A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Contexto

De 1975 a 1984 publícanse en Galicia máis libros que en todo o tempo anterior. Este considerábel incremento da produción deixa de regalarnos o ego se pensamos que no 1995 a literatura castelá oferta 41.301 títulos fronte aos exiguos 1.148 da galega. O rol subsidiario axúdao a explicar o papel tutelar que a Xunta de Galiza exerce no sector editorial galego: acumula un 26% de espazo editorial mentres as restantes máis de 25 editoras sobreviven do 74% restante ( La Voz de Galicia ,15-5-97). Sempre debe haber quen se faga cargo de labores editoriais imprescindíbeis e moi custosos, pero nunca pode xustificar tan elevada porcentaxe; xustifícase mellor desde o control que a Administración Autónoma quere exercer sobre as manifestacións culturais. De aí a progresiva folclorización festivaleira que se pretende imbuír a calquera delas, reivindicativas ou non. O control político da expresión cultural é perceptíbel na celebración do Día das Letras Galegas , no labor condicionado do Centro de Estudios Ramón Piñeiro , no Consello da Cultura Galega , o Centro Dramático Galego , a Compañía de Radio Televisión Galega, as Medallas Castelao ou o silencio sempre consentidor da Real Academia Galega .

Xoguetes pra un tempo prohibido,  novela de Carlos Casares.

Todos estes anos está a dereita no goberno da Xunta, e é a súa man a que ousa repatriar os restos de Castelao , a sabendas de que non quería regresar mentres Galiza non recobrase a súa dignidade; pero era un símbolo cultural e político moi útil para disimular un galeguismo finxido e oportunista. Tamén baixo a súa man se incorpora a lingua galega a estratos sociopolíticos novos, como lingua ritual e de compromiso, e aleivosamente é utilizada como bandeira de galeguidade por quen á mínima oportunidade fai uso do castelán, promovéndoo belixerantemente. A mesma facción política é responsábel da conflitividade xerada desde a ambigua e mesquiña lexislación plasmada no Decreto de Bilingüismo e logo na Lei de Normalización Lingüística : sistematicamente obvia e desculpa os seus incumprimentos. A partir do curso 79/80 xorden necesidades novas no mundo cultural galego; pero os froitos case só poden observarse no mundo editorial; aínda hoxe non se incrementou o número de lectores vocacionais. A maior transcendencia consiste na urxencia de determinados textos, non só manuais, adecuados ás diferentes idades e preferencias para un alumnado con acceso moi difícil ao complexo mundo poético que desde Con pólvora e magnolias (1976, Méndez Ferrín ) viviamos. Independentemente da influencia do boom da prosa dirixida a este lectorado na literatura castelá, este reflectía o acontecer a nivel europeo, o que facilita mantérmonos na dinámica das literaturas adláteres, malia a evidente desavantaxe.

No 87 dá comezo o único período en que non goberna a dereita na Xunta, e a aparición do "bilingüismo equilibrado" socialista como resposta ao "bilingüismo harmónico" da dereita coincide coa case total impugnación da Orde Galeguizadora do Ensino.

A Orde de 12 de Xuño do 84 pola cal a Administración Autonómica se fai cargo de 300 exemplares, 500 se é literatura infantil-xuvenil, representa un mínimo incentivo á produción literaria, cun grao de efectividade moi discutíbel, sobre todo se non hai a mínima pexa moral á hora de subvencionar producións e traducións en castelán.

