A Etapa Contemporánea (S. XX)
Grupo Nós: Vicente Risco
De La Centuria a Nós: Galiza como salvación

"La causalidad ha hecho nacer esta publicación neosófica en Orense. Orense dista seiscientos kilómetros de Madrid y acaso menos de Nueva York. En todo caso, La Centuria viene a recortar esta última distancia. Orense no tiene nada de cosmopolita ni de típico, de futurista ni de tradicional: muchas casas viejas y ninguna antigua. Pero tiene siete carreteras y además nos tiene a nosotros".

Con estas consideracións botaba a andar en xuño de 1917 o "Pronaos" de La Centuria. "Nosotros" agrupa xa a Vicente Risco , Ramón Otero Pedrayo , Primitivo R. Sanjurjo e Arturo Noguerol. Forman un grupo excéntrico, fillos da mellor sociedade ourensá, señoritos de gabán, bengala e foulard que contan entre os seus méritos vellas prosapias e pasan sen se decataren do ambiente frívolo do Club ássesudas tertulias da Comisión Provincial de Monumentos, presididas polo coengo e erudito Marcelo Macías.

Número 1 da revista  La Centuria.

Ningún deles coñece Nova York, pero a través da literatura fixéranse unha vaga idea do que era a metrópole, como tamén de Zurich, Milán ou París. Si coñecían a fondo Madrid: quen máis quen menos, sentiran a chamada da Corte e alá acudiran para completaren estudios universitarios ou, simplemente, para benviviren. Risco en 1917 acababa xusto de chegar e aínda resoaban nos seus oídos os ecos do vangardismo indeciso e do modernismo tardío recollidos en Pombo e no Ateneo.

Tres deles deixáronnos o autorretrato desta época: Cuevillas en "Dos nosos tempos" (1920); Otero en Arredor de si (1930) e Risco en "Nós, os inadaptados" (1933), entre outros escritos. Á marxe da óptica persoal que os orienta, hai unha coincidencia de fondo ao caracterizaren a súa identidade anterior ao galeguismo. Destacan o rexeitamento ante un medio social mediocre e carente de espírito, o que os conduce a un aristocratismo intelectual distante dos problemas concretos, preocupacións dos "filisteos". Educados no simbolismo e no vitalismo filosófico, perciben a modernidade europea como decadencia, aspecto que ten especial relevancia no caso de Risco. Como signo de desprezo, volven entón os ollos a culturas e saberes alternativos. Con Nietzsche, abominan da tradición clásica e xudeo-cristiá para interesárense polas culturas orientais. Transitoriamente, substitúen incluso a obediencia católica polo interpretación libre do Rig-Veda, Buda, e a teosofía aprendida con Mme. Blavatski, Sar Pelladan e Roso de Luna...

Con estes fíos van tecendo unha visión do mundo persoal —así o cren eles: en realidade non pasa de ser un eco provinciano das grandes tendencias do fin de siècle europeo— que transforman en "torre de almasí" desde onde observar a realidade indiferentes. Como "homes de espírito", a súa atención ha de centrarse no cultivo do eu e calquera concesión aos asuntos públicos era unha traizón a si mesmos. Desprezan a política da época, o turno e o baile de partidos, por moito que as súas simpatías estean máis co republicano Lerroux e non co carlista Vázquez de Mella ou que, digámolo un chisco incrédulos, Cuevillas asegure que matinaban nun socialismo evolutivo, que chegaría a imporse a moi longo prazo polo simple decorrer das cousas. Pendentes de Oriente, ollan Galiza e non a ven. Vaia en descargo que tal desatención se compensaba coa total repulsión ante a soa idea de España.

Desta actitude vital xorde La Centuria , como un intento de expresión modernista desde a provincia. Un repaso superficial aos sete números saídos entre xuño de 1917 e xullo de 1918 permite constatar o heteroxéneo da súa liña: nela cabe a poesía, a estética, a filosofía, a historia, os temas xuridico-sociais... incluso a política, aínda que só fose nos extravagantes horóscopos de Beta Herculis (P. R. Sanjurjo). Tal disparidade quere unificarse no concepto de neosofía ,definido vagamente en varios números. Como o "Pronaos" nos ensina, había ser o saber resultante da actitude intelectual do novo século, respondendo ao dereito do home moderno "de ver el mundo con un espíritu recién nacido".

