A Etapa Contemporánea (S. XX)
A poesía actual
Contexto político e cultural

Coa morte do ditador Franco e o esmorecemento do seu réxime político, comeza unha etapa política que coñecemos como Transición, en que a sociedade galega vai sufrir unha serie de cambios que a van facer ben diferente da anterior a 1975.

O galego e as leis. Aproximación sociolingüística,  obra de María do Pilar García Negro.

Desde a década dos 60, a transformación socioeconómica do mundo rural e o descenso da súa poboación, co paso aos núcleos urbanos, a emigración a Europa, a conflitividade cultural e lingüística, e as grandes mobilizacións sociais tanto no ámbito industrial como no agropecuario, son factores que van ocasionar, como dicíamos, cambios profundos no carácter da sociedade galega, que deixa de ser predominantemente rural e tradicional. A partir de 1975, as organizacións nacionalistas protagonizaron os principais conflitos sociais, centrándose logo na defensa dos sectores produtivos galegos e participando de forma activa na loita política institucional, desde o marco de autogoberno que proporciona o Estatuto de Autonomía .

Aprobado en 1980, logo dunha etapa preautonómica, o Estatuto proporciona a Galiza unhas institucións propias, aínda que vai pór en evidencia certa incapacidade lexislativa para abordar iniciativas sociais, económicas e políticas.

No Estatuto recoñécese por vez primeira na historia que o galego é a única lingua propia de Galiza, e a súa cooficialidade co español, o que non significa o deber de usalo, senón a penas o do seu coñecemento. O Decreto de Bilingüismo, de 1979, estabelece o ensino da lingua galega como materia obrigatoria. En 1982 estabeleceuse a normativa oficial para o galego, en acordo entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega ; ao ano seguinte aprobouse a polémica Lei de Normalización Lingüística, que pretende regulamentar o proceso normalizador do noso idioma, mais que non ten en conta as diferentes tendencias lingüísticas.

Malia estas iniciativas, a situación social do galego segue a ser deficiente, debido a factores determinantes como o seu mínimo emprego nos medios de comunicación, a situación no ensino e os problemas derivados da Lei de Normalización Lingüística. Por isto van aparecendo ao longo destes últimos anos determinadas entidades e colectivos desde o mundo do ensino e da cultura, como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (1978), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1980) ou a Mesa pola Normalización Lingüística (1986), que centran os seus esforzos na defensa da lingua galega e da súa cultura, á marxe dos organismos oficiais.

IMAXES