Dos premios literarios recolle a narrativa forte pulo. Ao premio de Novela Galaxia (1975, conmemora os 25 anos da editorial) preséntanse obras posteriormente publicadas e importantes para a historia da literatura galega: Xoguetes pra un tempo prohibido ( Carlos Casares , 1975, o gañador), Antón e os inocentes (Méndez Ferrín, publicado no 76) ou No cadeixo ( Paco Martín , tamén do 76). A partir do premio Modesto R. Figueiredo de narrativa curta chegarase mesmo a falar dunha promoción de novos escritores como X. Alcalá , X. I. Taibo , Martínez Oca ou Riveiro Loureiro ; e dunha segunda con nomes como M. Ledo Andión , Darío Xohán Cabana , Suárez Abel ou Suso de Toro ; autores de clara vontade renovadora que rexeitan as fórmulas narrativas tradicionais. A aposta máis decidida pola innovación vén da man do premio Xerais de Novela (1984), que xa no inicio se caracteriza por premiar textos formal ou tematicamente novidosos: desde Crime en Compostela (vence na primeira convocatoria o discurso policial de Carlos G. Reigosa ) a A velocidade do frío (1996, insérese na chamada "literatura bravú" a novela de Manuel Seixas). Ao seu carón temos o Premio de Novela Longa Blanco-Amor (1ª convocatoria no 81) porfiando na necesidade da novela longa —considérase ben consolidado o relato— e nas primeiras edicións prefire o discurso de trasfondo alegórico-nacional. Entre a multitude, mencionemos o da Asociación de Críticos Españoles (1976), o da Crítica Española, o da Crítica de Galicia, o da Universidade de Santiago ou o Nacional de Literatura, ademais de O Barco de Vapor ou o Merlín. Prolixo, e pouco útil, sería enumeralos todos, de tanto como foi aproveitada esta práctica.

Especial transcendencia ten a incorporación de escritores iniciados no discurso poético, que reafirma a preeminencia desta praxe. D. X. Cabana, Manuel Forcadela, Henrique Rabunhal , Román Raña, Xosé C. Caneiro , Fernández Naval , Ramón Caride , X. Mª Álvarez Cáccamo ou Claudio Rodríguez Fer ilustran e confirman o novo status da narrativa dentro dos xéneros literarios. O ascenso imparábel da prosa arrástraos na mesma medida en que a perda de posicións da poesía é cada vez máis evidente desde finais da década dos 70, chegando a ser presencia editorial case testemuñal, do que se está a recuperar.

Nun mundo tradicionalmente poboado por nomes masculinos faise notar o incremento de presencia feminina. Nomes como Fina Casalderrey , Mª Xosé Queizán , M. Ledo Andión, Úrsula Heinze, Marilar Aleixandre , Helena Villar , Xosefa Goldar, Carme Panero, Mª Teresa Otero Sande, Gloria Sánchez , Mª Victoria Moreno ou Cristina Frasié son habituais nas librarías galegas e evitan que o feminino sexa só agradábel anécdota. A sensibilidade da muller ábrese camiño en virtude da calidade da súa escrita, minimizando os casos onde máis pesa a ideoloxía feminista.

Cun futuro aínda moi incerto, déixanos Otero Pedrayo no 1976. Logo, pouco a pouco, irán desaparecendo os clásicos que aínda estaban entre nós: no 79, Blanco-Amor e Celso Emilio Ferreiro ; no 81, Álvaro Cunqueiro e Dieste . Sen embargo, aínda tiveron tempo para conviviren cunha nova fornada de escritores aos que hoxe lles acae o cualificativo de clásicos, en premio á calidade da súa obra e salvando as distancias temporais ordinarias. É o caso de Méndez Ferrín, Rodríguez Mourullo, Camilo Gonsar , Carlos Casares, Neira Vilas ou os demais membros da Nova Narrativa Galega (NNG). Narradores máis novos (os Paco Martín, Darío Xohán Cabana ou Xoán Ignacio Taibo) recollen o seu alento mentres se dan a coñecer nomes hoxe moi actuais (Xavier Alcalá, Riveiro Loureiro, Fdez. Freixanes ou Martínez Oca) que comezan a publicar nos anos 70 e seguen en a ctivo ao carón de escritores que se presentan nos 80 ( Manuel Rivas , Suso e Xelís de Toro , Cid Cabido, Antón Risco, J.A.M. ou Álvarez Cáccamo), década en que falece Ánxel Fole (1986) e en que nos deixan os irmáns Álvarez Blázquez: Emilio (1988) e Xosé María (1985). Mentres, fórmanse os narradores dos 90 ( Jaureguízar , Aníbal C. Malvar, Xosé Miranda , Fran Alonso , Anxo Angueira , Xurxo Borrazás , Xurxo Souto ou Xavier Queipo), ano 90 en que falecen Carvalho Calero e R. Piñeiro .

