A Etapa Contemporánea (S. XX)
Poetas entre a tradición e a modernidade. Luís Amado Carballo e a súa escola poética
Escola poética de Luís Amado Carballo: autores con obra concluída ou pechada

Teodoro Morgade Varela nacen en Baio de Bergantirios o 2 de xurio de 1915. Cursou o bacharelato na Coruña e fixo estudos de Farmacia —que non rematou— na Universidade de Santiago de Compostela. Morreu afogado na Coruña o 21 de xullo de 1935.

Autorretrato de Teodoro Morgade Varela.

Foi poeta e pintor. Os seus amigos publicaron un brevísimo libro da súa autoría, en edición numerada de 100 exemprares, co título de Cartafol, no ano 1963, no obradoiro do xornal herculino El Ideal Gallego . Algúns dos seus poemas están escritos en prosa. Sería interesante recompilar a súa obra completa —se é que hai máis— e facer dela unha edición crítica.

Os poemas coñecidos de Teodoro Morgade están dentro das coordenadas de Amado Carballo, aínda que algún Beles mostra as pegadas do xeito poético de Manuel Antonio. Malia todo, os seus poemas publicados non teñen unha forma tradicional como a do poeta pontevedrés. De todos os xeitos as súas imaxes son de clara xinea amadocarballista:

No herbal

azur

do ceo

anda a pacer

o boi

marelo.

Ou aínda este exemplo máis claro:

I o carro do pensamento
de amorosas espigas
cargado vai cantando polos vieiros
mentras o cabazo da noite
pecha a súa porta negra
pra gardar as riquezas do día.

Xosé María Brea Segade naceu en Iñobre-Taragoña (Rianxo) no ano 1904 e faleceu no mesmo lugar en 1934. En vida só publicou un poema titulado "Rianxo". A obra deste poeta foi dada a coñecer por Faustino Rey Romero nos anos da posguerra, da que se ocupou tamén Carballo Calero. No ano 1984 o concello de Rianxo publicou, nun tomo, toda a súa obra, baixo o título de Poesía e prosa ,ao coidado e cunha introdución de Cariase García, ademais dun breve prólogo de Faustino Rey Romero.

Xosé María Brea Segade.

Brea Segade, aos dezaseis anos, sentou praza de soldado en Santiago de Compostela, onde permaneceu pouco tempo, sendo destinado a Marrocos; alí tomou parte na guerra colonial e interveu en varias batallas. En Marrocos coincidiu con Rafael Dieste, tamén mobilizado e con outro compañeiro de servicio e, entre os tres, fixeron unha revista manuscrita: Charamuscas . Na súa época compostelá comezara os estudos de Maxisterio. Aborrecido da vida militar, deixou o exército, voltou á súa terra e exerceu de mestre na escola do Pósito de Pescadores de Rianxo en Campo de Pasos. A doenza que rematou coa súa vida durou nove anos. Pouco antes de morrer queimou a maior parte dos seus orixinais. Os poemas que se salvaron pertencían aos libros inéditos: Poemiñas , Aromes de beiramar , Responsos líricos no día e na noite e Caraveleira das horas sentidas: libro da cantiga descoñecida.

Os poemas da primeira época teñen claros influxos de Rosalía, da poesía do século XIX e do modernismo. A súa obra foi evoluíndo e inscríbese dentro das escolas de Manuel Antonio e Amado Carballo. Carballo Calero opinou que Brea Segade foi o discípulo máis fiel e exacto de Amado Carballo. Ollemos unha breve mostra do seu labor poético:

Arrecende o chan mollado.
Na randeeira do vento
andan as ponlas dos pinos
dándolle adioses ó ceo.
Xoga o sol a lavisquiña
co parrume dun nubeiro.

Euxenio Montes Domínguez naceu en Vigo no ano 1897 e faleceu en Madrid no 1982. Na súa infancia e mocidade viviu en Bande, Ourense, e Vigo, sendo redactor de El Pueblo Gallego . Estudou Filosofía e Letras, dirixíndolle Ortega y Gasset a súa tese de doutoramento. No ano 1926 gañou a cátedra de Filosofía do Instituto de Cádiz e ampliou estudos na Sorbona. Na súa época de Madrid tomou contacto coas vangardas e con moitas e importantes figuras da intelectualidade española relacionadas coa famosa Residencia de Estudantes. Foi correspondente no estranxeiro de importantes xornais madrileños. Colaborou nas máis coñecidas revistas españolas da época. Destacou dentro do grupo de intelectuais falanxistas fieis ao franquismo. Ocupou un posto de numerario na Real Academia Española de la Lengua. Foi director do Instituto de España en Lisboa e máis tarde en Roma. É autor de varios ensaios e de multitude de artigos xornalísticos, algúns recollidos en libro. A súa obra poética en castelán —inscrita nas vangardas— anda espallada por diferentes publicacións.

