A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Cunqueirismo

As primeiras mostras de querer rachar a realidade nacen do mundo, entre fantástico e real, que legara Álvaro Cunqueiro. Muxicas no espello (1971) de Paco Martín xa se presenta nesta liña, deparándolle éxitos de crítica e vendas. No cadeixo (1976) pon unha pedra máis e mostra os resultados da aprendizaxe do autor, que en E agora cun ceo de lama (1981) asombra pola complexidade e mestría destes discursos onde o fantástico xorde da desintegración do mundo real. Un ano antes Guisam Seixas publicara outro dos títulos emblemáticos do cunqueirismo, a antes comentada Origem certa do farol de Alexandria. Pero será no 1985 cando, con Das cousas de Ramón Lamote de Paco Martín, chegue o momento da gloria: Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Ibby Honour List no mesmo ano, era o recoñecemento que presaxiaba Premio Losada Diéguez do 85 e Barco de Vapor do 84. Nunca o universo cunqueiriano chegara tan lonxe e as reedicións, tanto en galego como en castelán, sucédense á vez que se incrementa o número de traducións ata converterse nun dos referentes obrigados da narrativa. Desde aquí, como desde Ilustrísima (C. Casares), Crónica de nós (Ferrín), Cara a Times Square (Camilo Gonsar), O triángulo inscrito na circunferencia (Freixanes), Amor de Artur (Ferrín), Mamá-fé (M. Ledo Andión), Xa vai o Griffón no vento (A. Conde) ou Caixón desastre (Suso de Toro), a narrativa galega ratifica a súa capacidade para producir discursos de altura estética e boa acollida entre os lectores, na primeira metade dos oitenta. O mesmo Paco Martín en Lembranza nova de vellos mesteres (1986) continúa esta liña con éxito; no 90 será incluída no White Ravens. Nese ano retorna cos nove relatos de Dende a muralla , na mesma liña estilística; a calidade da súa prosa é patente e consolida ese universo. Tamén Xosé Ramón Pena en Para despois do adeus (1987) deixa pinceladas de realismo máxico, onde o ser e a memoria do que fomos son fulcro.

Paco Martín.

No 1989, D. X. Cabana gaña o Premio Xerais de Novela con Galván en Saor. Agora o universo cunqueiriano chega da man do ciclo bretón, tan querido do mestre homenaxeado. A cabalo (dunha moto) entre o real e o fantástico, reaparece Merlín nesta trama cabaleiresca e actual que naceu para reivindicar a figura de Galván. O dominio léxico e a axilidade narrativa farán deste título outra das referencias da narrativa actual. Era a súa segunda contribución á narrativa, dezaseis anos despois de Memoria dunha aldea. Esta estética recréaa outra vez en Fortunato de Trasmundi (1990), O libro dos moradores (1990) e Vidas senlleiras (1992), obras de boa fortuna entre os lectores que demostran palmariamente o dominio das técnicas que ensaia.

Só con eles hai materia abondo para falarmos do CUNQUEIRISMO como alternativa estética que se mantén na narrativa actual. Pero son máis; un dos máis ambiciosos proxectos cunqueiristas publícao Xosé Miranda no 1991, Historia dun paraugas azul . A fabulación cunqueirista nunca dera tan denso discurso. Tamén se pode ver aquí algo da narrativa fantástica alemana que tantos contactos ten co cunqueirismo, ademais do realismo máxico. Entre A historia interminábel de Ende e o Sinbad de Cunqueiro hai algo máis que coincidencias anecdóticas e puntuais: atinxen á concepción do mundo narrado. Máis tarde, no 96, Marica Campo publica Confusión e morte de María Balteira ,conxunto de relatos de variada temática que teñen como vértice o diálogo entre o fantástico e o real. Así mesmo, a obra de X. I. Taibo tamén é susceptíbel de ser ubicada nestes presupostos ao empregar códigos marabillosos para amosar unha realidade que chega ao esperpento. Os inmortais (1975), O fotógrafo (1977), Homes de ningures (1978), Calendario de brétemas mañanceiras na miña praia atlántica (1981), Doncos o pacífico (1987) e Informe bestiario (1991) están impregnadas da convivencia e loita entre o real e o fabuloso, aínda que narrados con complexidade estrutural que non axuda á lectura. O experimentalismo lévao a unha praxe onde á fidelidade ao modelo superpón a vontade anovadora que o sinala como unha das grandes esperanzas da narrativa, dotado dun recoñecido talento fabulador.

Xosé Miranda.

Sempre pairou sobre esta escola persistente sospeita de endogamia enxebrista. Pero, entón, autores como Tolkien, M. Ende, A. Houxley, J. Joyce, Hölderling, Hoffman, Torrente Ballester, Kafka, Borges, Cortázar, Vargas Llosa, Saramago ou Perucho ¿que relación teñen co cunqueirismo?

IMAXES