A Etapa Contemporánea (S. XX)
O vangardismo: Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro
Contexto histórico e cultural

O primeiro tercio do século XX é un período caracterizado, desde o punto de vista histórico, por grandes tensións centradas especialmente nos enfrontamentos entre as potencias europeas. É o momento no que a política imperialista, iniciada no século XIX, conducirá inexorabelmente á Grande Guerra (1914-1918), na que Europa se donverte nun inmenso campo de batalla.

Manuel Antonio.

Simultaneamente, en Rusia a victoria dos soviets na Revolución de Outubro (1917) suporá un cambio nas estructuras socio-económicas e políticas e creará no proletariado europeo unha esperanza de triunfo.

O final da I Guerra Mundial, cos estados aliados como gañadores e coa presencia de Estados Unidos na escena internacional cada vez con maior intensidade, abrirá unha nova época. A falta de visión de futuro dos vencedores, claramente reflectida no Tratado de Versalles, levou a impoñer aos vencidos, e moi particularmente a Alemaña, unhas condicións de tal dureza que, xa no mesmo momento do seu establecemento, aparecían como dificilmente viábeis.

A prosperidade dos anos 20 vaise ver bruscamente interrompida pola crise económica que sucederá ao grande desastre da bolsa de Wall Street (1929). Paro e recesión económica xeneralizada marcarán os anos 30.

Todo un cúmulo de circunstancias (condicións impostas aos vencidos, situación económica, etc.) favorecerá o xurdimento, no período de entre-guerras, dos sistemas totalitarios, fascismo e nacismo, que marcarán o discorrer dos acontecementos previos á II Guerra Mundial.

No ámbito cultural, nesta época de transformacións, tensións sociais e progreso científico e tecnolóxico, o desexo de modernidade e de substituír vellas superestructuras desembocará na aparición das vangardas artísticas.

 

Durante a segunda metade do século XIX, o realismo e o naturalismo ofrecían uns esquemas literarios que eran válidos para a novela e o teatro pero non para a poesía, que continuaba fiel á estética romántica. Por outra parte, a inspiración e a natureza romántica orixinara co paso do tempo unha linguaxe fácil e denotativa. Comeza, entón, unha fase de renovación na literatura, especialmente na poesía, que pasará por diversas etapas, como o parnasianismo e o decadentismo, para concluir no simbolismo, que introduce o concepto de "poesía pura", a poesía que ten valor en si mesma sen necesidade de recorrer ao seu significado. Nesta época destacan Baudelaire, Rimbaud, Verlaine e Mallarmé. A comezos do século XX radicalizaranse os postulados simbolistas e desembocarán no postsimbolismo. A poesía aumenta a súa dificultade e o seu hermetismo, mentres que a linguaxe é sometida a un proceso de elaboración intelectual para conseguir un valor absoluto da palabra. Estes precedentes serán fundamentais para a completa revolución que se dará na literatura da época das vangardas.

Paul Verlaine fotografado por Cornac

O termo vangarda pertence ao campo militar e con el desígnase a parte do exército máis adiantada, a que está en fronte do inimigo, polo tanto a que adopta unha primeira posición na loita. No plano artístico referirase á liña máis avanzada no terreo da creación, isto é, o movemento que pretende introducir nas artes plásticas, na literatura e na música novas maneiras de composición e estructuración das súas obras, que substitúan as tendencias anteriores por seren anticuadas e obsoletas. Xa que logo, o principal elemento definidor da vangarda será a súa oposición aos valores e tendencias vixentes, de aí o seu carácter provocador. As súas propostas son completamente revolucionarias e entran en aberta confrontación cos canons aceptados e asimilados nunha determinada época.

Xorden, así, diversas correntes vangardistas, coñecidas co nome de ismos, como o cubismo, o futurismo, o dadaísmo, o expresionismo, o imaxinismo, o superrealismo, etc. A pesar de que cada ismo formula as súas propias propostas, ás veces con marcadas características locais (ultraísmo en España e modernismo en Brasil, por exemplo), é posíbel encontrar algúns denominadores comúns a todos eles:

  1. A loita contra as tradicións, que no futurismo e en dada (o nome deste movemento suízo foi escollido ao chou no diccionario) foi completaMente radical.
  2. O irracionalismo nalgúns casos e, noutros, o antirracionalismo contra a tradición cartesiana, a busca dunha expresión libre co predominio da inventiva e a experimentación.