Euxenio Montes Domínguez.

A obra galega de Montes, ademais da publicada na prensa e non recollida en volume, redúcese a Tres contos de cegos (1922), o ensaio Estética da muiñeira , publicado na revista Nós nos anos 1922-1923 e Versos a tres cás o neto (1930), ademais dos Vinte poemas galegos de Euxenio Montes non recompilados , de Antón Capelán Rei, dados á luz polo Boletín Galego de Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, no seu número 10, no ano 1993.

Montes, dende a sublevación franquista e aínda antes, abandonou completamente o cultivo do idioma galego. Antes da guerra era un escritor con grande prestixio, tanto polas súas prosas como pola súa obra poética, dentro dos moldes do amadocarballismo, da escola de Manuel Antonio e mesmo do ultraísmo e do surrealismo, como ocorre co seu poema "Vida e morte de Albina" que escandalizou algúns críticos da época como o eruditísimo Antonio Couceiro Freijomil, que no seu coñecido libro El idioma gallego (1935), xulgando a Montes escribiu:

Anunciounos Alborada ,que non saiu á luz, e non hai moito dixo que preparaba Sonos de unha moa careada, colección de versos, detrás de tal título non é doado comprender cómo poderá atoparse nada que transcenda a poesía. Pero, en fin, así son os tempos.

Unha das composicións destinadas a este libro, titulada "Vida e morte", comenza deste xeito:

Albina tivo, de nena, as vexigas
e tivo unha aguillada pra levar o gando
e tivo moito medo un serán en que os bois, ó beber no regueiro,
deixaron alí esquencído-los ollos.
Albina tivo, de moza, o cabelo tan louro
que as pitas ó vela, xa puñan os ovos fridos...

E así longamente. Consignábase ao pé destes versos ( El Pueblo Gallego ,de Vigo, 25 de Xullo de 1929) que Sonos de unha moa careada ía aparecer axiña en tradución francesa. Non faltará quen cavile que mellor é que saia en francés que en galego".

Uns versos moi celebrados de Montes, na época en que se publicaron —1930—, son os pertencentes ao poema "San Martiño" e din así:

O crego ten dez sobriños
e o orballo aínda vai á misa.
E ten a lúa por ama
e por afillada á estrela.
Paco Luís. Bota un verso
que eí vén Noriega Varela.

No poema noméase a Francisco Luís Bernárdez, arxentino, fillo de galegos, por aqueles anos redactor-xefe de El Pueblo Gallego e que, de retorno ao seu país, acadou grande sona como poeta. Francisco Luís Bernárdez —coñecido familiarmente como Paco Luís— fixera algunha viaxe —e mesmo hai testemuña gráfica— ao pazo de San João de Gatão, en Amarante, Portugal, na compaña de Noriega Varela, convidados polo grande poeta portugués Teixeira de Pascoais.

Á poesía galega de Montes, con elementos ultraístas, amadocarballistas, creacionistas, manuelantonianos, surrealistas, quizais lles falte, en ocasións, musicalidade.

Evaristo Correa-Calderón naceu en Neira de Rei (Lugo) no ano 1899 e faleceu en Pobra de Trives no 1986. Estudou o bacharelato no Instituto de Lugo e licenciouse en Historia na Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1924 promoveu e dirixiu en Lugo a revista Ronsel , de tanta importancia no seu tempo para a renovación da nosa literatura. Foi redactor-xefe de El Pueblo Gallego ,de Vigo, exerceu máis tarde de lector de español na Universidade francesa de Tolouse, onde codirixiu a revista Transit e tomou parte no manifesto surrealista francés, sen tradución ningunha na súa obra. Opositou á cátedra de Literatura Española exercendo nos Institutos de Lugo, Las Palmas de Gran Canaria, Salamanca e Madrid.

Evaristo Correa Calderón.

En galego publicou os contos titulados Luar (1923), tres relatos que el mesmo traduciu ao castelán, a noveliña Conceición singela do celo (1925) e o conto infantil Margarida a da sorrisa de aurora (1927), ademais de colaboracións espalladas na revista Nós e nalgúns xornais.

Como poeta deu á luz o caderniño Ontes (1924). Algunhas das súas prosas e os versos escribiunos con grafía portuguesa. A súa poesía non ten peso específico dentro da súa produción literaria. Está entre o modernismo e a modernidade, cunha grande carga sentimental:

Eu quijer ser minha mae,
como aquel pino lanzal.
Acochar na minha alma
todal-as rulas do val.

Ou:

Pújenme a pensar en tí
baijo a cerdeira frolida.
O ar desfolhaba froles
n-uma fonte entristecida.

