A Etapa Contemporánea (S. XX)
A popularización da novela curta: as coleccións Céltiga e Lar
Dos arquivos do trasno

Na prensa viu a luz a maior parte da produción de Rafael Dieste. Como é ben sabido, a súa aportación literaria en lingua galega deu como resultado tres libros que comprenden tres xéneros literarios, a prosa narrativa, o teatro e o ensaio: Dos arquivos do trasno (1926), A fiestra valdeira (1927) e Antre a terra e o ceo ,colección de artigos escritos e publicados entre 1925-1927. A característica en común que comparten é a de tratarse de libros encadrábeis na década dos anos 20, isto é, cando o escritor aínda non cumprira os trinta anos. Esta é a razón pola que Carballo Calero , que situaba a Dieste na chamada xeración novecentista, daba por rematada a aportación deste á literatura galega á altura do ano 1927: "Aínda que o home ha sobreviver até 1981, e con el o escritor en castellano, o escritor en galego ten conclusa a sua obra en 1927", ( Grial , nº 78).

Capa libro  A Fiestra Valdeira . Autor: Rafael Dieste

Pola súa parte, máis recentemente, Xosé R. Freixeiro Mato teno adscrito á xeración do 1925, posto que a súa produción céntrase practicamente na súa totalidade nun período de tempo que vai de 1925-1927, coincidindo nisto con outros autores desa mesma xeración como Manuel Antonio ou Amado Carballo .

Dos arquivos do trasno é unha colección de contos dados a coñecer xeralmente polo autor con anterioridade en publicacións periódicas. Parece ser que o inicio da xénese da obra hai que situalo no ano 1923, en que o autor publica nunha revista titulada Charamuscas o conto "O vello que quería ve-lo tren". Como dato curioso, convén sinalar que a revista se realizaba en terras africanas, e en galego, onde nesa altura participaba como soldado na guerra de Marrocos o propio escritor.

Con posterioridade, durante a súa colaboración co xornal Galicia , comeza a publicar na sección "Domingos literarios de Galicia" colaboracións literarias en forma de contos. A fins de 1925 pasa a traballar no xornal El Pueblo Gallego , continuando coa publicación dalgún conto máis, até que en 1926 se decide a formar con eles un pequeno volume, saíndo do prelo con cargo ao soldo do propio autor. O libro levaba por título o xa coñecido, cun subtítulo "Contos do monte e do mar", que desaparecerá das edicións posteriores. Incluía oito contos, ademais do limiar: "En col da morte de Bieito", "De cómo se condanóu o Ramires", "A lenda da vella Lusca", "A luz en silenzo", "Hestoria dun xoguete", "O vello Moreno", "O vagamundo" e "O vello que quería ve-lo tren". No voceiro nacionalista A Nosa Terra (1/5/1926) dábase conta da súa aparición da seguinte maneira: "(...) Oito contos de hela conceición e depurada forma na maior parte dos cales é a morte a pedra angular a redor de cuios varios aspeitos Rafael Dieste escribíu unhas verbas que o conceitúan como bon literato e artista moderno".

Dieste vai continuar co seu labor de escribir novos coritos, que no mesmo ano 1927 inclúe a modo de apéndice a continuación da obra teatral A fiestra valdeira : "O neno suicida", "Na morte de Estreliña", "Espanto de nenos" e "O grandor do mundo". Outros seis contos máis van ir aparecendo nas páxinas do xornal de Portela Valladares: "Pampín", "Na ponte de ferro", "Nova York é noso", "O caso dos tres fornos", "Once mil novecentos vinteseis" e "O drama do cabalo de axedrez".

Xa na guerra civil, o autor vai publicar o conto "O neno suicida" en Nova Galiza e aparecerá na mesma revista un "Conto portugués" que nunca incluirá na súa obra de contos en galego. Xa estabelecido no exilio bonaerense, vai escribir dous novos contos polos anos 50: "Un conto de reis" e "De cómo veu a Rianxo unha balea", cos que pon fin á súa produción narrativa no noso idioma.

