A Etapa Contemporánea (S. XX)
O anuncio dos novos tempos: Ramón Cabanillas
Do Rexionalismo ás Irmandades da Fala

O período que media entre 1900 —data da morte de Alfredo Brañas— e 1916 —constitución da Irmandade de Amigos da Fala da Coruña— rexistra un considerábel estancamento do proceso de recuperación lingüística e literaria que chega a pór en cuestión os logros acadados na etapa de Rexurdimento pleno (1863-1890) e é motivo abondo para denominar como Segunda Renacencia a xeira iniciada pola xeración de Risco, Castelao, Otero, etc.

Mítin agrario nun debuxo de Castelao.

A crise aberta no seo do Rexionalismo na última década do XIX, motivada polo escaso eco social do movemento, pola confrontación entre correntes progresistas e tradicionalistas, e en última instancia pola rivalidade persoal entre os principais líderes, Murguía e Brañas, deixa o galeguismo sen a capacidade de influencia ideolóxica e cultural que demostrara na década dos 80. Os galeguistas mozos que se senten atraídos pola acción política como Rodrigo Sanz ou Manuel Lugrís Freire , deben exercela desde plataformas que só con lasitude podemos adscribir ao Rexionalismo , como é o caso de Solidaridad Gallega (1907-1912), amplo caixón de xastre que acobilla os restos da oposición ao rexime da Restauración, tradicionalistas, republicanos ou federalistas. Empeñada en transtornar o sistema caciquil imperante na política galega mediante a loita electoral, Solidaridad Gallega acadou importantes éxitos parciais ao apuntarse só no norte da provincia da Coruña máis de 250 concelleiros nas eleccións de 1909. Pero incapaz de superar este teito para lograr representación nas Cortes do Estado, o movemento solidario entra nunha fase crítica xa por volta de 1910, vítima da indefinición ideolóxica e das tensións entre múltiplas tendencias irreconciliábeis.

O agrarismo é a máis activa entre as forzas sociais deste período, primeiro a través das Sociedades de Labradores y Ganaderos e máis adiante por medio do Directorio de Teis (1907), as Asembleas de Monforte e Ribadavia (1908, 1910, 1911, 1912), alentadas por Solidaridad Gallega ,e entre 1912 e 1915 nucleado arredor da Liga Agraria de Acción Gallega . Sen embargo limitará a súa actuación á loita contra o foro e o caciquismo e a reivindicar a modernización do sector agrario galego. A ambigüidade do movemento ante o problema nacional fica patente tanto no programa como na súa figura carismática: o punto sétimo do programa afirma que "la Liga de Acción Gallega manifiesta su absoluta independencia de toda política que no sea esencial y exclusivamente gallega", o que unido a outras proclamas situarían dentro do campo do galeguismo. Tanto é así que nas confusas datas de 1913, cando non hai nutro horizonte a que asomarse, Basilio Álvarez consegue chamar ao seu campo a mozos que andando os anos han ser impulsores do nacionalismo renovado. Ramón Cabanillas cre achar nel a resposta ás necesidades de G aliza , unha especie de titán redentor:

Acción Gallega culminará con un éxito loco. Ayer se constituyó el Directorio. Habrá rotativa para transformar el semanario en diario. Este incomparable Basilio Alvarez que en un mes lleva pronunciados quince discursos, tres conferencias y no sé cuantos espiches, que aguanta el tormento de veinticinco visitas cada día y otras tantas cada noche, y que ha tenido tiempo para escribir mil cuartillas es un santo, un apóstol, un león rugiente, un capitán, un orador admirable, un escritor excelentísimo, un juez implacable, todo en una pieza, todo completo, todo dentro de una belleza, de una gallardía y de una diafanidad que causa admiración, la admiración ante el milagro.

Pero a propia lingua en que está redactado o programa, a lingua en que Basilio Álvarez se dirixía ao campesiñado en mitins e asembleas, así como a posterior evolución do líder agrario que o leva a rifar cos nacionalistas e a adherirse ao lerrouxismo, é indicio das dificultades do movemento para asimilar o herdo do XIX.

Basilio Álvarez nun retrato dedicado polo propio abade de Leiro a Ramón Cabanillas.

O Rexionalismo acabara por esvaerse convertido nun verniz ornamental feito con tópica de amor á "patria chica", admiración ante as súas belezas naturais, unhas pingas de referencia retórica aos "males seculares" que Galiza padece, certo interese polo seu pasado histórico... e unha completa reserva canto a dereitos políticos ou normalización cultural. Esa é a base do "regionalismo bien entendido", que non teñen inconveniente en profesar mesuro os principais caciques da Restauración, e que por volta de 1918 a 1ª Asemblea das Irmandades celebrada en Lugo denunciará ao reclamarse exclusivamente nacionalista.