Dende os anos trinta, que saibamos, Evaristo Correa-Calderón non volveu a utilizar o idioma galego como meio de expresión literaria.

Roberto Blanco Torres naceu en Cuntis no ano 1891 e morreu asasinado en Entrimo (Ourense), no ano 1936, vítima do terror franquista. Fixo estudos eclesiásticos e, ao abandonalos, emigrou a Cuba. De volta a Galiza adicouse ao xornalismo e dirixiu La Zarpa ,de Ourense, ademais das súas colaboracións en distintos xornais e revistas. Acadou sona de grande polemista. Os seus artigos eran de clara vocación galeguista e progresista. Chegou a ser gobernador civil de Palencia.

Roberto Blanco Torres

Blanco Torres publicou un só libro de versos, na editorial Nós ,no ano 1929, Orballo da media noite ,ateigado de paixón intelectual, con composicións pouco musicais, vagamente abertas ás vangardas. Algúns dos seus temas poéticos resultaron novidosos na poesía galega do seu tempo, como, por exemplo, este poema titulado "Os tempos":

1

Automobles. Pantorrillas.
Cine. Boxeo. Jaz-band.
Dictaduras. Charlestón.

2

Nivelación de valores
nun plebeísmo exultado.

3

A tolvaneira patopsíquica
mesura todo igual
querendo borrar os límites,
confundir as xerarquías.

4

Rinconete arriba,
picaresca abaixo.
Hedonismo de gañáns
en merenda de negros
con chaquet.

5

Analfabetismo arrogante.

Xulio Sigüenza Raimúndez naceu na Coruña no ano 1900 e faleceu en Vigo no ano 1965. Dende moi xove andou pola emigración americana: Cuba, Arxentina, Uruguai, onde tratou a grande poeta de orixe galega Juana de Ibarborou, que lle prologou o seu primeiro e único libro de versos escritos en idioma galego: Cantigas e verbas ao ar (1928). Despois da guerra civil este poemario, con algunhas variacións, tivo unha segunda edición no ano 1957 co título de Verbas ao ar.

Xulio Sigüenza por Álvaro Cebreiro.

Xulio Sigüenza, de volta a Galiza, adicouse ao xornalismo profesional primeiramente como redactor-xefe de El Pueblo Gallego e logo como redactor de Faro de Vigo . É autor de varios libros de poemas en castelán, arredor de media ducia, entre os que se atopa Poemas del Imperio ,de exaltación do réxime franquista. Así mesmo publicou un libro de ensaios e unha novela, tamén en castelán.

A poesía en galego de Xulio Sigüenza segue moi de perto a de Amado Carballo. Resulta significativo que Cantigas e verbas ao ar ,na súa primeira edición, estexa adicado á lembranza de Amado Carballo. Nalgunhas composicións deste libro hai uns claros ecos modernistas máis, en xeral, os poemas do volume non se explican sen a poesía de Amado Carballo. Na época chamaron poderosamente a atención os breves poemas adicados aos diferentes deportes, sendo moi coñecido o titulado "Tennis":

Os pinos abriron hoxe
raquetas de seda verde.
Xogan ao tennis
e perde
estrelas o que máis perde.

Como xa sinalara Juana de Ibarborou:

"Para Sigüenza, imaxineiro latino, o vento de inverno é un pegureiro; a noite é unha noiva enfeitizada de branco; as estrelas, nenas que van á escola levadas pola lúa, anémica institutriz meio parva..."

Nunha palabra: amadocarballismo.

Manuel Luís Acuña Sarmiento naceu en Sobrado-Pobra de Trives no ano 1900 e faleceu en Ourense en 1975. De familia de mestres, el mesmo foi tamén mestre. Exerceu a súa profesión en distintos lugares de Galiza e fóra dela, percorreu case toda España e residiu un tempo en Marrocos. Ligado ao nacionalismo galego, foi "depurado" polo franquismo, adicándose, ata a súa rehabilitación, ao ensino privado en Ourense.

Manuel Luís Acuña Sarmiento.

Manuel Luís Acuña colaborou na prensa: Heraldo de Galicia , Nós , La Región , Faro de Vigo , Galicia e el mesmo dirixiu na Coruña o xornal galeguista El momento ,de curta duración.

No ano 1933 publicou o seu poemario Fírgoas ,reeditado en 1979 e, máis recentemente, en 1992, cun importante estudo de Carlos L. Bernárdez e Ramón Nicolás. Tense dito que Fírgoas pasou, cando se publicou por primeira vez, dabondo desapercibido —malia ter críticas moi favorábeis— debido á súa coincidencia coa saída de Nao senlleira ,de Fermín BouzaBrey , Corazón ao vento ,de Aquilino Iglesia Alvariño e Poemas do sí e do non ,de Álvaro Cunqueiro .