Este carácter experimental, común a todos os ismos, pretende adaptar os medios de expresión ás novas realidades do seu tempo, mesmo se empeñan na modificación desas realidades. Aínda que a vangarda, realmente, presenta como aspecto máis chamativo a radicalidade dos seus novos procesos formais, debemos, tamén, salientar que vai moito máis alá. Proponse unha nova concepción do mundo, isto implica unha transformación dos valores estéticos e dos valores en xeral; polo tanto, ataca os fundamentos do sistema social. Por iso, un dos trazos básicos da arte de vangarda é a confrontación co ambiente social.

Cada ismo utiliza un medio de expresión, o manifesto, para dar a coñecer ao público os principios fundamentais nos que se basca o movemento. En 1909 sae á luz o Manifesto do futurismo asinado por Filippo Tommaso Marinetti e publicado no xornal parisino Le Figaro. O futurismo italiano, capitaneado por Marinetti, é, cronoloxicamente, o primeiro grupo de vangarda europeo. Como o seu nome indica, este ismo exalta e rende culto ao moderno, ao presente, á civilización industrial, á forza, á velocidade, ás máquinas, aos primeiros aeroplanos, á guerra, á violencia, ao espirito de conquista, desprezando as tradicións morais e literarias. Desde o punto de vista estético e literario, o futurismo aspira ao inmediato. Rexeita a poética tradicional e proclama unha técnica nova, na que ritmos e palabras, en absoluta liberdade sintáctica, comuniquen ao lector un novo sentido da vida, como liberdade, enerxía... A guerra, a loita e a violencia son aceptadas como única hixiene posíbel no mundo, asemade aparece un desprezo absoluto pola mullen. Todo este ideario levará a Marinetti á colaboración co fascismo italiano; sendo, máis ou menos, o escritor oficial do réxime. Estas ideas xa se deixan ver claramente no manifesto de 1909:

Afirmamos que o esplendor do mundo se enriquece cunha beleza nova: a beleza da velocidade. Un automóbil de carreiras co seu capó adornado de grosos tubos semellantes a serpentes de alento explosivo... un automóbil bruante que parece correr sobre a metralla, é máis belo que a Victoria de Samotracia. (...) Xa non hai beleza se non é na loita. Ningunha obra que non teña carácter agresivo pode ser unha obra mestra. A poesía debe concibirse como un asalto violento contra as forzas descoñecidas, para obrigalas a axeonllarse diante do home. (...) Queremos glorificar a guerra -única hixiene do mundo-, o militarismo, o patriotismo, o xesto destructor dos anarquistas, as fermosas ideas que matan e o desprezo á muller.

Queremos destruír os museos, as bibliotecas, as academias de toda caste e combaten o moralismo, o feminismo e todas as covardías oportunistas e utilitarias.

(González Gómez, X.: 1995: 33)

O futurismo espallarase por diversos países e terá un importante desenvolvemento en Rusia, pero o futurismo ruso constitúe un fenómeno moito máis complexo que o italiano porque na súa formación interveñen influencias moi diversas. Como resultado desta diversidade temos que o futurismo ruso non se alza como un único movemento, senón en diversos grupos. Tamén se opoñen á tradición anterior, ao realismo ruso do século XIX, no que destacan figuras tan importantes como Dostoievski, Tolstoi e Pushkin. É especialmente salientábel a conexión que se establece entre os pintores e os poetas, moito máis profunda que en calquera outro ismo. Moitos dos pintores de vangarda do momento (Kandinskii, Malevich, Olga Rozanova...) escribiron poesía e moitos poetas (Sergei Bobrov, Khlebnikov, Kruchenych, Maiakovskii...) foron excelentes artistas.

Óvalo nº 2 , obra de Kandinski, datada en 1925

Unha das influencias máis importantes no vangardismo ruso é o impacto causado polo futurismo italiano, do que adoptarán moitos dos seus eslogans mais daranlles unha interpretación diferente. Concordan cos italianos en que non se pode volver a unha arte con orientación rural, como no pasado, pero os rusos expresan un menor entusiasmo pola cidade. Ademais, a postura agresiva de Marinetti, que o leva cara á militarización e ao fascismo, será totalmente contraria á dos rusos, inclinados cara ao pacifismo, ao anarquismo e, a maioría deles, serán favorábeis á Revolución Bolchevique.