Como signos externos desta situación no plano cultural podemos observar a paulatina desparición da prensa en galego, que desde O Tío Marcos da Portela (1876-1889) a A Monteira (1889-1990) vivira unha etapa de certo esplendor e fora unha das canles máis vivas de progresión social do idioma. Na década dos 90 o Rexionalismo aposta con preferencia pola prensa bilingüe e elitista: La Patria Gallega (1891-1892), La Defensa de Galicia (1893), Revista Gallega (1895-1907), etc., centrada en temas de tipo histórico e literario. Na primeira década do novo século, fronte ao auxe que cobra o xornalismo agrario, obreiro e republicano, o galeguismo mostra unha falta clara de iniciativa. Incluso cando bota a andar proxectos como A Nosa Terra (1ª etapa, 1907-1908), órgano do sector rexionalista de Solidaridad Gallega ,a preocupación polos problemas sociais do país non corre parella coa preocupación polo idioma: escrita maioritariamente en español, as voces en galego son ecos do XIX ou intrusos reincidentes como Manuel Lugrís Freire ("Asieumedre"). Aínda en 1915, a meses de se fundaren as Irmandades da Fala, a revista Estudios Gallegos que crea en Madrid Aurelio Ribalta, a pesar do seu interese por analisar as máis distintas esferas da nosa realidade, a pesar de responder ás preocupacións galeguistas dun recoñecido e peculiar amante do idioma... está escrita case exclusivamente en español. Se tomarmos como índice as publicacións en libro, fala de seu o feito de que en 1888 se contabilicen 7 publicacións, 9 en 1891... e só 1 en 1900.

En liñas xerais o galeguismo e por consecuencia a literatura galega quedan limitados ao círculo coruñés que tiña como centro a Murguía e Pondal e que pasou á historia como " Cova Céltica ", designación que por mal nome deu Celso García de la Riega á tertulia que se reunía na libraría de Euxenio Carré Aldao. Murguía, o Patriarca; Pondal, o Bardo; Martínez Salazar, Martelo Paumán, Vaamonde Lores, etc., o que máis e o que menos todos para alén da cincuentena, constituían o resto venerábel pero xa case maniño do naufraxio da Renacencia.

A posta en marcha de institucións de vida efémera como a Escola Rexional de Declamación (1903-1905), obra de Galo Salinas Rodríguez e Manuel Lugrís Freire, ou outras de maior trascendencia histórica pero dubidosa operatividade como a Real Academia Gallega , fundada en 1905, poden dar noción tamén do impás en que culminara o movemento renacentista. O primeiro alento da Academia provén curiosamente dos núcleos de emigrantes cubanos, con Curros Enríquez e José Fontenla Leal á cabeza. Baixo a presidencia de Manuel Murguía, con Euxenio Carré Aldao como secretario e Pérez Ballesteros de tesoureiro, a composición da douta corporación (cf. Barreiro Fernández, 1983), formada en boa medida por espíritos do XIX, é indicativa do escaso pulo renovador con que entrara o Rexionalismo no novo século.

Xa no campo estritamente literario, Ricardo Carballo Calero (1981) sinala o ano 1890, coa publicación de A musa das aldeas de Valentín Lamas Carvajal , como data límite da fase creativa do Rexurdimento. As figuras aínda vivas desta fase, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, entran nun longo silencio só intermitentemente cortado por aparicións en publicacións periódicas ou intervencións en actos públicos: Pondal, empeñado nunha obra tan titánica como imposíbel, Os Eoas ,que deixaría inacabábel; Curros, desalentado polo fracaso e incomprensión que a seu ver seguira á edición de O divino sainete (1888). Sen embargo, o poder fecundador destes dous escritores, xuntamente coa Rosalía de Cantares ,vai deixar unha marca profunda na literatura dos vintecinco anos seguintes. Os dous grupos xeracionais que suceden aos "mestres", os que Carballo Calero (1981) denomina "epígonos" e os que Méndez Ferrín (1985) agrupa baixo o nome de "Xeración Antre dous Séculos", adoptan submisamente o rol de ecos dunha tradición que, aínda breve, actúa xa como un corsé.

O historicismo arqueoloxizante de certa poesía de Pondal terá fieis seguidores na que Méndez Ferrín (1984) chamou "escola formalista", escritores como Alberto García Ferreiro ("Leenda de Groria", 1890), Florencio Vaamonde Lores ( Os Calaicos, 1894), ou Francisco Tettamancy e Gastón ("Boicentril", 1914), que mesturan nos seus versos requintamento lingüístico, clasicismo formal e descritivismo temático adubado de alento épico e bardismo profético. Noutros ámbitos, este movemento historicista irá acompañado polo esforzo narrativo de novelistas como Antonio López Ferreiro ( A tecedeira de Bonaval , 1894; O castelo de Pambre , 1895) ou no teatro de Galo Salinas Rodríguez ( A torre de Peito Burdelo , 1890) e do xa septuaxenario Xan Cuveiro Piñol ( Pedro Madruga , 1897).

