que isto non significa que a partir Besa altura estes autores pasen a escribir única e exclusivamente poesía de denuncia.

Un dos poetas que se adscribirá plenamente á estética da poesía combativa e reivindicativa será Manuel María, autor dunha extensísima obra, que pasará a ser o máis fiel representante desta tendencia, de tal modo que el mesmo chegará a constituír un modelo a seguir por outros autores. A poesía comprometida co idioma, coas clases populares e, en definitiva, coa nación conformará o eixo central da maior parte da súa produción a patir dos anos sesenta, aínda que sempre existiu na súa obra, xa desde os seus comezos, unha dimensión crítica de carácter contestatario. Mesmo autores coñecidos polo seu novidoso e maxistral dominio dunha poesía centrada na paisaxe, como Uxío Novoneyra , se deixaron influenciar pola corrente socialrealista e, nalgúns dos seus textos, dará mostras do seu compromiso, por exemplo no "Viet Nam canto" (1969) e en " Letanía de Galicia " (1970); para un coñecemento máis pormenorizado da obra destes dous poetas remitimos aos seus capítulos correspondentes desta Historia da Literatura.

Outros autores máis novos, que posteriormente se desenvolverán por outros derroteiros, incluidos nesta tendencia serán Lois Diéguez , Margarida Ledo Andión ou Darío Xoán Cabana . Do primeiro debemos salientar Canciós pra un agromar branco e azul (1968) —algúns destes textos foron musicados e interpretados por Voces Ceibes—, e O ferro dos días (1982). Lois Diéguez tamén introducirá na súa obra narrativa as súas preocupacións políticas e sociais. De Margarida Ledo podemos mencionar o seu poemario O corvo érguese cedo (1973). Darío Xoán Cabana é autor dunha obra poética bastante ampla e goza dun recoñecido prestixio no campo da narrativa; de entre os seus poemarios destacaremos, por exemplo, Verbas a un irmao (1970)e Mortos porque Galicia viva (1973).

Celso Emilio entre Luís Soto e Manuel María.

Finalmente, non debemos esquecer o importante papel desempeñado por Xosé Luís Méndez Ferrín neste tipo de temática, no que cómpre resaltar a súa Antoloxía popular (1972), publicada baixo o heterónimo de Heriberto Bens, e Sirventés pola destrucción de Occitania (1975), reunindo máis tarde, en 1980, esta poesía altamente combativa, revolucionaria e nacionalista no volume Poesía enteira de Heriberto Bens .

A mediados da década dos setenta a poesía socialrealista comeza a esmorecer debido, por unha parte, a que os seus principais cultivadores continúan a súa propia evolución por outros camiños e, pola outra, a que os seus propios recursos temáticos e estilísticos estaban excesivamente gastados, empobrecidos e resultaban altamente repetitivos. Xa é habitual dentro da crítica literaria galega ofrecer a data de 1976 como o punto de partida dun novo cambio de rumbo na poesía, cambio que afectará tanto á forma como ao contido. Nesta data publícanse dous poemarios fundamentais neste sentido, Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín e Mesteres de Arcadio López-Casanova . Sen embargo, esta renovación na poesía galega non significa que se elimine por completo a temática de tipo social, senón que esta vai estar presente, en maior ou en menor medida, na maioría dos autores, mesmo nos poemarios que se toman como punto de partida dunha nova etapa no desenvolvemento da poesía galega.

IMAXES