A pesar de que na linguaxe adopte ás veces modos iconoclastas e vangardistas, a neosofía ten límites difusos e como novidade pode resultar decepcionante. Acabada a experiencia, Risco tenta lexitimala comparándoa co noucentisme de D'Ors, pero nin de lonxe alcanza o seu grao de concreción. Queda simplemente nunha reivindicación do irracionalismo (Lutoslawsky, de Gourmont) e de modelos literarios decimonónicos que noutras latitudes xa pouco podían impresionar: Rimbaud, Mallarmé, Meredith, Gustav Kahn. Entre os nativos, alenta a publicación de enxenos mediocres (Xavier Bóveda, Villarino de Sáa, Eduardo L. del Palacio) e divulga o "saber revelado" á pluma de Mario Roso de Luna e Primitivo R. Sanjurjo...

Vicente Risco nunha caricatura de Álvaro Cebreiro.

A aportación do futuro grupo Nós é tamén desigual e pouco novidosa. Otero, aínda lonxe de descubrir a súa vocación de escritor, divaga en dous artigos sobre a atonía intelectual da época e sobre a orixe dos ídolos templarios. Cuevillas, que por estrañas razóns se erixe en comentador da actualidade mundial, aporta entre outras cousas menores unha serie de artigos sobre "Rusia y su revolución", co propósito de elucidar as causas profundas da instauración da república dos soviets. Nunca chegamos á conclusión —probabelmente tampouco el a coñecese— porque o desexo de profundar lévao á Rusia do século IV e cando a revista morre só chegou ao XVI.

A Risco débense sen dúbida a mor parte das colaboracións sen sinatura, desde reseñas a traducións de escritores foráneos, así como os exóticos deseños que serven de portada a varios números. A súa contribución máis importante é o "Preludio a toda estética futura", que analizaremos máis adiante, elaborado ao tempo que intenta pór en claro as súas ideas filosóficas nunha obra inacabada e dada moito tempo por inexistente: Las tinieblas de Occidente. Por camiños un tanto distantes transita Noguerol, que, avogado como Risco pero máis fiel ca este aos códigos legais, encarna por estas datas a conciencia social do grupo con artigos sobre a lexitimidade do boicot obreiro, a patria, a xustiza, a redución da xornada laboral, etc.

Estes son a grandes trazos os retallos que constitúen La Centuria . Ao cabo da súa análise persoal, J. G. Beramendi (1981:121 ) conclúe:

"Malia as veleidades socio-políticas de Noguerol, a revista mantense xorda e muda para coas convulsións que sacudían España nestes meses; xorda e muda para cos problemas e as inquedanzas dos máis, incluído o novo gorro galeguista. Neste senso, moi ben podería terse escrito en Nueva York".

Pero esta observación non casa coas evidencias: en outubro de 1917 o grupo de La Centuria está xa para entrar nas Irmandades , en decembro Risco figura entre os galeguistas que reciben a Gambó en Ourense; en febreiro de 1918 colabora na campaña de Porteiro Garea no distrito de Celanova. E o último número de La Centuria sae aínda en xullo de 1918, cando Risco xa é considerado desde as páxinas de A Nosa Terra como un definidor do galeguismo . Para salvar esta evidencia, preséntese a cotío a entrada do grupo nas Irmandades como unha conversión, súbita e radical. Pola contra, La Centuria ofrécenos indicios de que foi un proceso prolongado no tempo; aínda máis alá de 1917, ilustra algunhas das teimas que os levaron ás Irmandades e serve de referente para comprobar que en tal arribada non houbo de ningún modo unha renuncia á visión do mundo anterior.

Lonxe da conclusión de Beramendi, a revista —que non é de actualidades— filtra a realidade convulsa do seu ano de vida desde o ollar perplexo de quen sente que algo ameaza a torre de marfín. Todas as cuestións palpitantes daquela hora desfilan polas súas páxinas, con independencia de que o modo de tratalas nos poida parecer hoxe superficial:

  1. A Grande Guerra, da que nunhas ocasións mostra os seus trazos sombríos e noutras se nos presenta como unha forma de "hixiene" social, que ha dar lugar a unha nova Europa enterrando para sempre o herdo do século XIX.
  2. A crise institucional que neste ano acaba co réxime de partidos turnantes, precipita a descomposición da monarquía parlamentaria e obriga a alianzas conxunturais entre os partidos hexemónicos. Como cabe esperar, esta opereta é desterrada ás páxinas frivolas dos horóscopos de Sanjurjo, quen adiviña con notábel acerto o porvir de García Prieto e o seu novo goberno de concentración.
  3. A Revolución Rusa, que como vimos terá un tratamento especial da man de Cuevillas: aínda que aquí reduza o seu alcance a un novo episodio da eterna loita entre Oriente e Occidente, acaba por confesar en "Dos nosos tempos" que "foi entón cando nós, como os máis, tivemol-a concencia d'un perigo qu'ameazaba non somentes ás nosos ideias de libertade púbrica, senón a nosa libertade individual".
  4. As convulsións sociais de 1917, que provocan a folga xeral obreira de agosto —a segunda en nove meses— e en Galiza se acompañan polo recruar da violencia agraria, que nestas datas provoca sucesos tráxicos en Nebra, Narón e Sofán. Cando Noguerol reflexiona sobre o boicot, o delicto e a redución de xornada non o fai por simple erudición.