Como tivemos ocasión de comprobar en capítulos anteriores, a liña popularista esbozada por Rosalía en Cantares gallegos vulgarizada a través de Lamas e outros poetas menores do Rexurdimento, é a que se converte en paradigma para a escrita en galego. Sería fatigoso enumerar toda a pléiade de autores de segunda fila que acaban por identificar o emprego do idioma coa vinculación temática ao mundo aldeán, visto con pintoresquismo costumista no mellor dos casos, en ocasións tamén con franco espirito de rexouba. Os acentos persoais de autores como Lugrís Freire ou Leiras Pulpeiro —escritor serodio, da xeración de Curros, pero que non publica os seus Cantares Gallegos ata 1911—, ou Francisca Herrera Garrido , que encobre outras carencias a forza de espontaneidade e intimismo, non ahondan para disimular a incapacidade manifesta para ir máis alá das fronteiras estéticas e temáticas alcanzadas trinta anos atrás.

Escritores novos como Antonio Noriega Varela , de maior pulo lírico que os precedentes, Francisco Alvarez de Novoa , autor dos contos recollidos en Pé das Burgas (1899), ou Xerardo Alvarez Limeses, que tardiamente publica Antre dous séculos (1934),nas páxinas dos cales podemos apreciar influencias dos movementos de renovación literaria da época, en especial do modernismo, a cotío préganse a unha tradición que por forza de reiterada converteuse na primeira década do século XX en peso morto.

Nestas circunstancias asombra menos que Vicente Risco, nun artigo de 1911, seis anos antes de entrar a formar parte das Irmandades e decantarse pola escrita en galego, afirmase:

¿Existe actualmente literatura gallega? No es posible contestar afirmativamente. Se dice que es el idioma quien da la vitalidad á esta manifestación del alma de los pueblos; la conservación del idioma nacional es el más poderoso medio de resistencia á las influencias extrañas. Y el gallego ha dejado de servir para la comunicación intelectual y vive solo en las clases más alejadas de la cultura, en el pueblo, donde las energías originales de la raza pervivien, siempre en espera de un revelador que las despierte revistiéndolas del esplendor de su genio. Así es como la estirpe aguarda á los poetas.

E aínda en 1917, ano da sua conversión, atinando máis:

El sr. Marqués de Figueroa es un ilustre prócer gallego que ha impuesto su nombre en la política y en las letras. Su libro Del solar galaico es el último eco de gran renacimiento regional del siglo pasado. Hoy se hace literatura gallega, acaso más gallega que nunca; pero la mejor se hace en castellano. En castellano, porque el gallego ya no es una lengua literaria; sirve solo para la sátira y para el regocijo rabelesiano. Ello es lamentable; pero, ¿es tiempo de remediarlo? Eso se quiere hoy, yendo acaso contra el espíritu de expansión de nuestro pueblo, pueblo de colonizadores, de conquistadores pacíficos... El gallego debe conservarse como una parte de nuestro rico, de nuestro bellísimo folk-lore — contra el que tantos poetas gallegos han tirado tan cruelmente— pero el que quiera ser leido que escriba en castellano.

Para alén de ilustraren a especial evolución do pensamento risquiano — ¿cantas explicacións non tería que dar só un ano máis tarde, ao converterse en abandeirado da "soberanía estética da nazón galega"?—, estas dúas citas reflicten con claridade ata que punto o esf orzo do Rexurdimento acabara despreciado por un sector influínte da intelectualidade galega anterior a 1916. Risco pón como exemplo de escritor galego a imitar, a Valle-Inclán; Manuel Antonio , no manifesto "¡Máis alá!" de 1922, o mesuro no que chama vellos a Lugrís, Vaamonde, Martelo, etc., Pala tamén desta influencia arrasadora do "gran don Ramón de barbas de chivo", sobre un sector importante da mocidade culta do país, os que denomina "pollitos bien", "nenos foulard e de rubí" que abrazando o modernismo abandonaran a escrita en galego. Algúns dos "pollitos bien" —Risco, Otero...— xa regresaran; outros —Wenceslao Fernández Flórez, Julio Camba, Ramón Fernández Mato, Antonio Rey Soto—, non habían regresar, e outros máis aínda estaban por irse.

Ramón Cabanillas.

Nestas circunstancias, tamén asombrará menos que a síntese superadora do 1º Rexurdimento e integradora das novas correntes literarias europeas —cando estas non son xa tan novas, todo hai que dicilo—, non apareza ata 1913; que Ramón Cabanillas se nos presente como unha península rodeada de nada por todas partes e só unida na evolución da nosa literatura aos máis novos da xeración das Irmandades e ao Grupo Nós . Entenderase tamén mellor que Cabanillas sexa un poeta en larva ata a avanzada idade de 37 anos, que teña que ir buscar impulso galeguista entre a emigración cubana e que as primeiras influencias poderosas veñan de personalidades tan á marxe do cultivo literario do idioma como Basilio Alvarez e a súa Liga de Acción Gallega.

IMAXES