A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: Ramón Otero Pedrayo
Contos do camiño e da rúa

A publicación dos Contos do camiño e da rúa supuxo un fito dentro da historia da nosa literatura. Cando aparece este libro, chama a atención dos seus contemporáneos, pois as súas son unhas narracións que, no contexto da literatura galega daquel tempo resultaban moi orixinais. Nelas constatábase unha renovación formal e unha ampliación temática que contrastaban fortemente co tipo de relato, maioritariamente costumista e de ambiente rural, que se fixera ata entón (Carballo Calero, 1975).

Edición prima de  Contos do camiño e da rúa.

Nos seus relatos, Otero sintetiza as influencias que veñen desde o conto romántico ou gótico do XIX ao conto simbolista ou decadentista finisecular. Toda unha tradición culta que consagra a arte de contar historias breves, onde o final, importantísimo, ilumina todo o anterior. Mais tamén Otero escribe sobre unha tradición de contos galegos, ben do estilo dos cadros de costumes de Lamas Carvajal , ben das historias máis anovadoras de Álvarez de Nóvoa, sen esquecer, como non, o seu dominio da técnica do conto popular. Xa falaramos da importancia que na súa formación tiveron as historias escoitadas (por boca da súa familia ou dos labregos de Trasalba), de onde lle vén o gusto polo modo narrativo desordenado e fluínte, como na conversa. Mesmo, en moitas das súas novelas, introduce personaxes narradores que, en primeira persoa, relatan unha historia que posúe, en si mesma, todas as características dos contos populares (como por exemplo o señor Paio de O mesón ).

É este un libro fundamental aínda que pouco analizado na súa integridade. O autor preséntanos unha serie de contos agrupados baixo un título significativo en que xa se evidencia a oposición camiño/rúa, que é o mesmo que dicir o antagonismo entre a vida da aldea e a vida da vila (ou da súa variante, a cidade). Estes dous espazos, que son os que configuran a Galiza do tempo das narracións, non están tratados do memo xeito. A vila é presentada con caracteres negativos (ambiente ruín e sórdido en "A sirena" ou "O Pecado", o pazo da vila onde o fidalgo esmorece en "A criada", etc.) fronte á aldea, un espazo máis auténtico, dotado de marcas positivas. De todos os xeitos os cambios chegan tamén á aldea desencadeando a traxedia ("Medicina legal"). Nestes espazos móvense os personaxes que son, sobre todo, fidalgos e fidalgas, algúns labregos e o matrimonio burgués que protagoniza "O Pecado".

A nivel temporal as historias oscilan entre as que se desenvolven claramente no século XIX ("Doña Xohana e Don Guindo" ou " O fidalgo ") e as que, máis ben, parecen situarse nos primeiros anos deste século ("A sirena"). De todos os xeitos, vemos un mundo que, ameazado polas transformacións económicas, asiste aos cambios sociais debaténdose entre o afundimento ou a busca dunha solución, sendo as que se apuntan tan excesivamente utópicas e irreais que case resultan máis desacougantes. Otero retoma aquí o seu retrato da situación da fidalguía, tal vez con máis claridade e precisión que en ningún outro dos seus libros, pero, no fondo, sabendo que esa clase xa non ten unha saída como tal.

"A Sirena"

Este conto iníciase coa presentación dun fidalgo novo, D. Lionardo da Mirteira, preocupado pola situación da Galiza (simbolizada na vida da vila: monótona, rutinaria, vulgar...), mais sen forzas para modificala e facela progresar. Como os inadaptados, rexeita o mundo vilego que o rodea e encérrase nun altivo distanciamento.

Otero Pedrayo facendo gala das súas poderosas dotes de orador.

Unha noite volve á pensión cun vulto mollado entre os seus brazos. Por riba de calquera explicación lóxica, o pobo enteiro vai acreditar durante esa noite que quen está no cuarto co fidalgo é, realmente, a serea dos mares. "Todo il, sabía con gozo, misturado de medo, como a sirena estaba alí (...). E todo o pobo, griseiro, indifrente e servo, pasaba unhas maravillosas horas mitolóxicas, das que soilo se esprimentan algunha vez en moitos séculos, como si o mundo volvera a ser novo e falara o mar, as pedras i as aves".

