A Etapa Contemporánea (S. XX)
O vangardismo: Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro
De catro a catro

A literatura galega ábrese á vangarda plena coa aparición deste poemario novidoso, ousado e rupturista na súa totalidade, asemade desafiante cos modelos e métodos empregados naquela época. A saída á luz deste libro supón para o seu autor a plasmación na práctica dos modelos teóricos que viña defendendo desde había tempo e a vangarda manifestase nel tanto no plano da forma como no plano do contido: nova disposición tipográfica, eliminación do ritmo e rima (aínda que neste conxunto de poemas, ás veces, podemos atopar algunhas pegadas dela), liberación no uso da sintaxe e da lóxica gramatical, novo xeito de entender a metáfora, que dará paso a imaxes ousadas e inusuais, anulación das coordenadas espaciotemporais e nova visión na elaboración argumental do poema. Todas estas características conducirán ao poeta á creación dunha visión do mar totalmente nova e diferente.

Capa da primeira edición de  De Catro a Catro (Follas d´un diario d´abordo).

Debemos subliñar que a utilización por parte de Manuel Antonio de trazos vangardistas non nos pode levar en ningún momento á súa inclusión nunha corrente determinada, senón que De catro a catro é o resultado da asimilación e interiorización da vangarda, mais ben lonxe de toda imitación e expresada desde a máis absoluta orixinalidade. Non esquezamos que esta última característica é unha das máis buscadas polos poetas vangardistas. A pesar disto, o propio Manuel Antonio sinalaba en "Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu" a influencia na súa obra do futurismo, dadaísmo e creacionismo. Como ten notado a crítica literaria, nestes poemas non se aprecia ningún rastro conectado co movemento dada e en canto ao futurismo só encontramos trazos derivados del na súa actitude de rebeldía constante e no emprego de léxico técnico e científico, recollido a maioría das veces das innovacións tecnolóxicas naquela altura e combinado con maxistral habilidade con termos especificamente mariñeiros e populares ademais de palabras tomadas doutros idiomas. Pola contra, foi amplamante recoñecida pola crítica a influencia do creacionismo (ismo creado polo poeta chileno Vicente Huidobro e o francés Pierre Reverdy) en De catro a catro. Ricardo Carballo Calero ten analizado a proximidade entre as imaxes usadas por Huidobro e as empregadas por Manuel Antonio. Pero foi Kathleen March quen estudiou pormenorizadamente as pegadas creacionistas no poeta de Rianxo. Entre outras, destácanse: a obxectividade, oposta ao sentimentalismo e intimismo románticos; o afastamento do contido, a voz poética non expresará con emoción sentimentos como o amor e a morte; o humorismo, co cal se consegue evitar unha lectura sentimental dos versos, aínda que este trazo non é demasiado utilizado por Manuel Antonio; e a anulación da secuencia espacio-temporal, porque espacio e tempo constituían un elemento terxiversador da realidade. Para levar á práctica este último recurso, o noso poeta recorre ao uso do verbo ao mesmo tempo como creador e destructor de imaxes. A pesar do dito anteriormente, debemos remarcar que existen algúns trazos neste libro que o distancian dunha técnica plenamente vangardista: o carácter unitario que presenta o conxunto dos poemas e o non distanciamento, sinalado por algúns críticos, entre o obxecto poético e o suxeito lírico, co que se negaría a obxectividade á que aludía Kathleen March.

Como xa dixemos, De catro a catro foi publicado en 1928 pero sabemos que o libro se escribiu entre 1926 e 1927, durante unha das viaxes de Manuel Antonio a bordo do Constantino Candeira, neste sentido é sintomático o subtítulo Follas sin data dun diario de abordo. As dezanove composicións que conforman este poemario presentan unha grande unidade temática e estructural, o mar será o seu único eixo central, característica realmente chamativa dentro do quefacer poético vangardista, pois non é moi habitual dentro da vangarda que un libro de poemas teña unha estructura tan unitaria.

Esta rexa estructura unitaria levou á crítica a analizar esta obra como o reflexo da viaxe dun mariñeiro seguindo unha liña temporal. A viaxe comezaría co primeiro dos poemas, "Intencións", no que se nos anuncia o inicio da travesía e remataría coa última composición, "Adeus", que constituiría a despedida e o regreso a terra. Os poemas "Recalada" e "Navy Bar" representarían a interrupción da navegación para facer unha escala en terra.

Arcadio López-Casanova pon en relación De catro a catro cun poemario anterior e outro inmediatamente posterior. Así, en Foulas é o mundo coñecido e familiar, a beiramar, o que aparece como motivo poético, mentres que en Viladomar (poemario inacabado) o poeta céntrase na vida na terra natal despois do regreso. No medio estaría De catro a catro representando a viaxe marítima, a aventura que supón todo un mundo novo de experiencias, positivas e negativas, que se abren ao descoñecido. O esquema que conforma o conxunto dos poemas deste libro correspóndese, segundo López-Casanova, co que el denomina "estructura mítica", isto é, a representación dunha viaxe iniciática, da que sempre forman parte as seguintes etapas: abandono (representado por "Intencións"), aventura (composta polos dezasete poemas centrais) e regreso (representado por "Adeus").

