A Etapa Contemporánea (S. XX)
O silencio interior (1940-1950)
Compromiso e ostracismo (1975-1990)

Unha nova xeira na vida de Carvalho comeza coa súa xubilación académica ao cumprir 70 anos, se ben seguiría acudindo ao seu despacho na Facultade de Filoloxía. Este derradeiro período —ademais de Santiago, pasa longas estadías en Lugo— estará marcado politicamente polo distanciamento persoal, lingüístico e ideolóxico do galeguismo institucional (artellado arredor de entidades como Real Academia Galega, a Universidade ou o Consello da Cultura Galega), co que viña colaborando, sempre desde unha determinada independencia. As diferencias co Instituto da Lingua Galega (ILG), creado en 1971, fanse evidentes á hora de elaborar unha normativa unificadora —obxectivo das xuntanzas filolóxicas que promove o ILG entre 1976 e 1977— que logo se coñecería como Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego (1977). En 1979 as discrepancias —agora tamén coa Academia— volven a xurdir cando Carvalho preside a Comisión de Lingüística dependente da Xunta de Galiza, da que saíron unhas normas ortográficas tendentes á reintegración na área galego-portuguesa. Dous anos despois, sendo Filgueira Valverde Conselleiro Adxunto ao Presidente para Cultura, as devanditas normas foron derogadas polo decreto que establecía a normativa vixente ata hoxe.

As circunstancias da posguerra virían afondar nunha certa condición moi natural asentada nunha concepción "individualista" e "personalista" —a independencia e dignidade das persoas como criterio moral de rango superior—. A súa condición de home con conviccións patrióticas firmes, de talante liberal, evidenciado na súa independencia e dignidade individuais, será mantida ata a fin da súa vida; así, nesta etapa, será firme defensor do reintegracionismo lingüístico e colaborador, co pudor e co relativismo que vía necesario, do nacionalismo parlamentario. Destes ámbitos parten moitas das distincións en recoñecemento do labor de Ricardo Carvalho Calero: Membro de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (1980), Membro da Academia de Ciencias de Lisboa (1981), "Homenaxe Nacional a Carvalho Calero" (1982) organizada pola Sociedade Cultural Medulio de Ferrol, Fillo Predilecto da Cidade do Ferrol (1989), etc. Tamén foi homenaxeado por outros sectores: Medalla Castelao (1984) outorgada pola Xunta de Galiza, ou o Premio da Crítica Española (1988) concedido pola súa novela Scórpio (1987).

Nun acto da editorial  A Nosa Terra,  celebrado en 1990 e no que aparece xunto a Isaac Díaz Pardo.

Nesta década, D. Ricardo Carvalho Calero, sen as restricións por motivos profesionais, centra o seu traballo na creación literaria, na elaboración da súa obra máis persoal; e continúa a escribir artigos, estudios e ensaios, literarios ou lingüísticos, colaborando nas publicacións galegas e estranxeiras, como conferenciante ou participando nos máis diversos congresos. Especialmente nestes anos, somete a súa obra anterior a revisión lingüística e mesmo estilística, que logo recompila en distintos ciclos temáticos, cronolóxicos ou por xéneros. Seguindo uns determinados criterios estéticos ou ideolóxicos, ás veces, esa revisión levouno á escolma de textos, co que Carvalho nos deixou un legado cerrado e ordenado por el propio.

A súa obra poética quedou agrupada en ciclos cronolóxicos desde comezos dos anos oitenta, data de aparición dunha escolma revisada dos libros xa editados, baixo o título de Pretérito imperfeito (1927-1961) (1980); é unha autoescolla dos cinco libros poéticos publicados ata o ano 1961: "Vieiros", "O siléncio ajoellado", "Anjo de terra", "Poemas pendurados dun cabelo" e "Saltério de Fingoi". Á que seguirán tres obras non reunidas con anterioridade en libro: Futuro condicional (1961-1980) (1982) Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985) (1986), e a obra póstuma Reticências... (1986-1989) (1990).

Futuro condicional recolle grande parte da produción poética de Carvalho durante vinte anos, quer poemas xa publicados en revistas —pero non recompilados en libro—, quer textos inéditos. Está dividido en tres partes: "Excalibur", "Venusberg" e "Avalon"; de temática heteroxénea, prevalece sen embargo certo existencialismo vital ponderado, do que resulta un conxunto poético meditado. Na liña de Salterio de Fingoi , Carvalho mantén a súa independencia das correntes poéticas da época e, ao mesmo tempo, pon en práctica unha produción fondamente contemporánea.

Cantigas de amigo e outros poemas inclúe 62 poemas dos que os máis característicos son cantigas postas en boca de mulleres, se ben nada teñan que ver coa escola poética do neotrobadorismo, nin esteticamente nin formalmente. É a muller que busca unha forma de expresarse de seu: a muller no sentido antropolóxico, de ser persoa humana característica. No libro atopamos diversos temas: de acontecementos sociais, históricos — non sempre contemporáneos—, vivencias e sensacións do autor, reflexións sobre o ser humano..., dentro dunha atmosfera triste e un ton entre lírico e filosófico.

Reticências é o derradeiro libro de poesía de Ricardo Carvalho Calero, publicado xa postumamente. Poemario intenso e franco, infunde unha profunda autenticidade. O sentido da morte e da vida, as categorías tempoespacio, enfrontadas definitivamente polo poeta estoico coa súa única arma: a da racionalidade, un equilibrio mental. Destacado como o seu mellor libro (Montero Santalha, 1993:131), é chamativo desde o punto de vista formal que das cen composicións do libro 22 son sonetos, porcentaxe sen precedentes na súa obra; semella que Carvalho nos derradeiros anos tende a revalorizar elementos tradicionais da poética romance como a rima e a métrica regular.