O relato deu un salto e agora xa non estamos na vila vulgar senón no mundo do marabilloso lendario, aquel das lendas que configuran o universo colectivo de referentes e de símbolos que o pobo conserva como algo propio, intimamente vencellado á súa cultura. A chegada da serea desperta algo que estaba durmido nas conciencias na medida en que ela, coa súa presencia, evoca o pasado, a tradición case esquecida, a memoria ou a conciencia colectiva daquel pobo. E faino, provocando a ilusión tantas veces afogada pola dureza da realidade: ela, a serea namorada, representa o mar, ese elemento poderoso e mortal que, polo menos por unha vez, se ve submetido ante o poder superior do home. Ela é a protagonista desa noite de soños e desexos máxicos e, finalmente, a artífice da transformación moral da vila.

Mais coa chegada do día sábese que a tal serea era a muller do fidalgo, vinda do Norte de Europa nun barco. "Mil ollos asombrados procuraban a cauda e soilo atopaban o andar grave e firme do pes calzados de fortes botinas de “sport”". Con esta irónica descrición o narrador marca a volta á realidade e, a partir de aquí, cambia tamén o estatus narrativo da serea que agora xa non é un ser lendario senón, simplemente, unha fidalga máis, cunha importancia funcional limitada, colaboradora e sustentadora do seu home (como é habitual naquel personaxe-tipo da narrativa de Otero).

Don Lionardo é agora un home novo, preparado para abandonar o seu mundo de indefinicións e tomar un resolto papel á cabeza daquela sociedade. Como outros mozos que circulan pola obra oteriana (os Adrián Solovio, Xacobe Vilasantar ou, noutra época, Paio Soutelo), personifica esa imaxe da fidalguía ideal, intelixente e comprometida co seu país, que nada ten que ver con aqueloutra que, pola súa incapacidade e debilidade espiritual, non foi quen de dar unha resposta aos cambios que se produciran. Segundo Carballo Calero, este conto deseña un proxecto de rexeneración política para Galiza, sustentado na incorporación da modernidade e o europeísmo, mais, no fondo, este é, tamén, un proxecto de rexeneración utópica do grupo social que domina nas páxinas deste libro.

"Medicina legal"

O señor Venerando, un home cabal, fica abraiado cando ve os cimentos da casa que o seu cuñado está a construír á beira da estrada nova. É unha mostra do progresivo medre deste nos últimos tempos: "Agora estanqueiro, taberneiro, comerciante, alcalde, prestamista... Non, de eiquí a pouco toda a parroquia vai comer pola súa man".

Otero Pedrayo acenando nun seu discurso.

Con esta presentación dos personaxes esboza o autor os cambios económicos e sociais que se están a producir na aldea; estamos no momento en que a sociedade galega tradicional se encontra en pleno tránsito cara á modernidade e á integración nun sistema económico capitalista. Estas novas relacións económicas, baseadas no diñeiro, chocan contra a tradicional economía agraria de forte contido autárquico e cos valores sociais e culturais a eles asociados. Agora os cartos son o elemento definidor do poder, o que fai alcalde ao Delmiro, quen vai aproveitar a súa nova posición para utilizar ao seu favor outro poder alleo ás leis da aldea, a Xustiza.

Ata ese momento, o mundo labrego rexíase por vellos costumes, por acordos que non se concretizaban en documentos e un dereito consuetudinario e venerábel regulaba as relacións sociais. No relato son, xustamente, esas vellas normas as que son transgredidas e, ante isto, o labrego non sabe ou non pode reaccionar. O alcalde, agora o cacique local, aprovéitase tamén do novo poder do Estado, presente na aldea a través das contribucións.

A resposta a todas estas violencias será a morte na adega. Otero crea aquí un espazo moi interesante pois a adega, á parte de ser o lugar onde se desenvolven a maior parte dos acontecementos, pódese entender como un espazo psicolóxico. É un lugar protector: onde está o lume (símbolo de fogar, de vida) e onde se garda o viño. Por outra parte, a adega aparece como testemuña e cómplice do personaxe, pois, en certo sentido, permite a morte daquel que foi o causante da desaparición das "fermosas cepas de brencellao" (nunha especie de xustificación implícita do crime). A leñeira é outro espazo cómplice, tanto da terríbel aventura nocturna, narrada cun realismo case naturalista, como do enterramento definitivo dos restos do señor Delmiro.

O narrador non introduce ningún tipo de comentarios que conduzan á ruptura da aparente obxectividade con que conta a historia, mais toda a súa exposición está focada desde a crítica a ese novo sistema económico que se está a impoñer na aldea e que xera tensións e inxustizas. Así, o autor, deixando ver entre liñas a seu posicionamento crítico, transforma o relato dun crime familiar na exposición dos conflitos provocados pola introdución do capitalismo no mundo rural.

