A Etapa Contemporánea (S. XX)
A prosa didáctica (1916-1936)
Da vida cotiá

Unha lingua que comeza a dar os pasos necesarios no camiño da súa recuperación, cunha literatura emerxente que florece nun panorama cultural de enorme riqueza, non podía deixar de abrirse a ser crónica de sociedade, crónica da vida cotiá. É por iso, que no noso idioma non só se fala de literatura, filosofía ou ciencia, senón tamén "de fútbol e de política", título dun artigo de Víctor Casas no que intenta facer ver que non é incompatíbel a afección polo fútbol co interese pola situación política na que se está nun momento determinado. Galego e deporte, dúas palabras que poucas veces foran asociadas, aparecen agora tamén unidas no artigo " Deporte e galeguidade ",no que se conta como o equipo feminino vigués de hóquei convida a unha festa de ambiente galego na que "con toda seriedade" se dignificarán o noso traxe, os nosos cantos e os nosos bailes.

Xa para rematar, así como é o galego o idioma empregado para facer crítica literaria, reseñas sobre as últimas publicacións, tamén é utilizado para anunciar tanto " A primeira película galega " (feita pola empresa "Celta Film") como productos e empresas que dun xeito insólito para a ollada actual nos transportan a un mundo sen o cal moitas das conquistas lingüísticas de hoxe serían impensábeis.