A literatura infantil-xuvenil é un dos máis decididos animadores na ampliación xenérica da nosa narrartiva, ademais de ser lugar de inciación e banco de probas para moitos narradores de hoxe. Contribuíu tamén na animación á tradución. Nos últimos anos, os clásicos internacionais van podendo ser lidos en galego, pero o acceso á escrita de actualidade é moi difícil. Por outro lado, editoras foráneas como Argos-Vergara, Altea, Timún Más ou SM traducen os seus fondos de máis éxito. Porén, en bastantes ocasións vertéronse ao galego textos alleos desde a versión castelá. Pero onde se suscita a problemática máis fonda é nas traducións de galego para castelán. Que unha obra ou autor sexan traducidos é considerado síntoma de éxito, e, a cantas linguas máis, mellor. Evidentemente, que se traduza cada vez máis a literatura galega de calidade é moi bon, pero ningún libro é bon simplemente por ser obxecto de moitas traducións. Traducir para castelán só uns meses despois da publicación non indica que texto e autor, de innegábel calidade moitas veces, provoquen grao de expectación xustificador da celeridade na versión castelá. Pola contra, eses actos explícaos mellor a vontade autorial, e a estratexia editorial que quere aproveitar o impacto galego para promocionar o produto na versión traducida. Isto leva a unha progresiva ritualización da escrita en galego e témese a chegada da hora en que escribir en galego sexa anecdótico requisito moral. Trocar o destinatario común pola finalidade da tradución envilece o texto; a inmediatez do consumo masivo faille perder consistencia e confire grande brevidade ao impacto isocrónico. Ademais, a imaxe da literatura de orixe distorsiónase a ollos de lectores contemporáneos esporádicos ou pouco atentos a novidades editoriais, que achan unha realidade inestábel onde lles é difícil instalarse. Tal dinamismo é difícil de asimilar para un sistema literario de progresión lenta que habituou o lector a unha cadencia na canonización hoxe bruscamente superada. Lémbrese o perigo de que as edicións galegas, sempre menores ás castelás, fiquen perdidas en calquera andel mentres as novidosas traducións castelás ocupan lugar preferente nas librarías.

A nova situación política habilita un novo interlocutor como voceiro do interese popular: o político. O escritor perde a condición de espello reflector das inquedanzas sociais. Iso afecta fondamente no ámbito poético, que cuestionaba as formas en que se desenvolvía a poesía social. Poesía e poetas perden ascendencia social e o seu mundo tórnase universo pechado, tinxido de culturalismo, de difícil acceso ao lector común non militante. A narración vese como fórmula máis asequíbel e atractiva para un lector que Ile demostrará o seu aprecio ben pronto; nos oitenta só algúns nomes clásicos e emblemáticos son capaces de crear expectación e vendas comparábeis á narrativa. A mesma Xunta na Programación para lingua e literatura para BUP (1980) sitúa en primeiro lugar a narrativa; so é tanto o recoñecemento dun xénero aínda cativamente canonizado como unha manobra política para minusvalorizar a literatura galega, pobre no máis moderno; só o tempo e calidade dos narradores atemperarán a pretendida tentativa de automenosprezo.

Suso de Toro.

A publicación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego ,1982, por parte da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, co apoio decidido da Administración Autónoma, non terá toda a repercusión uniformadora desexada. A inexistencia de consenso coas demais forzas sociais e culturais propicia que sigan practicándose aínda hoxe outras fórmulas menos castelalizantes. Isto trae consigo a marxinaidade na difusión das obras de autores militantes en idearios lingüísticos diferentes do oficial, que terán cada vez máis problemas á hora de acceder a un lectorado onde a Xunta de Galiza promove a "súa" normativa. É tamén moi polémica a obsesión por normativizar segundo as Normas aqueles discursos anteriores ao 82, disfrazando unha lingua orixinal da que se fai complicada a verificación por parte do lector común.

IMAXES