"Doña Xohana e Don Guindo"

O conto iníciase coa proposta dunha viaxe a través da Galiza, xustificada pola necesidade de reforzar os vellos vínculos familiares algo esvaídos por mor do tempo: "Xa es un home e convén que vaias coñecendo ós parentes e que te afagas a camiñar polo mundo".

Otero Pedrayo visitando unha das primeiras exposicións de libro galego.

Estas palabras do pai do protagonista-narrador serven para nos introducir na historia e no propio tema da viaxe, como estamos a ver habitual na narrativa oteriana. É un percorrido na procura do coñecemento, por unha parte das realidades de fóra (que vén ser a Galiza enteira) e, por outra, do mundo interno do protagonista (o seu proceso de maduración persoal). Como sempre, a descoberta e a aprendizaxe. Hai algo máis nas palabras do vello fidalgo, a necesidade de non perder esa conciencia de fidalgos, sinalada a través das relacións familiares que farán pervivir por máis tempo ese mundo.

A partir de aquí comeza o percorrido pola Galiza ao tempo que se fan visitas aos pazos onde moran os parentes. A acción sitúase no século XIX e, a pesar das constantes referencias históricas que o propio narrador nos ofrece, resulta un tanto difícil precisar exactamente o marco temporal deste conto polas relativas imprecisións daquelas. O máis lóxico é pensar que a acción se desenvolve entre a primavera e o outono de 1835, xa que na visita ao abade de San Mamede se alude á época da Guerra Carlista (de 1834 en adiante) e no capítulo final fálase da expulsión dos frades dos claustros ( Desamortización de 1835 ). Deste xeito cumpriría interpretar a referencia ao fechamento dos Colexios composteláns (1845) como unha leve incoherencia que para nada interfire na lectura global do relato.

Comeza o fidalgo a crónica das súas visitas ás familias fidalgas: Santiago, Allariz, o Salnés, o Ribeiro, Sobrado. O camiño é de novo o elemento vertebrados entre os diversos lugares e entre as diversas situacións. A través de leves apuntam. entos evoca escenas dun mundo que xa está en proceso de descomposición porque os seus membros son individuos irresponsábeis, ou tolos, ou simplesmente viven fóra do mundo real, alleos ás transformacións que se están a producir.

Por último chega ao pazo de dona Xohana na Peroxa e, se desde o inicio na descrición dos lugares polos que pasou sempre houbo referencias ao "elemento vexetal", agora este vai dominar por completo. Este pazo non ten xardín; como unha casa labrega, está presidido polo pomar. Deste xeito subliña a vinculación do pazo coa terra e, ao mesmo tempo, introduce as que van ser as coprotagonistas da historia principal, as pereiras.

Aparece en escena dona Xohana e a súa figura é tratada plasticamente, como se fose unha imaxe tirada dun cadro antigo: un fondo de paisaxe que evoca o paraíso primixenio, a luz (do solpor) que ilumina a escena e, no centro, a figura estática de dona Xohana que, como elemento simbólico, porta unha froita na man. Esta imaxe da muller evoca un mundo de pureza, de autenticidade, ligado irrevocabelmente ao pasado. Un pasado que dona Xohana introduce a través do relato de historias que son unha mestura de tradición familiar, lendas e crenzas populares e que desprazan a narración para o mundo do marabilloso: "Seu parolar deitaba coma unha fontela de lembranzas póndose fóra do mundo".

O outro protagonista, don Guindo, participa das mesmas características. Este home xorde de entre as sombras vestido á maneira do XVIII, con casaca e calzón, encaixes e peluca..., algo que "era cousa soilo posíbele na eistraordinaria atmósfera do pazo de Doña Xohana" e que nos transmite unha sensación de intemporalidade. Posteriormente aparece tamén retratado como un santo varón dos retábulos "un dises vellos que sobrevivindo á súa caste e ó seu tempo, figuran soñar, dourado-los brancos cabelos por un solpor de eternidade". A través destas imaxes o autor sitúanos nun mundo ideal que está fóra do tempo e que camiña cara a unha eternidade ("Pra min non hai tempo", di dona Xohana).

Ese estrañamento do mundo real para outros mundos soñados é o que dota este conto dunha dimensión sorprendente porque nos sitúa no mundo do marabilloso, tal como acontecía en "A sirena".