López-Casanova inclúe a Manuel Antonio dentro das tendencias renovadoras na literatura galega, concretamente utiliza o termo simbolización para se referir á súa poesía. A simbolización destacaríase polas distintas lecturas e significacións que poden estar presentes nun mesmo texto, como el mesmo di:

A tendencia simbolizadora caracterízase polo uso de termos sensibles ou de visualización da fantasía poética los simbolizadores) que abren no seu transfondo, por vía suxestivo-emotiva, un abano de suscitacións ou irisacións significativas (o simbolizado que se oculta).

(López Casanova, A.: 1990: 31)

Para este crítico literario

se o esquema da estructura mítica é (...) un xeito de visualizar simbolicamente toda unha aventura íntima de transformación do eu lírico, na sna operatividade poética necesita dun coherente sistema de símbolos (que nos irán dando os seus concretos simbolizados) para acadar así o complexo significado totalizador da viaxe ou travesía.

(López Casanova, A.: 1990: 33-34)

Xa que logo, analizará eses simbolizadores e chegará ás seguintes conclusións:

  1. O barco conformaría o eixo central e fundamental representando o eu lírico. Como símbolos complementarios destacaríanse o mastro (receptor de formas íntimas e vivificadoras), a proa (o camiño aberto ao futuro) e o ronsel (as cadeas que o atan ao pasado).

    Deseño de Andrés Colombo que ilustrou a  Balada d-o pailebote branco,  na revista  Céltiga, en 1931

  2. A oposición que se establece entre terra e mar dá lugar a varias significacións, a terra simboliza a protección materna, o estatismo como fonte de seguridade, e tamén se relaciona coa vida material que se pretende deixar. O mar representa o dinamismo vital con todas as súas dúbidas e incertidumes, asemade a auga asóciase coa sensibilidade e emotividade.
  3. O vento desempeña un papel á vez positivo e negativo dependendo da súa presencia ou ausencia, isto é, dinamismo que conduce ás descubertas fronte a estatismo unido á desorientación.
  4. A noite realiza unha función negativa en canto imaxe das forzas ocultas.

Como resultado da análise anterior debemos rexeitar a catalogación de De catro a catro como un libro de temática mariñeira, porque quedariamos, simplemente, nun nivel superficial de lectura. De nos mergullarmos en profundidade nestes textos, chegariamos á seguinte conclusión:

(...) tal estructura mítica non é máis que un xeito de visualizar simbolicamente unha aventura interior do actor-suxeito: isto é, unha experiencia espiritual especialmente vivificadora que o eu teria vivido, e que mesmo teña sido para el proceso de íntima transformación.

(López Casanova, A.: 1990: 33)

A caracterización de De catro a catro como un poemario no que se nos relata unha viaxe, xa sexa esta unha singradura, unha viaxe interior, unha viaxe iniciática, etc., conforma practicamente unha constante dentro da crítica literaria galega e débese, especialmente, aos indicios que presentan os propios textos neste sentido e á profesión de navegante de Manuel Antonio. Sen embargo, Elvira Souto, nun interesantísimo traballo titulado "A viagem oximórica: De catro a catro" desbota esta idea de movemento e, polo tanto, de travesía; se ben admite que dos poemas podemos tirar os suficientes datos como para chegar a unha conclusión desa natureza, sobre todo pola ubicación dentro do conxunto de "Intencións" e "Adeus". Elvira Souto pretende chamar a atención sobre determinados aspectos que foron obviados ou non demasiado estudiados pola crítica durante anos e que son determinantes para profundizar no significado do libro. De catro a catro poderíase catalogar como o poemario no que se consegue a plena anulación das coordenadas espacio-temporais e isto conduce á reversibilidade:

Discurso bifronte e reversível de umha mesma voz, ora sujeito plural a anunciar terem sido frustradas de antemao as descobertas do futuro, terem sido abolidos os coracons dos veleiros já defraudados, ora eu singular a confirmar na baía a ausencia de toda a esperanca. Porta (janela, buraco) que abre e fecha simultaneamente, porque Janus dúplice e astucioso, os sentidos talvez inapreensíveis deste livro por cujos versos em desordem cremos navegar sem atender a adverténcia com que o poeta tam lucidamente nos desengana.

(Souto, E.: 1991: 67)

Non estariamos, pois, perante ningunha viaxe ou travesía emprendida coa ilusión que nace ante a aventura e o mundo descoñecido, senón que o poeta recorre continuamente, esencialmente no primeiro e no último dos poemas, a unha adxectivación de ton pesimista que se combina con substantivos antitéticos e isto dará lugar ao oxímoron e ao paradoxo. Como ela mesma di, ao se referir á primeira das composicións:

Note-se que no texto se nos fala de estender as velas para dominar, encerrar, umha rebeldia (a das tormentas) e de amarrar (segurar, trincar) o cabo (a escota) com que o navegante, se se dispugesse de verdade a singrar os mares, governaria o velame (a ilusom) do "pailebote" de modo a orientá-lo em direcçom ao seu destino, o qual aqui manifestamente nom acontece. Porque o navio de Manuel António, "randeeira esguia" que hesita "entre dous puntos cardinais", Argo de escota trincada e velas enchidas de "luz náufraga" paira mas, que nós vejamos, nom navega.

