A Etapa Contemporánea (S. XX)
Un momento crucial: Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro
Contexto histórico e cultural

A sublevación fascista contra a República no ano 1936, e o seu posterior triunfo, supón un brusco corte no normal desenvolvemento de recuperación da cultura galega e da toma de conciencia nacional. Todos os logros acadados pola fervente actividade política e cultural levada a cabo polo nacionalismo de preguerra veranse totalmente interrompidos e paralizados. O panorama non pode ser máis desolador: fusilamentos, asasinatos, "paseos", represión, exilio, miseria, medo, etc. marcarán o comezo dunha longa e tráxica etapa na historia máis recente de Galiza.

Celso Emilio Ferreiro.

Perante esta nova situación, a actitude dos intelectuais e artistas comprometidos ideolóxica e politicamente con Galiza vai ser diferente. Algúns optarán polo silencio e a non colaboración co réxime franquista, como Ramón Otero Pedrayo , outros, apoiarán publicamente o novo estado, como Vicente Risco , mentres que unha grande maioría se ve obrigada a tomar o camiño do exilio. Por outra parte, non debemos esquecer a desgracia que acompañou unha grande cantidade de galeguistas ao seren asasinados durante este período, homes como Víctor Casas, Alexandre Bóveda, Ánxel Casal, etc. Latinoamérica será o destino principal dos exiliados; países como Arxentina, Uruguai, Cuba, México ou Venezuela recibirán un grande número de galeguistas que comezarán axiña un traballo de enorme valor a prol do noso país e da nosa cultura. Cómpre salientar que neste entusiasta activismo político e cultural no exilio sobresae o labor dunha figura central e fundamental, Daniel Rodríguez Castelao . Tampouco debemos esquecer as numerosísimas manifestacións culturais levadas a cabo no exilio: creación de editoriais, revistas e xornais, exposicións de libros, conferencias, teatro, audicións de radio, etc. Neste sentido cabe resaltar o importante papel desempeñado por Luís Seoane , que dirixirá a partir de 1939, e aproximadamente durante vinte anos, a revista Galicia do Centro Gallego de Bos Aires, e participará na creación de diversas editoriais que manterán viva a cultura galega.

Posteriormente, xa nos anos sesenta aparecerá unha nova concepción do nacionalismo e da loita política enfrontada ao labor culturalista que se viña mantendo desde a máis inmediata posguerra. Xorden, así, dous partidos de ámbito exclusivamente galego e de ideoloxía marxista o primeiro e marxista-leninista o segundo: o PSG (Partido Socialista Galego), fundado oficialmente en 1965 e a UPG (Unión do Povo Galego), fundada un 25 de xullo de 1964. Celso Emilio Ferreiro vincularase á UPG desde os seus inicios mais comezará a distanciarse deste partido ao pouco tempo, especialmente a partir do seu regreso de América.

O nacemento deste novo nacionalismo, que pretende dar continuidade histórica ao nacionalismo máis avanzado que se desenvolvía no exterior e que, agora, incorpora á súa ideoloxía o marxismo, coincide coa creación de diferentes asociacións culturais de talante progresista e nacionalista dedicadas á recuperación da nosa cultura. O labor desenvolvido a través destas asociacións foi importantísimo para a recuperación da nosa memoria histórica porque funcionaron como centros de debate sobre os variados problemas que afectaban a Galiza e nelas confluían tendencias ideolóxicas e políticas diversas. As primeiras destas asociacións foron O Galo , fundada en Santiago de Compostela en 1961, e o Facho , creada na Coruña en 1963.

Mentres que Galiza comezaba na posguerra un dos peores períodos da súa historia, en Europa a invasión de Polonia por parte do exército alemán abría as portas a un terríbel conflito bélico que en pouco tempo adquiriría o cualificativo de mundial, superando o ámbito espacial da Grande Guerra (1914-1918), moito máis centrada en Europa.

A II Guerra Mundial creara expectativas de cambio para os exiliados galegos e españois e para todas aquelas persoas que estaban padecendo as consecuencias da ditadura franquista en cárceres ou campos de trahallo. A confianza en que un triunfo dos aliados levaría consigo a restauración da legalidade republicana pronto comezou a desaparecer porque as potencias gañadoras non estaban dispostas a intervir en España.

Esta guerra puxera de manifesto, como todas as guerras, a crueldade e a irracionalidade a que pode chegar o ser humano, pero quizais nesta II Guerra Mundial se alcanzaron extremos ata o momento non imaxinados; campos de concentración e exterminio levaron a centos de miles de seres humanos á morte.

Celso Emilio falando nun acto en Buenos Aires, en presenza de Antón Alonso Ríos e de Virxinia Pereira, viúva de Castelao.

