A Etapa Contemporánea (S. XX)
A obra de Xosé Luís Méndez Ferrín
Contexto histórico, político e cultural da posguerra

A Guerra Civil e as súas consecuencias abren un antes e un despois na historia de Galiza. Os seus efectos faranse notar en todos os campos: no social, no político, no económico, no linguístico e cultural. Xosé Luís Méndez Ferrín nace nesta época e, por tanto, tanto a súa biografía como a súa obra manifestarán unha serie de condicionantes e constantes xeracionais.

Xosé Luis Méndez Ferrín

No linguístico e cultural a represión é sobre todo en plena guerra e nos anos 40 practicamente absoluta: o uso público do galego é considerado como sospeitoso. O retroceso que iso supuxo no longo proceso de restauración e dignificación da nosa lingua e identidade que se fora articulando a través de todo o primeiro tercio deste século foi enorme. As cousas empezarán a cambiar aos poucos nos anos 50, cando o galeguismo culturalista apoiado por Galaxia e con figuras tan prominentes como Ramón Piñeiro comece a crear unha infraestructura cultural e novos cadros intelectuais entre a mocidade universitaria da época. Méndez Ferrín e moitas outras persoas da súa xeración fórmanse neste ambiente "piñeirista" contra o que acabarán reaccionando. É a irrupción dunha nova xeración de xente nova que reivindicará a loita cultural dentro dun marco máis amplo (e ademais de orientación revolucionaria) o que caracterice a cultura galega dos 60 e o que explique a significación de obras ferrinianas como Retorno a Tagen Ata .

Xosé Luís Méndez Ferrín, un escritor da súa época

En Ourense o 7 de Agosto de 1938 nace Xosé Luís Méndez Ferrín. A familia paterna procedía de Vilanova dos Infantes, e a familia materna de Ourense.

Retrato de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Vilanova como espazo da infancia e da adolescencia aparecerá reiteradamente na súa obra, véxase por exemplo a espléndida evocación de base autobiográfica deses veráns adolescentes no relato " Fría Hortensia ". De igual maneira que a Galiza real lle serviu a Ferrín como modelo para a construcción dese espazo imaxinario chamado Tagen Ata, foi coa súa terra nativa coa que construiu esa comarca á que chamará a Nosa Terra.

Fillo único e de familia pequeno burguesa, os seus primeiros anos transcorren en plena postguerra civil, na época da Segunda Guerra Mundial e no período de reconstrucción europea; toda esa infancia virá marcada pola represión e dominio absoluto do nacionalcatolicismo instaurado polo rexime franquista.

A familia Ferrín marcha a Pontevedra cando o pai é destinado xuíz desa cidade. Ali pasará o noso autor a etapa dos once aos dezasete anos. Será tamén alí onde se produza a súa conversión ao galeguismo, e onde principie a súa carreira literaria, ligada nel a un compromiso ideolóxico desde o primeiro momento.

Ferrín publicará as súas primeiras narracións con pseudónimo (Laín Feixóo) na revista pontevedresa Litoral , no ano 53.

Cando remata o bacharelato acode a Santiago a cursar Filosofía e Letras: alí coñecerá a persoas da súa xeración que, como Franco Grande , Beiras Torrado , Rodríguez Mourullo... acabarían desempeñando un papel destacado no mundo cultural e político galego. Desde Galaxia fomentáronse as carreiras literarias de algúns dos autores da chamada " Nova Narrativa ", facilitando a edición dos seus traballos nunha colección para novas promesas chamada "Illa Nova". Neste contexto hai que situar a publicación do primeiro libro de Ferrín, Percival e outras historias ,no ano 58 e dedicado a Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro, "mestres".

Estes son anos de formación para Ferrín, así como de labor intelectual intenso, colaborando co suplemento cultural La Noche en Santiago. No curso 55-56 levará un premio nas Festas Minervais co seu poema "Adeus", e no 57 con algúns compañeiros dará unha serie de charlas en galego (unha das primeiras veces en que se volve utilizar o noso idioma de maneira pública) no Círculo Mercantil en Compostela, ademais de editarse o seu primeiro libro de poemas, Voce na néboa ,na colección "Alba" de Vigo. No 58 Ferrín marcha para Madrid onde residirá tres anos e rematará os seus estudios de filoloxía.

Alá entra en contacto cun grupo de estudiantes galegos ( Bernardino Graña , Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Alexandre Cribeiro...) que constituirán o grupo Brais Pinto e protagonizarán algunhas iniciativas de carácter cultural, como a publicación dun volume de poemas de Otero Pedrayo ou a criación do movemento plástico A Gadaña.

Despois de acabar a carreira Ferrín residiu algún tempo en Oxford (cidade evocada no relato "Animal") e o contacto co ambiente cultural e obreiro inglés provocará a súa aproximación ao marxismo. Despois de voltar de Inglaterra casará, e dedicarase ao ensino no Colexio Fingoi de Lugo; fixo tamén nesta época unha excelente edición crítica de Pero Meogo.