Revolucionarios rusos nas rúas de Petrogrado.

Un panorama inquietante, que os membros do cenáculo ourensán interpretan como ameaza á súa visión do mundo e, sobre todo, á súa posición. É nestas cando, para "precurar conformal-o mundo á nosa visión, salval-os nosos valores" (Risco), para soster "os vellos principios y-as vellas ideias" (Cuevillas), asumen que se fai imprescindíbel a acción social.

Mais, ¿por que a través das Irmandades? As páxinas de La Centuria permítennos comprobar como a "cuestión rexionalista" estaba entre as preocupacións de Risco e Noguerol, precisamente os que con maior fervor se "converten". Digamos de pasada que non compartimos a estendida opinión que pon a Risco de costas ao galeguismo nos anos previos. Infinitas circunstancias biográficas proban o contario, por máis que ata entón non achase nel resposta ás complexas especulacións que o absorbían. Que en 1917 remoía o problema do idioma evidenciase na reseña ao libro Del solar galaico do Marqués de Figueroa: para el, é o último eco do rexurdimento, porque o galego deixou de ser lingua literaria e a literatura galega, "acaso más gallega que nunca", expresase agora en español. Estas opinións son esperábeis, pero non o matiz final que reflicte un debate interior, en nada alleo a moitos outros dos nosos escritores:

"Ello es lamentable; pero ¿es tiempo de remediarlo? Eso se quiere hoy, yendo acaso contra el espíritu de expansión de nuestro pueblo, pueblo de colonizadores, de conquistadores pacíficos... El gallego debe conservarse como una parte de nuestro folklore –contra el que tantos poetas gallegos han tirado tan cruelmente– pero el que quiera ser leído, que escriba en castellano".

Observemos que non cuestiona a validez do idioma, senón o seu rendemento e cando di "eso se quiere hoy" está a referirse ás Irmandades, non ao ciclo do XIX que considera pechado. Pero á par destas dúbidas sobre o seu propio país, Risco mostra nas páxinas de La Centuria coñecemento e fervor por outros movementos nacionalitarios: o irredentismo polaco, que ten por guías a Bronski e Lutoslawski; o renacemento cultural de Provenza, con Frederic Mistral e o felibrismo ;mesmo a figura de Rabindranath Tagore proxéctase máis alá do simple orientalismo para simbolizar a resistencia hindú frente ao imperialismo inglés. Cando tempo adiante Risco resolve a súa contradición persoal e abandona a solución de compromiso —conservación folclórica do galego/ expansión creativa en español— no seu ánimo pesa sen dúbida o exemplo destes mestres.

Máis clarificadoras do debate son as colaboracións de Arturo Noguerol, en especial as tituladas "La patria" e "El delito y la pena en las poesías de Curros Enríquez ". Esta última, á parte de nos descubrir o proceso de reencontro cos devanceiros do XIX, posto que as citas amplíanse a Rosalía , Lamas e Pondal , significa a asunción de coordenadas galegas para a súa reflexión. Curros representa "un pensamiento colectivo, el sentir de un pueblo, el pensar del pueblo gallego": analisando aquel, Noguerol estase achegando a este. O artigo "La patria", a pesar de reticencias e ambigüidades ao identificala alternativamente con Galiza e con España, á hora de sinalar os factores que a caracterizan —as impresións primeiras, o sentimento da terca, a lingua, etc.— adopta como referente constante Galiza. Incluso ao definila segundo criterios voluntaristas como a resultante duns ideais colectivos, chega a diferenciar o concepto de "patria" e de "estado", sinalando que a primeira adquire forza material no estado "cuando este es el resultado de un movimiento democrático, y no una creación arbitraria, y tiende a conservar el capital de cultura cuotidianamente adquirido para hacerlo fructificar y transmitirlo a las generaciones venideras". Con todo o primitiva que é a argumentación, de al ao galeguismo só mediaba un paso.

