A Etapa Contemporánea (S. XX)
A narrativa actual
Da grande novela á novela histórica actual

Víctor F. Freixanes publica no 1982 un dos éxitos editoriais da década; O triángulo inscrito na circunferencia esgótase rapidamente; así se ansiaba un discurso histórico de características alegórico-simbólicas e sobre todo épicas. A expectación no medio da que nace dá paso a fervorosas lecturas e opinións críticas que a emparentan con Cervantes, Dante, Virxilio, Valle-Inclán, Torrente Ballester, Italo Calvino, Alejo Carpentier, García Márquez, Otero Pedrayo, Cunqueiro, Homero, Baroja, Melville, Rulfo, Kafka, Swift, Borges, Stevenson e mesmo Tolkien, Ende ou Vargas Llosa. Tal sennúmero de fontes ponnos sobre aviso de que a dimensión estética debe ser extraordinaria, e tamén de que flutuará entre o fantástico e o alegórico, o que supón certa sensación de doce amargura xa que a épica histórica require máis verosemellanza e menos ensoñación. A frustración acrecéntaa unha tensión narrativa difuminada entre referencias e xogos intertextuais reveladores de deficiencias estruturais, extremo a que puido levar a imperiosidade da novela longa, voluminosa. Onde non hai chata é na prosa medida, elegante, barroca, polisémica, a estudiada complexidade sintáctica sen perder naturalidade, ou a riqueza e flexibilidade léxicas. O triángulo dilúe as sombras de "sucedáneo enxebre, folclórico e accidental" que sempre pairou sobre a creación en galego. A actualidade de Il nome della rosa (Umberto Eco) ou La guerra del fin del mundo (Vargas Llosa) e a súa repercusión social serán aliados moi útiles á hora de catapultar o prestixio da narrativa histórica galega. Freixanes logra páxinas de grande fermosura e calidade estéticas.

Víctor Freixanes.

Con vontade claramente didáctica, Bernárdez Vilar relata, máis do que fabula, acontecementos previamente ben documentados. A literaturización da peripecia é mínima e entorpece o preciso distanciamento autorial das voces narrativas; ¡Ouveade, naves de Tarsish! (1983) é o complemento realista, científico, obxectivo, da narrativa de ton fantástico que propoñía O triángulo. Mais aínda impresionaba moito o apocaliptismo alegórico de Freixanes. Terá que chegar A. Conde co arquipremiado Xa vai o Griffón no vento (1984); aínda que falida tentativa de unir dous momentos distantes no tempo —o alegorismo é relator do presente— presenta menos elucubración. No mesmo ano Xosé Ramón Pena conxuga a novela de aventuras co relato histórico en O reverso do espello. O atractivo do empeño é innegábel e logo será retomado con pericia por Darío X. Cabana ( Galván en Saor , 1989), Marilar Aleixandre ( Tránsito dos gramáticos , 1993), Manuel Rivas ( En salvaxe compaña , 1993) ou Xurxo Borrazás ( Eu é, 1997).

Pero a tendencia alegórica tarda en atenuarse. Fernández Freixanes con O enxoval da noiva (1988) corrobórao. Tristán Britano e Quinteiro Malvido, en xogo intertextual nada casual, serven de ponte, con O triángulo, para unha temática tamén moi alegórica que nos leva á mediterránea atmosfera dos Borgia. Atreverse con tema tan recorrente era máis do que ousadía, instrumento e campo onde ceibar as loitas da incoherencia humana. Ás veces non se lle soubo apreciar a frescura e dominio dos variados recursos narrativos con que Freixanes adorna a construción da súa prosa. Sen embargo é obra fundamental para a comprensión da orixe e intencionalidade da narrativa de Freixanes, pola fondura e intensidade do clima que encerra o discurso, sabiamente conducido ao rexistro narrativo que máis interesa como soporte.