E xa introducidos neste mundo singular, dona Xohana relátanos as historias de dúas árbores que deron orixe ás dúas clases de froitas, que están na base do conto. Este tema debe incluírse naquel carácter vexetal que entronca con todas as árbores do comezo, co pomar (a esencia do pazo) e coas pereiras, símbolo do amor dos dous (pois esas froitas serán as que fagan pervivir a memoria dos que lles deron nome a través dos tempos). Esa comparación vexetal está tamén na explicitación do cambio social a que o fidalgo novo asiste ao final do conto, "aquil ano (...) o mundo da miña mocidade caieu co estrondo das froitas maduras do pomar".

Non podía atopar Otero outro elemento máis exacto para sobrancear a vinculación entre fidalguía e terra, pois non é outra a intención que subxace baixo este conto. O autor compón un retrato da decadencia fidalga pero, ao contrario doutras narracións, non pinta con maior ou menor obxectividade unha situación que historicamente non tivera saída ("O fidalgo"), nin expón solucións idealistas que el recoñece imposíbeis ("A criada"), senón que neste conto, moi significativamente situado ao final do libro, explicita a súa interpretación máis persoal en clave lírica. Esta tese sería, tal vez, difícil de explicar razoadamente, pois hai moitos elementos contraditorios no propio autor.

En resumo, a idea que se nos presenta neste conto é que, do mesmo xeito que as árbores nunca deixarán de dar os seus froitos, ao igual que as estacións repiten o seu ciclo, así a fidalguía poderá desaparecer historicamente pero os elementos fundamentais están de tal xeito postos en relación co carácter da terra, do país, que nunca poderán ser totalmente borrados. Son eternos porque non poden ser afastados do medio que lles deu orixe.

Otero Pedrayo converte dona Xohana e don Guindo en personaxes lendarias, dignas de lembranza, porque teñen ascendido á categoría de Mitos e, con Blas, nesa mesma atmosfera, logra incluír todo o mundo que aquelas representan.

O Maroutallo

Para ofrecer un certo contraste (e, á vez, amosar cómo no substancial a narrativa do noso autor mantivo os seus trazos fundamentais ata o final), presentamos a noveliña curta que foi a súa derradeira obra, editada en 1974, aínda que non sabemos se escrita daquela ou moito antes. Tanto polas características do mundo que se describe, como polo estilo, esta narración podería ter sido publicada na época das anteriores. Pódese reparar en que o seu estilo (a pesar dos anos transcorridos) non apresenta enormes mudanzas. Obsérvase, iso si, unha maior regularización formal (que ben pode ser xa debida ás suxerencias editoriais), mais seguen a funcionar os mesmos criterios á hora de configurar a súa prosa literaria.

Se seleccionamos esta obra é, primeiro, polo seu interese temático no contexto xeral da narrativa oteriana (por mor da singularidade do personaxe) e, despois, para evitar caermos no tópico de centrar a análise da obra deste autor nos seus fidalgos crepusculares ou nos temas máis culturalistas. Na liña de presentar textos menos coñecidos, vólvese ao ciclo temático máis descritivo-realista ligado aos personaxes populares, de enorme rendibilidade interpretativa.

Otero Pedrayo pronunciando un discurso en Padrón, no ano 1958

A protagonista é unha muller caracterizada desde o inicio da narración de xeito negativo, sendo sempre designada polo seu alcume: o Maroutallo. É fea, bruta e totalmente masculinizada (é tan boa como o mellor xornaleiro, cun "camiñar de home longo e bimbastrón", cun falar "inzado de xuramentos de xente de tralla"), chegando a ser comparado o seu comportamento co dun animal ("correspondía aos aldraxes como unha besta"). Desde o principio, tamén, sabemos da súa grande frustración: "era coasi esquencida, de tan espallada, a sona do amor do Maroutallo polos homes, sen que ninguén, por probe ou trenco, ou por perdido e refugallo que fose, tivese chamado no portelo, nunca aferrollado, do Maroutallo..."

Ela séntese diferente das outras mulleres da aldea. As do seu tempo tiñan homes e fillos (tamén algunha sendo solteira), o que as facía socialmente "normais". Isto é, dalgun xeito, o que o Maroutallo quere ser: unha muller completa, sen complexos individuais nen sociais, satisfeita na súa ansia de sexualidade e no seu desexo de integración nese contorno que a rexeita. De aí que o seu desexo sexa tan urxente e desesperado.