Dos poetas que se poden considerar da escola de Amado Carballo, Manuel Luís Acuña é o de maior personalidade e o que máis camiños poéticos percorreu e con mellor fortuna. Por unha banda a súa poesía seguiu unha liña poética iniciada por Manuel Antonio e por outra cultivou o soneto con grande acerto, conservando a súa ríxida estrutura e dándolle un aire de renovación conceptual e de linguaxe, ademais do uso da imaxe dentro das liñas poéticas marcadas por Amado Carballo.

O mesmo Manuel Luís Acuña, na "Poética" que escribiu para a famosa Escolma de poesía galega. Os contemporáneos ,de Francisco Fernández del Riego , publicada pola editorial Galaxia no ano 1955, ten dito:

"No tocante ó galego Manuel Antonio e Amado Carballo entendo que foron os que sinalaron e abriron camiños amplos á nosa moderna poesía. Porque eran grandes poetas, e galegos de corpo enteiro: no pensar, no sentir e no falar".

E engade:

"A carón de aquela arela de rexurdimento que iles espertaron, desembrullouse un fato de rapaces novos, que si ben camiñando polos mesmos vieiros, adiantaron a obra, buscando na forma a craridade e a xusteza; no fondo, a seriedade; na temática, os asuntos máis alonxados da churimicada crásica, asuntos humáns, universais...".

En Manuel Luís Acuña destaca o seu grande dominio formal, a riqueza e o coidado do idioma. Os seguintes versos do seu poema "Romance da miniña do cego" son un exemplo da utilización da imaxe poética por Manuel Luís Acuña:

Olas de panos feirantes
no mar riseiro da praza.
A dorna gris do pandeiro,
por vela, a voz da rapaza.
Encaixes de Camariñas
nos puntos da pandeirada.
Os dedos —boliños de ouro
tecen rosas de pregaria.

Xoán Vidal Martínez naceu no Pino, Pontevedra, no ano 1904 e faleceu no 1994. Estudou Maxisterio, profesión que exerceu en varios lugares.

O poeta Xoán Vidal Martínez nunha fotografía coa súa dona, recén casados.

Xuntamente con Luís Amado Carballo fundou a revista pontevedresa Alborada e máis tarde, en 1932, a revista Cristal ,da que tamén foi fundador xuntamente con Xosé María Álvarez Blázquez. Íntimo amigo de Luís Amado Carballo, foi, en certo sentido, o seu testamentario literario. Vidal Martínez ordenou e fixo as xestións pertinentes para a publicación de O Galo ,o libro póstumo de Amado Carballo, do que forneceu interesantes dados.

Vidal Martínez, en galego, só publicou un libro: Mágoas (1922) con prólogo de Amado Carballo. Logo deu á luz en castelán Alcor e, despois da guerra civil, Los senderos inútiles en 1956 e, finalmente, no ano 1986,  Voz y memoria , antoloxía moi heteroxénea, con poemas propios e alleos, traducidos de distintos poetas galegos para o castelán e un interesante traballo en prosa, Perfil de Amado Carballo.

Aínda que Augusto Casas, en agosto do ano 1930, tratou ben o libro escrito en galego por Xoán Vidal, nembargantes a revista Nós —tan comprensiva con todo canto se escribía no noso idioma—, no seu número 11 sinala:

"Hai eiquí, en realidade, poemiñas de pouco valor, como o titulado "Non podo deixa-la Patria". Hai outros, coma a que principia o libro, seguindo a tradición lírica enxebre, que están ben. Hai versos d'amor e versos ó xeito do pobo...".

No Diccionario da Literatura Galega ,de Galaxia (1995), dise:

"O seu único poemario en galego Mágoas, aparece a xeito de gonzo entre as dúas primeiras etapas e inclúe un prólogo de Amado Carballo. Nel atopamos poemas escritos ó vello estilo, semellante ó que cultivaban os poetas máis achegados á Xeración Nós, xunto con outros nos que aparecen xa pegadas hilozoístas, froito do seu forte contacto con Amado Carballo".

Escribiu algún outro texto en galego publicado na prensa periódica, como o titulado "A serán", un retallo en prosa publicado no número extraordinario de Alborada.

Vidal Martínez quizais sexa o primeiro poeta, no tempo, influído polo amadocarballismo. Esta influencia é máis evidente na súa obra escrita en castelán que no seu breve libro de poemas escrito en galego. Entendemos que, neste poemiria, "Crecente", as pegadas de Amado Carballo están claras:

A noite lávase as mans;
do outo ceo, os anxeliños
bótanlle auga de luar.

IMAXES