A consecuencia de maior repercusión da II Guerra Mundial foi o dominio da escena internacional por parte da Unión Soviética e dos EE.UU., que pasarían a dominar e a exercer unha influencia extraordinaria sobre os asuntos mundiais, desprazando en termos xerais a Europa Occidental, especialmente a Gran Bretaña e Francia. Xa con anterioridade ao remate da guerra as potencias aliadas, diante da seguridade do seu triunfo, empezan a preparar a paz, estabelecéndose áreas de influencia, as conferencias de Ialta e Potsdam, celebradas en 1945, así o confirman. Pero, aínda non tres anos despois destas datas, as alianzas da guerra estaban transformadas en tensións, como claramente se puxo de manifesto en 1948 co bloqueo de Berlín, empezando o que se habería de denominar a Guerra Fría. Esa permanente presencia de estadounidenses e soviéticos na política internacional enmarcará a dinámica histórica entre 1948 e 1989, denominándose eses anos como época da Guerra Fría porque durante ese período as relacións internacionais estiveron caracterizadas polo enfrontamento e a hostilidade entre as dúas grandes potencias. Mais non se trata dun enfrontamento directo senón indirecto, coa constante aparición dos dous Estados en posicións completamente distintas en conflitos locais en determinadas áreas. En Europa esta situación quedaría reflectida na denominada Cortina de Ferro que separaba as potencias demoliberais occidentais próximas aos Estados Unidos dos estados de corte comunista baixo a órbita da Unión Soviética. OTAN e Pacto de Varsovia son consecuencia desa bipolarización que caracterizará Europa e o resto do mundo durante estes anos. Mais a confrontación vai máis alá do ámbito europeo: Corea, Vietnam, Cuba ou o continente africano conforman espacios nos que estarán presentes as dúas superpotencias.

Paralelamente á bipolariación da Guerra Fría, e por causa dela, a produción e investigación en armamento intensificarase, dando lugar ao que se deu en chamar "a carreira armamentística", proceso en que cada superpotencia trataba de superar a outra no seu potencial bélico, especialmente canto ao arsenal atómico. Esta produción masiva de armamento "disuasor" levou a que por medio de tratados procuraran limitar un armamento que podería servir para facer desaparecer a terra varias veces.

A situación derivada da II Guerra Mundial, e a propia guerra desde logo, non aportaban argumentos para o optimismo, pero a Europa occidental de posguerra irá rexurdindo da devastación, moi especialmente coa axuda dos EE.UU. a través do plano Marshall que selaría a confrontación a nivel mundial durante varias décadas.

A ONU supuxo un intento de evitar situacións como as acontecidas antes de 1945; como herdeira da Sociedade de Nacións buscaba solucións pacíficas aos conflitos pero, en grande medida, reflectía a nova orde estabelecida despois da II Guerra Mundial, porque moitas das súas solucións respondían aos intereses en xogo das grandes potencias.

Nos anos sesenta un dos fenómenos máis importantes é a descolonización, proceso mediante o cal os territorios sometidos á dominación colonial acadan a súa independencia política. Sen embargo, desde o punto de vista económico a maioría destes novos estados, de fronteiras as máis das veces artificiais, seguiron e seguen dependendo das súas metrópoles.

Todo este ambiente de conflito, enfrontamento e guerra que vivirá Celso Emilio en profundidade marcarao definitivamente durante toda a súa vida. O celanovés non poderá pechar os ollos ante todas as atrocidades e inxustizas de que é testemuña, de aí que reflicta nos seus poemarios todo este mundo e que pase a adoptar unha actitude sinaladamente antifascista e antibelicista. As súas preocupacións políticas e sociais darán comezo nunha etapa moi temperá; na súa casa respirábase un ambiente galeguista, o seu pai militaba nas Irmandades da Fala e era un grande amigo de Lois Porteiro Garea. Sendo novo toma contacto con importantes intelectuais galeguistas como Vicente Risco, Florentino López Cuevillas ou Ramón Otero Pedrayo. Será fundador, xunto co seu amigo Xosé Velo Mosquera, das Mocidades Galeguistas do distrito de Celanova. Non abandonará este tipo de preocupacións políticas e sociais ao longo da súa vida, aínda que a súa andaina política o levará de posicionamentos nacionalistas, non esquezamos a súa vinculación coa UPG, á defensa doutras opcións, pois presentouse como candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega no ano 1977.

Non se pode afirmar, en contra do que se viña pensando, que o galego se deixou de cultivar a nivel literario a partir da Guerra Civil. Existen algúns libros publicados en galego, outros nos que aparecen algunhas composicións en galego e, finalmente, algunhas reedicións de obras de autores como Rosalía , Curros Enríquez ou Noriega Varela . De todos os xeitos, trátase de obras de escasa importancia enmarcadas nunha liña folclórica e ruralista. Pódese considerar Cómaros verdes (1947) de Aquilino Iglesia Alvariño como o primeiro libro de importancia publicado despois da Guerra Civil.

Aquilino Iglesia Alvariño de mozo.