Entre os diversos grupos futuristas rusos destacan os ego-futuristas e os cubo-futuristas. Os primeiros insistían no egoísmo como virtude e o seu representante máis importante era Igor Severyanin, os segundos estaban profundamente influenciados polo cubismo e constituían o grupo máis amplo, de feito esta denominación utilízase frecuentemente para se referir a todo o movemento futurista ruso. A orixe dos cubo-futuristas data de 1908, cando David Burliuk coñece a Nikolai Kulbin e a Vasilii Kamenskii en San Petersburgo e comezan a traballar e publicar en diferentes revistas con pintores e escritores vangardistas. En 1911 Burliuk coñece a tres poetas que se van adherir ao grupo, son Vladimir Maiakovskii, Benedikt Livshits e Aleksei Kruchenych. En 1913 vanse declarar os únicos futuristas do mundo, negando calquera conexión co futurismo italiano, aínda que os distintos manifestos que publican revelan esa familiaridade.

A vangarda portuguesa tamén vai estar influenciada polo futurismo italiano, aínda que con notábeis diferencias. O movemento vangardista en Portugal recibe o nome de modernismo e é emprendido pola xeración de Fernando Pessoa, Mário de Sá-Carneiro e, o tamén pintor, José de Almada-Negreiros. Este grupo modernista constitúese en Lisboa no ano 1913. Pessoa e Sá-Carneiro tiñan colaborado en A Águia , órgano do saudosismo, mais agora ían opoñerse a este porque desexaban darlle ao ambiente literario portugués o ton europeo que lle faltaba á poesía saudosista. En 1914 Almada-Negreiros, Pessoa, Sá-Carneiro e Santa-Rita Pintor, adepto do futurismo, facían seu o proxecto que Luís da Silva Ramos acababa de traer do Brasil: o lanzamento dunha revista luso-brasileira, Orpheu ,que se converte no órgano deste movemento artístico intencionadamente esotérico e provocador. Desta revista saíron dous números (os únicos publicados) en 1915 e con ela conseguen o obxectivo proposto, escandalizar, mais a empresa non pode continuar por motivos económicos. O suicidio de Sá-Carneiro, en 1916, priva ao grupo dun dos seus grandes valores. A xeración modernista continúa manifestándose en publicacións individuais ou colectivas a través doutras revistas, como Exílio (cun único número en 1916), Centauro (1916) e Portugal Futurista (1917). Teñen conexións co futurismo porque non lle dan as costas á vida moderna e cantan á civilización mecánica, pero tanto Pessoa como Almada-Negreiros se liberan moi cedo do futurismo de escola realizándose con independencia.

En Calatuña o movemento futurista tamén deixará as súas pegadas nunha etapa que se vai desenvolver entre os anos 1916 e 1924 coa publicación de diversas revistas como Trossos , Un Enemic del Poble , Arc Voltaic , etc. e manifestos como Sóc jo, que parlo als joves , El concepte de poeta e Contra els poetas amb minúscula, os tres de Joan Salvat-Papasseit. A pesar destas publicacións e das diversas exposicións, conferencias e tertulias non se conseguiu a forza suficiente como para poder crear un estado de opinión por mor da falta de homoxeneidade do grupo e o individualismo derivado diso, ademais da confusión sobre o concepto de vangarda, as súas pretensións e os camiños que había que seguir para que sobrevivise. Outro feito importante, neste sentido, é a morte prematura de Salvat-Papasseit en 1924.

A diferencia doutros ismos, o movemento dada non empezou por lanzar ningún manifesto programático. A palabra dada foi utilizada por primeira vez nunha publicación chamada Cabaret Voltaire ,aparecida en Zúrich en 1916, homónima do cabaré que o escritor alemán Hugo Ball e a súa compañeira Emmy Hennings, cantora e poeta, fundaran naquela cidade no mesmo ano. O cabaré estaba á disposición de escritores e artistas plásticos, vangardistas de diferentes nacionalidades (Tristan Tzara, Richard Huelsenbeck, Kurt Schwitters, Hans Arp, Sophie Táuber, Marcel Janco...) que presentaban ao público diversas propostas artísticas extremadamente radicais en actos que serían precursores dos happenings de máis de medio século despois. Unha das manifestacións máis chamativas e provocadoras de dada é a que ten lugar en Colonia, na cervexaría Winter, en 1920. Entregaban un martelo a todos os visitantes para que destruísen as obras que non eran do seu agrado, ao mesmo tempo unha moza vestida de primeira comuñón recitaba poemas pornográficos. A mostra foi pechada pola policía, volvendo a abrir posteriormente.

