A Etapa Contemporánea (S. XX)
Literatura do exilio (II). O activismo cultural na diáspora bonaerense
Ensaio

Eduardo Blanco Amor: Castelao escritor (1950) e outros ensaios menores

Pouco despois da morte de Castelao, o Consello de Galiza encargou tres monografías sobre o rianxeiro: Luís Seoane faría Castelao artista , Suárez Picallo Castelao político e Blanco Amor Castelao escritor . Teoricamente só Seoane cumpriu inmediatamente o encargo; Suárez Picallo comezou o libro, artellou unha introdución e dous ou tres capítulos breves, que segundo conta Neira Vilas falaban do Partido Galeguista, do Castelao deputado e da xénese do Estatuto, pero Picallo estaba intelectualmente cansado, falto de ánimo, e abandonou o proxecto. A primeira noticia que temos do libro de Blanco Amor é por medio de Ricardo Palmás no prólogo á antoloxía Castelao: prosa do exilio ,publicado en 1976 en Montevideo polo Patronato da Cultura Galega e asinado en Buenos Aires en maio do 75. Daba por feito que tanto Seoane como Blanco Amor remataran ambos os estudios sobre Castelao, pero a xente máis informada do tema, como Isaac Díaz Pardo —segundo propia confesión—, non lle daba credibilidade ao dato. Nembargantes, cando a viúva e fillas de Xosé Núñez Búa envían o material do seu pai a Ediciós do Castro para facer unha escolma da súa obra, resulta que tamén lle enviaron o orixinal do Castelao escritor de Blanco Amor asinado en Buenos Aires no nadal de 1950, que Ediciós do Castro publicou por vez primeira en 1986. O curioso do tema, tal como comenta Díaz Pardo, é que nin Núñez Búa nin Blanco Amor, cos cales mantivo unha boa amizade, nunca lle comentaron nada do tal libro esquecido. Seoane ten dito que só el cumpriu o pedido; tal vez algún día tamén haberá que deterse neste misterio.

Autocaricatura de Castelao.

Blanco Amor comeza facendo unha reflexión histórica sobre a prosa galega; a necesidade de crear unha prosa galega lonxe do superlativismo sería responsabilidade do seu tempo e asemade recuperar a conciencia urbana para a narrativa. Sitúa a Castelao na primeira liña desa responsabilidade, contextualizando a obra do rianxeiro no medio europeo e galego, deixándoo a carón do contributo de Risco e Otero. Destaca o exemplo humano, a capacidade de sentir Galiza como unha esencialidade, a integración vida-obra e o seu tenro humorismo. De seguido analiza Un olio de vidro , Cousas , Os dous de sempre , Cincuenta homes por des reás , Retrincos , Os vellos non deben de namorarse , Sempre en Galiza e As cruces de pedra na Galiza . Blanco Amor resalta a humanidade do rianxeiro, que posuía a forza na dozura; beatiza o home con que chegara a rifar; conmóveo especialmente a santidade dos últimos tempos e non dubida en cualificar a súa vida como "honorábel e case sempre dorosa".

No primeiro número da revista Terra , despois dun artigo de Vicente Risco sobre o nacionalismo galego, Blanco Amor escribe un clarificador "Nós" (1923), co que sutilmente se vincula coa revista ourensá do mesmo título. Comenta os cometidos e intencións da nova publicación bonaerense, que tamén serven para ver as novas preocupacións de Blanco Amor. Abandonar o enxebrismo, o sentimentalismo afectado e traballar por Galiza, escapar do proselitismo ou sectarismo, non atacar a ninguén e adoptar unha posición construtiva. En definitiva, proponse reflexionar e informar das cuestións ou dúbidas que teñan os galegos emigrantes sobre o movemento nacionalista.

O 25-12-1932 Galicia (Federación) publica a intervención de Blanco Amor na homenaxe a Pardo de Cela celebrada o 17 dese mes. O acto fora organizado pola Federación e o Coro Lembranzas de Ultreya; nel tamén foron oradores Emilio Pita e mais Pedro Campos Couceiro. Blanco Amor —artífice desta celebración aprobada no IV Congreso da Federación—, logo de facer unha acesa defensa do idioma, reivindica por encima da anécdota concreta, do nivel persoal, a "utilidade histórica do Mariscal" para Galiza. O suceso explica a vontade de continuidade, porque o pobo que perda ese sentido da continuidade sería como perder "o seu instinto xenésico". Executado Pardo de Cela e coñecida a nova opresión tributaria, a violencia do nacente Estado, co poder en mans de homes que non falan nin pensan coma nós, o pobo e o galeguismo, esquecendo rivalidades e privilexios, mitificou a memoria do Mariscal. O episodio, aínda que espiñento, debe ser valorado na contradición de intereses e mentalidade do seu momento, o que fai del "un anticastelán obxectivo", en expresión de Francisco Rodríguez. Outra cousa son as razóns dos enfrontamentos e a posterior mitificación malgré lui.

Ramón Suárez Picallo na revista Céltiga (nº 85/86, 25-7-1928) amosaba a súa paixón política. Defínese socialista, antidogmático, denuncia a incompresión do socialismo español para o feito galego, declara a variedade ideolóxica dos galeguistas e a necesidade do interclasismo social; porén, por riba de todo está conseguir un "pobo ceibe". O 13-2-1938 en Galicia (Federación) escribe sobre "As posibilidades do noso Estatuto despois da Guerra". Examina o pasado inmediato, a esperanza do Estatuto desde as Irmandades da Fala, destacando os puntos rasáis importantes desta lei capital que deberán ser utilizados para o desenvolvemento económico, cultural e político da Galiza no futuro.

Emilio Pita nunha "figuración" de Seoane.

Emilio Pita demandou claridade para que a Federación asumise o galego como idioma oficial; coñecía o perigo do noso idioma, pois sabía o que lle acontecera a outros idiomas que, ben morreron coma o polaco ou prusiano, ben esmorecen sen seren donos dos seus medios coma o bretón. Concibe o idioma como símbolo da nosa personalidade; para recuperarmos a dignidade, a liberdade, pide a galeguización do ensino, sumándose tamén á idea dunha Escola Nacional Galega. Sabe da inxente responsabilidade dos galeguistas do momento e insiste en que "Primeiro Galiza" ( A Fouce, nº 21, 15-10-1930). En Galicia (Federación) publica "Verbas á mocedade galega" (1-10-1933); con verba áxil, intelixente, chama os xoves para camiñaren a Terra e cun novo senso revolucionario espertaren a xente para que loite. Abandonaren sentimentalismos, pasaren á acción e conseguiren o poder de Galiza para os galegos.

IMAXES