En 1962, ao ano de ter retornado a Galiza, sae do prelo na editorial Galaxia a segunda edición do libro, fixando definitivamente o contido, que fica da seguinte maneira: o limiar e os oitos contos da primeira edición de 1926, os catro incluidos na primeira edición da súa obra teatral, os seis publicados en El Pueblo Gallego e os dous contos escritos en Bos Aires. Aínda así, no 1973 Dieste vai preparar para a mesma editorial unha terceira edición que, conservando os mesmos contos e organización da anterior, supón a versión definitiva da obra.

Así pois, resulta evidente que os contos son resultado de diferentes impulsos criadores e mesmo responden a períodos de tempo tamén distintos. Mais a pesar disto, a primeira característica a destacar dos mesmos é a súa fundamental unidade. No breve "Limiar" de 1926, o escritor rianxeiro expoñía a súa teoría sobre o conto, resumida quizais de xeito magnífico na seguinte metáfora: "O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas volvoretas, todas mergulladas na mesma luz". Para el, o final había ser esa "luz" en que debían confluir todos os elementos do conto. A unidade emotiva é o outro elemento esencial.

Pódese dicir que neste libro de Rafael Dieste conflúen dúas correntes importantes: a tradición popular galega e as modernas innovacións no campo da literatura narrativa. Dieste non só se inspira no pobo para tomar del a técnica empregada, senón que os seus protagonistas son parte dese mesmo pobo tamén, nun afán por destacar os seus valores éticos. Para isto, case sempre parte da realidade e, por abstracción, somete as diferentes situacións e personaxes a un proceso de eliminación das súas condicións materiais de vida para que fiquen claramente arquetipos.

Desa mestura entre tradición e innovación naceu unha obra plenamente galega canto ao seu contido e, ao tempo, universal desde o ponto de vista da criación artística ou da técnica literaria.

Moitos estudiosos da súa obra teñen resaltado neste libro a importancia que xoga o extraordinario ou marabilloso, que o relacionaría con autores como Allan Poe ou Borges, e a presenza tamén do elemento popular galego, o que o achega á obra do propio Castelao. A súa vinculación co realismo máxico sitúa Dos arquivos do trasno , á altura de 1926, como un libro único e incomparábel no contexto das diferentes literaturas peninsulares. O feito de que a importancia dada a esta obra non sobrepasase o límite das letras galegas, foi posto de manifesto pola profesora norteamericana Estelle Irizarry:

Debuxo de Rafael Dieste, realizado por Maside

"(...) Dentro de este panorama Dos arquivos do trasno adquiere una importancia que no ha sido apreciada suficientemente, aunque sí se ha reconocido su contribución a la labor de renovación gallega en las letras regionales. La fantasía Tabuladora en combinación con el realismo arraigado en el agro gallego, no tiene ni paralelo ni parangón en la narrativa producida en España en aquel momento".

Galiza está presente no universo contístico diesteano a través de tipos, tradicións, costumes, ambientes e temática en xeral, cunha supremacía no conxunto daqueles contos referidos á Galiza costeira e mariñeira. Estamos diante dun auténtico mosaico de comportamentos populares: os nenos que aprenden o misterio ("Espanto de nenos"), a dignidade ("Nova York é noso") ou a solidariedade ("De cómo veu a Rianxo unha balea"); os emigrantes que á súa volta descobren a grandeza e marabilla da súa patria ("O grandor do mundo"); a vella que agarda inutilmente a volta do fillo ("A volta"); o indiano que se mantén nas súas conviccións sen ceder ás presións ("De cómo se condanou o Ramires"); vellos que no paso do tren enxergan todo o que a vida lles negou e senten a saudade do descoñecido ("O vello que quería ve-lo tren").

Dos arquivos do trasno supuxo, pois, un fito importante na traxectoria da literatura galega do momento e, en especial, da prosa narrativa. Esta obra de Dieste é un exemplo da nosa prosa máis moderna e universal do momento, e ao tempo máis profundamente galega.

Nese afán de renovación estética que moveu os escritores da xeración do 1925, a nosa narrativa entra con este libro no camiño da vangarda literaria, espazo reservado para a poesía en exclusiva, converténdose nunha obra precursora do máis tarde coñecido co nome de realismo máxico.

IMAXES