O dadaísmo é un movemento puramente nihilista, destructor, antirracional e demoledor. Pretende a negación total da arte e da literatura e a súa protesta dirixíase, fundamentalmente, contra moitos dos aspectos da vida moderna. No Manifesto Dada 1918 de Tristan Tzara afírmase:

Sobre unha palabra non se constrúe a sensibilidade; toda construcción converxe na perfección que aborrece, idea estancada dun pantano dourado, relativo producto humano. A obra de arte non debe ser a beleza en si mesma, pois está morta; nin alegre nin triste, nin clara nin escura, alegrar ou maltratar as individualidades servíndolles pasteis de aureolas santas ou as suores dunha corrida encurvada a través das atmosferas. Unha obra de arte nunca é bela, por decreto, obxectivamente, para todos. A crítica é, xa que logo, inútil, só existe subxectivamente, para cadaquén, e sen o menor carácter de xeneralidade.

(González Gómez, X.: 1995: 75)

O nacemento do superrealismo pódese datar en 1924, no período de entreguerras, coa publicación por parte de André Breton do Manifesto do superrealismo.

Retrato de Fernando Pessoa, por Almada Negreiros.

Este termo foi usado por primeira vez por Guillaume Apollinaire en 1912 para se referir a unha arte que sobrepasaba as apariencias, no sentido de fidelidade ao real. Os superrealistas apropiáronse da palabra, mais cambiando o significado. O propio André Breton dá a seguinte definición no manifesto de 1924:

SURREALISMO, s. m. Automatismo psíquico puro polo cal nos propomos expresar, sexa verbalmente, sexa por escrito, sexa mediante calquera outra maneira, o funcionamento real do pensamento. Dictado do pensamento en ausencia de todo control exercido pola razón, fóra de toda preocupación estética ou moral.

(González Gómez, X.: 1995: 140)

Como podemos comprobar por estas palabras, as ideas de Sigmund Freud influíron no pensamento destes homes (André Breton, Philippe Soupault, Louis Aragon, Paul Éluard, Benjamin Péret...), de tal maneira que se pode citar o automatismo psíquico, capaz de rexistrar o mecanismo real do pensamento, sen ataduras de ningún tipo, como a primeira característica do superrealismo. Xa que logo, o método típico deste movemento será a "escritura automática", sen tachar, sen corrixir, sen rectificar e sen aplicar a intelixencia crítica. Este tipo de escritura non se usou como mero experimento, senón con intención clara de lle dar un uso literario, para obter poemas "puros", poemas do subconsciente.

Por orde cronolóxica o cubismo é a primeira vangarda artística en aparecer, o seu punto de partida data de 1907, ano en que Picasso pinta As señoritas de Avignon. Desde 1909 fórmanse os primeiros grupos cubistas, pero nunca expresaron os seus postulados a través dun manif esto. A característica principal do cubismo, movemento esencialmente pictórico que, no plano literario, dá paso ao creacionismo, é a organización do espacio con base a unha trama xeométrica que nega a convencional profundidade e tende a resaltar a idea de simultaneidade. Este ismo representa unha ruptura clara e definitiva coa pintura tradicional, porque desaparece a perspectiva e se introduce a visión simultánea de varias configuracións dun obxecto, que pode ser visto de fronte e de canto; isto leva á desaparición do punto de vista único e a referencia a un espacio fixo e inmutábel.

En Alemaña desenvólvese unha importante corrente vangardista que recibe o nome de expresionismo e que exercerá unha influencia considerábel nos países escandinavos. O expresionismo abarca todas as áreas da vida intelectual pero realizarase especialmente no teatro. A principal característica do teatro expresionista é a externalización do interior do individuo, isto é, mostrar a súa psicoloxía. Os expresionistas estaban decididos a romper co pasado, non se sentían atraídos polo signo que estaba tomando o desenvolvemento da sociedade, opoñíanse á tecnoloxía e ao militarismo, todo isto fai que se volvan cara aos aspectos espirituais do ser humano, cara á busca das esencias. As orixes do teatro expresionista hai que buscalas nas obras de August Strindberg e Frank Wedekind, que serán o punto de partida de dramaturgos expresionistas como Carl Sternheim, Ernst Toller, Fritz Von Unruh, Georg Kaiser ou Walter Hasenclever, entre outros.

As vangardas artísticas espalláronse por toda Europa durante esta época dando lugar a múltiples e variadas correntes. Fixemos referencia anteriormente a algunhas destas correntes porque consideramos que son os ismos fundamentais deste novo xeito de entender a arte, ademais de nos ofreceren unha visión xeral da importancia e significación deste tipo de movementos, o resto dos ismos son variacións que nacen a partir deles.

IMAXES