Os anos 60 son cultural e politicamente decisivos, non só para el senón para toda a súa xeración. É o momento da revolución cubana, da independencia alxeriana, da descolonización de África, da guerra de liberación do Vietnam, dos movementos insurreccionais en toda América Latina.

O neno Xosé Luís Méndez Ferrín nunha rúa de Ourense, no 1944

A conversión ao marxismo e ao nacionalismo revolucionario non foi en Ferrín e en moitas persoas da súa xeración unha opción meramente intelectual, senón un auténtico compromiso absoluto, vivido a través dunha militancia total.

A Vigo marcha Ferrín no 66, un ano despois de gañar unha cátedra de Lingua e Literatura. Toda esta etapa de frenética actividade política e cultural parece provocar un certo afastamento da literatura e así entre Arrabaldo do Norde (1964), novela escrita ao estilo Nouveau Roman, e Retorno a Tagen Ata (1971) pasan seis anos. Ferrín pagou moi caro o seu labor de militancia nacionalista e revolucionaria: a fins do ano 67 detéñenno e ingresa na prisión da rúa do Príncipe durante un mes (a prisión onde está Amaury, protagonista de Bretaña, Esmeraldina ,ten o mesmo nome); durante o estado de excepción de 1969 volve a ser detido e requísanlle varias copias da súa novela Os corvos, a figueira e a fouce de ouro ; condénano a dous anos de cárcere que pasará nos presidios da Coruña e de El Dueso e no cárcere da Coruña escribirá Retorno a Tagen Ata.

Durante os anos 70 Ferrín publica dúas obras: un volume de relatos de política-ficción, Elipsis e outras sombras (1974), e a súa segunda novela, Antón e os inocentes ,que non sairá publicada, sen embargo, até o ano 76.

Ferrín, despois de saír do cárcere no 71 e dos sucesos de marzo do 72 que o obrigan a pasar varios meses na clandestinidade, xoga un importante papel na expansión do movemento nacionalista organizado en torno á Unión do Pobo Galego (U.P.G.). Ferrín será detido, aplicaranlle a Lei Antiterrorista e pasará tres meses no cárcere de Segovia.

A nivel literario, no ano 76 sae en Vigo un poemario de Ferrín que supón unha auténtica revolución na poesía galega: Con pólvora e magnolias ; nel hai unha clara superación do socialrealismo imperante na poesía, unha reivindicación do culturalismo e dos valores formais sen renunciar á denuncia e á reivindicación. É esta combinación de fórmulas estéticas de vangarda, formalmente moi elaboradas e alonxadas de calquera realismo, e de ideoloxía revolucionaria e propósitos de denuncia unha das principais características da obra narrativa e poética de Ferrín.

Despois de comezos dos oitenta, Ferrín desaparece do primeiro plano do escenario político e retoma de maneira decidida o labor literario: ademais de colaborar na revista independentista Espiral ,publica en 1980 un libro de poesía de temática política, Poesía enteira de Heriberto Bens ,(aínda que moitos dos poemas son bastante anteriores), dous libros de relatos como Crónica de nós (1980) e Amor de Artur (1982) e un libro de poemas, O fin dun canto ; o ano seguinte represéntase por todo o país con grandísimo éxito unha obra teatral satírica, Celtas sen filtro ,en colaboración co grupo vigués " Artello ".

Na Alameda de Compostela. Fotografados en 1957, aparecen Xulio Lousa, Méndez Ferrín, Manuel María, Franco Grande e Ramón Lorenzo.

No ano 84 Edicións Xerais edita De Pondal a Nononeyra ,un estudio da poesia galega do século XX baseada na sua tese de doutoramento, onde defende a importancia da obra pondaliana como base da poesía galega moderna. Do ano 85 foi a pequena novela Arnoia, Arnoia ; en 1987 publica a súa segunda novela, un denso e difícil relato de cárcere, Bretaña, Esmeraldina ,e en 1992 sae á luz Arraianos (1992), onde ás xeografías ferrinianas xa existentes engádeselles outra: o mundo limítrofe da raia seca galegoportuguesa.

Ferrín converteuse hoxe, debido ao recoñecemento da crítica e dos lectores e a pesar de ser considerado autor "difícil", nun auténtico clásico en vida. No ano 88 (por Bretaña, Esmeraldina )e no ano 92 (por Arraianos )concedéuselle o Prémio da Crítica, e o Pedrón de Ouro o 87. Anteriormente, en 1984, e nun xesto sartreano, rexeitara o premio Álvaro Cunqueiro, concedido pola Xunta de Galicia.

Ferrín, desde o seu prestixio indiscutíbel, pódese permitir xogar o papel de "enfant terrible", dicir cousas que noutra boca serían inconvenientes e nadar contracorrente. Representa tal vez como poucos o papel de escritor rebelde, polemista, comprometido en causas colectivas e á vez radicalmente individualista.

IMAXES