As sombras do barroco (1994) dá cabo a un xeira, comezada en Branca de Loboso (1991), onde Rábade Paredes mostra o territorio histórico menos frecuentado, máis enigmático e doloroso das letras galegas: os Séculos Escuros; recoñecéuselle o exercicio creativo na linguaxe e literaturización. No 1993 Freixanes reaparece con A cidade dos Césares e outra vez a acción sae fóra de Galiza —algo que por esporádico sempre se fai notar. O nexo con O triángulo establéceno agora as alusións a Vilanova de Alba, O Mar dos Espellos e don Bartolomé Mariño, tres dos vértices da súa primeira entrega. Aquí, a concepción do discurso é máis clásica, sen concesións a intertextualidades ou experimentalismos. Freixanes regala outra boa dose do seu preciosismo estilístico, que agora non entorpece o desenvolvemento estrutural —salvo no Enxoval a súa é unha narrativa de lectura pouco intensa— tanto como en O triángulo.

No 1996 Xosé Miranda achega O demo á orella , revisión-lóstrego de diferentes momentos da nosa historia, a través de relatos breves de conciso estilo sen pretensións didácticas nen emblemáticas. Pero o que o lector quería era algo como ¡Ouveade naves de Tarsish! dotado da compoñente emotiva de O triángulo e contado en ton clásico: unha novela onde a epopea sexa discurso emblemático que non precise fabulacións xustificadoras porque o posterior devir histórico é suficiente. Chegara a fins do 96, con Morte de Rei de D. X. Cabana. Na realidade, D. X. Cabana xa en Galván en Saor (1989) nos presenta un brillante traballo, mais deica Cándido Branco e o cabaleiro negro (1992) a vertente histórica non se manifesta tan claramente. Despois, os tres exercicios narrativos de Cerco de ferro (1994)confirman a súa presencia. E en Morte de re i áchase a súa verdadeira dimensión como narrador histórico, no seu discurso máis traballado. O sempre impecábel uso da lingua, a estrutura sinxela e eficaz —non é nada fácil lograr discurso climático a partir de tema do que se coñece previamente como acaba—, a rigorosa documentación e o clasicismo estilístico vertebran a mellor novela histórica da literatura galega; e tampouco está ausente o espazo do mítico fabulado, pero sen ser eixo. Con títulos como O ano do cometa (1986) de Bernárdez Vilar , En salvaxe compaña (1993) de Manuel Rivas ou esta Morte de rei ,o mundo de Don García —último rei de Galiza— convértese no máis frecuente.

Darío Xohán Cabana.

Recentemente Luís García Mañá, en O lume de santo Antón (1997), acerca a temática histórica ás técnicas do best-seller e o relato detectivesco.

A posibilidade dunha NARRATIVA ARTÚRICA non aconsellan desbotala os numerosos textos e autores, ademais da súa calidade. Desde o mesmo Amor de Artur de Méndez Ferrín ao Galván en Saor de D. X. Cabana non son poucos os discursos que optan por esta temática, frecuente tamén na narrativa infantil-xuvenil onde cabaleiros e magos poden ser arroupados de alegorismo.

Da mesma maneira hai un xeitoso grupo de DISCURSOS RELATIVOS Á GUERRA CIVIL e moi próximos ao relato de ESTUDIO SOCIOLÓXICO. Silvio Santiago ( O silencio redimido ,1976), Ramón de Valenzuela ( Era tempo de apanda r ,1980), Manuel Guede ( Vísperas de Claudia ,1988), Carvalho Calero ( Scórpio , 1987), Carlos Casares ( Os mortos daquel verán , 1987), Fernández Naval ( O bosque das antas ,1988), Fernández Ferreiro ( Agosto do 36 , 1991), A. Fernández Pérez ( Terra coutada ,1990) ou X. Lorenzo Tomé ( Don Gabino ,1996) son algúns dos que non nos deixan desbotar esta posibilidade que nos achega discursos desde a sinxeleza (Alonso Ríos: O siñor Afranio ou como me rispéi das gadoupas da morte ,1979) á complexidade de Deus sentado nun sillón azul (1996) de Carlos Casares. Dada a proximidade temporal cremos que, hoxe, hai aí tanta vontade historicista como estudio sociolóxico.

IMAXES