Ese paso contribuíu a dalo o empuxe de Antón Losada Diéguez . Losada, da mesma idade que Risco, vinculado ata había pouco ao carlismo e ao agrarismo católico, é o catalizador do proceso ideolóxico do grupo Nós. Chega a Ourense en 1914 como catedrático de Lóxica e moi axiña se integra na vida social da cidade por medio do recén creado Ateneo , a onde tamén acudían os membros do cenáculo. Adquire sobre eles un rápido ascendente, baseado en múltiplas afinidades persoais e, tal vez, na aureola de triunfador que o acompaña. En 1916 Losada está tan lonxe de Galiza coma Risco, pero pola contra ten percorrida xa unha longa traxectoria como activista político. Descontento cos derroteiros que tomaba o tradicionalismo español nesas datas, entra en contacto con Lois Porteiro e o grupo rexionalista católico de Compostela e empeza a advertir o potencial das Irmandades da Fala.

Deixamos xa dito que 1917 é un ano de crise e readaptación do espacio político, en especial conservador. Dela participan nalgunha medida as Irmandades, que debemos considerar entón como un grupo en fusión; en realidade, un revoltallo de personalidades e tendencias que teñen en común a marxinación do sistema político e un difuso sentimento de galeguidade. Precisamente a indefinición ideolóxica e programática serve de engado a Losada e aos membros do cenáculo ourensán, que por procedencia e formación mal podían identificarse con forzas obreiras, agrarias ou republicanas, pero que ademais levaban sobradamente demostrado o seu desencontro cos partidos do turno pacífico. O carácter de proxecto aberto permite que sen traizoaren conviccións previas, os individualistas e aristocráticos colaboradores de La Centuria , con Losada como estandarte, poidan enlamarse na política e manter inmaculado o seu espírito. De aí en diante a tarefa, longa, esforzada e non sempre exitosa, consistirá en ir modelando o nacionalismo de acordo coa súa propia visión do mundo.

Retrato de Arturo Noguerol.

Cando anos despois Risco, Cuevillas e Otero fan literatura do proceso, Galiza toma o carácter dunha revelación, unha súbita descuberta que dá sentido á súa actividade intelectual. Pero é tamén unha táboa de salvación: herdeiros como son do decadentismo finisecular, a pescuda escéptica había conducilos, como ao mestre Maeterlinck, ao pesimismo radical e á aceptación da decadencia como irremediábel:

"Mais mentras Maeterlinck dexeneraba deica a clínica de Voronoff, nós atopamos Galicia. Galicia colleu as proporcións dun mundo inteiro, con tódolas sinificacións e tódolos símbolos. E eiquí estaba a nova Edade Media, á que podiamos traguer tódolos vellos ensoños da fin de siècle" (Risco: "Pra a autocrítica dunha xeración", 1935).

Rañando no literario da expresión, facilmente entendemos que Galiza se revela para eles como a fortaleza desde onde facer frente ás acometidas dunha modernidade que consideran inimiga do humanismo. Descobren un país precapitalista e polo tanto á marxe das fortes convulsións que imprime a esta época a expansión do capitalismo; unhas estruturas sociais que idealizan baixo a forma de paraíso agrario; unha cultura tradicional menosprezada, pero tamén dinámica e chea de potencialidade creadora. Se ata o momento a resposta ante un medio que os convertía en inadaptados fora o distanciamento contemplativo, a partir de aqui identifican a súa inadaptación coa do país e a salvación individual coa dunha sociedade que cren, coma eles, en perigo.

Neste sentido, a adhesión do cenáculo ourensán ás Irmandades non implica ningunha renuncia esencial e tampouco podemos falar con propiedade dunha "conversión". No caso de Risco, unha longa serie de constantes ideolóxicas da súa etapa galeguista están xa nos escritos anteriores a 1918. Cando en xullo dese ano asina o seu primeiro artigo en A Nosa Terra ,pon en conexión o recén adquirido galeguismo coa neosofía de meses atrás; incluso transporta ao órgano político da Irmandade da Coruña as mesmas voces literarias que xa divulgara en La Centuria. Cando no outono de 1920 nace Nós ,as "Primeiras verbas" traen ecos distantes do "Pronaos"; os redactores son basicamente os mesmos e preocupados por temas semellantes. Só que agora, en vez de simples divulgadores de formas culturais alleas queren "ser a representación no mundo da persoalidade galega na súa ansia de s'afirmare como valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fóra da Terra".

IMAXES