Unha noite, por casualidade, dorme con alguén que non coñece e "como un anaco de muradela mal alicerzada que se deita obedente ó amor e chamada da terra" coñece a experiencia sexual. A partir dese momento dáse nela unha transformación profunda que, ademais de lle cambiar o carácter, fará daquela muller insultada e marxinada polo resto da aldea un personaxe exemplar. Será ela quen, cunha enorme dignidade e forza, dirixa as outras mulleres nunha situación límite que os homes non quixeran enfrontar.

Hai nesta muller, da que non chegamos a saber o nome, elementos de enorme interese. O Maroutallo é unha personaxe condicionada e obsesionada ante o que a ela he parece unha carencia absoluta. O seu desexo —enormemente sensual— aparece tratado como algo lóxico, incluido nun ciclo natural que rexe a vida dos seres todos e que, como forza irresistíbel e superior, aparece ao longo de todo o conto. A carón deste aparece outro tema paralelo, o do corpo, que, de xeito autónomo da vontade, esperta ou actúa ante ese desexo. Isto xa aparecía tratado no personaxe de Bibiana en O mesón dos Ermos que, arrastrada polo seu corpo, abandónase a un pracer que este lle reclama, como unha forza fatal contra a que ninguén pode loitar ("Non había remorso nin pecado. As cousas acontecen porque teñen de acontecere") e que finalmente a levará á morte.

Seguindo co Maroutallo , é a propia Terra (as estacións, a Natureza...) a que provoca as súas ansias pois ela é outro elemento natural máis, tal e como o seu corpo é "unha nabeira despois do chover doncel do maio" despois da noite pasada no muíño.

Como pode apreciarse, o sexo aparece tratado sen ningunha connotación moralista, como algo desexado ou buscado por calquera persoa —home ou muller— sen máis medida que a do propio pracer. É unha pulsión innata que nace libre de trabas sociais (non soña a nosa protagonista co matrimonio) ou de preconceitos ideolóxicos, xorde coa mesma irreprimíbel espontaneidade dos fenómenos naturais. Isto explica que ela fique convencida de que despois daquela noite vai ter un fillo pois, ao igual que a terra sementada, ela terá de dar o froito na súa sazón.

Retrata aquí Otero un comportamento no referido á sexualidade que ten máis que ver co que recoñecemos na literatura popular galega que con aquel definido polos esquemas da moral burguesa, cos que a primeira non foi, desde logo, coincidente. Non resulta difícil atopar un certo paralelismo entre este conto e "A vella non para de gabar a súa felicidade" (Castelao, Cousas ,1926), breve peciña en que o seu autor exemplifica un tema semellante.

Non se pretende afirmar que aqueles esquemas de conduta tradicionais fosen un paradigma de liberalidade, ou no caso das mulleres, de permisividade. Dicir iso sería idealizar unha mentalidade tan patriarcal e machista como aquela que a substituíu, mais o que si é certo é que aqueles esquemas tradicionais carecían dalgúns dos preconceitos e tabús que logo se consolidaron.

Retrato de Otero Pedrayo nos anos trinta, realizado por Ksado.

Por outra parte, cómpre facer unha reflexión xeral a propósito do tratamento literario que Otero dá aos seus personaxes femininos. Estas figuras (desde as fidalgas ás labregas, desde as protagonistas ás que cumpren a función de coro) aparecen lastradas por un sexismo de fondo, por outra parte non maior que o de calquera outro escritor do seu tempo, que é unha consecuencia lóxica da época, da formación ou da sociedade en que se insire o autor.

Resulta, pois, dobremente curioso que un escritor como Otero sexa quen de retratar unha muller tan profundamente subversiva para un esquema tradicional (cun comportamento, obviamente, impensábel para ningunha das súas fidalgas, nin mesmo para Xulia). A explicación haberá que buscala na súa capacidade de observación do contorno onde non pode deixar de constatar comportamentos que en nada se parecen ao que socialmente sería considerado conveniente.

Cómpre sinalar aquí que Otero reflicte un tema, o do desexo na muller, que aínda hoxe non resulta común na nosa literatura (sendo unha das máis novidosas e brillantes aportacións da actual literatura feita por mulleres). Só polo seu valor de antecedente, este conto merecería xa unha atenta lectura crítica; mais son, sobre todo, a súa orixinalidade e a forza do personaxe do Maroutallo as razóns que nos moveron a presentalo aquí.

IMAXES