 

A poesía de Carvalho é clasificada pola maioría da crítica como culturalista; para D. Ricardo:

"Eu creio que actualmente todo poeta ten que ser culturalista de algunha forma. Quero dicer que unha poesia de tipo inxénuo, de tipo espontáneo, de tipo popular no sentido tradicional é absolutamente imposíbel. (...) E neste sentido, si podo ser un poeta culturalista. (...) Coñezo os meus clásicos como os coñecia Aquilino. E teño tamén unha certa fantasia para utilizar os mitos como tiña Cunqueiro. (...) Creio que o que me distingue deles é precisamente unha forza, unha paixón, unha humanizazón do problema que fai que o meu culturalismo -o meu suposto culturalismo- esté sumamente correxido ou restrinxido por esta vitalidade desbordante, por este sentimento doroso, e ás vezes tamén dunha certa forza de tipo vital, que sinto dentro de min"

(Salinas Portugal, 1991:83-85).

En 1982 aparece a primeira compilación de obras narrativas baixo o título A gente da Barreira e outras histórias , que recolle a reedición da novela "A gente da Barreira" e os relatos "As pitas baixo a chúvia" ( Lar , 1952), "Os tumbos" ( Alba , 1950), "A cegoña" ( Vida Gallega , 1957) e "Aos amores seródios" ( Grial , 1979). Na segunda recompilación, Narrativa completa (1984), xunto ás obras do libro anterior recupera dous textos inéditos: "Os señores da Pena" e "O lar de Clara", de ambiente rural a primeira e urbano a segunda. Por último, entre 1985 e 1986 elabora a novela Scórpio (1987), que analizaremos posteriormente.

O profesor Carvalho Calero entre Ramón López Suevos e Manuel María.

As pitas baixo a chúvia é un breve relato que narra, en primeira persoa, unha experiencia da infancia do propio autor. Carvalho explora o mundo infantil de forma esquemática, reflexo autobiográfico de vivencias, neste caso, do autor-narrador. O mesmo ocorre en Os tumbos , relato en primeira persoa de feitos reais. A cegoña é un relato-conto de evocacións xermánicas, aparentemente un conto infantil, pero agora en terceira persoa, onde a realidade fúndese co misterio nun ambiente exótico. O ritmo, case musical, da linguaxe é o seu principal logro estilístico. Aos amores seródios é unha obra diferente das restantes. Na realidade temos un relato máis complicado, de técnica renovada, sobre o tema indicado no título: o amor do vello a unha moza, como en Os vellos non deben de namorarse , de Castelao. Un relato dificilmente clasificábel se nos atemos ás regras dos xéneros literarios: a sucesión das evocacións, as reflexións lingüísticas, a intertextualidade, a introdución da poesía no texto narrativo, fan deste breve relato unha pequena obra mestra.

Aínda en 1985 Carvalho publica un pequeno relato baixo o título de Provérbios otomanos: De Selim a Solimám , asinado co pseudónimo "Namiq Ziyá". Neste relato a trama narrativa aparece confundida co ensaio histórico. A historia da "Bela Georgiana" orixinou o proverbio otomano "De Selim a Solimám", co que se expresa a actitude de submisión ao poder do momento, á marxe de calquera idea permanente.

As pezas teatrais de Carvalho Calero aparecen definitivamente recompiladas no libro Teatro completo (1982), onde, ademais dos textos recollidos en Catro pezas , recupera as obras inéditas "O fillo" (1935) e "Isabel" (1945); unha adaptación para teatro infantil do drama de Li HsingTao feita en 1951, O redondel ; e unha peza en parte evocadora de Scórpio escrita en 1980, "Os xefes".

O redondel é unha adaptación para teatro infantil, nun acto, do grande drama do autor chinés Li Hsing-Tao, a partir da versión castellana El círculo de tiza . A historia argumental reflicte un motivo folclórico de ampla difusión: é coñecida a historia bíblica de Salomón, xuíz que demostra a súa sabedoría na decisión que arbitra perante un caso semellante ao desta peza teatral.

Os xefes , comedia política en tres actos, é unha peza de carácter ideolóxico en que podemos descubrir reflexos da experiencia vivida polo autor durante a guerra civil. Carvalho ten manifestado que esta obra é a outra —ademais do Auto do prisioneiro — das pezas máis representativas do seu teatro,

Intervención do profesor Carvalho Calero no  I Congreso da Lingua Galego-Portuguesa na Galiza,  celebrado en Compostela no 1986

"representativa do meu pensamento sobre o sentido da política, que para min se caracteriza pola ambigüidade"

(Fernán-Vello/Pillado, 1986:111).

Son numerosos os libros en que nestes anos recolle os seus escritos sobre lingua e literatura: Historia da literatura galega contemporánea (3ª ed.,1981), Problemas da língua galega (1981), Libros e autores galegos II: século XX (1982), Da fala e da escrita (1983), Letras galegas (1984), Escritos sobre Castelao (1989), Estudos e ensaios sobre literatura galega (1989) e o póstumo Do galego e da Galiza (1990). Sen esquecer a edición das Cantigas de amor, de escarño e de louvor (1983) de Afonso X, en colaboración con C. García Rodríguez, e da Antología bilingüe (1983) de Afonso R. Castelao. En 1987 publícase La fuerza pública en la Universidad de Santiago y otros escritos escolares (1930-1933) que recolle, xunto a tres traballos literarios da súa mocidade aparecidos na revista Nós , as publicacións políticas da etapa universitaria, agás En torno a las ideas comunistas de Platón , orixinariamente publicado en 1929 e reeditado en 1991 por Carmen Blanco no libro Carballo Calero: política e cultura (pp. 63-84).

IMAXES