(Souto, E.: 1991: 26)

Por outra banda, Xosé Ramón Pena insiste na idea de travesía, aínda que o poeta a exprese de maneira totalmente contradictoria:

Deste xeito, situado para alén de calquera sorte de referente visual ou rítmico, o lector, privado tamén de calquera fío narrativo que pouse na ordenación poemática, ha de acudir a inhabituais procesos da intelixencia que o conduzan, por fin, cara á verdadeira dimensión da paisaxe, do mar: esa que nos ocultan decote os nosos sentidos atrofiados e cativos do "opio dos poetas bucólicos".

(Pena, X. R.: 1996: 179)

Desgraciadamente De catro a catro non tivo no seu tempo toda a recepción e difusión que se merecía, aínda que o libro foi reseñado a maioría das veces só se salientaba o seu carácter rupturista e novidoso, destacándose tamén a orixinalidade do seu autor, que non se cinguía a ser un mero retratista da paisaxe. Son varias as razóns que explican a non continuidade da estética manuelantoniana por outros poetas, por unha parte, a súa morte prematura e a súa liña extremadamente individualista, pola outra, Manuel Antonio adiantábase á literatura que se cultivaba naquela época en Galicia. Mais houbo algún crítico literario do momento que soubo atinar con grande acerto á hora de falar deste poemario, trátase de Otero Espasandín e as palabras que lle dedicou na revista Nós (1928):

De catro a catro é, antes de nada, a revelación dun mar non visto aínda por ninguén. Un mar puro, sin ribeiras nin costas perdido entre as costelacións.

De todos xeitos, como ten sinalado Antón Capelán nun artigo en A Nosa Terra titulado "Un autor nunca esquecido (da frustrada homenaxe de 1936 á de 1960)", as referencias, comentarios, críticas e mesmo poemas escritos en homenaxe ao rianxeiro foron moito máis numerosos do que se cría ata o momento, en parte pola falta de estudios exhaustivos sobre esa etapa da nosa literatura e pola ruptura que vai supoñer para a nosa memoria histórica a Guerra Civil. Tanto en La Zarpa ,como en El Pueblo Gallego ,como no suplemento literario La Noche (xa na posguerra) recóllese a noticia da súa morte e reivindícase a súa persoa, a súa figura e o seu galeguismo. Non está de máis lembrar os poemas a el dedicados, entre outros autores, por Augusto María Casas, Luís Seoane, Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro , ou as diferentes homenaxes que se lle tributaron, entre as que destaca a realizada en 1960 en Asados e na que participaron figuras tan importantes como Celso Emilio Ferreiro, Faustino Rey Romero, Xosé María Álvarez Blázquez ... e a propia nai do poeta.

Debuxo de Arturo Souto para o relato  Navegación de altura  que Eduardo Dieste centrou na figura de Manuel Antonio.

Non cabe dúbida de todas formas que, a pesar do dito anteriormente, Manuel Antonio non tivo seguidores da súa liña poética. Haberá que esperar ata o ano 1972, en que se publica a súa poesía total (a súa correspondencia só verá a luz en 1979), para que se dean a coñecer outros aspectos da súa obra e da súa vida. Todo isto orixinará unha nova imaxe do poeta e a partir de 1972 poderemos observar diversas reaccións entre os sectores máis novos. En primeiro lugar, o Grupo de Comunicación Poética Rompente (fundado por Antón Reixa, Alberto Avendaño, Manuel María Romón, Camilo Valdeorras e Alfonso Pexegueiro) a finais dos anos setenta tomará a Manuel Antonio como modelo, levados polas súas ansias rupturistas e de rebeldía. Así, pasan a reivindicar a súa figura en O silabario da turbina (1978) e en Fóra as vosas sucias mans de Manoel Antonio (1979). En segundo lugar, cómpre salientar a renovación estética, temática e estilística que se dá na poesía galega a partir de 1976 (se ben en anos anteriores xa se produciran precedentes neste sentido), ano da publicación de Con pólvora e magnolias (Xosé Luís Méndez Ferrín), Seraogna (Alfonso Pexegueiro) e Mesteres ( Arcadio López-Casanova ).

Esta reivindicación da poética manuelantoniana leva aparellada un enorme e crecente interese polo estudio da súa obra. Comezarán, entón, a aparecer perspectivas e olladas distintas por parte dos críticos literarios. Entre estas interesantísimas achegas á súa obra podemos citar os traballos de Kathleen March, Xosé Ramón Pena, Arcadio López-Casanova, Elvira Souto, etc.

IMAXES