A Etapa Contemporánea (S. XX)
A recuperación da narrativa en galego: Álvaro Cunqueiro
Escola de menciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes: a triloxía de relatos curtos

A publicación, en 1960, de Escola de menciñeiros ,significou unha certa novidade na obra galega de Álvaro Cunqueiro. Dun lado, supoñía a súa dedicación ao relato curto, elaborando un xénero híbrido que incorporaba elementos da descrición ou da semblanza. Mais este libro supoñía tamén o tratamento dunha realidade especificamente galega, así como a escolla dun lector ideal galego.

Fotografía de Cunqueiro na compaña de Fernández del Riego.

Esta fórmula narrativa tivo a súa continuidade en dúas entregas posteriores, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes . Cómpre indicarmos que o autor manifestou en diferentes momentos a unidade con que concibira estes volumes. Proba disto son unhas coñecidas declaracións súas a César-Carlos Moram Fraga, publicadas postumamente:

Eu penso que por exemplo, cando escribía Escala de menciñeiros , Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes ,que eu estaba escribindo un único libro, cunha grande unidade.

Tal declaración vese corroborada non só pola estrutura xeral das obras e o sistema de interreferencias que comparten, senón tamén polo aparato paratextual das mesmas, isto é, polas comentadas declaracións do autor, os propios títulos das obras, as súas notas introdutorias, etc.

Por estes motivos, consideramos que estes libros deben ser estudiados, no seu conxunto, como un proxecto narrativo no que Cunqueiro intentou dar unha imaxe do home galego, dirixido, como dixemos, a un lector tamén galego. Neste sentido, contamos con algunhas declaracións do autor de extraordinario valor para corroborarmos o que acabamos de dicir. A seguir, reproducimos dous fragmentos dunha entrevista concedida a Antón Risco e Ignacio Soldevila no ano 1978, que nos parecen sumamente esclarecedores:

Pois ben, por exemplo, nestes libros a mim o que me preocupaba era o home galego (...), un tipo moi particular, credor, máxico, e, ó mesmo tempo, escéptico, racionalista, etc. Eu aquí [nos libros de narrativa longa] non me dirixo xa ó lector especificamente galego. Naqueles outros libros galegos [refírese aos da triloxía], realmente quería dirixirme ó galego e dun xeito explícito díxeno en Xente de aquí e de acolá ,   na carta prólogo a Domingo García-Sabell.

Dos tres libros, concibidos como unha colección de historias baseadas na descrición ou caracterización de personaxes, tan só o primeiro deles presenta unha estructuración clara das unidades que integra.

Escola de menciñeiros e fábula de varia xente , estructúrase en tres partes ben diferenciadas: "Escola de menciñeiros", "Novidades do mundo e fauna máxica" e "Fábula da varia xente".

ESCOLA DE MENCIÑEIROS

+ humano

- marabilloso

[personaxes: menciñeiros]

NOVIDADES DO MUNDO E FAUNA MÁXICA

- humano

+ marabilloso

[bestiario galego]

FÁBULA DE VARIA XENTE

+ humano

- marabilloso

[personaxes: varia xente]

"Escola de menciñeiros" é un conxunto de dez descricións de personaxes que, como o propio nome indica, teñen en común o feito de seren menciñeiros. Na mesma liña está a terceira parte do libro, "Fábula de varia xente", onde a fórmula da descrición se aplica a un grupo máis heteroxéneo. Polo que respecta ás "Novidades do mundo e fauna máxica", cómpre sinalar que este conxunto de textos conforma un microcorpus particular no conxunto da obra de Cunqueiro, no que o autor se enfronta á tarefa de elaborar un bestiario galego. Nel non só inclúe animais da fauna propia, recuperando unha boa parte das súas connotacións na literatura popular (o lobo, o golpe, a galiña, o cuco), senón tamén algúns demos e outros animais da súa propia invención. Cunqueiro achégase neste texto á zooloxía fantástica, sen esquecer o contexto da cultura galega que é común a estes tres libros.

Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes presentan unha estrutura heteroxénea, ao tratarse en ambos os casos dun conxunto de narracións. Teñen, ademais, un carácter máis aberto.

O proxecto narrativo que Cunqueiro materializou nestas tres obras ten, como obxectivo fundamental, o retrato do home galego en toda a súa profundidade. Tal propósito foi exposto polo escritor nas notas introdutorias a estas obras. O carácter unitario destes libros non só se aprecia no emprego dunhas estratexias comúns, senón tamén nunha serie de interreferencias en distintos relatos destas tres entregas.

 

O elemento que máis claramente caracteriza estas obras con respecto á restante narrativa cunqueiriana é a presencia dunhas coordenadas espacio-temporais próximas ao lector ideal. A heteroxeneidade e o anacronismo, trazos fundamentais nas obras que estudiamos anteriormente, teñen aquí unha importancia menor. Outro tanto temos que dicir a respecto dos mundos exóticos e librescos. As coordenadas espaciais nas que transcorren as historias pertencen en todos os casos ao ámbito de coñecemento dese lector ideal ao que o autor dirixe fundamentalmente a súa narración. No caso de pertenceren as referencias a realidades afastadas, estas aparecen perfectamente inseridas no seu mundo, a través de elementos como a emigración ou o servicio militar.

Pola súa banda, os espacios propios son descritos cunha enorme precisión e detalle, acadando a toponimia —e sobre todo a toponimia menor— unha importancia notábel.

Dentro dos espacios pertencentes aos ámbitos que lle son familiares ao lector, podemos falar duns microespacios que adquiren unha relevancia especial nestas obras. Referímonos a aqueles lugares de reunión que favorecen as relacións humanas e a comunicación, como a feira, a taberna, e, en menor medida a barbería. Son ambientes privilexiados para a narración de historias, e a súa importancia na cultura popular galega é innegábel. A recorrencia a estes espacios na narrativa cunqueiriana ten moito que ver coa presencia da literatura popular de tradición oral na súa obra.

Polo que respecta ás coordenadas temporais, as accións narradas transcorren en xeral nun pasado recente. Con todo, de maneira semellante ao que ocorre noutras dimensións da obra, as referencias temporais, máis ou menos concretas, que aparecen nestas obras son case sempre recoñecíbeis para o lector.

Os personaxes destes libros pertencen, na súa maioría, á colectividade galega. Son dunha extraordinaria variedade, e representan diferentes facetas da nosa realidade antropolóxica. Raramente teñen unha orixe libresca e, no caso de se tratar de personaxes fantásticos, teñen a súa orixe tanto no folclore como na mitoloxía popular. Tal é o caso dos mouros, os trasnos ou os ananos.

Cunqueiro centrou estas obras nunha temática especificamente galega. O seu obxectivo, tantas veces reiterado, foi o de deixar constancia da verdadeira personalidade do ser galego.