Tamén durante a posguerra se editaron diversas revistas de carácter literario e cultural; referímonos a Númen (1944), Posío (1945), Alba (1948), Xistral (1948), Mensajes de poesía (1951), Aturuxo (1952), etc. Practicamente en todas elas hai destacados colaboradores galeguistas, tanto os que xa exerceran un importante papel na preguerra como os máis novos; sen embargo, o papel que se lle dá á lingua galega é, nalgúns casos, nulo, noutros só circunstancial e en moi raras ocasións serán bilingües. Moitos dos poetas galegos publicarán as súas composicións en castelán durante esta etapa. Celso Emilio Ferreiro participou nalgún destes proxectos, por exemplo como redactor-xefe da revista Finisterre (1943), exclusivamente dedicada a temas relacionados con Galiza, e como encargado da sección de crítica literaria da revista Sonata Gallega (1944). Mención especial merece o extraordinario labor realizado desde as páxinas do xornal compostelán La Noche ,que editará un suplemento literario entre o 15 de outubro de 1949 e o 28 de xaneiro de 1950; como sempre, os problemas coa censura, despois de publicar diversos artigos de homenaxe póstuma a Castelao, serían o motivo da súa clausura. A elaboración do suplemento corría a cargo de Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego ; entre os seus colaboradores figuraban Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro , Ramón Otero Pedrayo, Ánxel Fole , Ricardo Carballo Calero , Aquilino Iglesia Alvariño, Leandro Carré , Xesús Bal y Gay, etc.

A finais de 1948 ten lugar un acontecemento fundamental para a recuperación da poesía galega coa fundación da colección de poesía Benito Soto , sendo Celso Emilio Ferreiro o seu director literario e Sabino Torres o director de edicións. Publicábase poesía en castelán e, maioritariamente, en galego, por exemplo Dona de corpo delgado (1950) de Álvaro Cunqueiro, Anxo de terra (1950) de Ricardo Carballo Calero, Triscos (1950) de Luís Pimentel , Muiñeiro de Brétemas (1950) de Manuel María e Musa Alemá ( 1951 )de Celso Emilio Ferreiro e Antonio Blanco Freixeiro; neste último caso trátase dunha pequena antoloxía de poesía alemana (Friedrich Hölderlin, Rainer Maria Rilke, Franz Werfel, R. Dehmel, Agnes Miegel e Heinrich Heine) traducida ao galego por Antonio Blanco Freixeiro e recreada por Celso Emilio.

A editorial Bibliófilos Gallegos , creada en Santiago de Compostela en 1949, tamén contribuirá á recuperación da literatura galega. Inaugurouse coa publicación de Camiños no tempo (1949) de Ramón Cabanillas e en 1950 aparecerá a primeira novela galega da posguerra ao recibir o Premio Bibliófilos Gallegos A xente da Barreira (1950) de Ricardo Carballo Calero. Era esta a primeira vez que se convocaba un premio literario, neste caso de novela longa, ao que se podían presentar obras escritas en galego.

A partir de 1950 a cultura e a literatura galega experimentarán un grande pulo coa creación da Editorial Galaxia; desde 1948 xa se viña proxectando a posibilidade de creación dunha editorial. O galeguismo do interior pasará a estar só interesado na promoción dunha política cultural rexeneracionista con carácter legal que vai desembocar na creación de Galaxia. Inténtase prestixiar, espallar, europeizar e universalizar a cultura galega recollendo o legado da Xeración Nós , pero a perspectiva utilizada agora será máis cosmopolita e elitista. A literatura galega recibe un forte impulso porque se publican e reediptan obras de autores do século XIX e da Xeración Nós; ademais, por volta dos anos sesenta, saen á luz novas obras de Ramón Otero Pedrayo e a narrativa de Alvaro Cunqueiro. Para a promoción dos escritores galegos máis novos créase a colección " Illa Nova ", na que publicarán a maioría dos autores da nova narrativa galega. Desde Galaxia animábase especialmente a produción de ensaio, ocasionando isto grandes problemas coa censura. Entre diversos proxectos culturais levados a cabo por Galaxia está a Colección Grial, creada tamén en 1950, que serviría para unir e animar as novas xeracións. Grial iniciouse como unha especie de cadernos dos que só apareceron catro; os problemas coa censura fan que se teñan que deixar de publicar en 1952 e reaparecerán, bastante tempo despois, en 1963, co nome de Revista galega de cultura.

Non debemos deixar de mencionar o papel desempeñado pola editorial Xistral na recuperación da poesía galega. Entre 1952 e 1955 a editorial está asentada en Lugo e é dirixida por Anxel Johán, participando moi activamente Manuel María. Os títulos publicados foron seis, entre eles destacan: O paxaro na boca (1952) de Luz Pozo Garza , Poemas pendurados dun cabelo (1952)de Ricardo Carballo Calero, Intimas (1952) de Pura Vázquez e Da miña zanfona (1954) de Ramón Cabanillas.

Pura Vázquez.

O proceso de recuperación da poesía galega despois da Guerra Civil caracterízase pola súa lentitude e pola continuidade con respecto á etapa anterior. As uñas poéticas que se practicarán serán fundamentalmente as que xa se cultivaran na preguerra: o hilozoísmo, o neotrobadorismo , o neopopularismo, o paisaxismo, etc. Para unha maior profundización na análise da poesía galega de posguerra remitimos ao capítulo número 34 desta Historia da Literatura.

IMAXES