A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
Contexto cultural

Desde os anos oitenta aparece unha nova interpretación da cultura, animada por ideas e tendencias activas polo menos ata o umbral dos anos noventa. Quizá houbo dúas que en sí mesmas expresan o espírito desa época. Unha delas estivo marcada polo debate entre tradición e modernidade; a outra, o intento de facer en Galiza determinadas artes, cinema, arquitectura, un risco cultural e económico que converte o artista en aventureiro suicida (esta idea aparece subliñada por diferentes críticos, sobre todo a través da revista Luzes de Galiza ,que se converte en foro de opinión e discusión sobre todas as tendencias estéticas deses anos).

Xavier Seoane.

Unha desas tendencias estéticas foi inspirada por unha liña xa existente na nosa cultura, recreada máis unha vez. Referímonos ao atlantismo contemplado de xeito innovador desde a visión próxima a Vicente Risco e os autores da súa época, reformulación do celtismo decimonónico. Esta tomada de contacto estética será admitida, e non a penas polos novos poetas, senón tamén polos artistas plásticos dos oitenta. Xosé Antón Castro ( Luzes de Galiza ,nº 2) mostra preocupación por un discurso occidental/galego, na persistencia dun discurso cultural a través da historia, o West Greenwich e os seus creadores: a lírica medieval, o bardismo, Pessoa, O. Wilde, Joyce, os románticos, etc. Tamén do telurismo e o expresionismo.

Os anos 80 promoveron opinións encontradas sobre o carácter que deba ter a nosa cultura. Apóstase en determinados casos por unha cultura universal, apolítica, urbana, desde a defensa dunha industria cultural galega cun mercado interno, que debe coexistir cunha necesaria financiación, un espazo audiovisual propio e a presenza nos circuítos internacionais de intercambio como único medio viábel cara a independencia cultural de Galiza.

Aliás, un afán de renovación en todas as artes. Ese espírito eclosivo manifestouse nas novas experiencias artísticas do cinema, da música, da moda, da pintura ou do vídeo. A cultura galega pasou dunha histórica posición de resistencia a unha posición de expectativa vangardista.

No prólogo de A cultura e a creatividade galegas cara ao ano 2000 (A Coruña, 1995) o poeta X. Seoane mostra unha evidente preocupación polo futuro da cultura, no contexto do tempo actual. Esta preocupación evidénciase na cuestión sobre a sobrevivencia da cultura galega como cultura viva, aberta á cultura e ao pensamento europeo e universal, deixando o tópico da insularidade e da fronteira, ou como unha sorte de reserva etnográfica e folclórica. Nesa mesma obra, X. Antón Castro di que no presente xa non ten sentido falarmos da Galiza artística, "sendo imposible entrever unha Galicia diferente de Europa, se nos movemos no ámbito artístico. Só podemos descreber un proceso inscrito na Europa recente". Castro remata perguntándose se ten sentido falarmos dunha arte galega, como concepto estético, xa que a arte galega desde os 80 non é diferente da de calquer país inscrito nos circuítos internacionais. O Transculturismo, como categoría universal, non permite xa falarmos de límites.

Canto á sociedade literaria, aparece un novo estatuto do escritor, especialmente a partir da década dos 80, determinado pola nova cultura do libro, coa transformación do mundo editorial, a aparición do best-seller, a industria do libro de texto, os premios literarios e unha maior incidencia social.

IMAXES